Literatura


Rosalía de Castro


Índice:

Introducción……………………………………………páxina 2

Rosalía e a Emigración………………………………...páxina 3

Rosalía e a Muller……………………………………...páxina 8

Bibliografía…………………………………………….páxina 10

Introducción:

Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela no ano 1837. Filla de Teresa de Castro Abadía (de nobre familia) e dun xove sacerdote, viveu cunha tía ata os 8 anos, tempo no cal aprendeu o galego e familiarizouse coa vida rural. Casou co periodista Manuel Murguía no ano 1858, que a alentou en todo momento a publicar os seus traballos pese as numerosas crises sufridas pola parella. A súa vida chea de desgracias e penurias (a morte de dous dos seus sete fillos, o cancro, o alonxamento da súa terra, a súa orixe espuria…) marcaron en gran maneira a súa poesía, como tamén a marcou o feito de ser muller. Nisto (na súa feminidade) e no problema da emigración centrarase este traballo.

'Rosalía de Castro'

Rosalía e a Emigración:

Rosalía tratou o problema da emigración na súa poesía dende unha visión intima, quizais porque ela (que viveu en Castela e Madrid durante varios anos) se contaba como parte de este colectivo. A saudade do fogar provoca nela un amargo sentimento que a incita a describir Galicia con palabras maravilladas, dándolle moito do locus amoenus dos poetas grecolatinos da antigüidade clásica. Este “namoramento” da súa terra está moi presente tanto en Cantares Gallegos como na cuarta parte de Follas Novas, Da Terra, onde a autora se centra en temas como a paisaxe e a saudade da súa terra e as aldraxes a Galicia por parte do resto de España.

Probe Galicia, non debes

chamarte nunca española,

que España de ti se olvida

cando eres tan hermosa.

Cal si na infamia naceras,

torpe, de ti te avergonzas,

i a nai que a un fillo despresa

nai sin corazón se noma.

Esa visión non impide que Rosalía use a súa poesía como arma social para criticar o subdesenvolvemento de Galicia con respecto a outras zonas de España e a pobreza e inxustiza social que se vive no momento. Así mesmo, defende o uso da lingua galega, como expón nalgúns pasaxes de Cantares Gallegos:

Cantarte hei Galicia,

na lingua galega

consolo dos males,

'Rosalía de Castro'
alivio das penas.(…)

Na poesía de Rosalía o emigrante non é nunca o indiano enriquecido, senón o pobre e desgraciado galego que se ve obrigado a abandoar a súa terra para busca-lo pan para el e a súa familia. A poetisa céntrase naqueles que foxen de Galicia cos ollos postos nunca riqueza que difícilmente obterían, naqueles que se vían forzados á emigración pola fame e a miseria, derivados dunha situación caciquil e do pago obligatorio dos foros.

(…)--<<María, eu son mozo,

pedir non me é dado;

eu vou polo mundo

pra ver de gañalo

Galicia está probe,

i á Habana me vou…

¡adiós, adiós, prendas

do meu corazón!>>

Un dos maiores refrexos da situación na que quedaba Galicia a causa da emigración é o título da quinta parte de Follas Novas: As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos. Este título fai referencia ás mulleres galegas que quedaban soas trala marcha dos seus homes para América, de onde rara vez voltaban. Que un home marchara para América forzaba á muller a unha viudedade forzosa, refrexada pola poetisa en poemas como Tecín soa a miña tea, ¡Pra a Habana!, etc. Ademáis, a emigración do marido deixaba totalmente desprotexida á muller, que na sociedade do XIX dependía totalmente do home, tanto económica como socialmente.

Este vaise i aquel vaise,

e todos, todos se van,

Galicia, sin homes quedas

que te poidan traballar.

Tes, en cambio, orfos e orfas

e campos de soledá,

e nais que non teñen fillos

e fillos que non tén pais.

E tes corazóns que sofren

longas ausencias mortás,

viúdas de vivos e mortos

que ninguén consolará.

Esta premonición da morte fóra da terra toma especial forma nos versos finais da cuarta parte do poema ¡Pra a Habana!:

¡no sembrante a alegría,

no corazón o esforzo,

i a campana harmoniosa da esperanza,

lonxe, tocando a morto!

Outra interpretación posible deses versos sería a do medo a non acadar o esperado: a riqueza suposta que se pretendía alcanzar nunha terra da que (os que voltaban) voltaban ricos. Sen embargo, Rosalía sabía que moitos dos emigrantes xamais voltarían ou voltarían presas de enfermidades mortais.

Pero Rosalía non só se centra na emigración alén do Atlántico, senón que tamén nos fala da emigración a Castela, coa que se sinte especialmente sensibilizada polas súas longas estadías nesa terra. A vida en Castela foi especialmente dura para a poetisa, que compuxo os poemas máis tristes de Follas Novas en Simancas, presa da desesperación por verse lonxe da súa verde terra e atrapada no que ela concibía como un deserto. Xa en Cantares Gallegos a poetisa fala con rabia e xenreira do trato que os casteláns prodigaban ós galegos que traballaban para eles en poemas como Castellanos de Castilla:critica o trato que os xornaleiros galegos recibían en Castela, terra que ela consideraba fea e pobre en comparación con Galicia.

Castellanos de Castilla,

tratade ben ós gallegos;

cando van, van como rosas,

cando vén, vén como negros.

(…) Foi a Castilla por pan,

e saramagos lle deron,

déronlle fel por bebida,

peniñas por alimento.

Déronlle, en fin, canto amargo

ten a vida no seu seo…

¡castellanos, castellanos!

Tendes corazón de ferro.

(…) Morreo aquel que eu quería,

e para min n'hai consuelo:

sólo hai para min, Castilla,

a mala lei que che teño.

Premita Dios, castellanos,

castellanos que aborreso,

que antes os galegos morran

que ir a pedirvos sustento;

pois tan mal corazón tendes,

secos fillos do deserto,

que si amargo pan vos ganan,

dádesllo envolto en veneno.

(…) En tros de palla sentados,

sin fundamentos, soberbos,

pensás que os nosos filliños

para servirvos naceron.

(…) Que Castilla e castellanos,

todos nun montón a eito,

non valen o que unha herbiña

destes nosos campos frescos.

(…) En verdad non hai, Castilla,

nada coma ti tan feio,

que ainda mellor que Castilla

valera decir inferno.

(…)

En parte pola visión bucólica e idealizada da súa terra (unha terra rica e pródiga) a Rosalía cáusalle especial pesadume a pobreza da maioría dos seus poboadores, que se ven obrigados a emigrar a terras foráneas para alcanzar a riqueza que poderían conseguir na súa propia terra de non estar vixente a sociedade caciquil do século XIX, que acaparaba os bens a base da explotación dos campesiños, obrigados a pagar os foros. A emigración era a última opción, cando xa todo estaba vendido e non se solucionaba a situación familiar o home da casa debía marchar a facer as Américas (recordemos os primeiros versos de ¡Pra a Habana!:”Vendéronlle os bois/vendéronlle as vacas,/o pote do caldo / i a manta da cama. / Vendéronlle o carro / i as leiras que tiña ; / deixárono soio / coa roupa vestida.”). A causa desta crítica á sociedade galega do momento e tamén pola feita ó goberno centralista español, a crítica conservadora realizou unha lectura edulcorada e parcial da súa poesía, véndoa como unha poetisa costumista e choromiqueira para ofrecer unha imaxe de Rosalía que non resultase perigosa política e socialmente. Nada máis lonxe da realidade: Rosalía, ferida pola dor de ver aldraxada á súa terra e á súa xente, chora por Galicia e polos galegos, pero tamén incita a un cambio social, como se pode apreciar no poema A Xustiza pola man, pertencente a Cantares Galegos. Nel, a autora fala en primeira persoa para facer unha crítica á alta sociedade galega do momento e invita á redención a través da violencia:

(…)

--Salvádeme ¡ouh, xueces!—berrei… ¡tolería!

De min se mofaron, vendeume a xustiza.

--Bon Dios, axudaime—berrei, berrei inda…

Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.

Entonces,cal loba doente ou ferida,

dun salto con rabia pillei a fouciña,

rondei paseniño… ¡ne as herbas sentían!

I a lúa escondíase, i a fera dormía

cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas

dun golpe, ¡dun soio!, deixeinos sen vida.

I ó lado, contenta, senteime das vítimas,

tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces… estonces cumpreuse a xustiza:

eu, neles; i as leises, na man que os ferira.

Tamén ten importancia na poesía de Rosalía a arrepiante fame negra que vive Galicia durante os anos 1852, 1853 e 1854. A miseria abrumadora deses anos obriga a un éxodo rural que Murguía describe así: “…vou contarche o que presenciei en Santiago no tristísimo inverno de 1853, ano fatal para Galicia, no que a fame fixo baixar ás nosas cidades, como verdadeiras hordas de salvaxes, homes que xamais triparan as rúas dunha poboación, mulleres que non coñecían outros horizontes cós que se estendían ante as súas cabanas levantadas na mais apartada soidade…”. Quizáis foi esta fame a que fixo que Rosalía se decatase da penosa situación dos labregos galegos por primeira vez na súa vida, xa que para ese entón non coñecía Madrid e acabábase de instalar en Santiago de Compostela, procedente de Padrón.

Na súa obra En las orillas del Sar, escrita en castelán, Rosalía volve tratar o tema da emigración, pero contemplado esta vez dende unha perspectiva diferente. Xa non se centra na marcha dos emigrantes, senon que pensa naqueles que xa están en América, chamándoos para que volten á patria mediante poemas como Volved.

Rosalía e a muller:

Rosalía de Castro foi unha muller valente non só por escribir en galego, non consagrado aínda como lengua literaria, senón como idioma dos labregos, pescadores e xente de baixa ralea, senón por facelo sendo muller nunha sociedade machista. No século XIX, que as mulleres de clase media-alta traballaran era visto con malos ollos. Ademais, era pouco corrente que as mulleres lideraran o panorama literario e cultural. As poucas escritoras que había cultivaban xéneros concretos, relacionados coa poesía amorosa e intimista, o canto á natureza ou a novela folletinesca. Tanto era así que apenas había dramaturgas ou poetisas adicadas á poesía de tipo social. A partir do 1850 fóronse abrindo novos camiños que lle subministraron novos temas á literatura feminina, pero aínda non se vía ben o feito de que unha muller casada e de clase media-alta coma Rosalía se adicase a escribir sobre as miserias da época. A disidencia rosaliana, que a levou a loitar por un lugar nun mundo de homes, é un claro antecedente do feminismo. Cabe destacar que o seu home, o xornalista e escritor Manuel Murguía, alentouna sempre a publicar as súas obras literarias pese a súa tormentosa relación, influida pola morte de dous dos seus fillos de curta idade, as enfermidades de Rosalía, os continuos desprazamentos a causa do traballo de Murguía, etc.

As escritoras do século XIX relacionábanse entre si: escribíanse, participaban en reunións nos salóns literarios… Sen embargo, Rosalía quedou fóra deste tipo de ambientes quizais para alonxarse dunha temática que non concibía como súa, unha temática que cantaba á beleza da vida cando ela só vía a parte escura da mesma. Presentouse como unha figura solitaria e independente, para nada relacionada cos círculos de mulleres escritoras. Iso non lle valeu para evitar a hostilidade procedente tanto dos homes como das propias mulleres, e incluso de escritoras como Emilia Pardo Bazán, tamén galega, que desprezou a súa obra quizáis pola influencia da crítica do momento, que mostraba a Rosalía como unha poetisa dóce e triste sen mayor aspiración que chorar as penas do amor. Emilia Pardo Bazán sofreu tamén o desprezo dos homes, pese a que escribía en castelán. Víctima tamén do machismo da época, viuse satirizada incluso en poemas que a tildaban de “Mala madre, mala esposa, / trasto viejo de desván / envuelto en polvo de rosas”.

Hai na obra de Rosalía unha fonda preocupación pola muller como grupo social. Como ocorría coa emigración, Rosalía ve na súa obra á muller dun xeito parcial. Para ela a verdadeira muller, a que describe nos seus poemas, é a muller de clase baixa, principalmente a muller labrega ou á sufrida muller do emigrante. A súa poesía céntrase numerosas veces na problemática da muller galega: dependencia económica do home, soidade, desamparo ante a xustiza… O tema da muller aparece especialmente reflectado en Follas Novas, sobre todo en dúas partes: Varia e As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos. Tamén en Cantares Gallegos hai claras referencias á muller, como neste poema, onde a muller chora a morte do seu home durante a emigración a Castela:

(…)¡Ai!, no meu corazoncito

xa non pode haber contento,

que está de dolor ferido,

que está de loito cuberto.

Morreu aquel que eu quería,

e para min n'hai consuelo(…)

Mais, ¡ai!, de onda min te foches

sin dor do meu sentimento,

i aló a vida che quitaron,

aló a mortiña che deron.

Morreches, meu quiridiño,

e para min n'hai consuelo,

que onda antes te vía, agora

xa sólo unha tumba vexo.

(…)

Bibliografía:

% Lingua e literatura galega 1º bacharelato, Ed. Xerais

% Literatura galega 4º ESO, Ed. Bruño

% Castro, Rosalía de: Obra poética. Edición a cargo de D. Benito Varela Jácome. Ed. Bruguera

% González López, Emilio: Galicia, su alma y su cultura. Ediciones Galicia.

% Ortega, Ezequiel de: Cómo fue la Argentina 1516-1972. Ed. Plus Ultra

% Enciclopedia Larousse, Ed. Planeta

% Enciclopedia Planeta Multimedia, Ed. Planeta




Descargar
Enviado por:María Rodríguez
Idioma: gallego
País: España

Te va a interesar