Literatura
Irmadades da fala
IRMANDADES DA FALA
No primeiro terzo do século XX destaca en Galicia o labor do Movemento Agrarista. Os galegos decatáranse xa no século XIX da situación de inxustiza que supuña estar pagando rendas aos señores polos foros e agrúpanse en diversas organizacións para defenderen os seus dereitos. A máis representativa é a "Liga Agraria de Acción Galega" (1912-1915) que, en realidade, carecía dun verdadeiro programa político, limitándose a pedir a destrución do sistema foral. O problema dos foros non se soluciona ata 1926, cando se dita o "Decreto de Redención dos Foros" que permite aos labregos convertérense en donos das terras que traballan previo pago dunha indemnización aos antigos foristas. A fidalguía, clase social que xa entrara en decadencia no século XIX, acaba por perder, xunto coas terras, parte do poder que noutrora ostentara. Pero o decreto non supón unha auténtica reforma agraria nin na posesión da terra nin no seu modo de traballala.
Cómpre destacar tamén que diversos grupos políticos e intelectuais da burguesía urbana forman no 1907 "Solidaridade Galega", movemento que, a pesar da súa ideoloxía heteroxénea, posúe como obxectivos centrais: a renovación para Galicia, a loita contra o caciquismo e a descentralización da administración. Esta asociación vincúlase, nun primeiro momento, aos movementos agrarios mais a partir de 1912 vai esmorecendo e moitos dos seus membros intégranse posteriormente nas Irmandades da Fala…
Antón Vilar Ponte publica no ano 1916 unha serie de artigos xornalísticos de grande éxito que son recollidos no seu libro “Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional”, onde chama os galegos a unha radical defensa da súa lingua e do seu país. En maio de 1916 constitúese na Coruña a Irmandade de Amigos da Fala Galega que ten como finalidade primordial a exaltación e o fomento da práctica social do idioma, obxectivos ligados estreitamente a un plano global de rexeneración do país. Aos dez días da fundación da primeira Irmandade, promóvese a fundación doutra en Santiago e moi pouco despois nacen Irmandades en Monforte, Ourense, Pontevedra, Vilalba, Ferrol, Vigo, Mondoñedo, Baralla, A Estrada, Vilagarcía, Betanzos, Ortigueira, Muxía, Lugo, Baiona, Arzúa... Madrid, Buenos Aires, A Habana...
Desde o primeiro momento contan cun voceiro: A Nosa Terra. Idearium das Irmandades da Fala que consegue manterse ininterrompidamente desde 1916 a 1936, con 2000 exemplares de tiraxe.
Os obxectivos das Irmandades da Fala son a revalorización e a defensa do idioma e a expansión do seu uso social tanto na literatura, no ensino, na ciencia como en calquera outra manifestación pública, oral ou escrita, que se leve a cabo en Galicia.
Demándase a galeguización plena da sociedade e, a diferenza do que ocorría en etapas anteriores, demándase en galego. Ademais de organizaren cursos de galego e conferencias, fundan editoriais ( Céltiga, Lar e Nós, a máis importante) nas que publican, na lingua do país, tanto xornáis e revistas como obras ensaísticas, ao tempo que potencian xéneros literarios como a narrativa curta ou o teatro. En 1921 crean o Conservatorio Nacional de Arte Galego na Coruña, institución que se dedica a fomentar o teatro galego a todos os niveis, e que funcionará como escola de actores e como compañía teatral.
En 1918, as Irmandades celebran en Lugo a súa primeira reunión conxunta, da que sae un manifesto considerado o documento fundacional do nacionalismo galego. Entre os seus asinantes: Losada Diéguez, Vicente Risco, Cabanillas, Castelao, Anxel Casal e os irmáns Ramón e Antón Vilar Ponte. Neste manifesto afírmase que Galicia ten todas as características esenciais dunha nacionalidade e é por iso que se consideran nacionalistas galegos, xa que a palabra “rexionalismo” non reccolle todas as súas aspiracións.
Polo que se refire á lingua, as Irmandades céntranse na demanda da
cooficialidade do galego e o seu emprego como tal en ámbitos como o ensino ou a xustiza. Deféndese unha "autonomía integral" dentro dunha federación ibérica en igualdade de relacións con Portugal, o ingreso das nacionalidades da península na Liga das Nacións, a desaparición das Deputacións e a constitución dun Parlamento e dun Goberno propios que exerzan o poder galego.
Son, precisamente, cuestións de estratexia política as que están na base da ruptura que no seo da Irmandade se produce na IV Asamblea Nacionalista, celebrada en Monforte en 1922. Por un lado, a Irmandade da Coruña, a máis importante de todas, defende o pacto con outras forzas para se presentar as eleccións. Polo outro, o sector encabezado por Risco, que se opón á participación política. Malia que continúan a traballar polos mesmos ideais, a desunión non acabará ata a fundación do Partido Galeguista. Con todo, as Irmandades foron o motor directo ou indirecto de todo canto proxecto nacionalista se leve a cabo no país durante esta etapa, como o Seminario de Estudos Galegos ou a Revista Nós.
Nesta etapa de Preguerra, cómpre mencionar o labor dos galeguistas no campo da política. Xa sabemos que as Irmandades ampliaran os seus obxectivos iniciais, e así da lingua nace o nacionalismo; dos obxectivos lingüísticos, o interese global polos problemas do país. Na VII Asamblea, celebrada en Pontevedra, será cando se funde o Partido Galeguista (PG), primeira forza política decididamente nacionalista, con Castelao e Alexandre Bóveda á cabeza.
Grupo Nós ou Xeración Nós
O Cenáculo Ourensán: Vencellados a unha pequena burguesía e formados nas correntes literarias e filosóficas europeas. Déronse a coñecer na revista “La Centuria”. Estes escritores son: Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo e Antón Losada Diéguez.
Os autores ligados á vila de Rianxo: Forman parte da Época Nós na medida en que a súa producción ve a luz nesa etapa que vai de 1916 a 1936, pero mostran diferencias cos anteriores en que se afastan do intelectualismo dos ourensáns, crean obras estilísticamente máis sinxelas e os personaxes de ficción posúen unha dimensión máis auténtica e universal. Estes escritores son Castelao e Rafael Dieste.
Foi un dos colectivos que con especial significación colabora na recuperación do idioma. Os seus compoñentes foron os creadores da moderna prosa literaria galega e figuran entre os máis prolíficos e activos membros do Seminario de Estudos Galegos. Ademais, desenvolven un importante labor político na súa condición de líderes do Partido Galeguista.
Agás Castelao, os homes de Nós (Otero, Risco e Cuevillas), parten dun cosmopolitismo elitista, ben lonxe dos plantexamentos galeguistas.
Nacen en Ourense e, logo dunha estancia máis ou menos longa fóra da cidade por estudos ou asuntos profesionais, vólvense atopar aquí na segunda década do século XX. Fillos da "boa sociedade" de Ourense, participan nas mesmas reunións e tertulias, colaborando no Ateneo e na elaboración da revista La Centuria. A súa inquedanza intelectual era allea por completo á temática galega. Todos se sentían inconformistas e insatisfeitos; eles mesmos narran a súa conversión ao galeguismo en diferentes obras. Eran exotistas, partidarios do distante, do descoñecido; trataban de fuxir da vulgaridade, defendían o individualismo a ultranza e manifestaban a súa rebeldía arredándose espiritualmente da sociedade. Educados no cosmopolitismo, no simbolismo e no modernismo, concebían a arte como evasión e refuxiábanse na torre dos escollidos. Non obstante, a busca da propia identidade lévaos a Galicia e, inducidos por Losada Diéguez, entran en 1917 nas Irmandades.
Os escritores do Grupo Nós, preocupados pola extensión dos usos do idioma e da súa revitalización, centrarán o seu labor literario naqueles xéneros menos desenvolvidos: a narrativa, o teatro e o ensaio. O costumismo e o ruralismo decimonónicos non foron superados ata a publicación dos relatos e novelas dos homes de Nós, profundos coñecedores da literatura europea da súa época. Velaí “O porco de pé” de Vicente Risco (1928), “Arredor de si” de Otero Pedrayo (1930) ou “Os dous de sempre de Castelao” (1934), por citar só tres exemplos.
No xénero ensaístico estenderon o uso do galego tanto nos escritos de divulgación como nos textos científicos, tratanto case todos os campos do saber e estudando Galicia nos seus distintos aspectos.
En canto ao teatro, igual que o resto dos galeguistas deste momento,
consideraban que era un medio inmellorable para espallar a ideoloxía galeguista, a concienciación da propia identidade e a normalización lingüística. Risco, Otero e Castelao crean algúns dos mellores textos da nosa dramaturxia, procurando a súa modernización de acordo coas novas tendencias europeas da época. A poesía era o xénero que menos precisaba do seu esforzo urxente e, non obstante, velaí temos a produción poética de Otero Pedrayo.
En resume, podemos dicir que eles son os auténticos protagonistas da universalización e da europeización da cultura galega e da súa lingua.
Mais a empresa colectiva máis importante do grupo Nós é a revista que, co mesmo nome, aparece por primeira vez en 1920. A revista Nós comeza a súa andaina centrada no ámbito cultural. Con Risco e Castelao como directores, nos seus dezaseis anos de vida (444 números) dará cabida a colaboracións de galeguistas de diferentes xeracións e ideoloxías, así como a traballos de intelectuais e escritores bretóns, irlandeses, ingleses e, sobre todo, portugueses, amosando o seu afán universalista. Mención especial merecen as traducións feitas por Otero, nalgúns casos adiantándose a outras linguas peninsulares.
OTERO PEDRAYO
- Nace no 1888 en Ourense, na mesma casa onde catro anos antes nacera Vicente Risco con quen compartirá infancia e inquedanzas intelectuais e culturais.
- Medra nun ambiente culto. Fillo único de pais descendentes de fidalgos, viviu
de cerca acontecementos do século XIX, moitos deles a través do seu pai: perda do poder clerical, caída da fidalguía...
- A infancia transcorre entre Ourense e Trasalba onde entra en contacto coa
Galicia rural. Estuda na casa con cregos, e fala cos amigos do pai e cos labregos;
estas conversas ampliarán o seu coñecemento dos dous mundos: rural e urbano.
- A mocidade: estudia no instituto que hoxe leva o seu nome e coincide con Florentino López Cuevillas. Empezan as primeiras lecturas en galego: Curros e Pondal.
- Decídese pola carreira de Filosofía e Letras en Santiago e logo, animado pola súa nai, decide cursar, en Madrid, estudos de Filosofía e Letras e Dereito. Novamente decepcionado pola Universidade, soamente lle interesan as tertulias no Café Universal e as lecturas que devora no Ateneo de Madrid.
- 1911: volta a Ourense e reencontrase, entre outros, con Cuevillas e Risco.
Os tres están marcados pola mesma educación: familia culta, orixe fidalga,
estudos no mesmo instituto, educación universitaria.
- Nace a revista La Centuria (1917) no Ateneo de Ourense.
- Estes anos caracterízanse: pola inadaptación, a ollada posta en horizontes
alleos, a adquisición de cultura europea, o descoñecemento do propio.
- Entra, xunto con Risco e Cuevillas, no Galeguismo para trataren de recuperar
cultural e politicamente Galicia. Otero comeza a súa actividade como articulista na prensa ao redor dos anos vinte, tarefa que continuará durante toda a súa vida.
Cando nace a Revista Nós colaborou nela de forma relevante: ensaios xeográficos, notas sobre a literatura estranxeira, narracións breves, traducións, pensamentos sobre os máis diversos temas...
- Cando en 1923 comeza a funcionar o Seminario de Estudos Galegos, Otero dirixe a sección de Xeografía.
- 1929: ingreso na Real Academia Galega.
- 1930: na República, sae elixido deputado pola provincia de Ourense. No
programa político que tiña que defender destaca: o federalismo, a crítica ao
centralismo, a cooficialidade do galego e o castelán, a defensa cultural de Galicia, a reforma administrativa baseada na Parroquia…
- 1936, Guerra Civil.
- A súa madurez está protagonizada pola dor: os amigos mortos ou exiliados; a
renuncia de Risco, que axiña se convertirá en propagandista do réxime; o cese
coma catedrático de Xeografía e Histoira (1937) por orde do Estado.
- 1948: recupera a cátedra no Instituto.
- 1950: oposita á cátedra de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago,
que gaña cando ten, polo tanto, 62 anos.
- 1950: participa na fundación da editorial Galaxia e colabora coa revista Grial.
- 1957: xubílase non sen antes ter entrado en contacto cos intelectuais das
novas xeracións como Méndez Ferrín, Beiras...
- 1976: Morre Otero Pedrayo.
CLAVES PARA ENTENDER O PENSAMENTO DE OTERO PEDRAYO
Sen dúbida o catolicismo constitúe o elemento central do pensamento de
Otero. O elemento relixioso inflúe constantemente na súa visión do mundo.
A tradición é o segundo elemento clave no seu pensamento. Para el, a tradición vén ser a acumulación no tempo das experiencias do vivir, do pensar e do sentir, realizadas a través das xeracións ata a formación dun común patrimonio espiritual, cultural e relixioso. É a sabiduría acumulada durante séculos, forxada na vida anónima e colectiva dos seres humanos.
Vai ser defensor acérrimo do que el considera elementos constitutivos da
tradición galega: a familia, a parroquia, a organización social e económica agraria, e a relixiosidade.
O labor galeguista ha ser, na súa opinión, a preservación e procura dun futuro
para a tradición. Trátase pois de reactualizar a tradición.
Neste sentido, predomina en Otero, con moito, unha avaliación negativa do seu
presente e unha nostalxia dos tempos pasados, exemplificados no modo de vida e constitución social típicos do Antigo Réxime (séculos XVI, XVII e, especialmente, o XVIII e principios do XIX), momento no que Galicia, segundo Otero, gozou dunha perfecta harmonía natural entre as distintas clases sociais do mundo tradicional rural galego: campesiñado, clero e fidalguía. É dicir, unha época anterior á irrupción da "economía monetaria" nas aldeas.
Posiciónase, pois, Otero contra a integración no sistema capitalista da sociedade
e economía galegas; integración que nace a partir da revolución burguesa española.
Porque, segundo a súa opinión, un dos principais axentes destrutores do modo
de vivir tradicional vai ser unha sorte de burguesía comercial: os tendeiroscomerciantes, de orixe foránea (castelá e maragata, sobre todo) que traerán uns ideais materialistas e que desprezan a vida rural galega.
Tamén valora negativamente o desenvolvemento urbano, consecuencia do
crecemento da "economía do diñeiro", pois as cidades crean unha concepción da
vida antropocéntrica e egoísta: "vivir para o corpo", cando o tradicional e típico no mundo rural era "vivir para a alma". As cidades, ao estableceren unhas relacións socioeconómicas entre os seus habitantes baseadas no traballo asalariado e unhas relacións humanas insolidarias, destrúen os tradicionais lazos de integración comunitaria e son foco de conflitos sociais.
Nesta función de reactualizar a tradición e fuxir da economía capitalista, allea á
propia organización social e económica galega, tería un papel fundamental,
segundo Otero, a fidalguía. Non obstante, desaparece definitivamente cara ao 1936 debido, por unha banda, á crise agraria e á redención foral que erosionan os seus ingresos rendistas fixos e, por outra, á integración da economía galega no conxunto capitalista español...
Os "señores dos pazos" desertan da misión histórica de continuar sendo a clase
rectora dos destinos do país xa que non souberon defender a tradición. Unha fidalguía que deserta da terra e da aldea, que se traslada á cidade e que remata
totalmente alienada cultural e politicamente, renegando da súa condición de
galegos. Otero acusa amargamente á fidalguía por traidora á propia caste e, polo
tanto, por traidora ao país.
En contraposición, Otero postula unha élite paternal que leve a dirección dos
intereses do ser de Galicia. Sería algo así coma unha fidalguía espiritual.
Na súa obra narrativa atopamos:
-Unha fidalguía real: señores da terra decrépitos e en decadencia.
-Unha fidalguía ideal: consciente da súa función na rexeneración da caste de
Galicia.
Ante a insatisfacción que lle produce a realidade, Otero inventa outra historia.
4.- A OBRA LITERARIA DE OTERO PEDRAYO
A) A obra narrativa:
Agás Fra Venero, ambientada fóra de Galicia, e A romaría de Xelmírez, de
asunto medieval, todas as súas obras teñen como tema a Galicia do século XIX e
de principios do XX. A súa obra narrativa recrea o tempo que vai desde o inicio da caída do Antigo Réxime e desde o "provincialismo" á época da República e do
nacionalismo.
Otero inicia a súa andaina literaria xa na madurez con Pantelas, home libre
(1925), obra na que presenta por primeira vez a figura do fidalgo e na que a
xeografía e a paisaxe inflúen sobre o modo de ser dos pobos e individuos,
elementos que reaparecerán en case todas as súas obras.
En O purgatorio de don Ramiro (1926) recrea o tema do alén, tan querido polos
homes de Nós (Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros de Risco, Un olio de vidro de Castelao), cun fidalgo morto coma protagonista.
Escrito na néboa (1927) é o xermolo de Arredor de si: o protagonista, chamado
Adrián Solobio, é un intelectual de orixe fidalga desorientado e cheo de dúbidas que atopará a súa vocación no sevizo á súa terra.
Na triloxía Os camiños da vida (1928), ampla visión panorámica da Galicia da
primeira metade do XIX, denuncia con amargura a dexeneración da fidalguía.
Fronte á nova clase emerxente, a burguesía vilega (tendeiros, comerciantes,
banqueiros e burócratas, estranxeiros en boa parte) desprega Otero un radical
desprezo por ser un estamento materialista e inculto, incapaz de comprender
Galicia.
O mesmo tema volve aparecer en Contos do camiño e da rúa (1932),
colección de sete relatos nos que, de novo, evoca o seu ideal de comuñón entre o
pobo e a fidalguía.
Arredor de si retrata, baixo inspiración autobiográfica, os principios do XX (os
tempos da conversión ao galeguismo).
En Devalar (1935), unha novela sen acción, exalta os homes que traballan pola
recuperación de Galicia, e completa un ciclo sobre a evolución da conciencia galega contemporánea.
Antes da guerra, Otero aínda publica outras tres novelas: Fra Venero (1934),
sobre a vida de Zacarías Verner, dramaturgo alemán luterano que se converte ao
catolicismo; A Romería de Xelmírez (1934), novela histórica sobre un bispo
Xelmírez galeguista, que encarna un dos momentos culminantes da nosa historia, segundo Otero; O mesón dos ermos (1936), na que con realismo recrea a paisaxe e os costumes galegos nun mundo de enfrontamentos, penurias e violencia.
Na posguerra, ademais das novelas en castelán, publica a colección de relatos
breves Entre a vendima e a castañeira (1957), O señorito da Reboraina (1960), O
Maroutallo (1974) e A historia dun neno (1979).
B) A obra teatral:
- A lagarada (1929), traxedia sobre a vendima e o viño na que actúan as
paixóns máis elementais, como a cobiza e a luxuria. Contén escenas
contrapuntísticas de maxia, fantasía ou ambientación poética.
- Teatro de máscaras: son 16 pezas escritas dende 1934 pero non publicadas
ata o 1975, redactadas a petición de Castelao; en realidade son máis ben un
conxunto de ideas para posibles representacións, con personaxes oterianos
clásicos, como fidalgos, cregos, borrachos...
- O desengaño do prioiro (1952) é unha sátira sobre a instalación da industria
funeraria, cobizosa e mercantilista, na idílica capital do Ribeiro, mesturando
personaxes fantásticos e históricos.
- O fidalgo e a noite (1970), Noite compostelá (1973) e Rosalía (escrita no
ano 1959 pero publicada moito máis tarde) son textos dialogados de difícil posta
en escena, con abundancia de personaxes (máis de cen na última), referencias
culturais e espazos simbólicos ou máxicos.
- En 1991, publícase Teatro ignorado, coa edicición e estudo a cargo da
profesora Aurora Marco. Novamente son 41 esbozos dramáticos ao xeito de
Teatro de máscaras que a estudosa recolleu de diferentes xornais.
C) A obra poética:
A súa obra poética redúcese a un conxunto de poemas dispersos por distintos
libros e revistas, e ao poemario Bocarribeira. Poemas pra leer e queimar (1958), 65 poemas breves, cheos de frescor e tenrura, onde os pesonaxes son elementos da paisaxe rural e doméstica de Trasalba, ofrecendo múltiples rexistros, desde a
poesía solemne ata a humanista e neopopular.
D) A obra ensaística:
É inmensa, abranguendo todo tipo de temas e enfoques, pero sempre tendo a
Galicia presente. Orientouse fundamentalmente cara á xeografía e a historia:
Ensaio histórico sobre a cultura galega (1933); Síntese xeográfica de Galicia
(1926). Mais tamén redactou guías turístico-culturais: Guía de Galicia (1926), libros de viaxes: Pelerinaxes (1929), biografías e semblanzas: Libro dos amigos (1953) e traballos de crítica literaria, sobre todo nas páxinas de Nós (por exemplo é o autor da primeira tradución parcial feita na península do Ulysses de J. Joyce).
5
Descargar
Enviado por: | Yolanda |
Idioma: | gallego |
País: | España |