Teoría de la Literatura y Literatura Comparada


Teoría de la Literatura


  • A poética

  • A poética é unha disciplina que estuda a estrutura e funcionamento da obra literaria. Céntrase en problemas teóricos xerais e non na obra individual, reflexionado sobre as estruturas narrativas, os discursos estilísticos etc. para facer comprender a variedade e a unidade que se existe entre os textos.

  • Tradición clásica da poética. Platón, Aristóteles e Horacio

  • Amais da nosa tradición occidental existen tamén outras que reflexionan arredor da poesía e outros conceptos semellantes, como é o caso da India ou China. Malia todo, ímonos centrar na nosa tradición occidental.

  • Presocráticos ( literatura e moral)

  • Platón

  • Considérase que a Teoría da Literatura comeza na cultura occidental cos diálogos de Platón. Mais Platón non emprega o termo literatura, senón poesía ( ððððσð). Este concepto abarca todo aquilo que se fai no sentido máis técnico, dende o traballo dun agricultor até as artes. Platón ocúpase da poesía dentro da Metafísica e a Ética coa finalidade de reflexionar sobre o que hai de verdadeiro nela e sobre se é boa para o sistema político ideal. Deste xeito, considera a poesía unha imitación ou mímese das accións humanas no mundo sensíbel que se fai empregando a linguaxe, a harmonía e o ritmo. Veremos agora a postura de Platón en relación con diferentes aspectos da poesía:

    • Escritura, está en contra dela porque:

      • Relaxa o uso da memoria.

      • O autor non está presente para nos sacar de dúbidas.

    • Linguaxe, é superior á escritura porque reflicte os estados de ánimo e pensamentos de quen fala, ademais de ser un instrumento que nos pode levar á verdade malia non a conter.

    • Necesidade dunha censura, segundo Platón o peor da poesía é que se desvía cara a falsidade, pois conta mentiras dos deuses e dos homes. Por isto non pode ser boa xa que exerce unha grande influencia no cidadán que tomaría eses comportamentos negativos como modelo. Ademais, a música que acompaña á literatura inflúe tamén en quen a escoita, polo que non se debería escoitar calquera tipo de ritmo ( un militar debería escoitar só ritmos marciais para se comportar segundo as normas da súa clase social).

    • Transcendencia da poesía: a poesía é temíbel por ser un instrumento que ten unha forte influencia na sociedade.

    • Verosimilitude, ao empregar este recurso a poesía resulta indubidablemente falsa, malia todo non toda a poesía é tan negativa xa que isto depende do xénero do que esteamos a falar.

    • Inspiración: cando o poeta está a crear unha obra entra nun estado de furor provocado polas musas e os deuses, este estado transmítello ao rapsoda que á súa vez llelo transmite aos espectadores, creándose unha cadea de inspirados e entusiasmados.

  • Aristóteles

  • Cómpre distinguir na obra aristotélica os libros esotéricos e os exotéricos. Os primeiros son os destinados a un grupo reducido de iniciados, pois resultarían escuros para a maioría dos lectores, ao contrario cós segundos. Son os libros esotéricos aristotélicos os únicos que chegaron deica nós, xeralmente apuntamentos de clase compilados polos seus alumnos, como é o caso da Poética ( 335 a.C.). Este libro é un tratado de Teoría da Literatura, mais o feito de ser unha recompilación de apuntamentos feita polos alumnos de Aristóteles vólveo confuso en ocasións ( dise que se vai falar de algo do que logo non se fala etc.). Fica paralizado até que no século XV GIORGIO VALLA o traduce ao italiano.

    • Cuestións que se tratan na Poética

      • Comeza expondo os obxectivos da obra e o método que vai empregar.

      • Define a poesía coma a arte da creación ( ððððσð)

      • Reflexiona sobre a mímese ou imitación, considerándoa un principio xerador de arte, diferenciando en relación a ela os xéneros literarios:

        • Medio que imitan: son ( música), palabra ( literatura).

        • Medio no que imitan: directo ou con ausencia de narrador ( teatro); mixto ou con personaxes e narrador ( epopea); indirecto ou con narrador ( narrativa).

        • Obxecto que imitan: inferior ( escravos), superior ( nobres, deuses, heroes).

    modo

    obxectos

    Imitación pura

    Narración

    Superiores

    Traxedia

    Epopea

    Inferiores

    Comedia

    Parodia

    Aristóteles define a traxedia coma “ a mímese dunha acción nobre e eminente. Ten certa extensión en linguaxe sazonada, os seus personaxes actúan e non contan unicamente. Por medio da piedade e o temor purifican os vizos.”. Coa expresión certa extensión refírese a un traxecto de sol, 24 horas, creando así unha das chamadas tres unidades clásicas.

      • Define o concepto de catarse ou purificación que se materializa especialmente na traxedia. Cando o espectador presenza unha traxedia esta axúdalle a botar fóra as súas dores e sufrimentos, purificando a súa alma.

      • Tamén menciona a verosimilitude, a importancia de contar o que semelle críbel.

      • Distingue entre personaxes:

      • Bos: mulleres e escravos, inferiores por natureza.

      • Apropiados: decoro psicolóxico, é dicir, cada personaxe debe comportarse en función da súa situación.

      • Semellantes: os personaxes téñense que comportar segundo o establecido pola tradición.

      • Consecuentes: ao demostrar unha actitude debe mantela ( por exemplo Edipo en Edipo Rei, coma home recto e valente acaba por sacarse os ollos ao ser consciente do que fixera).

      • Teoría literaria na época helenística ( séculos III a. C. - III d. C.)

      • É a época de decadencia do mundo grego que dará paso á hexemonía romana. O centro cultural da época helenística é Atenas, destacando na teoría literaria Plotino e Lonxino.

        • Plotino ( neoplatónico). En As Enéadas aproxímase a Platón nos conceptos de beleza e imitación. No primeiro caso sitúa a beleza entre a beleza corporal e a beleza suprema do ben, fonte das demais cousas belas. Por outra parte, considera a imitación coma algo inferior por natureza e que, polo tanto, carece de valor.

        • Lonxino. En Sobre o sublime, obra anónima dos séculos I-II, mais atribuída a este autor, refírese ao estilo, cuxas fontes serán:

          • Talento para concibir grandes pensamentos.

          • Paixón.

          • Formación de figuras de pensamento e dicción.

          • Expresión nobre.

          • Composición digna e elevada.

        • Estudos da tradición histórica e crítica baseados nos estudos biográficos e bibliográficos de Calímaco e os crítica interpretativa ( Aristarco).

      • Teorías poéticas en Roma

      • Non aparece nada novidoso respecto da etapa anterior, só se condensan e divulgan os traballos feitos anteriormente. Hai, ademais, unha certa confusión entre poesía e oratoria. Os autores máis destacados son:

        • Cicerón: De inventione, De oratore, Brutus.

        • Horacio: Epistola ad Pisones sive de arte poetica liber.

      • A Poética na Idade Media

      • Características xerais

      • Pluralidade de correntes, todas elas centradas na concepción cristiá do mundo.

      • Problemas da noción Teoría da Literatura aplicada á Idade Media, o texto aberto:

        • Caracter oral da meirande parte dos textos que en moitos casos só fican na memoria do xograr ou recitador, polo que o seu estudo é practicamente imposíbel.

        • Presenza de intermediarios entre o autor e o receptor, xa que ten moito máis valor o copista có autor, por iso a autoría dos textos é moi confusa.

        • A obra é un elemento aberto, que se pode ser transformada tanto polo emisor coma polo receptor segundo o momento e a circunstancia, xa que os xograres ou recitadores poden modificar fragmentos, engadilos, suprimilos...

        • A concepción dos xéneros non era na Idade Media coma a actual nin coma a grega ou latina, aparecen formas híbridas coma os cantares de xesta que dificultan a clasificación en xéneros.

        • Prioridade do contido ( moral, filosófico e relixioso) sobre a forma ademais dunha parte moi importante de espectáculo que lembra aos medios de masas actuais.

        • O cadro do saber da Idade Media agrupa sete artes liberais en dous campos:

          • Trivium: gramática, retórica, dialéctica ou lóxica.

          • Quadrivium: aritmética, xeometría, astronomía e música.

          A poesía non aparece nomeada dentro de ningún dos campos porque non é unha actividade independente, senón que pode estar dentro da gramática, a lóxica ou a música dependendo do momento da Idade Media no que nos atopemos.

        • Correntes da teoría poética medieval

        • Tradición neoplatónica ( Platonismo e Cristianismo: Santo Agostiño e San Clemente)

        • A recepción de Aristóteles ( Boecio, San Isidoro de Sevilla, Averroes, Santo Tomé de Aquino)

        • Tradición poética prescritiva, que se diferenza das de Grecia e Roma cuxas poéticas eran descritivas ( guías para a elaboración de novos textos).

        • Os métodos hermenéuticos de exéxese textual ( Dante), é dicir, a explicación dos textos ( enarratio poetarum). Esta tiña unha grande importancia e nos manuscritos deixábase espazo para os comentarios explicativos. Ademais destes comentarios a pé de páxina tamén cumprían esta función explicativa os limiares.

        • Ciclo clasicista ( séculos XVI, XVII e parte do XVIII)

        • Introdución

          • Ten especial importancia en Italia, Francia, España e Inglaterra.

          • No século XVI descóbrese a Poética de Aristóteles e séguense as súas directrices, ao igual cás da Ars Poetica de Horacio.

          • No Clasicismo faise unha grande defensa da poesía.

          • Xorden novas formas poéticas coma o soneto, a traxicomedia, a novela...

          • O concepto de mímese entra en crise.

          • A invención da imprenta no século XV por Gutenberg fai máis doada a conservación e transmisión da memoria cultural.

          • Importancia da lectura privada e silenciosa.

          • Importancia das linguas vernáculas que fai que xurdan as primeiras gramáticas das mesmas, como é o caso de Gramática de la lengua castellana de Antonio Nebrija ( 1492).

          • Os críticos só contan cun número reducido de textos, todos eles clásicos, tendo que enfrontarse a problemas terminolóxicos.

          • A filoloxía adquire importancia.

          • Glosas e comentarios de textos gregos e latinos ( no primeiro caso acompáñanse da tradución latina e, máis tarde, da tradución nunha lingua vernácula).

        • Principais puntos de interese da teoría poética clasicista

          • A función da poesía: reflexiónase sobre se a poesía é ou non proveitosa para a moralidade tanto individual coma colectiva. Os tratadistas do Renacemento deféndena neste sentido por considerala un instrumento da filosofía moral.

          • Natureza da poesía: considérase coma a súa característica propia a imitación e disto derivan problemas sobre a verdade e a realidade.

          • Regras da poesía: elabóranse normas para escribir que cada vez se tornan máis inflexíbeis, polo que os bos textos son aqueles elaborados con fórmulas que respecten esas normas.

          • Fonte da poesía: considérase que é, por unha banda, o talento natural e, por outra, a inspiración divina.

        • Principais tratadistas:

          • Italianos:

            • Robortello ( primeiro comentario da Poética de Aristóteles)

            • Miturno

            • Scaligero

            • Casstelvetro

          • Españois:

          • Piniano: Philosophia antigua poética

          • Francisco de Cascales: As táboas poéticas

          • Luzán: Poética

          • Franceses:

          • Boileau: L'arte Poétique

          • Ingleses:

          • Pope

          • Dennis

        • A Poética no século XX

        • Os poética actual caracterízase pola importancia dos estudos lingüísticos e o rigor dos métodos empregados. As principais vertentes son:

          • Os formalistas rusos. O formalismo xurde entre os anos 1914 e 1923 da man de estudantes que se reunían na OPOIAZ ( Sociedade para o Estudo da Lingua Poética). O formalismo pretende crear unha ciencia literaria autónoma analizando as calidades intrínsecas da literatura e deixando a un lado as cuestións sociais e históricas. Destaca o nome de BORIS EIKHEMBAUM.

          • O estruturalismo francés, da man de FERDINAND DE SAUSSURE, propón analizar calquera lingua ( tamén a linguaxe poética) coma un conxunto de elementos relacionados por equivalencia ou oposición que forman unha estrutura.

          • O New Criticism anglosaxón: xurde nos Estados Unidos nos anos 20 do século XX. Propón a separación do texto e do autor para considerar o texto coma un obxecto independente, postura que rompe coa crítica biográfica e tamén coa crítica en relación ao contexto social e cultural. Por iso se inclúe dentro da Corrente Texturalista. Unha das figuras máis importantes do New Criticism é ELLIOT, que propón o Close Reading, isto é, a lectura analítica dos textos.

          • A escola morfolóxica alemá.

        • A retórica

        • A Retórica na época clásica. Platón, Aristóteles, Cicerón e Quintiliano

        • Non se sabe a ciencia certa cándo e ónde xurdiu a retórica, polo que ten unha orixe mítica e lendaria, aínda que podería terse empregado por primeira vez en Sicilia.

          • Cando os tiranos Hierón e Xerón se fixeron co poder produciuse un grande descontento popular, esta situación política adversa fixo que se recorrese á elocuencia como medio para reivindicar a devolución das terras arrebatadas polos gobernantes. Destacan os nomes de EMPÉDOCLES DE AGREXENTO, TISIAS e CÓRAX.

          • Introdución en Grecia dos principios da retórica da man de GORXIAS, que defende a linguaxe figurada, o ritmo, as aliteracións, as consonancias... emprega a lingua coma un artificio. Despois de Gorxias serían moitos outros os que empregasen a retórica. Mais Platón volveríase en contra desta disciplina por considerar que non buscada a verdade, senón a verosimilitude. De aí xurde o mítico enfrontamento aos Sofistas, en especial a ISÓCRATES.

          • ARISTÓTELES escribe tres libros sobre retórica adoptando unha postura conciliadora entre os seus defensores e detractores. Para Aristóteles é importante centrarse nas regras da argumentación que fan da retórica unha técnica. A súa visión da retórica é moi semellante á que se ten na actualidade.

          • A retórica en Roma ( século II). Os gregos crean escolas de retórica na cidade de Roma e ten unha grande importancia a obre Retorica ad Herennium ( século I a. C.) atribuída a Cicerón, máis anónima.

            • CICERÓN escribe obras sobre retórica coma De inventione ( consellos para o orador), De oratione ( reflexión sobre a retórica), Brutus ( historia da retórica en Roma), Orator ( descrición do orador ideal).

            • QUITILIANO en De institutio oratoria ocúpase da educación do orador e das partes da retórica.

            • Outros nomes a destacar son OVIDIO, HORACIO e DIONISIO DE ALICARNASO.

          A partir do imperio, pola diminución da vida pública, a retórica vai perdendo importancia e os límites coa poética tórnanse difusos. Trala caída do imperio xorden novos pensadores en Bizancio e a retórica universalízase, non só pola súa mestura coa poética, senón porque tamén se empeza a aplicar á escrita e non só ao discurso oral en público.

        • Panorama da Retórica dende a Idade Media ao século XIX

        • Idade Media

        • A retórica forma parte do currículo dos estudantes e achégase aos estudos literarios. Tense como obra de referencia Retorica ad Herennium xa que De Institutio oratoria descubriríase en 1416. Os que elaboran poéticas céntranse en cuestións lingüísticas.

        • Renacemento

        • A retórica perde importancia respecto da poética, mais amplíase o corpus teórico con obras de QUINTILIANO, ARISTÓTELES ou CICERÓN. Trala caída do Imperio Bizantino chegan tratadistas dende Constantinopla até Italia, destacando HERMÓXENES ( séculos II - III d.C.)

        • Do Renacemento en diante

        • Segue decaendo até considerarse un reflexo doutras épocas. De feito, no século XVIII a retórica identificarase exclusivamente co estudo das figuras literarias ( metáfora...)

        • A Retórica no século XX

        • No século XX a retórica revitalízase polas seguintes razóns:

          • Tórnase interdisciplinar, pois emprégase na crítica, na publicidade, na política, na filoloxía, na socioloxía... De xeito que se une á lóxica e á pragmática.

          • Contribúe á globalización dos estudos literarios porque pode chegar a un público maior e permite relacionar cultura e literatura.

          O Grupo M ou Neorretórica converteuse nun importante defensor desta disciplina unindo a antiga disciplina e os estudos estruturais herdeiros do formalismo.

        • Concepto de Retórica. Os xéneros do discurso

        • ARISTÓTELES establece nunha das súas obras os xéneros do discurso:

          • Deliberativo

          • Xudicial

          • Demostrativo

          Para este autor o oínte é un elemento básico para que sexa posíbel a existencia do discurso e recoñécelle a este unha funcionalidade pragmática. As achegas de Aristóteles resúmense no seguinte esquema:

          Oínte

          Espectador ( demostrativo ou epideítico)

          Árbitro

          a futuro ( deliberativo)

          a pasado ( forense, xudicial)

          Esta diferenciación baséase nas posturas que pode adoptar o oínte fonte ao que ve. Por unha banda pode ser un sinxelo espectador ou contemplador creando o xénero demostrativo ou epideítico, funerario ou de invectiva. Dentro del inclúense as descricións e retratos de personaxes. Mais, por outra banda, o oínte pode ser árbitro e xulgar as cousas que ve ben en relación ao futuro ( xénero deliberativo, empregado nas asembleas) ou en relación ao pasado ( discurso forense ou xudicial, empregado nos xuízos). É, xa que logo, a posición do oínte a que dá lugar á clasificación dos xéneros. Haberá outros tratadistas que non se preocuparán de racionalizar os xéneros deste xeito. Ademais Aristóteles valora máis uns ou outros recursos dependendo do xénero no que se dean baseándose na súa finalidade:

          • Demostrativo: gabanza, crítica.

          • Deliberativo: persuasión, disuasión.

          • Forense ou xudicial: avogacía pola xustiza.

        • A materia do discurso. Elaboración e produción do discurso

        • A materia do discurso refírese aos seus ámbitos de incumbencia, non ás súas partes, máis relacionadas coa estrutura do discurso. Estes ámbitos de incumbencia están relacionados coas actividades que ten que realizar o orador. Son os seguintes:

          • Inventio: achar o que se debe dicir.

          • Dispositio: Estruturar e organizar o discurso.

          • Elocutio: é a parte lingüística do discurso consistente en ornamentalo con verbas.

          • Memoria: aprender o discurso.

          • Actio: executalo ante o público acompañado de xestos, un certo ton de voz...

          Todo isto é necesario para acadar a virtualidade pragmática do discurso, é dicir, a orientación que buscamos cara o oínte.

        • Inventio

        • Implica o descubrimento dun tema que xa existe, non a súa invención, isto é, atopar que dicir ( invenire qui dicas) no intre máis axeitado. O orador ten que aportar ideas e argumentos sobre ese tema para orientalo cara o fin que pretende. Os obxectivos que guían o bo orador son:

          • Animos impellere: emocionar.

          • Fidem facere ( rem docere): ser convincente, dividir os argumentos.

        • Materia do discurso

        • O discurso pode tratar de problemas xerais ( genus infinitum, quaestio ou tese) ou de problemas particulares dunha situación concreta e personaxes determinados no tempo e no espazo ( fenus finitum ou causa). Existe certa preferencia pola materia de carácter particular.

        • División dos argumentos

          • Probationes artificiales ou intrínsecos: son o resultado da retórica, os estimenas que pretenden ser verosímiles ( a diferenza dos siloxismos que pretenden ser verdadeiros, a distinción entre ambos fica na natureza da premisa: verosímil ou verdadeira). Sen embargo, para QUITILIANO un estitema é un siloxismo elíptico, é dicir, que non expón claramente tódalas premisas deixando baleiros lóxicos, non retóricos. Isto é o que lle dá forma ao argumento facendo que o contido se relacione con tópicos e lugares comúns...

          • Probationes inartificiales ou extrínsecos: non dependen da retórica, son argumentos coma citas de alguén con autoridade, testemuños, fábulas... QUINTILIANO recomenda empregar argumentos extrínsecos que teñan efecto sobre o senado.

        • Dispositio. Partes do discurso ( Partes artis)

        • É a organización do discurso en fases que ARISTÓTELES clasifica, de xeito non universal, da seguinte maneira:

          • Exordio: consta, por unha banda, da captatio benevolentiae na que o orador ten que atraer ao auditorio ao seu favor, conseguir a súa atención e a súa docilidade; e por outra banda, da partitio, na que se deben anunciar os puntos máis importantes nos que vai consistir o discurso. Segundo QUINTILIANO é conveniente anunciar a brevidade do discurso xa que nunca semella longo aquilo que ten un final anunciado.

          • Narratio: o orador expón o tema dun xeito persuasivo ocultando aquilo que vai contra a súa postura. A Narratio debe ser clara, verosímil e breve, tendo moita importancia as descricións de orientación pragmática. Na retórica medieval existe a distinción entre ordo naruralis ( organización cronolóxica e causal) e ordo artificialis ( ausencia de orde, tanto cronolóxica coma causal).

          • Confirmatio: é a exposición dos argumentos, concluír se o que se argumentou era negativo ou positivo e aportar probas. Para QUINTILIANO debíase comezar por probas fortes, continuar con probas máis débiles pero abundantes e rematar coa proba máis forte.

          • Epílogo ou peroratio: recapitulación dos temas tratados e busca de afectos. En Roma eran frecuentes os trucos dramáticos ( ensinar un puñal ensanguentado ou ao acusado ao carón dos seus fillos). Logo para rematar había unha fase móbil, a egressio, fóra xa do tema do discurso.

        • Elaboración e produción do discurso. Elocutio, ornare verbis

        • Consiste en darlles forma lingüística ás ideas e ornamentalas con verbas mediante a puritas ( corrección gramatical), a perspicuitas ( claridade) e a ornatus ( adornar con tropos - traspor o significado dunha expresión a outra - e figuras, manipulación lingüística, do pensamento...) Realízanse tamén operacións máis pragmáticas coma as da arte práctica ou a arte da representación. É importante que o estilo sexa o axeitado para a situación na que se desenvolve o discurso, esta foi a parte que máis evolucionou no tempo até o punto de que a partir dos séculos XVI e XVII a retórica foi identificada coa elocutio.

        • Elaboración do discurso. Memoria

        • Trata os procedementos para a memorización do discurso que o orador semella improvisar. A expresión memoriae mandare fai referencia á aprendizaxe do discurso para a súa exposición posterior que pode ser:

          • Memoria naturalis: innata.

          • Memoria artificialis: trucos e regras mnemotécnicas.

          O papel da memoria tivo unha grande importancia no ensino medieval, na poesía épica ( motivos: repeticións) ou na representación teatral. Ademais promoveu a existencia de apuntadores.

        • Produción do discurso. Actio: agere et pronunciare

        • É a representación do discurso por parte do orador coma se fose un actor. Son importantes a modulación da voz ( volume, flexibilidade, firmeza, ton conversacional que transmita achegamento ou ton amplificatorio para conmover) e o movemento do corpo.

          A arte da expresión verbal do actor denomínase declamación. En Roma a declamatio estaba integrada na actio e era fundamental para que o orador recitase ben que a empregase acompañada de acenos. Na Francia do século XVII conságrase como disciplina autónoma coa finalidade de recitar a Comédie française e a traxedia clásica. A declamatio é unha interpretación que leva consigo unha representación artificial que impide a identificación dos personaxes con persoas reais, razón pola que foi criticada a partir dos séculos XVIII e XIX até a actualidade. Dende entón preferiuse a dicción, a arte de pronunciar o texto coa elocución, entoación e ritmo axeitados dunha maneira natural e non artificial coma a da declamatio. Aínda na actualidade a declamatio ten un matiz pexorativo que leva a que só se empregue no teatro para buscar unha estética lírica e arcaica ( Brook, Vitez).

          En conclusión, ARISTÓTELES foi o primeiro gran teórico da retórica e despois esta seguiría dúas liñas:

          • O modelo clásico de CICERÓN e QUINTILIANO.

          • Os retóricos bizantinos que marchan a Italia trala caída do Imperio de Oriente.

          As ideas da retórica varían segundo os autores e as épocas. Así, no século XX, xurde a Neorretórica na que destacan nomes coma o de PERELMAN, OLBRECHTS - TYTECA ( Tratado da argumentación. A nova retórica: obra na que expón medios para facer máis efectiva a persuasión) ou RENATO BARILLI ( Poética a retórica, obra na que se revitaliza o concepto aristotélico). Cómpre nomear tamén a ROLAND BARTHES, que reivindica a retórica coma unha teoría válida para calquera sistema semiolóxico ou TODOROV, que compara as relacións dentro dun texto literario coa inventio, dispositio e elocutio. Destaca tamén o GRUPO M, que defende a equivalencia entre retórica e poética estudando os tropos mediante catro operacións ( supresión, adxunción, supresión - adxunción e permutación - elocutio - ) e considera a linguaxe literaria coma un desvío da norma. Podemos nomear, para rematar, a JAKOBSON, GENETTE e CLAUDE BRÉMOND.

          A recuperación actual da retórica baséase en:

          • A relación entre a retórica e os estudos de persuasión, a política e a publicidade.

          • O intento de proclamarse unha ciencia xeral dos discursos, sendo a Neorretórica a ciencia dos textos.

          Ademais a retórica é unha actividade interdisciplinar na que se poden incluír tódolos estudos relacionados coa literatura, unha ciencia pragmática e aberta a tódolos saberes. Por outra banda, préstaselle maior atención á inventio ( estudo dos universais literarios) e á dispositio.




    Descargar
    Enviado por:Luzinha
    Idioma: gallego
    País: España

    Te va a interesar