Filología Gallega


Teoría da Lingua galega


  • Introdución: complexidade dos fenómenos lingüísticos e enfoques da Lingüística.

  • Os fenómenos lingüísticos son complexos, heteroxéneos e cambiantes.

    Deste xeito danse numerosas variacións nos usos lingüísticos:

    • Variacións a nivel colectivo: pois hai moitas linguas no mundo (máis de 6.000 na actualidade) e existen grupos sociais que empregan varias linguas (coma en Suíza, onde se emprega o alemán, o francés, o italiano... ou en África do Norte que as comunidades usas o árabe xunto co bereber, o bereber e o francés ou o francés e o árabe). Ademais, para non crear conflitos entre as distintas linguas en moitos países africanos establécese como oficial a lingua do país ao que estiveron sometidos (francés, inglés, portugués...).

    • Variacións a nivel individual: pois a lingua empregada por cada falante individualmente varía dependendo de:

    • os interlocutores

    • o tema (por exemplo en medicina emprégase un vocabulario específico)

    • o contexto (non falamos igual ca escribimos, pois o escrito permanece no tempo e o falado non).

    • a idade, pois non falamos igual nas diferentes etapas da nosa vida.

    • a preparación intelectual, da que depende un maior ou menor dominio da lingua.

    Por outra banda, a complexidade e heteroxeneidade das linguas maniféstase tamén en problemas comunicativos coma os seguintes:

    • Problemas de déficit verbal:

    • problemas na pronuncia relacionados cos órganos de articulación.

    • dificultades na organización sintáctica de S + V + CD derivados dun traumatismo ou derrame cerebral.

    • individuos con deficiencias auditivas que teñen que suplir a linguaxe verbal pola xestual.

    • Problemas de incomprensión:

    • pola distancia cultural, pois podemos dominar unha lingua mais non os seus principios de manexo ( un chinés é quen de falar castelán pero usa a tonalidade do chinés, parecendo estar anoxado, e mira cara abaixo cando fala porque así se fai na súa cultura, mais crearíalle unha situación de desconfianza a un occidental).

    • polo descoñecemento idiomático, xa que as persoas que non manexan unha lingua común teñen problemas para se comunicar, para resolver isto sería preciso recorrer a un intérprete ou á lingua de signos.

    • polos prexuízos lingüísticos, pois estes crean problemas de comunicación ( prohibición do galego durante o franquismo). Un exemplo de ausencia de prexuízos son as linguas pidgin e crioulas, creadas polos propios falantes para se comunicar.

  • Enfoques da Lingüística

    • Diversidade lingüística:

    • Multilingüismo: recolle a diversidade de linguas presentes no mundo.

    • Ecoloxía Lingüística: preocúpase por evitar a desaparición das linguas en perigo de extinción.

    • Tipoloxía Lingüística: estuda a diversidade das linguas analizando as diferenzas entre elas. Esta disciplina nace como consecuencia da investigación sobre diversidade lingüística feita por Sapir, que buscaba as diferenzas entre as linguas, podendo ser estas:

    » fonéticas

    » morfolóxicas

    » sintácticas

    » léxicas

    • Varias linguas nunha mesma comunidade:

    • Bilingüismo social: dúas linguas nunha mesma comunidade.

    • Polilingüismo social: máis de dúas linguas nunha mesma comunidade.

    • Diglosia: dúas ou máis linguas dentro dunha mesma comunidade das cales unha ou unhas teñen máis importancia ca outra/s.

    • Planificación lingüística: trata de acabar cos desequilibrios entre linguas nunha mesma comunidade.

    • Sociolingüística:

      • Cuantitativa ou da comunidade, que pon en relación trazos lingüísticos don factores sociais ( sexo, idade...)

      • Da linguaxe, que se ocupa das actitudes, disposición e consciencia dos falantes en relación coas súas linguas mediante cuestionarios con preguntas que han de estar ben formuladas e que nos permiten coñecer a psicoloxía social dunha comunidade.

    • Cuestións lingüísticas:

    • Rexistro: variedade lingüística regulada polo contexto.

    • Polilecto: conxunto de variedades a disposición do falante para seren empregadas segundo o contexto. A variedade usada vén dada pola rede comunicativa, cantas máis redes comunicativas está presente o falante, máis polilectos ten á súa disposición.

    • Competencia comunicativa: refírese ás destrezas do individuo para comprender acenos, miradas etc. A competencia comunicativa é estudada pola Pragmática que se encarga das regras de uso das linguas e das estratexias que acompañan á dinámica verbal ( acenos...).

    • Problemas que xorden como consecuencia de déficits:

    • Patoloxía da linguaxe: reúne todos os casos nos que hai limitacións no manexo da lingua que crean problemas de comunicación.

    • Lingua de signos: aqueles individuos con problemas auditivos non dispoñen de lingua oral e empregan un sistema de xestos para se comunicar.

    • Para a solución destes problemas a lingüística dispón de tres campos:

    • Neurótica: investiga os paralelismos entre a actividade cerebral e a lingüística ( por exemplo cando falamos actívase a área de Brocka no cerebro e cando falamos a de Wernicke).

    • Psicolingüística: interésase polo pensamento cognitivo ou mental que se produce mentres falamos ou comprendemos. O tema máis importante desta disciplina é o estudo do desenvolvemento da lingua nun neno.

    • Logopedia: é o campo profesional que elabora programas terapéuticos para recuperar falantes que teñen limitacións.

    • Problemas de incomprensión:

    • Pragmática intercultural: é a disciplina que se ocupa de realzar as diferenzas que hai entre as linguas cando os falantes as usan. Por exemplo, o discurso en inglés parte de que o interlocutor ten un amplo coñecemento e as secuencias son curtas e claras, pola contra, no castelán explícase todo e pártese do descoñecemento do interlocutor. Outro bo exemplo é a diferenza entre o inglés a as linguas bálticas: o primeiro é un idioma orientado cara a opinión pois preséntanse os acontecementos dunha maneiras flexible e con moitos rodeos, permitíndolle ao interlocutor formar a súa opinión; mais as linguas bálticas presentan os acontecementos de xeito categórico, coma se non houbese outra maneira de contalos, pois é unha lingua orientada cara a verdade.

    • Tradución: é o campo da Lingüística que se encarga do proceso de transferir unha mensaxe dunha lingua orixe a unha lingua termo. O importante deste proceso é manter o sentido da mensaxe e non a unicamente a tradución de significados, é dicir, as expectativas que a mensaxe cumpre para os falantes da lingua orixe ten que cumprilas tamén para os da lingua termo. Así, por exemplo, na tradución da Biblia a unha lingua esquimó ( inuit) deuse o problema de cómo traducir Año de Deus, pois nas comunidades esquimós non hai años. Para atallar este problema buscouse outro animal que tivese para eles a mesma carga simbólica que ten para a cultura occidental o año, de aí xurdiu a proposta de Foca de Deus.

    • Socioloxía da linguaxe: estuda as actitudes, comportamentos, consciencia e ideoloxía dos falantes respecto das linguas ou as variedades das linguas, que teñen como resultado os prexuízos lingüísticos. Cómpren estudos sociolingüísticos para a realización de planificacións lingüísticas. Por exemplo, antes de implantar o hebreo en Israel como lingua oficial, Robert Cooper realizou un estudo sobre a psicoloxía dos falantes; ao igual ca cando se introduciu o noruegués, xa que antes dos anos 40 se falaba unha lingua similar ao sueco e ao danés e buscando diferenciarse dos daneses crean un perfil de lingua vencellado ao dialecto que é implantado como lingua oficial logo de que Einer Haugen realizase un estudo sobre a psicoloxía social. Por outra banda, un exemplo de implantación lingüística fracasada é a do gaélico ou irlandés por non estar baseada nun estudo sociolingüístico.

  • Natureza social e natureza biolóxica da linguaxe. Fundamentos culturais, simbólicos, psicolóxicos e neuronais da linguaxe. Relevancia metodolóxica da función comunicativa.

  • Xa os primeiros gramáticos trataron de atribuírlles ás linguas e á linguaxe unha base, de aí que sexan importantes dende os comezos da Lingüística as reflexións sobre a orixe ou natureza das linguas. Dentro destas naturezas destacan a natureza social e mais a natureza biolóxica.

  • Natureza social da linguaxe

  • Foi a máis estudada e é a máis comprobábel, pois ao comunicármonos usamos expresións que deben ter interese para un interlocutor, polo que a comunicación non é un proceso individual, xa que precisa dun emisor e un receptor, é dicir, é un fenómeno social.

    Os principais estudosos da natureza social da linguaxe foron Ferdinand de Sausure, Thomas Givon ( discípulo de Pike), Edward Sapir e Pike. Mais Sapir, Givon e Pike admiten tamén a relevancia da natureza biolóxica, dando así unha visión integral da linguaxe.

    Dentro da natureza social da linguaxe temos que distinguir entre:

    • Dimensión cultural ou antropolóxico-social: está vencellada á visión que cada comunidade ten do mundo, polo que debemos nomear a hipótese ( inexistente, porque en realidade non se formulou) Sapir -Whorf ( Sapir era un lingüista humanista estadounidense e Whorf o seu discípulo). Segundo esta hipótese a forma ou as unidades da lingua están totalmente subordinadas ao entorno ( os esquimós teñen moitas verbas para designar os diferentes tipos de neve ao igual que en galego hai moitas palabras para denominar os diferentes tipos de choiva), esta hipótese establecería un determinismo extremo. Mais isto non é así, xa que a miúdo as unidades das linguas xorden arbitrariamente, sen teren ningunha relación co entorno, polo que sería preferíbel un determinismo menos radical. Por outra banda, vencellado á dimensión cultural está o relativismo, segundo o cal as linguas son moi diferentes e cada unha ten cadanseus significados imposíbeis de transferir a outra lingua. Isto limitaría, a priori, a tradución, mais non é así se temos en conta que ao traducir debemos transferir o sentido da mensaxe e non os significados concretos de cada verba.

    • Dimensión simbólica: existe porque para comunicar elementos da realidade (vencellamento coa visión do mundo) ou coñecementos codificamos a nosa mensaxe na lingua, que serve de intermediario para representar esa realidade ou coñecemento. A dimensión simbólica está relacionada co estruturalismo ( Sausure), segundo o cal a lingua é un sistema ordenado de signos que poden ser sinxelos ( a verba) ou complexos ( frase, oración, texto, novela...). Ademais da linguaxe oral tamén existen outras linguaxes, igualmente simbólicas, que a completan: os xestos, a escritura, os sinais... Por outra banda, dentro dos símbolos temos que falar de símbolos convencionais e arbitrarios, que non teñen relación coa realidade que representan (como o son a maioría das palabras ), e símbolos icónicos, é dicir, que teñen algunha relación coa realidade que representan. Entre estes últimos podemos pór exemplos coma as onomatopeas miañar, de miau, ten relación co son que emite un gato), a iconicidade poética en poemas coma Il pleut de Apollinaire, os símbolos ideográficos (kanjis xaponeses) ou a linguaxe xestual dos xordos. Ademais non debemos esquecer que a iconicidade está relacionada coa percepción ( percibimos aquilo ó que estamos afeitos) e co entorno (os sinais de tráfico que advirten do perigo de animais non son iguais en todos os lugares).

  • Natureza biolóxica da linguaxe

  • Foi estudada principalmente por Chomsky, segundo o cal a linguaxe ten a súa base na especie, é dicir, o home por ser home ten a capacidade de pensar e a linguaxe non é máis ca unha capacidade cognitiva máis, segundo explicaba nos primeiros estudos dos anos 60 e 70. A partir dos anos 80 este teórico comeza a afirmar que a base da linguaxe está nos xenes, non na mente. Ademais para Chomsky falamos porque temos a necesidade de expresar o noso pensamento, non de comunicármonos.

    Estudar a natureza biolóxica da linguaxe é estudar a actividade mental do falante no proceso comunicativo ( motivación, intención, nivel de intelixencia...) , isto é, estudar a lingua como proceso, non como produto. Chomsky cambiou o plantexamento da aprendizaxe de segundas linguas.

    • Vertente psicolóxica: caracterizada pola adquisición da lingua, a cognición e a habilidade lingüística. Para manexar a linguaxe debemos coñecer o código que regula a combinación de sons e palabras, así como é preciso aprender a ler e escribir. Malia todo, non todos os falantes teñen o mesmo grao de dominio sobre unha determinada lingua ( depósito cultural).

    • Vertente neuronal: estuda as patoloxías lingüísticas e a localización da linguaxe:

    • Fala: área de Brocka do cerebro.

    • Escrita: área de Wernicke.

    • Pensar: globalidade do cerebro.

    • Ver: área occipital.

    Segundo algúns teóricos a linguaxe áchase en áreas determinadas do cerebro ( Brocka e Wernicke), mais outros coma Antonio Damasio defenden que cando falamos tamén pensamos e vemos, polo que é o cerebro na súa globalidade o que está activo.

  • Multidimensionalidade da linguaxe e áreas da Lingüística

  • 3.1 Natureza biolóxica

    3.1.1 Dimensión psicolóxica ( Psicolingüística)

    • Adquisición da linguaxe: prodúcese no período crítico e é unha actitude pasiva e inconsciente, polo que non se pode considerar aprendizaxe.

    • Cognición e habilidade lingüística: Na aprendizaxe dunha lingua hai que ter en conta as capacidades mentais do individuo, a súa habilidade cognitiva, para saber como será a súa habilidade lingüística. Así o estilo de aprendizaxe pode ser:

      • Analítico ou creativo, no que o individuo desenvolve as súas propias estratexias na aprendizaxe ( exercicios de composición).

      • Sintético ou imitativo, no que o individuo se serve de estratexias de aprendizaxe xa deseñadas ( exercicios para rematar secuencias de palabras...)

    As calidades mentais do individuo inflúen na aprendizaxe de novas linguas.

    • Patoloxías lingüísticas orixinadas por causas non orgánicas: son patoloxías cuxa causa é funcional ou psicolóxica, como é o caso da tartamudez, unha limitación comunicativa provocada pola timidez, nerviosismo, pouca sociabilidade... ( en principio, pois segundo recentes estudos podería ser hereditaria).

    3.1.2 Dimensión neuronal ( Neurolingüística)

    • Patoloxías lingüísticas orixinadas por causas orgánicas: trátase de patoloxías cuxas causas son lesións físicas no cerebro ( traumatismos, derrames, tumores...). Un bo exemplo é a afasia, patoloxía que provoca a perda de capacidade para falar ( ausencia de estrutura sintáctica, de artigos, de preposicións...).

    • Localización e lateralidade da linguaxe:

      • Localización: trátase de determinar a área ou áreas que entran en actividade no cerebro cando se leva a cabo o acto comunicativo. En principio estas serían a de Brocka ( expresión) e Wernike ( comprensión), mais debemos ten en conta que ao nos comunicar tamén pensamos, actividade que pon en funcionamento todo o cerebro. Polo que sería conveniente seguir unha tendencia menos localista e máis holista ou globalizadora. Esta argumentación vese reforzada ao sabermos que o cerebro se pode recuperar funcionalmente, é dicir, cando unha área do cerebro resulta danada a función que esta desenvolvía pódese trasladar a outra. Sen embargo o cerebro non é recuperábel organicamente ( a área danada non pode volver funcionar).

      • Lateralidade. A lateralidade da linguaxe refírese ao hemisferio do cerebro no que esta fica. Para os destros a linguas maternas localízanse no hemisferio esquerdo e as aprendidas no dereito. As persoas zurdas, pola súa banda, localizan segundo o sexo: as mulleres no dereito ( especialmente se os seus antepasados tamén son zurdos), mais os homes non localizan todos no mesmo hemisferio.

    3.2 Natureza social

    3.2.1 Dimensión cultural

    • Lingua e visión do mundo: ( Etnolingüística), isto é, hai un importante paralelismo entre a relevancia que a comunidade lle atribúe a unhas ou outras percepcións e as súas formalizacións lingüísticas, xa que cada comunidade ten uns principios para valorar o entorno que os rodea que son reflectidos na lingua. Podemos citar varios exemplos:

      • As linguas esquimós ou inuit conteñen numerosas palabras para se referiren aos distintos tipos de neve.

      • Ao galego acontécelle o mesmo cás linguas esquimós coa choiva ( orballo, poalleira, miudiño, patuñar, morriñar...).

      • En galego é frecuente responder a unha pregunta por outra xa que os galegos somos, antropoloxicamente, moi prudentes.

      • En latín facíase a seguinte diferenciación pola importancia que tiñan as liñaxes:

      • tío

        tía

        patruus

        anunaculus

        amita

        matertera

        irmán do pai

        irmán da nai

        irmá do pai

        irmá da nai

        • Modos de interacción: ( Pragmática). Cando nos referimos a modos de interacción estamos a falar de estilos comunicativos á hora de relacionármonos. Estes varían:

          • Entre as distintas comunidades lingüísticas. Por exemplo en chinés, ao contrario do que sucede nas culturas occidentais, é frecuente iniciar a conversa preguntando “ cantos fillos tés?” e rematala con “ boa colleita de arroz”. Ademais a distancia entre os interlocutores é maior, a mirada diríxese ao chan e o ton e brusco ( a un occidental semellaríalle que está anoxado).

          • Dentro dunha mesma lingua danse variacións vencelladas á zona xeográfica, idade, profesión...

          • En cada individuo, pois a mesma persoa tamén pode trocar o seu modo de interacción dependendo do contexto, a confianza co interlocutor...

        A Pragmática é unha disciplina que se ocupa do éxito da comunicación e, para que este sexa posíbel, establece regras sobre os usos dunha lingua.

        • Usos lingüísticos e estratos sociais: ( Sociolingüística): refírese ás propiedades lingüísticas ligadas a factores socias, coma por exemplo:

          • O sexo: mentres os homes empregan, en xeral, un léxico máis directo con ausencia de eufemismos, conducen as pautas da conversa e adoitan tratar temáticas determinadas coma os deportes, coches... as mulleres usan máis eufemismos, empregan un discurso máis cooperativo e tocan outros temas ( roupa, rapaces...).

          • A idade, pois a xente nova usa un léxico específico baseado en diminutivos.

        3.2.2. Dimensión simbólica

        • Actitude, conciencia ante a lingua ( Socioloxía da linguaxe), analiza os rangos que, por mor de diferentes simbolizacións, o falante lle atribúe as diferentes linguas ou variedades:

          • Variedades: o español da Arxentina é considerado máis doce e cortés, mentres que o de Andalucía máis gracioso, o que lle dá un maior rango ao primeiro.

          • Linguas: uso dunha ou doutra dependendo da finalidade que se busca ( galego e castelán na Galiza).

        • Ontoloxía dos elementos lingüísticos ( Filosofía da linguaxe), refírese á busca da orixe dos elementos lingüísticos. Estas reflexións baséanse en preguntas coma:

          • Teñen unha orixe lóxica? ( algunha base lóxica teñen que ter se somos quen de transferilos á linguaxe informática).

          • Orixínanse en convencións sociais?

          • Orixínanse no cerebro ou nos xenes?

        • Constitución e estrutura das linguas, as linguas están constituídas por elementos simbólicos que forman unha estrutura fechada dando lugar a unidades ben definidas como son os sons, as frases, as palabras, as oracións... Estas unidades son estudadas por:

          • Fonética: sons.

          • Fonoloxía: fonemas.

          • Gramática: regras de combinación de palabras.

          • Lexicoloxía ou Semántica: significados.

        A LINGUAXE E AS LINGUAS

        A LINGÜÍSTICA

        Natureza

        Dimensións

        Algúns temas de interese

        Disciplinas

        Adquisición da lingua

        Psicolingüística

        Cognición e habilidade lingüística

        Patoloxías lingüísticas

        Patoloxías lingüísticas

        Localización e lateralidade da linguaxe

        Neurolingüística

        Lingua e visión do mundo

        Etnolingüística

        Modos de interacción

        Pragmática

        Usos lingüísticos e estratos sociais

        Sociolingüística

        Actitude, conciencia ante a lingua

        Socioloxía da linguaxe

        Ontoloxía dos elementos lingüísticos

        Filosofía da linguaxe

        Constitución e estrutura das linguas

        Fonética

        Fonoloxía

        Gramática

        Lexicoloxía

        DIVISIÓNS

        Cultural

        SOCIAL

        Simbólica

        RAMAS

        Neuronal

        Psicolóxica

        BIOLÓXICA




    Descargar
    Enviado por:El remitente no desea revelar su nombre
    Idioma: gallego
    País: España

    Te va a interesar