Biología, Botánica, Genética y Zoología


Ecoloxía


CARA UNHA CONCIENCIA ECOLOXICA

ÍNDICE

Introdución………………………………………………………………………4

¿Que e a conciencia ecolóxica? ......................................5

A Prehistoria.......................................................................8

As sociedades primitivas..................................................9

As civilizacións antigas....................................................11

A civilización occidental................................................. 15

O século XX........................................................................18

O movemento ecoloxista................................................ 20

Ecoloxismo Internacional................................................22

Conclusión............................................................................25

INTRODUCIÓN

Este traballo naceu coa idea de facer unha análise do xurdimento e desenvolvemento dunha conciencia ecolóxica nas últimas décadas, dende o boom do ecoloxismo nos anos 60. Non obstante, á hora de achegármonos a un movemento histórico, compre que sempre botemos unha ollada aos seus antecedentes, aos primeiros acontecementos que indican o que está a se aveciñar. Así leveime unha sorpresa cando comecei a buscar a información e vin o difícil que era atopar algo sobre este tema que fose alén de mediados do século XX.

Deste xeito, e con mellor ou peor fortuna, semelloume máis interesante e ao mesmo tempo útil, darlle unha maior importancia relativa ao que puidese atopar destes antecedentes. Máis tendo en conta que a actualidade do ecoloxismo é ampla e non se podería abranguer correctamente nun espazo tan limitado.

Sen máis entro xa no traballo en si.

¿QUE É A CONCIENCIA ECOLÓXICA?

Segundo a RAG defínese ecoloxía como a parte da Bioloxía que estuda as relacións existentes entre os distintos organismos e o medio no que viven.

Resúltanos evidente que tódolos seres vivos están influídos polo ambiente no que desenvolven a súa vida. Non obstante isto xa non está tan claro se o ser vivo do que estamos a falar é o propio ser humano.

Semella que só nós podemos alterar dun xeito tan notorio o medio,e que isto fai que o controlemos e non esteamos sometidos á necesidade dun equilibrio co resto da natureza.

Segundo Jaime Desprèe,coñecido ensaísta manchego, poderíase dicir que o ser humano converteu a natureza en territorio (na súa acepción de extensión ocupada por un estado, nación ou outro tipo de xurisdición) e que deste xeito creu liberarse dos dictados naturais.

Así, cando xurdiu o xénero humano, ocupaba a natureza como o fai calquera outra especie animal: o seu espazo era só defendido de inimigos naturais (entre os que se atopaban membros da súa mesma especie que non pertencían ao grupo,ao igual que sucede co resto de animais territoriais) e por tanto non se establecía un verdadeiro territorio. A natureza estaba presente neste espazo, e cando comezaban a escasear os recursos que esta ofrecía, a comunidade que o habitaba migraba a outro terreo con mellores condicións.

Non obstante esta situación muda cando comeza o sedentarismo. Coa revolución neolítica o home descobre a agricultura e a gandería, co que comeza a controlar dun certo xeito os recursos naturais sen depender tanto das leis da natureza (aínda que non debemos esquecer que estas leis en realidade non mudan, senón que son utilizadas para obtermos máis beneficios).

O espazo ocupado convértese en territorio, xa que o home aprópiase do mesmo como seu, e tenta controlar todo o que ocorre nel, liberarse da natureza. Pódese dicir que a natureza, ó definila como territorio, convértese nun concepto político.

Así o territorio protéxese de todo aquilo que os seus poboadores non poden controlar,sexa ou non inimigo natural. Ademais as comunidades xa non se conforman co aproveitamento dos recursos que son ofrecidos dun xeito natural, e pola contra interveñen na natureza para maximizar a obtención destes.

Con todo isto o ser humano vai alén do que fora calquera outra especie na intervención sobre o medio.

Cando calquera especie creba o equilibrio da natureza é prexudicada á consecuencia desta rotura, restablecéndose de novo o equilibrio. Este proceso non adoita tardar moito tempo en notarse.

Pero no noso caso, aínda que estamos a crebar continuamente o referido equilibrio, e en moitas ocasións a natureza volveuse na nosa contra por isto, non semella que nunca se restablecese a situación natural. Máis ben ó contrario, cada vez a nosa intervención é máis brutal.

Isto fixo xurdir unha idea que imperou durante moito tempo e que aínda hoxe está moi presente: o ser humano non se adapta á natureza, senón que adapta a natureza a si mesmo.

Non obstante nos últimos anos non deixamos de descubrir que non estamos libres dos mecanismos que tenden a voltar sempre ao equilibrio orixinal. O cambio climático,con todas as súas consecuencias é o mellor exemplo, xa que a maioría de prexuízos que se lle fixeron á natureza contribúen a agravar a situación, e os danos que lle infliximos ao planeta dificultan tamén unha solución.

Semella que se non tratamos de harmonizar o devandito equilibrio natural co noso desenvolvemento, pronto ou tarde, remataremos por desaparecer causando ao mesmo tempo un gran estrago sobre o resto do planeta.

Así a conciencia ecolóxica consiste no coñecemento responsable e consecuente desta necesidade de harmonía. É unha ética de convivencia respectuosa co resto da natureza.

A PREHISTORIA

Como xa tratamos, as primeiras intervencións que o ser humano fai para tentar controlar a natureza son a introdución de agricultura e gandería no Neolítico, sendo a primeira a actividade que máis fortemente repercute no entorno.

A agricultura primitiva era un sistema extensivo, que non esgotaba os recursos do solo, e baseado no barbeito. Os fertilizantes eran descoñecidos, e tan só séculos máis tarde comezaron a se usar abonos naturais coma o esterco.

A actividade agrícola máis prexudicial para o medio ambiente nesta época era a queima de bosque que se facía para permitir o primeiro asentamento de cultivos. Isto supoñía un risco para a biodiversidade, pero non máis do que supón calquera incendio natural. O terreo non utilizado agricolamente remataba por se recuperar co paso do tempo, ao non ser explotado para outra actividade.

Outras actividades que seguían a desenvolverse, como a caza ou a recolleita, ao seren extensivas tampouco supoñían un risco serio para o equilibrio natural.

De todos xeitos non se pode falar dunha verdadeira conciencia ecolóxica nesta época, pois a pesar do equilibrio máis ou menos respectuoso existente, non existe un coñecemento responsable da realidade nin se debe a criterios éticos.

AS SOCIEDADES PRIMITIVAS

O ser humano sempre foi un animal gregario e viviu en grupos. Nun primeiro momento estes grupos non eran máis que clans familiares semellantes aos que hoxe en día teñen a maioría dos simios.

Non obstante, coa revolución neolítica, os clans derivan en tribos, xorde unha maior especialización de tarefas, e fanse máis evidentes que nunca as vantaxes dunha vida en comunidade na que se pode desenvolver unha maior diversidade de actividades e na que pode xurdir o comercio.

A forma de vida destas primeiras sociedades adoitaba ser moi respectuosa co medio ambiente.

Xa dende que xurdiran as primeiras manifestacións relixiosas venerábase á terra como a Gran Nai, e en moitas ocasións toda a diversidade da natureza constituía un verdadeiro panteón ao que se lle rendía culto, e do que procedían todas os recursos, agasallados pola beizón destes deuses.

Non obstante a situación mudou axiña nalgunhas destas sociedades, e os elementos naturais deixaron de se considerar coma divindades xenerosas pasando a ser deuses crueis aos que se lles rendía culto para evitar a súa furia. Segundo A. Jacinto Rodrigues, historiador da Universidade de Porto, a maioría das civilizacións naceron grazas o afán de superar aos deuses que lles inflixían tantos danos, xurdindo así novos enxeños e aparecendo as cidades,tema que trataremos máis adiante.

Pero outras tribos souberon manter este culto polos elementos naturais e formaron sociedades nas que o respecto á natureza era fundamental. Neste caso si que hai unha verdadeira conciencia ecolóxica, pois existe unha convivencia harmónica baseada en fundamentos éticos.

O exemplo que nos resulta máis próximo é o das tribos esquimós e de indios americanos, que consideran a natureza (que non é territorio) coma un agasallo do que se lles permite aproveitarse para vivir, pero que non lles pertence e a tratan coa máxima veneración.

Como mostra disto está a coñecidísima carta do Gran Xefe indio Seattle ao presidente dos EEUU, da que inclúo un fragmento:

“Todo o que lle ocorra á terra, ocorreralle aos fillos da terra. O home non teceu a trama da vida; el é só un fío. O que fai coa trama faino con si mesmo.

Nin sequera o home branco, que ten un Deus que pasea e fala con el de amigo a amigo, queda exento do destino común. Despois de todo quizais sexamos irmáns. Xa veremos. Sabemos unha cousa que quizais o home branco descubra algún día: o noso Deus é o mesmo Deus que o del. Vostedes poden pensar agora que El lles pertence o mesmo que desexan que as nosas terras lles pertenzan; mais non é así. El é o Deus dos homes e a súa compaixón compártese por igual entre o pel vermella e o home branco. Esta terra ten un valor inestimable para el e se a dana provocaría a ira do Creador. Tamén os brancos se extinguirán, quizais antes que as demais tribos. Contaminan os seus leitos e unha noite perecerán afogados nos seus propios refugallos.

Pero vostedes camiñarán cara a súa destrución rodeados de gloria, inspirados pola forza do Deus que os trouxo a esta terra e que por algún designio especial deulles o dominio sobre ela e sobre o pel vermella. Ese destino é un misterio para nós, pois non entenderemos por que se exterminan os búfalos, se amansan os cabalos, se saturan os currunchos secretos dos bosques co alento de tantos homes e se enche a paisaxe dos exuberantes outeiros con cables falantes.¿Onde está o matogueira? Destruída.¿Onde está a aguia? Desapareceu. Acaba a vida e comeza a supervivencia”

AS CIVILIZACIÓNS ANTIGAS

As primeiras civilizacións xorden a partir da devandita mellora técnica que permite unha maior efectividade dos sistemas productivos e a aparición dunha economía comercial ó redor das cidades.

Con respecto ao tema da convivencia co medio natural hai cambios nos dous sentidos.

Por unha banda as cidades precisan unha grande cantidade de recursos que non adoita se corresponder coa capacidade da natureza de anovarse, polo que cada vez se altera un terreo maior para sostela. Ademais tamén xeran uns refugallos que non é doado para a natureza reciclar. O concepto político de territorio avanza notablemente, e vai alén do espazo próximo ao ocupado pola comunidade estendéndose a amplas zonas de terreo.

Pola outra banda mellóranse algúns aspectos ecolóxicos. Por exemplo xorde unha cultura da auga, que é considerada coma un recurso escaso e valioso, e coa axuda das novas técnicas comeza a se racionalizar. O primeiro lugar onde se desenvolveu foi en Mesopotamia, onde os sistemas de irrigación permitiron o florecemento de Babilonia.

Non obstante isto non sempre vai xunguido a unha conciencia ecolóxica, senón que a meirande parte das veces a raíz está no puro interese humano, e non se ten en conta as necesidades de auga que poida ter a natureza.

Novamente só se reflicte unha verdadeira conciencia ecolóxica cando está vencellada a crenzas relixiosas.

É o caso de Exipto e o Nilo. A adoración polo Nilo é anterior a creación de todas as súas divindades e permanece como resto dunha cultura que adoraba á natureza.Así as inundacións considéranse unha beizón divina, un agasallo dos deuses para todas as criaturas, e aínda que se constrúe algún sistema de irrigación e de almacenamento de auga, é só o imprescindible para as necesidades máis básicas e enténdese que o resto debe deixarse para o aproveitamento do resto da natureza.

'Ecoloxia'

Nilómetro, utilizado para medir a crecida do Nilo

e adaptar a esta a racionalización da auga.

En China tamén se desenvolveu unha importante tecnoloxía de irrigación dende 2000 anos a.C., o que permitiu o desenvolvemento da súa civilización. A agricultura intensiva de arroz na China foi por séculos un paradigma de sostibilidade, xa que se conservou a riqueza dos seus solos ao mesmo tempo que se satisfacían as necesidades alimentarias dunha poboación crecente.

'Ecoloxia'

Cultivos de té e arroz na China.

Non obstante as civilizacións que desenvolveron un maior respecto polo medio foron as da América precolombiana. Quizais a causa disto hai que buscala na escaseza de recursos que se padecía no altiplano andino, xa que era unha terra montañosa, que padecía un réxime pluviométrico moi estricto e na que non era doado atopar o necesario para sobrevivir.

Un bo exemplo de práctica ecolóxica é un dos sistemas de rego que utilizaban,consistente en vasillas de barro poroso que enterraban e onde botaban a auga de rego que ía directamente ás raíces da planta, evitando a evaporación de superficie.

Pese a todo, crese que a civilización Maia acabou desaparecendo a raíz dunha seca prolongada que minou a súa poboación.

Pola súa banda o Imperio Romano pódese considerar como a primeira grande civilización que carece de calquera sensibilidade en materia de medio ambiente. O desenvolvemento de infraestructuras e da enxeñaría é abraiante, non obstante as intervencións que ás veces realizan no entorno son brutais, e as súas grandes cidades convértense en fontes de productos de refugallo.

As Medulas(León) Explotación aurífera romana e

exemplo de degradación do espazo natural

A CIVILIZACIÓN OCCIDENTAL

As relixións orientais adoitan concibir ao ser humano coma unha peza máis da natureza, o que fai que este se integre harmonicamente na mesma.

Isto non é así no mundo occidental. Nas primeiras manifestacións do cristianismo si estaba presente unha certa conciencia ecolóxica: respectábase a natureza pola súa condición de obra de Deus. Non obstante en moitos dos textos bíblicos pódese observar certo antropocentrismo, e será esta corrente a que triúnfe tras a adopción do cristianismo coma relixión oficial do Imperio Romano.

Esta situación herdarase tras a caída do Imperio e perdurará toda a Idade Media e Moderna.

Durante a Idade Media desenvólvese un período de continuas guerras e conflitos que fará pasar calquera outro tema a un segundo plano.

As cidades medran sen ningún tipo de racionalización do espazo, formándose verdadeiras fábricas de refugallos que crean un ambiente insán e contaminan as augas ao paso por unha poboación.

Os campos comezan a se someter a unha agricultura intensiva como consecuencia do incremento da poboación.

Os recursos, en especial os silvícolas, mineiros, e pesqueiros, son utilizados sen control e coa idea de que son inesgotables. Un claro exemplo disto está na deforestación completa da meseta madrileña para a construción da Armada Invencible.

É xa neste momento cando comezan aparecer críticas a este tipo de actuacións, e aínda que pareza raro pola época, estes feitos espertaron un importante movemento social de protesta, pois xa no século XVI había unhas ideas aproximadas da importancia dos bosques nos procesos hídricos e de erosión.

O descubrimento de América e inicio do período colonial non fai máis que agravar o problema.

O espolio de recursos naturais é moito máis acusado nos territorios das colonias.

Comeza aquí a introdución de especies alóctonas noutros ecosistemas dun xeito silvestre.Tamén se estenden enfermidades a lugares onde nunca existiran, inflixindo graves danos no equilibrio ecolóxico.

A primeira extinción á causa da intervención humana da que se ten constancia é a do dodo (Raphus cucullatus). O home chegou á illa de San Mauricio, hábitat desta ave, en 1598 e extinguiuse en 1681.

'Ecoloxia'

Recreación virtual dun dodo.

Xa na Idade Moderna, coa Revolución Industrial os problemas medioambientais comezarán a medrar dun xeito exponencial.

Introdúcese o uso de substancias químicas na agricultura: pesticidas, fertilizantes, herbicidas, ... Isto deteriora o solo e prexudica á biodiversidade do entorno.

As cidades seguen a aumentar a súa poboación e a xerar refugallos. Isto faise máis acusado nas zonas que se industrializan, que comezan a contaminar gravemente a atmosfera e a hidrosfera.

Aparecen as choivas ácidas, smog, mal da pedra, enfermidades respiratorias polo empeoramento na calidade do aire, eutrofización de augas continentais, contaminación de augas con elementos pesados, ...

'Ecoloxia'

Smog sobre unha gran cidade

A caza masiva de especies e a degradación dos seus hábitats causa extincións.

Comezan a emitirse productos á atmosfera dos que agora coñecemos as consecuencias. É o caso da queima de combustibles fósiles.

Aparecen novos tipos de contaminación, como a acústica.

Continúa a sobreexplotación dos recursos, da que xa comezan a se notar as primeiras consecuencias.

O SÉCULO XX

Os problemas ecolóxicos derivados da Revolución Industrial seguen a se agravar e xorden outros novos.

Increméntase o número de substancias químicas contaminantes que se empregan (plásticos, CFC's, ...)

As necesidades enerxéticas do mundo industrializado medran exponencialmente, e con elas o uso de combustibles fósiles, en especial petróleo xa que os carbóns comezan a nono ser tan abondosos.

Comezan a se notar os primeiros estragos do efecto invernadoiro. Cambios no clima, quecemento progresivo do planeta, retroceso dos xeos polares, escaseza cada vez máis patente de recursos hídricos, desertización, ...

A extinción de especies acelérase ata acadar o ritmo que se deu durante outras extincións masivas coma a coñecida do Xurásico. A causa principal é a sobreexplotación de especies silvestres de utilidade para o ser humano, e a degradación de hábitats.

A deforestación dáse a un ha velocidade maior que nunca.

Acentúase a introdución de especies alóctonas noutros hábitats.

Desécanse os humidais, e degrádanse as augas continentais que cada vez son máis escasas e de peor calidade.

Non é entón de estrañar que sexa a principios deste século, e xa a finais do XIX, cando xurdan os primeiros movementos de ecoloxismo e iniciativas conservacionistas.

No noso pais, desta época, podemos citar as protestas dos campesiños da comarca do río Tinto(Huelva) en 1888 pola “manta” ou fume que emitían os fornos de tratamento de mineral e que estragaba os seus cultivos. Sería unha das primeiras protestas contra o fenómeno que hoxe coñecemos coma choiva ácida.

En 1905 crearíanse os Cotos Reais coa idea de protexer especies cinexéticas, coma a cabra hispánica ou o rebeco, que se atopaban en perigo de extinción.

En 1917 é aprobada no Parlamento a creación dos primeiros parques nacionais, Covadonga e Ordesa, coa idea de preservar a súa riqueza paisaxística e biolóxica.

Ao írmonos achegando á década dos sesenta (o movemento ecoloxista como tal chega a España nos setenta) as mobilizacións sociais a raíz dunha sensibilidade ecolóxica van aumentando, aínda que de momento teñen un carácter máis de seguridade que ecolóxico. É o caso da coñecida bomba de Palomares (1966), das manifestacións en contra dos verquidos de chumbo en Villaverde(1970) ou por unha causa semellante en Erandio(1969) que chegaron a se saldar con vítimas mortais.

O MOVEMENTO ECOLOXISTA

Este apartado podería ser extensísimo, pero precisamente por estar tan ben documentado non se pode tratar con profundidade en tan pouco espazo, e por outra banda pódese acceder doadamente á información en calquera momento. Por iso evitarei mergullarme moito no tema.

Os primeiro movementos sociais que levan como bandeira a defensa da natureza, sen estar influídos pola propia seguridade ou por crenzas relixiosas, desenvólvense nos anos sesenta nos países anglosaxóns.

Podemos enmarcalo no eido das novas reclamas sociais que nacen ou cobran novos bríos ao redor do movemento hippy (pacifismo, feminismo, ecoloxismo, rexeitamento da sociedade de consumo, ...) e axiña se estende a amplos sectores da sociedade.

Non obstante debemos dicir que máis que un movemento, o que se formou foi unha amalgama de correntes bastante heteroxéneas, cuxo único denominador común era que en última instancia procuraban unhas relacións socio-ambientais respectuosas.

Neste contexto social desenvólvense as primeiras manifestacións de caracter ecoloxista, que nun primeiro momento son freadas cunha forte represión. Non obstante o movemento non cesa, senón que cada vez goza de maior interese mediática e á clase política non lle queda outra que incluír algunha das súas reclamas nos programas, coma fonte indubidable de votos.

Tamén nesta época xorden as primeiras ONG's ecoloxistas, entre as que a máis sobranceira é Grrenpeace, fundada en 1971, e que tingue as súas protestas dunha espectacularidade mediática que as fai máis efectivas. Na súa primeira protesta doce homes partiron nun pequeno pesqueiro e con dous periodistas a bordo para tentar frear as probas atómicas dos EEUU na illa canadense de Amchitka. Non o lograron e fíxose a proba, pero espertaron unha corrente de indignación en Canadá que rematou por conseguilo.

Nestes tres decenios as proxección de Greenpeace a nivel internacional creceu enormemente e o seu poder aumentou de tal xeito que poden poñer en dificultades a calquera multinacional, pero non contan co apoio da maioría das autoridades, que na medida do posible dificultan as súas actuacións.

'Ecoloxia'

Rainbow Warrior, buque insignia de Greenpeace,

á súa chegada ao porto da Coruña durante a catástrofe do Prestige.

Durante este tempo tamén xurdiron multitude de ONG's internacionais para a defensa do Medio Ambiente, e asemade unha cantidade enorme de asociacións de caracter local e rexional.

ECOLOXISMO INTERNACIONAL

O ecoloxismo xa dera o salto dende grupos minoritarios a ser tema de actualidade pública e política. Así en 1972 se organiza a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente en Estocolmo. Nela recoñécese a interrelación que o home debe ter co medio, tomase conciencia do problema da polución, e fálase por vez primeira da necesidade dun desenvolvemento sostible.

En 1973 reúnese a Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Flora e Fauna.

En 1982, mediante a Declaración de Nairobi, reafírmase o expresado en Estocolmo, recoñecendo os poucos avances realizados e comprometendo novos esforzos.

Ao mesmo tempo que a ciencia e a preocupación ecolóxica avanzan vanse descubrindo novos problemas. É o caso do relacionado coa capa de ozono, que se trata por vez primeira en 1985 no Convenio de Viena para a Protección da Capa de Ozono. Hai que sinalar que nel os asinantes só amosaban boa vontade e se comprometían a investigar o tema. Non se adoptará pola contra ningún compromiso concreto ata o Protocolo de Montreal de 1987.

Sen dúbida un ano clave en canto acordos medioambientais se refire é 1992.

No “Cumio para a Terra” de Río de Xaneiro adóptase o Convenio sobre a Diversidade Biolóxica que recoñece no ámbito internacional a importancia da biodiversidade e fixa, na tamén aquí aprobada Axenda 21, un plano de acción e cooperación para o uso sostible dos recursos e a colaboración internacional nesta materia.

Tamén en 1992 se redacta a Declaración de Dublín sobre a Auga e o Desenvolvemento Sostible e se dá a Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático.

Tampouco podemos esquecer o coñecidísimo Protocolo de Kioto, asinado en 1997, no que se acorda reducir a emisión de gases participantes no efecto invernadoiro.

Neste mesmo ano se realizou o Cumio de Río+5 para analizar a execución da Axenda 21, e no que se adoptaron importantes acordos en materia ambiental coma a Declaración de Principios sobre os bosques.

O último evento importante neste eido a nivel internacional foi o Cumio de Johannesburgo en 2001, a maior reunión internacional da historia na que se tratou o tema do desenvolvemento sostible escoitando non só a gobernos, senón a todas as partes implicadas. Culminou coa Declaración de Johannesburgo.

Debemos sinalar que a maioría destes acordos non foron cumpridos na súa totalidade, en especial polos países máis desenvolvidos como EEUU. Aínda que non por isto podemos deixar de darlles a súa importancia.

CONCLUSIÓN

A inmensa cantidade de recursos que posúe a natureza non son sempre renovables, ou polo menos non ao ritmo de consumo actual. Por outra banda a nosa actividade contamina a terra, a auga e o aire. A preservación da natureza fronte á súa progresiva destrución debe ser un compromiso de todos, e unha esixencia da nova conciencia ecolóxica que naceu hai xa case 40 anos.

A Terra non é un planeta que se nos deu para vivir del, senón para vivir nel. Isto implica que debemos de compaxinar as nosas actividades co respecto á natureza. Unha convivencia harmoniosa é o noso dereito e o noso deber.

A situación que herdamos é moi mala, pero quizais foi peor a que herdaron os nosos pais. Evidentemente non estou a valorar o estado de degradación do planeta, cada vez maior, senón o feito de que no noso tempo xa xurdiu unha certa conciencia ecolóxica a nivel popular, cousa que non existía hai unhas décadas.

As xeracións que nos precederon deixaron unhas bases, con maior ou menor fortuna, para que a sociedade poida desenvolver unha ética de respecto á natureza. É a nosa labor artellar estas bases para conseguir que sexan eficaces e consecuentes, quitarlles ese fondo de aparencia romántica e demostrar o seu contido pragmático; conseguir que deixen de ser consideradas coma un luxo ou unha traba económica, e comecen a se ver coma unha necesidade máis.

Europa é o mellor marco para desenvolver esta labor, lonxe da hipocrisía e desinformación dos EEUU, nunha nova cultura que tenta sustentarse en valores puramente humanos e non só económicos, pese ás dificultades que atopa no exterior e no seu propio seo para isto.

En Europa é onde mellor están representados politicamente os grupos ecoloxistas, aínda que España estea á cola tamén nisto, e é tamén un dos poucos lugares onde hai verdadeiras vontades de ceder en beneficio do ben común.

Non obstante tampouco podemos caer no erro de pensar que todo é boa vontade. As trabas que se atopan son moitas, e amplos grupos sociais, tamén ben representados nas clases dirixentes, opóñense ás devanditas cesións.

É a nosa tarefa logo, tentar mudar a situación, dende unha perspectiva global, coa idea de cambiar o noso mundo, pero no ámbito de actuación local, pois é dende a base dende onde se ten que construír unha nova conciencia ecolóxica que nos leve a un compromiso de convivencia sostible.




Descargar
Enviado por:Deuve
Idioma: gallego
País: España

Te va a interesar