Historia


Galicia en el Antiguo Régimen


  • Introdución

  • Malia considerarse que o Antigo Réxime en Galiza comprende dese as reformas dos Reis Católicos até a chegada do Estado Liberal no século XIX, os límites desta etapa non se poden establecer de xeito claro. Aínda así, é unha etapa na que Galiza sofre importantes cambios en tódolos eidos, como imos ver deseguido.

  • Sociedade

  • Unha poboación en expansión

  • O crecemento que se produce nos séculos XVI, XVII e XVIII resúmese do seguinte xeito:

  • No século XVI hai un crecemento que supón que de 300.000 habitantes pase a haber 630.000.

  • De fins do XVI a mediados do XVII hai un período de crise.

  • De mediados do XVII a mediados do XVIII prodúcese o crecemento máis espectacular, que supón que Galiza teña 1.300.000 habitantes.

  • A distribución espacial da poboación non era tan desigual coma na actualidade:

  • Costa vs. interior: desde finais do século XVI xa se albiscaba a tendencia a unha maior poboación na costa, feito que se acentúa a mediados do XVIII.

  • Rural vs. urbano: este crecemento demográfico é fundamentalmente rural (agricultura, industria rural), malia existir núcleos urbanos importantes coma Pontevedra no século XVI, ou Ferrol, A Coruña e Santiago no XVIII.

  • Prodúcese, con estes cambios, o paso do ciclo demográfico antigo ao ciclo demográfico moderno:

  • Ciclo demográfico antigo: caracterizado pola alta natalidade e a alta mortalidade. Este comportamento demográfico desaparece en Galiza a mediados do século XVII.

  • Ciclo demográfico moderno: caracterizado pola baixa natalidade e a baixa mortalidade (matrimonio serodio, alta taxa de solteiría, fecundidade débil, morte benigna). Dáse en Galiza desde mediados do século XVII e supón que o matrimonio se converta en mecanismo regulador da demografía. Ademais, produce uns excedentes demográficos que provocarán correntes migratorias.

  • As correntes migratorias, producidas polo desequilibrio entre os recursos e a poboación, terán diferentes destinos e orixes:

  • Destinos:

    • As Indias, Portugal (O Porto e Lisboa) e Madrid, destinos dunhas 350.000 persoas até a segunda metade do século XVIII.

    • Castela e Andalucía: destinos temporais dunhas 40.000 persoas.

  • Orixes:

    • No litoral, a alta taxa de solteiría feminina, fai supor unha importante emigración masculina permanente ou definitiva.

    • No interior, a igualdade entre as taxas de solteiría feminina e masculina, fai supor unha emigración temporal.

  • Os conflitos sociais

  • Nesta época prodúcense conflitos sociais de moitos tipos:

    • Contra as levas militares.

    • Contra os tributos do rei.

    • Motíns contra os que teñen a riqueza por causa da fame.

    • Contra a industrializacións (Sargadelos).

    • Revoltas mariñeiras contra os cataláns.

    • Motíns de traballadores do arsenal ferrolán.

    Pero, sen dúbidas, os conflitos máis importantes son os derivados do dominio da terra, que poden ser de dous tipos:

  • Entre eclesiásticos e fidalgos: as terras da Igrexa estaban cedidas aos fidalgos mediante contratos forais e estes, á súa vez, cedíanllas aos campesiños do mesmo xeito. No século XVIII a Igrexa quixo dispoñer das terras para cedérllelas a quen quixese, pero a oposición dos fidalgos fixo que isto non fose posíbel grazas á Provisión de 1763, que impedía que fosen adiante as demandas de despoxo chegadas á Audiencia.

  • De campesiños contra os señores: durante toda a Idade Moderna os campesiños quixeron librarse dos señores da terra, o que trouxo consigo numerosos conflitos. Con todo, non sería até comezos do século XIX cando conseguirían ser propietarios.

  • Economía

  • Millo e pataca

  • A agricultura evoluciona nesta etapa coa ampliación do espazo cultivado, a intensificación da produción e a incorporación de novos cultivos. Aséntase a aldea, herdeira das villae, e aínda se conservan os foros.

    A evolución da agricultura, ao igual cá da poboación, non é uniforme:

  • No século XVI é menos dinámica.

  • Nos séculos XVII e XVIII evoluciona moito máis, especialmente coa chegada do millo ( xeneralízase a partir de 1630 - 1640).

  • O millo é un cereal americano que se introduce moi rapidamente en Galiza, aínda que con diferenzas:

  • No litoral: introdúcese moi rapidamente, de xeito que en pouco tempo se volve un terzo da produción de cereais. Vaise introducindo no interior ao longo dos vales fluviais.

  • No interior lugués e ourensán: non se asenta tan axiña.

  • O millo dá lugar á diferenciación entre dous modelos de aproveitamento agrario:

  • Intensivo: máis produtivo, na costa.

  • Extensivo: menos produtivo, no interior.

  • As principais vantaxes da introdución deste novo cultivo son:

  • Rendementos altos.

  • Ciclo vexetativo menor (primavera - outono).

  • Fariña doada de usar para facer pan (pan de broa).

  • Malia todo, non supón un cambio nas técnicas agrícolas nin nas relacións sociais.

    A pataca é o outro novo cultivo que chega a Galiza, mais serodiamente, e como complemento do millo:

  • Coñécese desde o século XVI, pero non se xeneraliza até o XVIII e afianzarase no XIX.

  • Esténdese polo interior, onde o millo non se xeneraliza, e produce unha certa intensificación da produción nestas zonas.

  • Esta produción agrícola era responsabilidade de pequenas explotacións dedicadas ao policultivo e nas que a complementariedade entre agricultura e gandería era manifesta. Ademais, os campesiños non eran propietarios da terra senón que a traballaban grazas a formas de cesión coma o foro, sistema que:

  • Dáballes aos campesiños certa liberdade.

  • Garantía os ingresos, a través de rendas, dos propietarios.

  • Garantía a súa continuidade e estabilidade.

  • Protoindustria e comercio colonial

  • O téxtil

  • O liño constitúe no século XVIII unha industria téxtil coñecida coma industria rural doméstica. Podemos distinguir dúas etapas:

  • Até o último terzo do século XVIII: é unha produción de traballadores independentes, rural, destinada a mercados exteriores. A comercialización dependía dos maioristas dos puntos de destino ou do propio produtor.

  • No último terzo do século XVIII: liberalízase o mercado colonial, o que permite a exportación, e impórtanse materias primas (liño) por mar (Riga - Ribadeo), o que produce a chegada de comerciantes importadores coma o rioxano Raimundo Ibáñez, futuro marqués de Sargadelos.

  • Todo isto non supón unha transición cara o capitalismo por:

      • As limitacións técnicas.

      • A escasa diversificación.

      • O conservadorismo dos comerciantes.

      • O contexto internacional (guerras napoleónicas, independencia das colonias).

    Así, a modernización téxtil virá da man do algodón e o liño quedará relegado ao autoconsumo.

  • O sector pesqueiro

  • A chegada de cataláns á costa galega no 1750 adoitase asociar á aparición dunha pesca capitalista. Entre os cambios máis importantes destacan:

  • Cambios nas artes de pesca (o certo polo arrastre).

  • Mellora das técnicas de salgadura.

  • Nova organización social: traballadores asalariados, factorías salgadeiras para unha mellor conservación, mellor comercialización.

  • Malia todo, isto non supón, como se adoita afirmar, a aparición dunha pesca capitalista, por dúas razóns:

  • A pesca galega non estaba tan atrasada como describen os cataláns.

  • A difusión de prácticas capitalistas é escasa.

  • Así, non mudan as relacións sociais, só substitúen as clases dominantes. De xeito que, de novo, as estruturas sociais bloquean este intento industrializador.

  • Sargadelos

  • A fábrica de Sargadelos, fundada por Raimundo Ibáñez, pasaría por varias fases nos seus primeiros tempos:

  • En 1791 é fundada como ferrería.

  • En 1796 constrúese un forno alto que usaba materias primas tradicionais (carbón vexetal, ferro).

  • En 1804 aparece a fábrica de louza e outra de tecidos que non terá éxito.

  • Pero esta industria non será ben acollida pola poboación da zona. Así, en 1798, cregos e fidalgos alentan aos campesiños para que destrúan a fábrica xa que consumía moito carbón vexetal e non gustaban dos seus métodos de traballo. O marqués de Sargadelos sería asasinado en 1809 en Ribadeo.

  • Outras actividades

  • Outras actividades son as fábricas de sombreiros, coma a da Coruña adquirida polo francés Barrié, as mantelarías de Sada, o intento de sacar adiante unha fábrica de tecidos en Pontevedra de man dos ingleses Lees, os arsenais de Ferrol... Todas elas de escaso éxito. Así, o comercio desta época resúmese en:

  • Comercio interior: feiras e mercados locais (viño, tecidos).

  • Comercio exterior: importación de liño, augardente, gran... e exportación de tecidos.

  • Con todo, Galiza non consegue igualar a súa actividade comercial á doutros pobos peninsulares.

  • A hexemonía dos rendistas: a fidalguía

  • A sociedade do Antigo Réxime dividíase entre privilexiados (nobreza laica, eclesiástica e fidalguía) e non privilexiados (campesiños).

  • Privilexiados

  • O clero: divídese en clero regular (vive en mosteiros e conventos e recibe as rendas dos foros) e secular (recibe rendas dos décimos). Ademais hai importantes diferenzas dentro do clero (crego rural vs. arcebispo).

  • A nobreza laica titulada: ten xurisdicións e coutos, amais de percibir rendas agrarias.

  • A fidalguía: actúa de intermediaria entre a Igrexa e os campesiños, malia algúns conflitos individuais coa Igrexa. Presente desde o século XVI, afírmase o seu poder no XVII (recibía un terzo dos ingresos agrarios).

  • O destino dos ingresos que recibían os privilexiados era:

  • O clero investíao no consumo interno dos mosteiros e nas esmolas.

  • Os fidalgos nos gastos dos pazos e na devolución á Igrexa da renda foral (eran foristas intermediarios).

  • Ademais, ámbolos dous investían moito diñeiro en preitos mutuos ou cos campesiños, polo que o diñeiro xerado polo campo non era investido para acadar melloras na agricultura.

  • Non privilexiados: os campesiños

  • Os campesiños son a base da sociedade do Antigo Réxime, tanto polo seu número (80% da poboación) coma pola riqueza que xeran. Son, ademais, os responsábeis da introdución dalgúns cambios na agricultura:

  • Novos cultivos.

  • Rotacións máis intensivas.

  • Feche de baldíos.

  • Con todo, entre os campesiños había importantes diferenzas sociais:

  • Os menos favorecidos son os que a duras penas teñen unha residencia estábel, os bodegueiros ou caseteiros.

  • Os máis favorecidos reciben rendas que, moitas veces, superan ás dalgúns fidalgos.

  • O crecemento demográfico que explicamos anteriormente está fortemente vencellado á actividade deste grupo social, xa que canto máis se practicaba a agricultura intensiva maior era o crecemento da poboación (isto acontece no litoral.)

  • Grupos sociais non vencellados directamente á terra

  • Mariñeiros: están agrupados en gremios e confrarías e, desde 1750, dominados polos cataláns.

  • Artesáns urbanos: agrupados en gremios, son a base de cidades coma A Coruña ou Compostela.

  • Comerciantes: aséntanse nos principais portos galegos (destaca o barrio da Pescadería da Coruña) e viven unha etapa de esplendor no século XVI (comercio con panos e viño, cambistas) á que lle seguirá a decadencia do XVII. No século XVIII rexurdirá o esplendor anterior co comercio de produtos téxtiles, sombreiros... e a importancia do comercio con América. Son, porén, un grupo de comerciantes cunha capacidade de transformación limitada que, en moitos casos, investirán na terra.

  • Cultura

  • A cultura do barroco

  • Os cambios que vive a sociedade galega tamén se reflicten no ámbito artístico e cultural. Así, chega o movemento intelectual coñecido como Ilustración e a Igrexa promove numerosas obras arquitectónicas e escultóricas que seguen o estilo barroco. A Igrexa intenta difundir as ideas da Contrarreforma formando máis ao clero, para afastalo da cultura popular, e loitando contra as supersticións, para o que usa, entre outras cousas, esta arte barroca. Entre as obras do Barroco destacan:

  • Arquitectura: a fachada da Catedral de Compostela de Fernando de Casas; a Torre do Reloxo da mesma catedral, de Domingo de Andrade; a remodelación de mosteiros; a construción de conventos, coma o de Santa Clara en Compostela, de Simón Rodríguez; a construción de pazos coma o de Oca; a remodelación doutras catedrais coma a de Ourense ou Lugo (capela da Virxe dos Ollos Grandes).

  • Escultura: retablos con función didáctica; baldaquinos, coma o da Catedral compostelá.

  • As institucións educativas

  • As institucións educativas estaban dominadas pola Igrexa. Así, existían os seminarios (relacionados coa vontade de reforma do clero) e as institucións promovidas por diferentes ordes relixiosas, entre as que destacan as Xesuítas, un paso intermedio entre as preceptorías ou cátedras (nas que se aprendía gramática e latinidade) e a universidade. Destacan entre os colexios Xesuítas:

  • O Colexio de Monterrei, fundado en 1555 por Alonso de Azevedo, conde de Monterrei. Tiña unha grande fama e nel aprendíase gramática, artes e teoloxía moral.

  • O Colexio de Monforte, fundado en 1592 por Rodrigo de Castro, irmán do conde de Lemos e Cardeal e Arcebispo de Sevilla. Permanece como colexio de Humanidades trala expulsión dos Xesuítas.

  • A institución representativa do ensino superior en Galiza é a Universidade de Santiago, denominada nos seus primeiros tempos Estudo Vello. Pasa por varias fases:

  • No 1495 Lope Gómez de Marzoa funda a “Escola de Gramática”.

  • Os mecenados de Diego de Muros e Alonso de Fonseca permiten a súa ampliación. Así, aparecen os colexios de Fonseca, San Xerome ou San Clemente (neles residían os estudantes e dábanse clases.)

  • Logo aparecerían as facultades de Medicina e Leis.

  • No século XVIII levaríanse a cabo algunhas reformas, acolleríanse novos saberes coma Matemáticas e Física e destacarían profesores coma Xosé Rodríguez (investigación científica experimental). Ademais a Universidade contaba xa cunha importante biblioteca.

  • A Ilustración

  • A Ilustración é unha corrente de pensamento que se estende pola Europa do século XVIII. Ten como piar principal o uso da razón para solucionar problemas tanto individuais coma colectivos.

    En Galiza destacan institucións coma a Universidade, ou outras creadas polos ilustrados como é o caso das Sociedades Económicas ou o Consulado. Entre os persoeiros relevantes desta época cómpre nomear a aos padres Sarmiento, Feijoo e Cornide Saavedra, ademais doutros coma Francisco de Castro ou Pedro A. Sánchez. Persoeiros que buscan solución aos numerosos problemas da Galiza do século XVIII, pero que se centra basicamente en tres:

  • A agricultura:

    • Organización da propiedade: para Sarmiento debían desaparecer intermediarios coma a nobreza e a fidalguía e para Castro os morgados eran unha traba para a mellora da sociedade.

    • Cambios nos modos de cultivo: introducen coñecementos de agronomía, promoven institucións coma a Academia de Agricultura, buscan o perfeccionamento do instrumental, a rotación dos cultivos, mellores adubos...

    • A diversificación da economía: como é o caso das industrias téxtil (denuncian o atraso do liño), de coiros ou salgadeira. Fomentan a industria popular e ven como negativos os adiantos dos fomentadores cataláns (xávega). Denuncian tamén as deficiencias do comercio e das comunicacións (Lucas Labrada, P. A. Sánchez). Persoeiros coma Raimundo Sánchez buscan combinar as virtudes da sociedade tradicional coas innovacións.

    • A cultura galega: estudan a historia, a lingua e denuncian o desprezo que sofre Galiza. Destacan neste eido Feijoo, Cornide ou Sarmiento, especialmente este último, quen estuda a lingua galega, a historian natural, o folclore, a poesía lírica medieval.

    • -

      Con todo, carecían dunha ideoloxía política malia ser os precursores do galeguismo. As posicións ideolóxicas entre os ilustrados era moi diferentes:

    • Sarmiento avoga por unha volta ao mundo feudal nos eidos social e político.

    • Cornide e Somoza de Monsoriu son máis reformistas.

    • Lucas Labrada e Marcelino Pereira achéganse ao liberalismo.

    • Entre as institucións fomentadas polos ilustrados en Galiza destacan:

    • Academia de Agricultura do Reino de Galiza (A Coruña,1765, promovida por marqués de Piedrabuena e Cornide): investiga a decadencia da agricultura, atribuída ás terras non cultivadas. Desaparecería en 1774.

    • Real Consulado Marítimo da Coruña (1785): tiña libre comercio con América e numerosas competencias (solución de litixios, os portos galegos estaban baixo a súa xurisdición). Del formaba parte Lucas Labrada (Descrición económica del Reino de Galicia) e foi unha institución defensora do liberalismo a comezos do XIX, opoñéndose ao absolutismo de Fernando VII.

    • Sociedades Económicas de Amigos del País en:

      • Lugo (1785).

      • Compostela (1784): promovida por P. A. Sánchez e L. M. Pereira, dedicouse a estudar como mellorar a industria do liño.

      • As reformas sociais promovidas polos ilustrados foron freadas polos grupos rendistas.

        Tanto que lle quita o nome ao antigo millo, así o millo americano será millo ou millo gordo e o autóctono millo miúdo. Nos lugares onde o millo miúdo se denominaba paínzo o millo americano recibirá o nome de maínzo.

        Os baldaquinos están a medio camiño entre a arquitectura e a escultura.

        5. A Galiza do Antigo Réxime

        1

        Historia de Galiza

        2006/2007

        USC




    Descargar
    Enviado por:LuZinHa
    Idioma: gallego
    País: España

    Te va a interesar