Historia


Convento de Bonaval


O Convento de Bonaval

O convento de San Domingos de Bonaval é unha fundación do século XIII que a lenda atribúe ó propio San Domingos na peregrinación que fixo a Santiago en 1219. Sexa como fose, a primeira edificación do complexo monacal efectúase entre 1220 e 1230, contando con igrexa e convento. Os datos documentais apuntan a unha edificación de planta cadrada na beira sur da actual igrexa, cun claustro no seu centro. Durante o século XIV as dependencias conventuais trasládanse ó lado norte da igrexa, levantando outro claustro, baixo o mecenado de frei Rodrigo González de León, arcebispo de Compostela entre 1286 e 1304. As obras non conclúen ata ben avanzado ese século, e será no seguinte, arredor de 1419, cando Constanza de Moscoso funda padroado na igrexa, pagando a reforma da cabeceira (tal coma hoxe a coñecemos) e arranxando o enterramento dos seus parentes. As familias que costean capelas en Bonaval son moitas e de gran renome na Galicia deste momento: os Cao de Cordido, que financian as capelas do claustro norte, os Osorio Villalobos, Dona Inés de Castro, etcétera. A principios do século XVI o padroado de Moscoso reverte no I Conde de Altamira. Este século vai ser un momento de enorme recesión para o convento, a pesares de que se establece a Inquisición en Santiago e as rendas van dar á comunidade, e tamén do gran número de doazóns que perciben os frades a causa dos padroados instituídos na igrexa e no claustro. É o momento en que a Confraría do Rosario, establecida na igrexa do convento, ascende en poder con gran desgusto dos domingos, posto que existen moitos roces legais entre eles.

O convento ten que agardar ata o século XVII para ver como renace o seu esplendor constructivo, xa que non económico. A principios de século Gaspar de Arce levanta a Capela de San Xacinto coa súa decorada cúpula; pouco despois Leonel de Avalle e González Araujo reedifican a Capela do Rosario e o primeiro modifica o claustro norte. Na parte sur do convento levántase o anexo que hoxe vemos, destinado a se-lo “Estudio General” para a formación académica dos frades. Son pequenas reformas que se verán complementadas na seguinte centuria.

En 1690 o convento estaba moi necesitado de reformas, e o arcebispo frei Antonio de Monroy e Ýjar encárgalle a Domingo de Andrade, á sazón mestre de obras da catedral, que acometa as reformas. Destas datas son as partes do convento que subsisten (a parte da igrexa). Andrade constrúe un novo claustro desmontando o de Avalle porque “non se sostiña”, levanta toda a parte norte do edificio, incluíndo a portería coa súa fachada e a fachada da igrexa co seu cuarto superior, e a obra que fai deste lugar un sitio especial: a triple escaleira helicoidal que comunica as diferentes dependencias interiores, exemplo de audacia barroca deste gran arquitecto galego. Estas obras están rematadas en 1715 con toda seguridade. Entrementres frei Gabriel de Casas levantara a actual Capela do Rosario, eliminando o primitivo claustro sur, aproximadamente en 1703. O resto do século queda eclipsado pola importancia desta reforma e pola decadencia económica que sufriu a comunidade, decadencia continuada no século XIX e agravada pola adaptación do edificio para cuartel e hospital durante a Guerra da Independencia, ou a posterior exclaustración e desamortización eclesiástica que orixinou a ruína do edificio. Só é digno de mención o establecemento do Panteón de Galegos Ilustres en 1891.

O século XX augurou un porvir máis alentador coa declaración de Monumento Histórico Nacional en 1912. O convento, propiedade do Concello de Santiago, empeza a acondicionarse para o seu uso práctico: primeiro foi hospicio, logo "Escuela de Arte y Oficios Artísticos" e "Escuela del Trabajo". Máis tarde convértese en Museo Municipal e, en 1977, é cedido ó Patronato do Museo do Pobo Galego, que emprende a súa rehabilitación para acolle-las dependencias do novo Museo.

A igrexa

A igrexa de Bonaval é a parte máis antiga do conxunto. Empezouse a edificar inmediatamente despois da fundación da comunidade, arredor de 1220. A esta data pertencen poucos vestixios do edificio que hoxe conservamos, coma poden se-lo campanario antigo, embebido nos muros, as columnas da nave e os seus capiteis, os cimentos e algunha sepultura, aínda que se cre que parte dos muros das naves, coas súas cruces de consagración, poden pertencer tamén a este período. Este primeiro edificio tivo que marca-la planta actual da igrexa: un templo de tres naves con cruceiro e cabeceira dividida en capelas. Desde o primeiro momento a igrexa dominica utilizouse para enterramento de persoas importantes, que pagaban un mantemento anual das súas sepulturas; os frades, pola contra, sepultábanse no desaparecido claustro da Quintana, situado na beira sur do templo. Esta característica funeraria resposta á crenza xeral de que os corpos que se enterrasen en sagrado estarían máis preto de Deus no Xuízo Final.

Contaba o edificio con varias capelas, nos extremos do cruceiro, ó longo dos muros, e incluso a xeito de altariños nos piares da nave; a dedicación destas capelas variaba moito co transcorrer do tempo e sufrían modificacións importantes porque cambiaban de mecenas con relativa frecuencia e cada un quería mellora-la capela correspondente ó seu xeito. Por todo isto e de acordo coa documentación, sabemos que a fins do século XIV e principios do XV se efectúa unha reforma da cabeceira, que non se remata case ata o século XVI, ou que se renova o pavimento por completo arredor de 1670, por exemplo. Pero tamén se realizan obras que modifican moito a planta orixinal, coma a construcción de novas capelas, sobre todo no século XVII, cando se edifican as de San Domingos en Suriano, San Pedro Mártir, San Xacinto e a actual Capela do Rosario; a este século pertence tamén o campanario actual.

No século XVIII a obra máis importante que se realiza e a substitución do artesoado de madeira polas bóvedas de pedra que cerran as naves. O arcebispo Monroy é o mecenas máis coñecido deste século, que paga case que tódalas reformas que se ven hoxe, coma a construcción do pórtico actual, a unión das dúas ás do convento mediante o cuarto superior do pórtico, a reforma do coro e moitas máis obras en todo o conxunto.

No século XIX, trala exclaustración dos frades en 1835, a igrexa queda exposta ó furtivismo, desaparecendo moitas pezas. O cardeal Payá tentou unha obra de restauración abortada polo seu traslado á sé de Toledo. A fins de século establécese o Panteón de Galegos Ilustres, que non freou o deterioro da igrexa. Xa no noso tempo non se considerou a restauración ata os anos 30, cando empeza unha obra de consolidación e reforma rematada no ano 1936.

Hoxe, a igrexa de Bonaval amósase modificada en moitos aspectos. Por exemplo, o seu pavimento non garda relación coa distribución orixinal dos enterramentos que contiña, e as lápidas agrúpanse diante da Capela da Epístola ou en fragmentos baixo o coro, con poucos datos que nos permitan asegura-la súa posición primitiva. Tamén desapareceron lápidas de gran importancia na súa historia, coma as de varios Condes de Altamira, a da Condesa de Maceda, a do cardeal e arcebispo Rodrigo González de León, etcétera. Do púlpito só se conserva a escaleira in situ, e moitos fragmentos diseminados. Dos retablos só subsisten o de San Vicente Ferrer e o de San Domingos en Suriano, cando sabemos que tivo outros moi loados polos cronistas.

As partes da igrexa

A cabeceira de Bonaval é unha obra de fins do século XIV e do século XV. Divídese en tres capelas, segundo se ve de fronte: a do Evanxeo ou esquerda, a Maior ou central e a da Epístola ou dereita.

Capela do Evanxeo

Recibe este nome por se-la do lado desde onde se len os Evanxeos durante a misa. Estivo dedicada a Santa Catarina de Siena ata 1626 en que se dedica a San Raimundo de Peñafort, e despois de 1699 a San Vicente Ferrer, advocación que conserva. A parte da súa función relixiosa tamén tiña unha función funeraria, enterrándose nela García González de Bendaña, Sancho Xarpa e a súa muller, Leonor de Andrade. Os sepulcros trasladáronse con motivo da reforma de 1699, e perdeuse a súa localización. Tras esta reforma, colocouse nela o actual retablo de San Vicente Ferrer, feito en 1752 por André Ignacio Mariño e Alonso Nogueira, obra que amosa as características do triunfo do Barroco en Galicia. Representa a conmemoración da prédica de Vicente Ferrer en Santiago (século XV), de xeito que vemos ó santo subido ó púlpito en actitude de arengar.

Capela Maior

Esta capela, dedicada a Santa María de Bonaval, é froito dunha reforma do século XV, pagada por Constanza de Moscoso, muller de Fernán Pérez de Andrade o Boo. Esta señora paga o programa escultórico de toda a cabeceira, completado cos capiteis dos piares do primeiro tramo das naves. Este programa é un desenrolo de dous motivos: por unha parte un discurso de salvación que acollen os capiteis a xeito de bestiario medieval, e por outra, a labra dos escudos heráldicos da familia, que son os de Ulloa, Moscoso e Andrade, e dos sepulcros. Se hai que facer caso das disposicións desta dona e dos testamentos posteriores da familia dos Condes de Altamira, nestes sepulcros descansan Constanza de Moscoso e os seus sobriños, Inés de Moscoso, Tareixa de Andrade e Vasco López de Ulloa, irmán do I Conde de Altamira. Outros testamentos afirman que no pavimento se enterraron o II Conde, Rodrigo Osorio de Moscoso, e a súa muller, Xoana de Castro; o III Conde, Lope de Moscoso, e a súa dona, Ana de Toledo; o IV Conde, Rodrigo de Moscoso; o V Conde, Lope de Moscoso, e a súa dona, Leonor de Rojas y Sandoval, así coma o deán Rodrigo de Moscoso. Tamén os Condes de Priegue, Antonio de Alvite e a súa muller, Mariana de Ozores, foron enterrados na capela. Os libros do convento afirman que tamén se dou sepultura na capela ou diante dela a frei Rodrigo González de León, confesor de Afonso X, arcebispo de Compostela e benfeitor do convento, nun túmulo de mármore desaparecido en 1670 coa reforma do pavimento.

Os sepulcros que hoxe podemos ver nos muros son un exemplo da escultura funeraria galega do século XV, panexírico da nobre familia que os pagou e cada un cunha pequena lectura simbólica nalgunha das súas partes. De feito, os catro xacentes teñen anxos á cabeceira e cans ós pés. Os anxos asisten o sono eterno dos mortos e pregan polas súas ánimas co libro de rezos nas mans, mentres os cans son o símbolo da lealdade que os defuntos observaron en vida coa súa familia e o seu apelido. As donas vístense coas súas mellores galas pois, non en van, teñen que asistir ó Xuízo Final presidido por Deus, e repousan na súa casa; o cabaleiro leva a armadura completa, sinal do ideal de bo cabaleiro que observou toda a vida. Nas frontes dos sartegos amósanse os escudos da súa casa e, incluso, os dalgunhas das liñaxes coas que estaban emparentados: Constanza de Moscoso leva o escudo de Lara, casa á que pertencía súa nai, e Inés de Moscoso leva os de Ulloa do seu marido e o de Andrade dos seus parentes. Na clave do arco que acubilla a Constanza de Moscoso aparece a man de Deus, bendicíndoa por ter realizado unha obra tan piadosa, e no arco de Vasco López de Ulloa aparece o rostro do Salvador, vixiante e examinador dos seus actos en vida.

Capela da Epístola

Recibe o seu nome por estar situada no lado desde onde se lían as epístolas á congregación. Estivo dedicada ó Rosario ata 1621, en que recibe a advocación do Doce Nome. Máis tarde chamouse de Santa Rosa de Lima, e despois de San Pío V. Hoxe está dedicada a Santo Tomé de Aquino, e alberga a imaxe da Virxe de Bonaval, do século XV, que revela características que a vinculan cos obradoiros portugueses do momento; suponse que esta foi a imaxe que presidiu a capela maior, xa que o convento era o de “San Domingos de Santa María de Bonaval”. Tamén foi lugar de enterramento, e conserva dous arcos sepulcrais baleiros; só nos consta que no século XVII foron enterrados nela o mordomo Miguel de Araujo e a súa muller, Ana Suárez de Ocampo. Convén facer notar que o programa escultórico da cabeceira completa desenrólase nos capiteis desta capela con gran acerto, representando un frade cunha cartela, símbolo do Antigo Testamento, que se lía deste lado, e un moucho ou curuxa, animal ambivalente que representa tanto ó pobo xudeu, que vive na escuridade, como tamén ó propio Cristo, que ilumina as tebras cos seus ollos.

As capelas do cruceiro e das naves

Estas capelas, hoxe en número de cinco por cousa das modificacións que sufriu a igrexa a través do tempo, distribúense da seguinte maneira: dúas en cada un dos extremos do cruceiro, outras dúas adxacentes ás anteriores e enfrontadas, e outra, a do Rosario, elevada no lado sur da nave da Epístola. É probable que existiran outras, pero non conservamos moitos datos nin vestixios que nos permitan asegura-la súa situación.

Capela de San Pedro Mártir ou de San Pedro de Verona

Pertence á primeira fábrica da igrexa, aínda que foi reedificada posteriormente. No século XVI era seu patrón Pedro Bermúdez de Castro, pero a principios do século XVII o padroado pasou a mans de Constanza Vázquez de Puga e Sandoval. En 1702 o patrón era Xoán Bermúdez de Castro e, en 1830, Francisco Sangro. Este último deu licencia á comunidade para restablece-la comunicación da capela coa contigua de San Xacinto, abrindo un arco de medio punto dentro doutro apuntado que fora tapiado anteriormente; a reforma pódese constatar visiblemente. Ignórase que persoeiros foron enterrados nela; nembargantes, habería que pensar que algún dos patróns que pagaban o culto puido ser inhumado aquí e que o seu sartego ou lápida desapareceu posteriormente, coma tantos outros.

Capela de San Xacinto

Ocupa o solar doutra anterior que recibira, con toda probabilidade, a advocación dos Santos Isidoro e Agostiño. A súa feitura actual é obra de Gaspar de Arce y Solórzano o Vello, mestre arquitecto pagado polo Licenciado Antonio Mercado para enterrar nela á súa segunda muller, Xerónima de Baltanás, en virtude do testamento desta (1609). A morte de Mercado propicia que sexan a súa filla e o seu xenro os que rematen o encargo. Pero en 1701 xa ameazaba ruína e os frades piden un informe a Domingo de Andrade para a súa restauración. Nesta capela enterrouse a primeira muller do licenciado, Sancha Alonso de Moscoso, e é de supoñer que a segunda, Xerónima de Baltanás, aínda que non se conserva a súa lápida. Os sepulcros que hoxe están situados nos arcos da capela pertencen a Fernán Cao de Cordido o Vello e a Fernán Cao de Cordido o Mozo, emprazados primitivamente na capela que sostiñan no claustro (fins do século XIV- principios do XV) baixo a advocación de Nosa Señora do Milagre, e que foron trasladados aquí para evita-lo seu deterioro. Estes dous sartegos tamén son sintomáticos da súa época: os dous cabaleiros aparecen durmidos e armados completamente, aínda que Fernán Cao o Vello oculta a súa armadura baixo un tabardo de la; é un sartego apoiado sobre dous leóns, e amosa no seu frontal dous escudos (Cordido e Ulloa), que flanquean un calvario, onde se representan o Crucificado entre María e San Xoán e, nos extremos, San Pedro e San Paulo. Fernán Cao o Mozo, pola contra, só leva no seu sartego os escudos familiares, non leva a armadura cuberta, e un can sostén os seus pés mentres os anxos pregan pola súa alma a carón da almofada.

Destaca nesta capela a súa fermosa cúpula, dacabalo entre o Renacemento e o Barroco, totalmente decorada con casetóns que sosteñen símbolos. A clave leva unha inscrición co nome do arquitecto: “Maestro Arce 1617”.

Capela do Rosario

É a segunda capela con este nome que se sitúa na igrexa de Bonaval. Nun principio, a Confraría do Rosario, fundada no século XV, tiña a súa capela no solar que hoxe ocupa a de San Domingos en Suriano, pero en 1632 os confrades acordan cos monxes de Bonaval construír unha nova nun ángulo do claustro vello ou Quintana de Frades, encargándolle as obras ó mestre arquitecto da catedral, Francisco González de Araujo. Os frades doan 17 arcos do claustro e a pedra necesaria das canteiras do bosque para a edificación, como contrapartida para que a Confraría se encargue de que a unión da súa capela coa igrexa quede ben feita. En 1634 é Bartolomé Fernández Lechuga quen está levando a cabo a obra, e debe de rematarse na década seguinte. O retablo actual é obra de Xesús Landeira en 1913. A capela e a única da igrexa que conserva culto, e a Confraría ten cemiterio propio no seu lado leste, onde estivo o primeiro claustro do convento. De entre as pezas destacadas que a Confraría posúe, hai que menciona-la imaxe de Santa Ana do século XV, en calcaria policromada, e o Cristo do Santo Sepulcro, labrado por Tomás Fontenla en 1742, e a súa urna que segue un deseño de Manuel de Leis de 1740.

Capela do Santo Cristo

É unha das capelas máis antigas da igrexa, posto que ocupa un dos lados do cruceiro orixinal, do século XIII. Sostivo padroado nela Fernán de San Román o Vello, sepultado aquí coa súa muller e fillos, no século XV. No século XVII mantiña o padroado Isabel de Rivera, enterrada nun nicho desaparecido baixo a tribuna da capela contigua. No século XVIII era Bernardino Cisneros quen pagaba o mantemento. As advocacións que nela houbo non se sucederon no tempo, senón que se mantiveron todas a unha: Capela da Vera Cruz, do Santo Cristo ou do Bo Xesús. Na parede do fondo obsérvanse dous arcos superpostos e cegados que evidencian reformas renacentistas, así coma un sinxelo fresco, datable cando menos no século XVI. Alberga hoxe o sepulcro de Castelao.

Capela de San Domingos en Suriano

Esta capela, orixinalmente do século XIV, exerceu como sala capitular e, probablemente, foi sede da Confraría do Rosario. En 1582 aparece, co nome de Capela do Cabido, no testamento de Isabel de Cisneros, e pouco máis tarde é denominada coma Capela da Visitación. A actual capela é unha obra barroca realizada no século XVII e reformada posteriormente. De planta cadrada e coroada cunha cúpula, sitúase na parede norte da igrexa. Ata o século XVIII non se efectúa a renovación total da capela, dedicándoa a San Domingos Soriano ou San Domingos en Suriano. O retablo actual pódese datar arredor de 1760. Recóllese a noticia de que, ó pe da grada do altar, estaban sepultadas a Condesa de Maceda e Dona Branca de Anaya.

Esta capela é a primeira parte da igrexa de Bonaval que alberga o Panteón de Galegos Ilustres, unha iniciativa que xermola na mente finisecular do XIX. Trala morte de Rosalía de Castro, en 1885, xorde a idea de construír un mausoleo onde os restos da escritora repousen dignamente. Con tal iniciativa constitúese entre os galegos en Cuba unha comisión, presidida por Xoán Manuel Espada e Henrique Novo, que reúnen os fondos para a realización do sepulcro. Paralelamente, en Santiago o director da Sociedade Económica de Amigos do País, Xoaquín Díaz de Rábago, promove outra recadación para complementa-la obra. Resólvese erixi-lo monumento na capela da Visitación de San Domingos de Bonaval, adxudicando o encargo ó escultor Xesús Landeira. Nese momento institúese unha comisión encargada da marcha do proxecto, integrada por Ramón R. Rueda Neira, director da Sociedade nese ano, Xoaquín Díaz de Rábago, Alfredo Brañas Menéndez, vicepresidente primeiro da Asociación Regionalista Gallega, e Salvador Cabeza León, vicepresidente segundo.

En 1891 levántase o sepulcro de Rosalía de Castro na parede esquerda da capela, feito en mármore e de “estilo Renacemento”. Delégase outra comisión para a exhumación dos restos da escritora, que descansaban en Padrón. A acta notarial describe a exhumación e posterior exame dos restos, que de resultas amosa o cadáver incorrupto, a súa deposición nunha caixa de zinc, e o traslado ata Bonaval. O 25 de Maio de 1891 deposítase o ataúde dentro do mausoleo, e principia a andadura do Panteón. Máis tarde serán enterrados na mesma capela o propio Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas e Domingo Fontán.

Bonaval constitúese, deste xeito, nun lugar da memoria que, albergando algúns dos nosos persoeiros máis ilustres, encarna e simboliza o máis representativo da historia e da cultura de Galicia.

Os Galegos Ilustres

Rosalía de Castro (Santiago, 1837 - Padrón, 1885)

María Rosalía Rita de Castro e Abadía naceu en Santiago de Compostela, no Hospital Real, filla natural de María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía e de Xosé Martínez Viojo, sacerdote. Foi criada polas súas tías paternas en Ortoño. Acudiu ás aulas da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, onde estudiou música e debuxo. De 1856 a 1858 vive en Madrid, onde se casa con Manuel Martínez Murguía neste último ano. Logo o matrimonio trasládase a Santiago, onde nacen os seus fillos. Viaxan por toda Galicia e España, pero habitando preferentemente a súa casa de Padrón, “A Matanza”, onde a escritora morre en 1885.

Obra: 1857: La Flor (poesía en castelán). 1859: La Hija del Mar (novela en castelán). 1861: Flavio (conto en castelán). 1863: Cantares Gallegos (poesía en galego). 1866: Ruinas (ensaio en castelán). 1867: El Caballero de las Botas Azules (novela en castelán). 1880: Follas Novas (poesía en galego). 1881: El Primer Loco (conto en castelán). 1884: En las Orillas del Sar (poesía). 1923: Conto Gallego (póstumo, en galego).

Rosalía representa a marca máis importante do Rexurdimento. Aínda que xa antes dela se publicaran libros e artigos en galego, é o seu Cantares Gallegos o libro que sinala a definitiva recuperación da lingua nos círculos cultos. A súa traxectoria está marcada polo Romanticismo imperante no país nese século XIX, pero na súa obra en galego recoñécese o profundo compromiso realista da escritora. Coma novelista pódese dicir que busca a sátira dos costumes sociais, e coma poetisa baste lembrar que ela mesma afirmou querer ataca-la imaxe execrable que se tiña de Galicia, a máis de amosarse social e politicamente comprometida co pobo e sobre todo coa situación da muller. A pobreza do labrego, a fame, a emigración, o caciquismo, son conceptos que están sempre presentes na súa obra.

Alfredo Brañas Menéndez (Carballo, 1859 - Santiago, 1900)

Pasa a súa nenez en Cambados por mor do traballo do seu pai. Realizou o bacharelato e os estudios de Dereito en Santiago, e o doutoramento en Madrid cando xa era Secretario da Universidade compostelá. Foi profesor de Dereito en Santiago e catedrático de Dereito Natural en Oviedo (1887). Ó ano seguinte volta a Santiago coma catedrático de Economía Política. Concelleiro da cidade desde 1891, promoveu o labor do Círculo Mercantil e da Sociedade Económica de Amigos do País. Durante toda a súa vida exerceu un importante traballo de xornalista en moi diversos medios de prensa.

Obra: 1887: Fundamentos del Derecho de Propiedad. El principio fundamental del Derecho. Lecciones fundamentales de historia de la filosofía del Derecho. 1889: El Regionalismo. Estudio sociológico, histórico y literario. 1892: La crisis económica en la época presente y la descentralización regional e Bases del Regionalismo y su aplicación a Galicia (inédito). 1894: Historia económica. 1896: La voz de la sangre y la voz de la Patria. 1899: A la Sota! e Al Pueblo Gallego.

Non só foi Brañas un home dedicado ó labor social e cultural, senón que inaugurou tamén un novo ideario político: o Rexionalismo. A súa ideoloxía baséase na análise do Estado e os seus elementos. Diferenciándose do Federalismo, fomenta a idea da descentralización política e administrativa. Aplicando a Galicia os seus principios, fala dunha confederación de Estados, na que cada un deles conserva a súa propia identidade, de xeito que a descentralización pódese equiparar coa nacionalidade. Firme defensor do catolicismo social, atacou o individualismo, o colectivismo e o anarquismo. Avogou a favor da propiedade individual, do traballo coma orixe da riqueza e da liberdade coma condición indispensable para a producción. Actuou tamén na práctica coma creador de organismos rexionalistas e formou parte activa de moitos deles.

Francisco Asorey González (Cambados, 1889 - Santiago, 1961)

Comeza estudiando no Colexio dos Salesianos de Sarriá (Barcelona), dos 14 ós 18 anos, costeándose os gastos con traballos de escultura. É nesta escola na que recibirá os primeiros premios da súa carreira. Gaña en 1909 a segunda medalla da Exposición Rexional Galega. Despois dunha tempada en Baracaldo, en 1918 instálase definitivamente en Santiago e obtén o posto de escultor anatómico da Universidade. Segunda medalla da Exposición Nacional de 1924. En 1925-26 ingresa no Seminario de Estudios Galegos. A Real Academia de Belas Artes de San Fernando noméao correspondente en 1940, e en 1944 será a Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario (A Coruña) quen o faga numerario. Desde 1945 imparte ensinanzas na Escola de Artes e Oficios Artísticos, na Escola do Traballo e coma catedrático de debuxo no Instituto Rosalía de Castro (Santiago). A Real Academia Galega noméao membro na vacante de Armando Cotarelo Valledor en 1952, e en 1957 será nomeado Académico de Honra. En 1959 xubílase coma mestre e a Universidade ofrécelle varios actos de homenaxe. Foi enterrado directamente no Panteón en 1961.

Obras máis relevantes: 1908: Calvario de Baracaldo. 1909: A viúva do pescador. 1914: Lo jondo. 1915: Cabaleiros negros. 1918: Rezos de Beatas e Códeo compostelán. 1920: Picariña. 1922: Virxe do Carme e Naiciña. 1923: Ofrenda a San Ramón. 1924: O Tesouro. 1930: Monumento a San Francisco. 1934: O Salvador. 1947: Monumento ó P. Feixóo. 1948: Filliña. 1952: Cristo de Moyá. 1955: Virxe de Fátima. 1959: Monumento a D. Ramón Mª Aller.

Asorey é coñecido coma o “Escultor da Raza”, pola súa forza expresiva que alenta nas obras coma unha especie de expresionismo. Aposta polo primitivismo, é dicir, busca o reflexo das “virtudes enxebres da raza”. Ademais, a súa escultura é surrealista en canto a que amosa a realidade tal coma el a ve e nesa realidade inclúe moitos símbolos familiares na conciencia galega; o postcubismo descubrímolo no seu xeito de construí-las figuras, segadas por liñas esquemáticas, e o neohumanismo é a recuperación da Arte para o home, lonxe das Academias. As figuras de Asorey teñen a facultade de amosar calidades coma a modestia, o fervor relixioso, o desconcerto, a paixón, etcétera, de xeito que nos lembran a nós mesmos.

Ramón Cabanillas Enríquez (Cambados, 1876 - 1959)

Foi seminarista en Compostela, entre 1889 e 1893, pero abandonou os estudios eclesiásticos para traballar en Cambados coma funcionario. Emigrou a Cuba en 1910 onde traballou de contable e administrador, e foi alí onde comezou a publicar. En 1915 retorna definitivamente a Galicia, onde se incorpora ás Irmandades da Fala. En 1920 ingresa na Real Academia Galega, e en 1929 na Real Academia Española con Cotarelo Valledor, coma representantes da lingua galega. Reside en Madrid, onde se atopa cando estala a Guerra Civil. Logo residirá en Valencia, Baracaldo e Samos, para retornar a Cambados, onde falece.

Obra: 1913: No Desterro. 1915: Vento Mareiro. 1917: Da Terra Asoballada. 1926: O Bendito San Amaro. 1927: A Rosa de Cen Follas. 1949: Camiños no Tempo. 1954: Da Miña Zanfona. 1955: Versos de Alleas Terras e de Tempos Idos. 1958: Samos.

O Poeta da Raza, como se dou en chamar a Cabanillas, representa un dos máis completos escritores en lingua galega. O seu compromiso cívico atópase fortemente ligado ó movemento agrarista de Basilio Álvarez, do que foi a voz poética. Non se trata dunha mera poesía de himnos, senón dunha exaltación da idea de Galicia coma unidade colectiva, cunha conciencia que hai que espertar en tódolos seus membros para a súa realización auténtica. Estes valores recoñécense na súa obra, exaltando a unión do campesiñado contra o poder caciquil e o traballo natural da terra contra a administración artificial. O conxunto da súa obra representa un bo exemplo de variedade técnica e riqueza temática que non só se verteu cara ó compromiso social, senón tamén cara á lírica amorosa e relixiosa, sen esquecer á poesía narrativa das súas “sagas” artúricas.

Domingo Fontán Rodríguez (Caldas, 1788 - Cuntis, 1866)

Naceu en Porta do Conde. En Santiago cursou Dereito, Filosofía, Teoloxía e Cánones, doutorándose en Teoloxía e Artes. Foi substituto da cátedra de Lóxica e Metafísica en 1813-14 e catedrático de Matemáticas Sublimes e Presidente da Academia de Filosofía en 1815. Entre 1820 e 1823 foi secretario da Xunta Provincial de A Coruña. En 1828 obtén o título de Bacharel en Leis. En 1829 encárgaselle o trazado dos principais camiños de Galicia. En 1835 dirixe a "Escuela Especial de Ingenieros Geógrafos" e encoméndaselle a formación do "Cuerpo de Ingenieros de Caminos, Minas y Montes" e das súas respectivas Inspeccións e Escolas Especiais. Foi nomeado catedrático director do Observatorio Astronómico de Madrid e presidente da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Entre 1836 e 1843 foi Deputado a Cortes por Pontevedra. Cando falece en 1866 era Cabaleiro da Orde de Carlos III.

Sen dúbida o traballo máis importante de Fontán é a triangulación xeodésica de Galicia e a súa Carta Geométrica de Galicia, adiantándose en 19 anos á cartografía do resto da Península e que inclúe melloras para o posterior trazado do tendido férreo. Colaborou no Diccionario de la Lengua Española e no Diccionario Geográfico-Estadístico-Histórico de España y sus posesiones de Ultramar, de Madoz (1867).

Pero a súa obra non só se limita ó campo académico, senón que abrangue tamén o campo político. En 1823 foi suspendido da súa cátedra e procesado por “liberal”, cargo do que foi “purificado” en 1826. Durante os anos en que foi Deputado a Cortes por Pontevedra fíxose oír coma defensor dos intereses fundamentais de Galicia. A parte do sentimento que o unía á terra onde naceu, foi un defensor a ultranza da abolición do décimo (e participou activamente no intento en 1837), que aínda se cobraba en Galicia, e da supresión do réxime foral que empobrecía os labregos en favor das mesas fidalgas e eclesiásticas.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950)

Fillo de emigrantes, Castelao vivirá na Arxentina entre 1895 e 1900. Ó retorno, despois de face-lo bacharelato, estudia Medicina, que só vai exercer en Rianxo durante a epidemia de gripe do ano 18. Logo de colaborar en diversas revistas e publicacións oposita ó corpo técnico do "Instituto Geográfico y Estadístico", tomando posesión da súa praza en Pontevedra, ata 1936. Desempeñando este posto publicará, entre 1916 e 1936, a maioría da súa obra gráfica, literaria e ensaística. O estoupido da Guerra Civil lévao a residir nas diferentes cidades onde se instala o Goberno Republicano, e a partires de 1938 abandonará o país para non voltar, establecéndose definitivamente en Bos Aires en 1940 ata o ano da súa morte, 1950.

Obra: 1919: Arte e galeguismo. 1920: Humorismo. Dibuxo humorístico. Caricatura. 1921: O Cubismo e Do meu diario. 1922: Un ollo de vidro. 1926: Cousas. 1929: Segundo libro de Cousas. 1930: As cruces de pedra na Bretaña, Cincoenta homes por dez reás e O Galeguismo no Arte. 1931: Nós. 1934: Retrincos e Os dous de sempre. 1937: Galicia mártir e Atila en Galicia. 1938: Milicianos. 1941: Os vellos non deben de namorarse. 1944: Sempre en Galiza. 1950: As Cruces de Pedra na Galiza.

A máis de todos estes títulos son incontables os artigos que publicou en revistas e periódicos coma El Sol, Nós, Galeuzca, etcétera. Foi membro da Real Academia Galega e do Seminario de Estudos Galegos

Castelao está considerado coma un dos máis importantes expoñentes do Nacionalismo militante. Adherido ás Irmandades da Fala desde o primeiro momento, foi parte importante na redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia. O seu activismo político, coma defensor da República e do galeguismo, provoca o seu exilio trala Guerra Civil. En 1946 é nomeado Ministro do Goberno da República no exilio. Desde Bos Aires continuou co labor político, presidindo o Consello de Galiza. A súa inxente obra e o seu ideario resúmense en Sempre en Galiza.




Descargar
Enviado por:Elwe
Idioma: gallego
País: España

Te va a interesar