Literatura
O Rexurdimento
O REXURDIMENTO
7
O "Rexurdimento" é o nome con que se coñece o movemento do XIX de recuperación non só literaria, senón tamén cultural, política e histórica.
A raíz da invasión francesa (1809) e dos enfrontamentos entre absolutistas e liberais, xorden os primeiros textos escritos en galego, en xornais, con fins propagandísticas. Trala caída do absolutismo e o inicio da monarquía constitucional, nacen diversos movementos galeguistas: o Provincialismo, o Federalismo e por último o Rexionalismo.
En 1861 celébranse na Coruña os primeiros Xogos Florais. As composicións premiadas, xunto con mostras da poesía contemporánea, recóllense un ano máis tarde no Álbum de la Caridad.
A publicación en 1863 de Cantares gallegos, primeira obra escrita integramente en galego por Rosalía de Castro, inaugura o Rexurdimento pleno.
O apoxeo do Rexurdimento prodúcese en 1880, cando se publican gran cantidade de obras como Follas Novas de Rosalía, Saudades Gallegas, de Lamas Carvajal, Aires da Miña Terra, de Curros, ou a primeira novela galega moderna Maxina ou a filla espúrea de Marcial Valladares.
Os autores do Rexurdimento descoñecen a existencia da rica tradición lírica medieval galega, pensando que son os iniciadores do cultivo literario do idioma. Carecen, polo tanto, dunha normativa idiomática, o que os obriga a partir dos usos orais. Nas últimas décadas do XIX nacen as primeiras gramáticas e diccionarios da lingua galega, esenciais para a súa normalización: Compendio de gramática gallega-castellana, de Francisco Mirás (1864); e Gramática Gallega, de Saco e Arce, o primeiro estudo serio do idioma galego.
Unha das últimas manifestacións do Rexurdimento, xa no século XX, foi a constitución da Real Academia Galega (1905).
Chegada a fin do século XIX constátase unha recuperación do galego como idioma literario, cultural e histórico; asemade faise patente un descenso no nivel de uso oral. Aínda que non vive situación normalizada, o que provoca un retroceso en medios sociais e en ámbitos xeográficos concretos. Aparece tamén unha xeración de autores denomindada <<Antre dous séculos>> con Ramón Cabanillas ou Noriega Varela.
ROSALÍA DE CASTRO
É a figura máis importante do Rexurdimento pola súa calidade artística e recoñecemento fóra de Galicia.
Nace en Santiago (1837). É filla sen recoñecer dun seminarista e de liñaxe fidalga por parte de nai. Manterá ideas galeguistas e participará no Liceo de La Juventud de Santiago, onde coñece a Manuel Murguía, tamén escritor, co que casa e ten sete fillos. Por mor das súas depresións, apuros económicos e outros problemas, leva unha vida dura, morrendo en 1885 dun cáncro de útero.
Rosalía deixounos en castelán obras como La hija del mar, Flavio, El caballero de las botas azules ou El primer loco, todas elas novelas, e ademais En las orillas del Sar, en poesía, cunha gran aceptación en España.
En galego escribiu Cantares gallegos (1863) que consta de trinta e seis poemas de temática costumista-folclórica, amorosa, intimista e de denuncia, cunha gran influenza popular e unha estrutura conxunta, que obtivo unha notábel sona. Tamén escribiu Follas novas (1880), segundo e derradeiro libro en galego, con 136 poemas enmarcados nunha liña continuadora (popular, costumista e crítica) e máis unha liña renovadora (novidosa, con temática metafísica e existencial), marcada pola saudade e o pesimismo, que non foi tan ben recibida coma a anterior, a pesar de ser un traballo moito máis laborioso e esmerado.
CURROS ENRÍQUEZ
Curros Enríquez foi un dos escritores preferidos polos lectores do seu tempo porque coa súa poesía denunciou as inxustizas (foros, opresión, emigración...) e defendeu as ideas de progreso. Asentou unha tradición de poesía combativa comprometida que continuarán numerosos autores.
Nace En Celanova en 1851 .Sendo xa inconformista dende a súa infancia, se rebela contra o momento que lle toca vivir, marchando da casa paterna ós quince anos. É un escritor adherido á República e anticlericalista. Vivindo entre España e Cuba, emigra finalmente á Habana e alí morre en 1908.
Publica en galego Aires da miña terra (1880), no que denuncia as inxustizas sociais, abordando tamén temas intimistas e costumistas (AVirxe do Cristal, O gueiteiro de Penalta e Unha voda en Einibó premiados xa nun concurso literario, son tres dos poemas costumistas que amosa.) e O divino sainete longo poema narrativo modelo da Divina comedia de Dante, no que caricaturiza personaxes e institucións culturais e políticas galegas da época que viaxan nun tren con destino a Roma.
EDUARDO PONDAL
Eduardo Pondal nace en Ponteceso (A Coruña) en 1835. Fillo de familia fidalga, enriquecida pola emigración a América, o que lle permite recibir unha sólida formación humanística. A comarca natal de Pondal, a natureza salvaxe e a terra bergantiñá en xeral, será determinante na súa obra.
En Santiago, estudiará Medicina onde participará do ambiente cultural e político, como amosa a lectura dun poema seu no Banquete democrático de Conxo, en 1856. Ata a súa morte en 1917, dedicarase enteiramente á creación literaria na súa terra natal e na cidade da Coruña, onde participará en sociedades literarias e en diversas tertulias, sobre todo a da librería Carré, denominada Cova Céltica, na que recibía o nome de O Bardo, personaxe literario que utilizou con moita frecuencia. A posición económica e social de Pondal permítelle dedicarse á literatura por enteiro, pero o seu carácter perfeccionista impediralle que a súa obra adquira unha dimensión maior. Morre en 1917 na Coruña.
Podemos distinguir dúas etapas na súa obra:
&1ª etapa (1854-1868) de tendencia romántica, aínda que sen deixar unha sensíbel influencia clasicista, cultiva literatura en galego e en castelán. Pertencen a ela unha primeira versión de Os Eoas e o poema A campana de Anllóns, publicada en prensa en 1858.
&2ªetapa (1877-1886), época do rexionalismo e bardismo pondaliano. Asume o papel de bardo do pobo galego, grazas ó mito do celtismo. Pertencen a esta etapa Rumores de los pinos (1877) e Queixumes dos pinos (1886), a súa verdadeira obra mestra, onde reestrutura e reforma a obra anterior. Ademais relaborou Os Eoas e outros poemas soltos.
obras
OS EOAS
Reflicte o seu pensamento dos anos mozos, próximo ao segundo provincialismo. O titulo refírese ós “fillos da Aurora”, o nome que os indíxenas das Antillas lle deron ós españois cando os viron aparecer polo lado da aurora. O argumento pretendía relatar a navegación de Cristovo Colombo na descuberta de América, prestando especial atención á participación de galegos nesta empresa.
Constitúe un poemario que o poeta non chegou a publicar en vida debido á súa tendencia a corrixir e reelaborar o material poético, sendo publicada integramente en 1992.
Os Eoas supón unha proba da forza para a consolidación do galego e a conformación dunha epopea nacional que responde ás espectativas do rexionalismo.
QUEIXUMES DOS PINOS
É a súa obra máis importante (1886) na que recolle poemas reelaborados e ampliados de Rumores de los pinos
A paisaxe agreste e dura aparece ó lado deste espazo mítico e antigo como un espazo concreto e contemporáneo: as terras do Xallas e Vimianoz, de Soneira e Dumbría, ás que estaba unido por nacemento e vivenza, que aparecen case sempre como non contaminada pola man do home. A través dela expresou sentimentos: a soidade, o paso do tempo, a ansia de liberdade, o ánimo amoroso...
No celtismo, Pondal atopou o fondo mítico para a súa poesía; influído por Murguía, converteuse no poeta do celtismo.
Pondal empregará a figura do bardo na súa obra como unha idealización do propio poeta, personaxe de categoría superior á xente común, incomprendido e afastado dunha sociedade que non entende a súa misión de guieiro do seu pobo, pretendendo guiar ós galegos, que se atopan sumidos na escravitude, cara a liberdade.
Pondal é o bardo que canta as fazañas do pobo celta, no que os galeguistas desta época fundaban as orixes históricas de Galicia,
Como recurso para conseguir os seus propósitos, válese do helenismo: o home libre, o guerreiro que Pondal retrata nos seus poemas, a morte pola patria, o sentimento heroico ou o viril. Por outro lado, o bardo augura un futuro de gloria para o pobo galego, ó que convida a liberarse do xugo castelán e unirse nunha confederación de pobos ibéricos con Portugal.
Ossianismo: En 1760, un mestre chamado Macpherson declara que atopa un libro con poemas que se debían a un tal Ossián, un vello bardo celta de carácter Romántico. Este poemario causa unha enorme atención no seu tempo (tamén en Pondal) aínda que todo é un engano, pois o autor destes versos era o propio Macpherson. Aproveita Pondal aqueles elementos temáticos e estéticos que lle serven para a súa montaxe ideolóxica. Así usa a creación dunha orixe mítica celta para conseguir espertar a Galicia e liberala da opresión.
Ademais posúe outras fontes coma a literatura clásica greco-latina, o Renacemento...
Pondal elabora un mundo poético en ton épico, con obras cheas de forza masculina e febleza feminina, utilizando epítetos con forte carga simbólica e marcada intención ética e cívica de concienciación, poñendo un gran esforzo por crear un modelo de lingua literaria que se adecuase ao tipo de poesía culta, elaborada e heroica.
OUTROS ESCRITORES DO REXURDIMENTO
Valentín Lamas Carvajal
Ourense (1849-1906). Escritor costumista e prolífico de notábel éxito, moi polifacético e cunha finalidade didáctica na súa obra. Polo seu traballo recibe o alcume de "O Homero Galego".
Escribe como poeta Espiñas, follas e flores (1875), Saudades gallegas (1880) e A musa das aldeas (1890), ademais de moitos poemas soltos.
En prosa publica Gallegadas (1887) e O catecismo do labrego (1889), parodia dun catecismo relixioso que denuncia, a través da figura dun labrego retranqueiro, a penuria económica e social da clase labrega. O maior acerto desta obra é que recorre a unha simboloxía formal ben coñecida polo público lector cun obxectivo politizador, o que lle deu ampla popularidade entre as clases populares, converténdose así no primeiro éxito de vendas da literatura galega.
A faceta máis valorada de Lamas Carvajal é a de xornalista e editor de periódicos, nacendo grazas a el o primeiro periódico O tío Marcos da Portela, Ourense 1876-1889, no que se falaba de actualidade, críticas e denuncias, antigos costumes, etc.
Ademais dirixiu a revista compostelá La Aurora de Galicia e fundou a revista El Heraldo Gallego (1874-1880), de carácter bilingüe. Comezou a colaborar asiduamente no xornal El Eco de Orense, fundado en 1880, que funcionaría baixo a dirección de Lamas Carvajal ata o seu falecemento.
A Prosa de ficción
Aparece nun segundo plano por diversos motivos que a fan menos popular que a lírica ou a realista. Cabe nomear a dous autores:
Marcial Valladares Núñez (Berres, A Estrada, 1821-1903). A súa novela Maxina ou a filla espúrea (1880) publicada por entregas, é unha novela de influenza romántica aínda que dentro do realismo costumista dos personaxes urbanos e rurais.
Antonio López Ferreiro (Santiago1837- Vedra, 1910).Doctísimo cóengo que escribiu tres novelas integramente en galego: A tecedeira de Bonaval, O castelo de Pambre e O niño de pombas
O teatro
Practicamente, non atopamos mostras, aínda que temos dúas liñas temáticas diferenciadas:
& Drama histórico, no que cabe mencionar a Galo Salinas Rodríguez ( A Coruña 1852-1926) que promoveu a creación en 1903 dunha Escola Regional de Declamación e ademais escribiu unha Memoria acerca de la dramática gallega.
& Cadro de costumes, onde mencionamos a Francisco María de la Iglesia (Santiago, 1827-A Coruña, 1897), autor de A fonte do xuramento primeira obra que se estreou en galego.
Descargar
Enviado por: | Pilars Viana |
Idioma: | gallego |
País: | España |