Historia


Galiza na Idade Media


Índice

  • Introducción: a situación de Galiza na Idade Media............................................................... páx. 2

  • O nacemento da vila............................................................................................................... páx. 3

  • Poboación e sociedade............................................................................................................ páx. 4

  • O exercicio do poder en Cangas............................................................................................. páx. 5

  • As Guerras Irmandiñas........................................................................................................... páx. 6

  • Actividades económicas......................................................................................................... páx. 7

  • O núcleo urbano...................................................................................................................... páx. 8

  • Arquitectura............................................................................................................................. páx 9

  • Bibliografía.............................................................................................................................páx.10

  • 1. Introducción: A situación de Galiza na Idade Media

    Facemos esta introducción á Idade Media en Galiza para poder situarnos históricamente, sabermos como era a situación no resto do reino galego e podermos comparar coa historia da Idade Media en Cangas concretamente.

    Na sociedade medieval había dúas clases de nobreza: a eclesiástica de tipo monástico (os mais importantes eran os monxes cistercienses)e a nobreza secular, que non tiña tanto poderío e era a que facía a guerra.

    Unha das características, precisamente, da sociedade feudal é o predominio dos nobres eclesiásticos sobre os Laicos. Os condes tiñan menos terras cos eclesiásticos e, dentro deste último grupo, as demais terras eran benedictinas e dos benedictinos, ou cistercienses.

    Ademais dos cistercienses sobresaíron pola súa riqueza os mosteiros de San Martiño Pinario en Compostela e o de Poio en Pontevedra.

    Durante o século XI e primeiros do XII a nobreza galega procura convertir a Galicia en reino propio cun rei ou cun conde, polo que viña loitando dende a época astur-leonesa.

    Á morte de Fernando I, veu reinar en Galicia don García, que estivo cinco anos. Entón chegaba Galicia ata o Douro. Por causas de diversas loitas políticas, don García foi despoxado do seu reino e Galicia converteuse en provincia do reino Leonés, gobernado por un conde. Un fillo destes condes, Alfonso Ramírez, foi consagrado no século XII polo arcebispo Xelmírez coma rei de Galicia, pero pouco despois, envolto en loitas entre galegos e portugueses, marchou a Castela onde reinou. Foi o derradeiro rei de Galicia.

    Despois destes episodios Galicia quedou reducida ós seus límites actuais e xa non logrou separarse do reino castelán-leonés.

    No século XIV entra en Galicia unha nobreza de tipo Laico, moi guerreira e que atacaba os mosteiros, os bispos, os burgueses e os campesiños. Esta nobreza xurdida despois das loitas de Pedro I (o cruel), Enrique II os das "Mercés" , foi protagonista dos últimos séculos medievais galegos.

    Esta nova nobreza (Osorio en Lemos e Sarria, Andrade en Pontedeume, os Sarmiento, os Ulloas, os Sotomaior ... ) loita contra as institucións e despoxándoas violentamente das riquezas que lles pertencían. A época conflictiva en Galicia foi no século XV ; houbo constantes conflictos sociais. De todos eles destacan : "As guerras Irmandiñas " que foron dúas.

    No primeiro tercio do s. XIV enfrenta os Andrade cos campesiños das súas terras. Iniciouse en Pontedeume e o principal obxectivo era a destrución das fortalezas dos nobres Laicos, chegando a queima-lo castelo que os Andrade tiñan en Betanzos. Despois intentaron atacar Compostela, pero foron derrotados.

    Enfrenta a nobreza Laica (señores de Castelos e torres e encomendeiros; os que facían os encargos) dos principais mosteiros e catedrais cos irmandiños, formados por campesiños, xentes de cidades, monxes mais baixos e tal vez clérigos e frades.

    Axiña os irmandiños fixéronse donos de toda Galicia e os principais nobres, escaparon e escondéronse, pero rapidamente reaccionaron e axudados polo arcebispo compostelano e outros señores derrotaron os irmandiños; debido, por unha parte, o bo exército con que contaba a nobreza; e por outra, as desabenencias entre propios irmandiños. Tampouco a victoria dos nobres foi durareira, porque tamén xurdiron desabenencias entre eles.

    Mentres os nobres galegos derrotaban os irmandiños casan Isabel de Castela e Fernando de Aragón (Reis Católicos).

    Ó ser recoñecida Isabel como raíña de Castela, provocou unha guerra castelán-portuguesa. A nobreza galega viuse misturada e saiu perxudicada. Os reis católicos fan desaparecer parte desa nobreza mais belicosa, e a Igrexa beneficiouse moito deso, sobre todo os mosteiros e cavildos.

    Para mellor goberno de Galicia no ano 1840 aparecen dúas institucións : a Audiencia de Galicia e a Xunta do reino de Galicia

    A finalidade da Audiencia de Galicia e a pacificación de Galicia e facer que se cumplise a xustiza dos monarcas, e a xunta do reino tiña como misión repartir entre as provincias os tributos que pedía a coroa. Coa chegada dos reis Católicos remata a Idade Media.

    2. O nacemento de vila

    Fica dito que sobre o emprazamento actual de Cangas existe xa un núcleo habitado en época romana. A poboación tería desaparecido a partir do século VII por mor de que a economía volveuse infructuosa.

    Os poucos habitantes que ata entón puidesen ter subsistido naquela primitiva e descoñecida Cangas abandonarían con certeza o areal costeiro e asentaríanse en zonas máis apartadas.

    Téñense referencias escritas que datan do ano 570 e do paso de Almanzor no século X por estas terras do Morrazo, que a partir do século XII pasan a pertencer ó arcebispado de Santiago, que exerce o seu dominio dende o castelo de Darbo. A partir de entonces, igrexa e nobres da casa de Sotomaior comparten o señorío desta zona da ría.

    Na primeira metade do século XV, moitos veciños das parroquias colindantes de Darbo e Coiro aséntanse no fronte marítimo. Por iso aparecen referencias a que viven e exercen o seu oficio de mareantes do porto de Cangas. O seu número chegaría a ser superior ó da parroquia de Darbo, articulándose entón un incipiente núcleo urbán onde destacan dous barrios, o Señal e o Costal, núcleos primixenios da vila.

    En 1467, e debido ó clima de anarquía política e os constantes abusos da nobreza, Cangas veuse inmersa nunha gran revolta popular e antiseñorial coñecida como a Segunda Guerra Irmandiña. Foi entón cando os sublevados derrocaron a fortaleza de Darbo, pertencente á mitra arcebispal de Santiago.

    A nosa poboación empeza a ser citada como vila a partires do século XVI, cando se levanta a igrexa que pasaría a ser colexiata no 1545.

    O nome de Cangas aparece por primeira vez na historia nun documento de 1160, no que o mesmo rei Fernando II dona a herdade de Cangas, situada á beira do mar, a un tal Varela, presuntamente un cabaleiro.

    3. Poboación e sociedade

    A poboación de Cangas (sempre considerada no momento de consolidación do seu sistema urbano medieval, na segunda metade do século XV) superaría lixeiramente os mil habitantes.

    O esquema social desta poboación compón un panorama sinxelo, toda vez que a presenza estabel de clero e nobreza era reducida. En canto ós nobres, os señores principais, pertencentes á casa de Sotomaior tiñan noutros lugares as súas moradas, pasando por Cangas só circunstancialmente. Si que residía, en cambio, algún fidalgo, seguramente formando parte da “clientela” dos condes de Sotomaior.

    A gran masa da poboación eran xentes do mar: mariñeiros, pescadores e mareantes.

    Non deixa de ser interesante constatar que a relevante documental dos xastres, por ser efectivamente un tanto aleatoria e ocultársenos a presenza doutras profesións é indicativa da vitalidade que o sector do vestido (completado coa cita co zapateira) tiña por esas datas en todas a poboacións galegas, no que esta, polo tanto, segue as pautas xerais do desenrolo artesanal.

    Compre non esquecer que a persistente pegada agraria traducíase no terreo social na presenza de veciños labradores.

    Sabemos moi pouco acerca da organización profesional vixente en Cangas. Un documento permítenos coñecer a existencia da confraría da Madalena a mediados de século. Nun lugar como Cangas, de dimensións reducidas, e da mesma maneira que acontecía noutras poboacións semellantes, as confrarías non encadraban un único oficio, senón a xeneralidade dos veciños, de profesións diversas, e incluso admitirían, tal vez de forma honrosa, a membros socialmente relevantes da zona, que os apoiarían económicamente.

    Este carácter menos corporativo da confraría canguesa, non tan unida á defensa dos intereses específicos dun oficio determinado, como era propio doutras, realzaba en cambio as súas funcións relixiosas en detrimento das atribucións profesionais.

    Aínda existindo loxicamente notabeis diferencias de nivel debida e de consideración social, como as que poden mediar entre un notario, un xastre ou un mareante por un lado, e un humilde pescador polo outro, sen embargo a falta de presenza significativa de privilexiados parece conferir gran homoxeneidade á poboación, o cal sen dúbida non deixaría de ter importancia no seu comportamento socio-político.

    4. O exercemento do poder en Cangas

    A doazón de Fernando II en favor de Varela no ano 1160 estabelecía con claridade a xurisdicción deste nobre e a súa descendencia sobre Cangas. A delimitación con Darbo, Ourelo e Entre-Ambos-Ríos circunscribe estrictamente o obxecto da doazón ao emprazamento da futura vila de Cangas, se ben ese territorio pertencía eclesiasticamente á fregresía de Darbo.

    O castelo de Darbo foille oficialmente recoñecido ó arcebispo Pedro Suárez de Deza polo mesmo Fernando II en 1184.

    O feudo cangués de Varela estaba desde o seu inicio rodeado de coutos e granxas arcebispais, nun contacto que co tempo aínda se intensificou, de maneira que se podía prever a colisión entre ambos poderes, como desde logo sucederá no século XV.

    Descoñecemos a evolución da xurisdicción de Varela, mais todo apunta a que, por algún camiño cuxos tramos se nos ocultan totalmente, nalgún momento entrou en contacto coa familia de Sotomaior, solidamente implantada alomenos desde o século XV.

    Os dous poderes señoriais, arcebispos e Sotomaior, rematarán enfrontándose aberta e violentamente polo dominio de Cangas, protagonizando así a tensión social do remate da Idade Media na zona.

    É preciso introducir aínda un terceiro poder neste panorama, o máis importante desde o punto de vista da vida cotiá da vila: o Concello, onde os veciños participaban directamente e de forma autónoma fronte ó señorío.

    En varios documentos vemos ó Concello de cangas actuando en materia urbanística en presenza do conde de Camiña, que se atopaba alí coa intención de exercer as súas prerrogativas señoriais fronte ó arcebispo e tamén quizais por participar economicamente na dita obra; en todo caso detenta un innegable papel arbitral. A esa altura o Concello semella estar poderosamente influído polo poder señorial, consecuencia natural do reforzamento xeneralizado deste en toda Galiza por esas datas.

    A existencia da organización Irmandiña de Cangas constitúe un dato indirecto pero importante acerca da madurez que entón tería acadado o Concello.

    O esquema político da vila, non ficaría completo sen tomar en consideración, pese ó modelo feudal vixente, á intervención de xurisdicción real. En primeiro lugar, na segunda metade do século XII, nas concesións de Fernando II do señorío da herdade de Cangas a Varela e do castelo de Darbo ós arcebispos. En segundo lugar no período Irmandiño, convén non perder de vista que a Irmandade defendía a súa xurisdicción e estaba ligada a ela. No remate do período, os Reis Católicos actúan na conflictividade política da zona, na fase de imposición do Estado Moderno.

    5. As Guerras Irmandiñas

    Entre os anos 1466 e 1469 tivo lugar en Galiza a Revolución Irmandiña, na cal- no contexto dunha sublevación xeneralizada da nobreza contra o rei Enrique VI -creáronse asociacións populares, chamadas Irmandades, que apoiaron ó monarca e arrebataron o poder ós señores feudais, ocupáronlles as fortalezas, derrocáronas acto seguido e estabeleceron sobre as poboacións directamente a súa autoridade, exercida polos seus cargos dirixentes (alcaldes, procuradores e cuadrilleiros). Creouse así unha estructura adaptada ó modelo organizativo vixente no reino de Galiza, presuntamente novedosa, mediante Irmandades de alcalde local e comarcal, supeditadas en instancia superior á Irmandade da cidade principal da zona, que actúa como captital e por fin todas as do país á Irmandade Xeral do Reino de Galiza, reunida temporalmente en diferentes localidades.

    Seguindo as directrices dictadas pola Irmandade Xeral para toda Galiza na primavera de 1467, tamén a de Cangas derrocou o castelo de Darbo, acción esta que na maioría dos casos non supuña combate ningún , pois as fortalezas fóranlle previamente entregadas por mandato real.

    En canto ós documentos redactados na zona de Cangas parecen constituír dous momentos dun mesmo proceso, polo que a súa temática é semellante: Lopo Pérez Mariño de Lobeira, a sazón alcalde maior da Irmandade de Pontevedra, actuando en nome da súa avoa Maior Rodríguez de Aldao, demanda ante a Irmandade de Cangas dar cumplimento a xenllas sentencias dictadas pola de Pontevedra para serlle restituído o casal de Oxén e a herdade da Pedra, que lle foran ocupados polo clérigo de Darbo, así como o padroádego da igreza de Hío, procedéndose efectivamente ó facelo.

    Dos documentos preséntasenos á Irmandade, actuando como tribunal, no seu cometido de desfacer os agravios pendentes pola carencia manifesta de xustiza tan característica das décadas precedentes. Os alcaldes das Irmandades da zona aparecen investidos de autoridade para actuar en tal sentido.

    O alcalde da Irmandade de Cangas, todo indica que se trataba de un personaxe fortemente implantado na vila. El mesmo ou un parente seu moi próximo ocupaba 25 anos despois postos de responsabilidade política como alcalde da Santa Hermandad, do cal dedúcese que, pese á derrota do movemento e á frustración do seu programa municipal, moitos dos seus protagonistas puideron conservar no futuro posicións relevantes.

    6. Actividades económicas

    Existe un dilatado período- desde o século XII ata finais do XV -no que a importancia da pesca non deixa de medrar, pero nada sabemos do papel desempeñado pola vila de Cangas. As noticias aparecen cara mediados do século XV, nunha fase de intensa actividade en toda a Galiza costeira. Cangas aparece xa como principal porto secundario da ría, e o seu papel na pesca e na exportación permítenlle codearse, cara finais da centuria, con Noia, Muros e a mesma Pontevedra.

    A dependencia de Cangas con respecto a Pontevedra era visible na vixencia da medida da súa praza en todo o Morrazo e na inmigración de cangueses.

    Tanto na Ría de Vigo como nas de Aldán e Pontevedra o groso da pesca de Cangas realízase en pequenas embarcacións e algún trincado no que se porta o aparello do cerco real. As capturas diríxense ó porto de Pontevedra, onde se venden, se someten a tratamento de conservación nos fumeiros instalados na Moureira e expórtanse logo en embarcacións maiores ata as cidades mediterráneas.

    Esta dependencia non excluíu a participación directa de mareantes cangueses no productivo tráfico a gran distancia, incrementada nas últimas décadas, na que localizamos embarcacións de Cangas nos portos mediterráneos.

    Durante moito tempo Cangas carecerá de dique de abrigo , dispondo tan só dun peirao de atraque utilizable para carga e descarga pero inútil en caso de temporal. As embarcacións maiores fondearían no protexido porto fluvial de Pontevedra.

    A función portuaria de Cangas convértese na característica definitoria da poboación, ate o punto de que desde o derradeiro tercio do século XV a documentación denomínaa sempre Porto de Cangas. Nese mesmo século Cangas experimentou un sensible medre demográfico, a gran parte dos seus habitantes atopaban traballo como mariñeiros nutrindo de tripulantes as propias embarcacións e as doutros lugares, en tanto que en Pontevedra estabelecíanse algúns na procura de mellores oportunidades nos negocios marítimos.

    O desenrolo pesqueiro de Cangas e a súa intervención crecente na Ría de Pontevedra acabou provocando conflictos con esta cidade dos que temos noticia a finais do século XV e principios do século XVI, enfrontándose á poderosa confraría pontevedresa do Corpo Santo, que pretendía controlar toda a pesca da ría.

    A agricultura seguiría a manter sempre un papel economicamente relevante e visualmente dominante no entorno. Os burgueses mantiñan unha estreita vinculación co campo e investían capitais en fincas rurais.

    7. O núcleo urbano

    As primeiras referencias documentais á existencia da vila de Cangas son moi tardías, xa de mediados do século XV. No remate dese século, e tan só en torno a 1540, faise merecedora por fin do título oficial de vila.

    Sobre esta base podemos asegurar que a mediados do século XV Cangas está xa perfectamente formada como pequeno grupo urbano, unha das abundantes vilas galegas mariñeiras na que intuímos unha estructura social acorde coa situación, conformada por unha poboación dedicada ás diversas profesións burguesas, aínda que de momento só coñezamos xastres, zapateiros, notarios e xentes do mar.

    Unha primeira etapa de desenrolo urbanístico, databel no século XIII, limitaba o burgo orixinario enclavado na elevación do Costal. Foi a sinalada conxuntura expansiva da exportación pesqueira de mediados do XV e a súa intensificación nas dúas décadas finais, a circunstancia que permitiu a consolidación urbana sendo sen dúbida ate ese momento moi notorio, seguramente preponderante, o peso das actividades agrarias que lle conferían ó emprazamento de Cangas ese aspecto ostensibelemente rural e expresado polo termo lugar co que aínda se designa en pleno século XV.

    8. Arquitectura

    A vila de Cangas, e moi particularmente a súa zona monumental, acolle un rico patrimonio artístico cada vez máis recoñecido e valorado. Neste antigo burgo de pescadores, a sabia man do canteiro e o bo facer dos seus homes e mulleres ó longo dos séculos remataron legándonos a preciosa arquitectura mariñeira, que fonda as súas raíces na tradición medieval.

    Nesta época constrúense o pazo torre en Aldán, ligado á linaxe dos Aldao e pertencente ó conde de Canalejas, moi preto do pazo de Vistalegre, que xa no século VIII servía como torre de vixilancia sobre arriba aínda que a casa actual é do século XV.

    Cabe destacar os petroglifos do “Pinar do Rei” cun mirador chamado “Balcón do Rei” e as casas da Inquisición en Coiro, chamadas “o tren”.

    Bibliografía

      • Título: Cangas na Idade Media

    Autor: Anselmo López Carreira

    Concello de Cangas




    Descargar
    Enviado por:Aiken
    Idioma: gallego
    País: España

    Te va a interesar