Literatura
De catro a catro: Follas d'un diario d'abordo; Manuel Antonio Pérez Sánchez
De catro a catro
Follas d'un diario d'abordo
Manuel Antonio
AUTOR E A SÚA OBRA.
- Manuel Antonio
- A súa obra
- A poesía de Manuel Antonio
PANORAMA HISTÓRICO E LITERARIO.
DE CATRO A CATRO.
- De catro a catro na poesia galega: novas correntes vanguardistas
- De catro a catro no contexto da obra de Manuel Antonio
- Aspectos vanguardistas e populares dos poemas de De catro a catro
- Estructura, Temática e ton de De catro a catro
VISIÓN PERSOAL.
Bibliografía.
De Catro a Catro
1- O AUTOR E A SÚA OBRA.
Manuel Antonio.
Manuel Antonio Pérez Sánchez (nunca firmou cos seus apelidos) naceu en Rianxo en 1900 no seo dunha familia conservadora e moi religiosa. Quedou orfo de pai dende os catro anos, pasando a maior parte da súa infancia en Iria Flavia e Padrón.
Estudou o Bacharelato en Compostela, onde entrou en contacto co republicanismo e iniciou a súa militancia galeguista. Na mesma cidade comezaría a carreira de Filosofía e Letras, que abandonou. Finalmente os estudios que rematou foron os de piloto na Escola Náutica de Vigo.
Xa no 1918, con só dezasete anos, envía os seus primeiros poemas a revistas e xornais, e chega a manter unha polémica co director da revista Suevia sobre a calidade das súas composicións.
Dende moi novo a política formou parte das súas inquedanzas. Tras entrar en contacto cos movementos agraristas de loita anticaciquil, toma conciencia da realidade do país e asume un nacionalismo apaixonado.
Intenta tamén participar na II Gerra Mundial alistándose cos franceses. Posteriormente tentará, sen éxito, participar na Revolución Rusa de Outubro e máis nas guerrillas sandinistas, en Nicaragua.
Nas súas estadías en Rianxo relaciónase con Rafael Dieste, un rapaz do seu tempo co que ha de compartir o interese pola literatura e o nacionalismo.
En 1919, Rafael Dieste e Manuel Antonio escríbenlle a Castelao para que actúe como intermediario entre eles e Vicente Risco, recoñecido como o guieiro teórico dos membros do grupo Nós e máis daqueles mozos que tiñan inquedanzas nacionalistas e literarias, pois era, a persoa máis informada das novidades artísticas que estaban a aparecer en Europa. Vai ser tamén o ourensán quen lle envíe noticias dos movementos de vangarda en Europa e en España; pero Vicente Risco, pouco convencido do interese destas correntes para a literatura galega, recoméndalle a Manuel Antonio que repare nalgúns aspectos importantes para a nova literatura galega coma o folclore (Manuel Antonio ha manter máis tarde longas discusións epistolares con Castelao, tentando ver cál sería a maneira máis axeitada de incluír os elementos populares na creación artística sen caer no ruralismo); o saudosismo portugués; os haiku e, sobre todo, vaille recomendar a procura dun estilo de seu, sinxelo, non marcado por escolas literarias.
A partir de 1921 Manuel Antonio comeza unha intensa actividade literaria. Colabora en revistas (entre elas Alfar, da Coruña, na que participan importantes vangardistas da literatura española) e xornais, e mesmo forma parte do consello de redacción dunha delas, Ronsel, de Lugo.
Despois de ler e formarse en todos estes temas, guiado por Risco, en xuño de 1922 asinaba xunto con Álvaro Cebreiro, o manifesto "¡Máis alá!", o único que aparece na literatura galega da época. En el propugnaban o uso exclusivo do galego e a independencia da nosa literatura a respecto da española, rexeitando igualmente o estancamento da produción na tradición decimonónica. O manifesto, dirixido fundamentalmente á mocidade intelectual e que quería servir de auténtico revulsivo para o sector máis conservador do galeguismo, non chegou a desencadear a polémica que os autores desexaban.
Entre 1926 e 1927 fai as prácticas de piloto da mariña mercante a bordo do paquebote do que é capitán Augusto Lustres Rivas, a quen lle dedica De catro a catro.
Nos anos 1928 e 1929 fai tres viaxes a América e en 1929 desembarca en Cádiz por mor do agravamento da tuberculose que padece, e da que só sabían uns poucos amigos. O 28 de xaneiro do 1930 falece na aldea de Asados (Rianxo).
A súa obra:
É o poeta vangardista máis orixinal da literatura galega, cun único libro publicado en vida, De catro a catro. Follas d'un diario d'abordo (1928), que tardaría moitos anos en deixar pegadas noutras xeracións literarias.
En 1972, García Sabell deu a coñecer o resto da produción poética de Manuel Antonio: Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e mais dispois e Viladomar.
Os seus primeiros poemas aparecen na revista Suevia de Santiago en 1918. Colabora na mesma época co periódico La Redención, de Padrón e escribe un soneto de carácter social titulado “O sol da libertade”. A finais de ese ano entregouse definitivamente á causa do nacionalismo galego.
Fixo amizade con boa parte dos intelectuais galegos da época, cos que mantivo contactos por carta, recollidos no libro Correspondencia(Vigo 1979).
En 1921, residindo en Vigo e militando na Mocedade Galerista, escribiu, xunto con Xavier Soto, un pequeno texto; " Terra ceibe. Os bos galegos".
En 1922 publica na revista Alborada o manifesto ¡Mais Alá! e remata o libro de poemas Sempre e máis despois, que non chegará a publicarse en vida.
En 1928 sae da imprenta o único libro publicado en vida do poeta: De catro a catro. Neste mesmo ano deixa redactado un curto número de poemas baixo o título Viladomar. As coleccións de poemas non publicadas foron agrupadas polo propio poeta cos seguintes títulos: Con anacos do meu interior, recolle composicións de 1921 e 1922, Foulas de 1922 a 1924 e Sempre e máis despois, que agrupa a producción posterior a 1928.
Hoxe en día permanecen inéditos aínda os seus escritos en prosa entre os que destacan comentarios literarios. Tamén traduciu a Edgar Allan Poe alá polo 1922.
En 1972 publícase en Vigo por primeira vez a súa obra poética completa Poesías.
A obra creativa de Manuel Antonio insértase tanto no contexto cultural galego, como dentro dos vangardismos literarios que se sucederan con rapidez.
A poesía de Manuel Antonio.
A súa obra é un referente da renovación poética galega nos años vinte. Manuel Antonio rompe coa poesía feita ata o momento e dótaa de influxos das novas correntes vangardistas que se están a desenvolver no resto de Europa e España, mais a ruptura co anterior non pode ser total dada a particular situación cultural que existe en Galiza que ainda está a costruir a súa propia identidade. Como proclama nos seu manifesto ¡Máis alá! ou no Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribeu, a súa obra pretende romper có feito ata entón, ser novidosa e orixinal, acabar co ruralismo, coas técnicas académicas... pero debido o contexto particular galego esa ruptura non é total, mantendo unha certa moderación, e considerándose fundamentalmente galeguista por riba da transgresión vanguardista, mantendo senpre o compromiso coas súas raíces.
Deste xeito Manuel Antonio introduce elementos novidosos sen esquendcer a realidade nacional galega. A súa poética caracterízase por combinar unha base simbolista xunto con unha linguaxe vangardista, básicamente creacionista. O resultado é unha poesía moi persoal e particular, cun claro compromiso coa lingua e unha profunda sentimentalidade.
O autor válese das técnicas vanguardistas pero sen aplicalas dun xeito ríxido, senón que as adapta e crea o seu propio estilo. No caso do creacionismo, Manuel Antonio crea un mundo de imaxes pero xorden da súa experiecia vital, restándolle frialdade á aplicación teórica que propugnaba a corrente creacionista máis pura. Isto engádelle sentimentalidade, intimidade e acercamento ó seu traballo.
2- PANORAMA HISTÓRICO E LITERARIO.
Dentro do contexto histórico internacional, as dúas primeiras décadas do século XX están marcadas por un espírito revolucionario e de grandes tensións e enfrontamentos entre as potencias europeas. En estes anos terán lugar a I Guerra Mundial, a Revolución de Outubro en 1917 en Rusia, os movementos fascistas de Italia e Alemaña, o levantamento de Irlanda contra o dominio británico...
Dende un punto de vista cultural, estamos nunha época dominada polas transformacións e o progreso científico e tecnolóxico. O principal valor será, pois, o da modernidade, o da substitución do vello e caduco polo novo e orixinal. No aspecto literario, era precisa unha fonda renovación que superase o Romanticismo, o Realismo e o Simbolismo e o Impresionismo precedentes. Desta vontade de ruptura co anterior, de loita contra o sentimentalismo, de exaltación do subconsciente, do irracional, da liberdade, da paixón e do individualismo nacerán as vangardas nas primeiras décadas do século XX. Estes novos movementos estéticos chamados “-ismos” teñen o obxectivo de destruír a percepción tradicional da realidade, alterando imaxes, linguaxe... buscando así novas formas de expresión.
Nesta época Galicia atravesa un lento avance cara á modernidade, hai moita emigración, movementos agraristas... e sobre todo é importante sinalar a trayectoria anormal que sofre a literatura e a cultura galega tras os Séculos Escuros, cun lento rexurdir dende o descoñecemento da tradición medieval truncada. Neste comezo de século XX a labor de recuperación é impulsado polo nacemento das Irmandades e do Grupo Nós. Na cultura galega estase a producir un proceso de asentamento da propia realidade diferenciada e ésta precisa de referentes de construccion. Así a todo, a apertura informativa e o europeismo do Grupo Nós vai servir de base para que os novos reciban as correntes vangardistas. De todos modos só atopamos casos individuais de seguimento das novas correntes, como Manuel Antonio, pero non movementos consolidados.
Manuel Antonio foi coautor no manifesto ¡Máis Alá!, no que se fai unha crítica dos devanceiros, dos propios autores do Rexurdimento, do ruralismo... e se fai un chamamento as novas xeracións para crear unha literatura nova e diferente.
En Galicia non houbo unha verdadeira vagarda debido a que romper coa tradición significaría romper co galeguismo e con un espíritu de compromiso que ainda estaba en construcción; hai sen embargo unha vangarda enxebre, que conxuga o respeto á tradición coas liberdades creativas que espallaban futuristas, cubistas...
3- DE CATRO A CATRO.
De catro a catro foi o único libro publicado en vida do poeta, onde se agrupan as súas composicións máis representativas.
Esta obra, subtitulada "Follas dun diario de abordo", está adicada ó ribeirense Augusto Lustres Rivas, capitán do barco "Constantino Candeira". No libro se recollen vivencias persoais das travesías abordo do barco cando facía as prácticas de piloto de marina mercante alá polos anos 1926 e 1927, ainda que non é unha autobiografía senón que se nos fala dun eu lírico.
Na publicación do libro participan Dieste, xestionando as cuestións editoriais, e mais Maside, que o ha ilustrar.
De catro a catro na poesía galega: novas correntes vangardistas.
Esta pequena obra convertiríase nun fito fundamental para a literatura galega por ser a primeira manifestación dunha nova concepción poética.
Trátase dunha poesía vangardista e individualista con trazos persoais (compromiso ideolóxico, rexeitamento do eu creador coma deus, natureza non inventada e sentimentalidade nalgúns poemas).
Ten pegadas creacionistas (xustaposición de imaxes baseadas en relacións arbitrarias, pero que teñen unha lóxica interna e razoada), pegadas futuristas (linguaxes técnicas, destrucción da sintaxe...), pegadas cubistas (espacio e tempo).
Rompe coa poesía tradicional reutilizando as novidades vangardistas, non copiando as mesmas.
De Catro a Catro no contexto da obra de Manuel Antonio.
O autor vai evolucionando o longo da súa producción literaria. No seus primeiros escritos de moi novo amosa un forte espíritu galerista, moi comprometido coa loita anticaciquil, agraria... sen amosar ainda rasgos moi vangardistas. A transición dende esta postura á mais moderna e progresiva. Pouco a pouco irá abandoando a rima, a temática tradicional... e irá introducindo os elementos formais e temáticos que distinguirán a súa poética posterior, claramente vangardista.
O segundo libro do autor, Foulas, introdúcenos xa na temática mariñeira e na imaxinería que logo desenrolará en De catro a Catro pero neste caso vista ainda dende a terra, dende a vila mariñeira, o porto. Foulas presentar trazos xa vangandistas pero ainda predominan as referencias da poesía anterior.
Tras De catro a catro, Manuel Antonio comezou a escreber Viladomar no que se volve a tratar o tema mariñeiro pero esta vez de novo dende a terra, podéndose considerar como un “epílogo” de De catro a catro. Esta obra xa amosa un estilo máis anárquico, no que mestura diferentes técnicas e crea unha poética única do autor que quedou truncada pola súa morte .
Aspectos vangardistas e populares dos poemas de De catro a catro:
Na literatura vangardista, e concretamente na poesía, o texto vai ser construído a través da simultaneidade e xustaposición de imaxes. Rómpese tanto coa estrofa, puntuación e cómputo silábico dos versos como coa sintaxe, alterando por completo a estructura tradicional das composicións. Xa non aparece o "caligrama" pero o poema si está escrito mediante "imaxes visuais" pretendendo tachar coa lóxica sucesividade do feito escrito ou lido.
Aspectos formais:
-
Presenta ausencia de puntuación (soamente existe un punto ó remate do poema para sinalar o final).
-
Maiúsculas para marca-lo comezo de cada grupo de versos.
-
Ausencia de rima (versolibrismo).
-
Non hai estrofa, hai unha falsa división estrófica: grupos de versos distintos marcando cada un unha característica.
-
Cada poema ten unha estructura e métrica totalmente diferente, sen seguir ningún patrón.
-
Diferente disposición dos versos nas súas marxes: para marcar unha ruptura a nivel gramatical e semántico.
-
A disposión espacial e a estética formal é fundamental. Marca o ritmo do poema, a súa cadencia... é unha disposición nova, innovadora, e cun significado máis alá do puramente estético.
Linguaxe:
-
Linguaxe:
-
Imaxes: son fundamentais na súa obra, forte simbolismo. Mar, barco, Lúa, Noite, Sol, a Rosa dos Ventos...
-
Personificacións: dota á natureza de cualidades humanas. Crea unha nova realidade. O cadáver do Mar... Lúas sumisas... Chuvascos mecanógrafos...
-
Linguaxe técnica da navegación. Introduce maniobras, terminoloxía mariñeira, partes do barco...
-
Elementos populares: cantigas, refráns... Vente ventiño do mar/ vente ventiño mareiro...
-
Vocabulario extranxeiro, culto e moderno, sobre todo nos poemas centrais, na reclada. Navy bar, cocktail, Lied ohne worte, gaf-tope, leitmotiv...(se analizamos algúns destes termos atopamos detalles interesantes: Lied... fai referencia a unha obra de Mendelssohn, versionada tamén por outros autores como Wagner. Significaría “Canción sen palabras”, sen lírica, tamén fai referencia a música tradicional alemana, relacionada co número catro. Outro dos termos, Leitmotiv, tamén podería estar relacionado con Wagner e a súa música, en relación a temas musicais que se repiten, asociados a persoas, símbolos...un leitmotiv sería un fío conductor. Curtos fragmentos melódicos que se repiten de forma monótona e armónica(a miudo formados por catro versos, catro estrofas, ou múltiplos)... cousa que ocurre tamén con algún elementos na obra de Manuel Antonio, que contribúen á conformación do tiempo e do espacio en De catro a catro)
-
Espacios en branco. Tanto para separar estrofas como dentro dos versos, distanciando palabras, usando fortes sangrías...
Fume de pipa Saudade
Noite Silenzo Frío
E ficamos nós sós
sin o Mar e sin o barco
nós.
-
Introducción de paréntesis con anotacións o referencias auditivas. (tic tac), (abonda xa de paréntesis), (popular)...
Manuel Antonio usa unha linguaxe moi persoal na que mistura o léxico moderno, técnico, cosmopolita e culto (vanguardista), co léxico popular, fundamentalmente mariñeiro(tradicional).
A linguaxe ten unha función fundamental na obra. Temos que destacar a importancia do simbolismo mediante o que a viaxe exterior é unha metáfora da interior; a travesía -a vivencia de experiencias; o porto - o coñecido, seo protector; o barco - o corpo, o vehículo; o mar- a vida movida e impredecible; a noite - a soidade, o descoñecemento...
Outro aspecto a suliñar é o uso dos adjetivos en toda a obra con diferentes funcións. A adxetivación é basica na creación da natureza, das imaxes innovadoras, na personificación dos elementos(luz náufraga, chubascos mecanógrafos) ... Prodúcese a unión de elementos dispares non habendo unha adecuación lóxica de significados entre os sustantivos e os adjetivos (noivas inéditas, sonrisa ubicua e loira...)
Aspectos temáticos:
-
Tratamento novidoso da paisaje mariña.
-
Afastemento do contido chegando a un plano subxectivo.
A imaxinería mariñeira e usado por Manuel Antonio para expresar a súa viaxe interior. Al imaxes son creadas a partir das experiencias subjetivas do autor(a diferencia da obxetividade do creacionismo). O mundo que crea Manuel Antonio non é un mundo frío, obxetivo, distante... senón que é un mundo creado para amosar a súa experiencia interior, inspirado na súa viaxe mental, psicolóxica, vital, persoal.
Crea unha paisaxe inventada, unha nova “realidade” para proxectar o seu mundo íntimo. Os elementos da natureza teñen un forte simbolismo e repítense continuamente (vento, noite, mar...). Esta ambivalencia de moitos termos permite diferentes interpretacións da obra. O sentido non é cerrado e é o lector quen debe descifralo.
Tanto cos aspectos formais como cos aspectos temáticos inténtase unha ruptura coa tradición poética.
Estructura, temática e ton de De catro a catro:
O libro consta de dezanove poemas que teñen como nexo de unión a temática mariñería e como fío conductor a viaxe externa(singradura no mar) e interna do eu lírico(no universo da existencia humana).
Ó partir o ton é de ilusión e de esperanza, sen embargo nas recaladas nótase monotonía, desorientación, soidade. No transcurso da obra, o eu lírico vai cambiando e aparece a saudade coa volta á terra no último poema. É unha viaxe enriquecedora en experiencias pero na que o referente, ó deixado atrás, está sempre presente e vaise deixando ver segundo avanza a obra.
Na primeira lectura superficial, temos unha viaxe física polo mar. Na segunda lectura, máis profunda, temos unha viaxe interior polo pensamento e a psicoloxía dunha voz lírica que escoitamos nos 19 poemas. É unha viaxe circular porque regresa ó punto de onde partiu. Ten unha estructura mítica: afastamento da súa terra, aventuras, regreso :
-
Afastamento do mundo coñecido: Intencions comeza esta viaxe, afastándose da beiramar, con sede de aventuras. O poema quere convidar á viaxe, quere facer extensiva a experiencia individual que vivirá o eu lírico empregando a primeira persoa do plural.
-
Aventura: este bloque estaría formado polos dezaseis poemas intermedios. A travesía convencional parece estar negada pola sensación de estar no medio do mar sen moverse, agás nas recaladas(Recalada e Navy Bar) ou en certos poemas nos que aparece sensación de movemento.
-
Regreso: para pechar a travesía abonda soamente o poema Adeus. É unha despedida do mar que será visto a partir de entón de novo dende a terra (poemas de Viladomar).
Viaxe e estatismo son dous conceptos antitéticos e excluíntes, por iso podemos afirmar que se trata dunha “viaxe oximórica” (viaxe sen apenas movemento). Hay una negación do movemento, tanto no plano espacial como no temporal. No plano espacial temos a circulariedade da obra, da viaxe de partida e retorno. No plano temporal hay unha continua sensación de monotonía, de parálise do tempo.
Para crear esta sensación de desaparición do movemento, Manuel Antonio fai uso de varios recursos. Hai unha continua referencia en distintos poemas ós mesmos elementos que se repiten: A Rosa dos Ventos, os Puntos cardinais, a Noite, a Singladura... o que produce a sensación de non avanzar, sensación de quedar estancados. Por outra parte é fundamental a continua referencia tanto o tempo como o espacio. Así atopamos:
-
Relacionados co tempo: minuteiro, almanaque, horas, tempo, monotonía, reiterados, permutadotes, persistiron, reeditaron ... e relacións do tipo; horas desviándose, vento encalmado, mareas repetidas, multiplicación monótona das mesmas letras do mesmo morse, rachou as follas imprevistas dos almanaques, cronometrando monotonías, as horas.... van desviándose de nos...
-
Relacionados co espacio: horizontes, puntos cardinais, antípodas, astros... e expresións como; proa a Ningures, meridian innumerado, o vento e o sol alcuñaron moedas efímeras que repetían todas a mesma cara e a mesma cruz, permutadotes da mesma lonxingua evasión, estrangoado diagrama, o mundo que repite unha volta consabida, o sol improvisado e desorientado, paxaros sen xeografía, os ventos da roseta ourentáronse ó esquenzo, o vento perdeu as follas do seu cartafol(manual dos mastros)...
(as veces fan referencia tanto ó tempo co mo ó espacio)
Todo este vocabulario e as continuas metáforas crean un clima de desacougo, de deslocalización temporal e espacial. O eu lírico está perdido no tempo e no espacio, vai sen rumbo, sen calendario. Tras a emoción inicial por comenzar a viaxe agora amósase desanimado, desencantado, só, perdido. Soamente por momentos, como tras a recalada, aparece unha certa recuperación ainda que se desvanece de novo.
Hai reiteradas referencias á noite, ó mariñeiro descoñecido, vello ou náufrago, ós almanaques que desaparecen, ó silencio, ó frío, á soidade, á saudade, ós soños que se evadiron... un ambiente negativo vai engulindo a obra segundo avanza e non cambia ata que se chega a terra de novo. Moitas experiencias duras lle ocorren o eu poético e lle afectan en distintos poemas; Ao afogado, A travesía, Sós, SOS...
O propio título fai referencia a esta viaxe circular, De catro a catro que comeza e remata no mesmo lugar.
4- VISIÓN PERSOAL.
Esta obra sorprendeume gratamente, mais o interese aumentou tras a primeira lectura, ó ter que retomala obra para o seu análise.
Nun primeiro momento chama a atención a estructura irregular, a temática non reivindicativa ou galerista á que estaba acostumada na poesía galega. Mais, á vez, non é unha obra que rompa totalmente co tradicional pois o tema mariñeiro, a saudade... fana próxima e recoñecible.
Xa tras comenzar a análise da linguaxe, da estética, da temática... e o ter que afondar en cada poema, vaise vendo a complexidade de De catro a catro, que xa de entrada non resultaba sinxela. Vaise un decatando da gran variedade de influencias e coñecementos que Manuel Antonio foi incorporando na súa obra.
O estudo de De catro a catro non foi sinxelo, con moita frecuencia tiven que reler os poemas, recurrir a outras fontes, buscar significados e relacións... por ejemplo no caso das palabras en inglés, de termos relacionados coa música, literatura, tecnoloxía, tratando de atoparlle o porqué da súa introducción da obra nun contexto determinado. Isto da unha idea da formación de Manuel Antonio, coñecedor de autores de distintas disciplinas europeos como Baudelaire, Wagner... de termos en inglés, alemán... das correntes vanguardistas... e a mestría con que aúna todo ese coñecemento en De catro a catro.
É unha obra a que non se lle pode atopar un significado único, verdadeiro, onde o lector ten que interpretar e participar, onde hai que ter en conta non só as palabras en xeral, senón que hai que analizar os espacios, as sangrías, a colocación de cada verba, o sentido de cada termo dentro dun contexto específico, a relación entre elementos moi distantes que se repiten, as referencias, os símbolos, as metáforas...
De catro a catro é unha obra complicada de ler e comprender plenamente pero que recompensa. Unha obra na que con cada lectura descobres novos detalles interesantes. Unha obra que vista no seu contexto histórico e literario resulta doblemente sorprendente: De Catro a Catro marca un antes e un despois na poesía galega, sen por iso afastarse drásticamente da poética do tempo.
Bibliografía.
-
Axeitos, X. L.(1993): A poética de Manuel Antonio. Vilaboa. Ed. O Cumio. Col. Criterio.
-
Axeitos, X.L.(1992): Manuel Antonio. Poesía galega completa. Santiago, Sotelo Blanco.
-
Bernardez, C. L. Insua, E. X. Millan, X. M. Rei, M. Tato, L. (2001): Literatura Galega. Seculo XX. Vigo, A Nosa Terra.
-
Carballo calero, R. (1981): Historia da Literatura Galega Contemporánea. Vigo, Galaxia. 3º Edición.
-
Gómez Sanchez, A. Queixas Zas, M. (2001): Historia Xeral da Literatura Galega, Vigo, A Nosa Terra.
-
Pena, X R.(1996): Manuel Antonio e a Vangarda. Santiago, Sotelo Blanco. Serie Estudios e investigacións.
-
Pena, X.R.(1979): A poesía de Manuel Antonio nas literaturas galegas de vanguarda. A Coruña, Ed. La voz de Galicia.
-
Ayuntamiento de la Coruña. Área cultural. Manuel Antonio, 1900-1929(en liña). En: http://www.edu.aytolacoruna.es/centros/sfxabier/antonio.htm [Consulta: Maio 2004]
-
Biblioteca Virtual Galega. Manuel Antonio(en liña). En: http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=ManP%E9rez&alias=+Manuel+Antonio [Consulta: Abril 2004]
-
El Correo Gallego. Manuel Antonio. Voz de vanguardia(en liña). En: http://www.elcorreogallego.es/periodico/especiais/letras03/homenaxeados/79.htm. [Consulta: Maio 2004]
-
Wikipedia; Enciclopedia libre. A poesía de vangarda(en liña). Revisión: 5 abril 2004 En: http://es.wikipedia.org/wiki/Vanguardias [Consulta: Maio 2004]
Ampla revision en Internet e en enciclopedias como apoio:
- http://www.galeon.com/arousa/castelao.htm#AROUSÁNS%20ILUSTRES:%20MANTONIO
- http://www.elpasajero.com/pollitos.html
- http://www.culturagalega.org/lg3/extra_recension.php?Cod_extrs=39&Cod_prdccn=23
- http://www.galego.org/historia/20e30.html
Descargar
Enviado por: | Nick |
Idioma: | gallego |
País: | España |