Ramón Otero Pedrayo

Literatura española contemporánea. Narrativa gallega # Narracións realistas. Novelas culturalistas. Castelao y la galeguidade

  • Enviado por: Anuncia
  • Idioma: gallego
  • País: España España
  • 8 páginas
publicidad

RAMÓN OTERO PEDRAYO.

Vida.

Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888 - 1976). As súas influencias son as tertulias familiares, a súa veciñanza e amizade con Vicente Risco e o contacto coa natureza en Trasalba. Estudiou en Santiago de Compostela a carreira de Filosofía e Letras, que había de rematar en Madrid. Foi nesta última cidade onde empapouse de lecturas de obras de Xeografía, Historia, Filosofía e Literatura. En 1911, xa en Ourense, únese ó grupo dos “inadaptados” de Risco e Cuevillas, seguindo os tres unha evolución semellante: cambiarían o seu inicial individualismo antigregario en compromiso galeguista.

En 1918, Otero ingresa nas Irmandades da Fala e avoga pola orientación culturalista do movemento e incorpórase ás actividades do SEG. Na II República, Otero Pedrayo funda o Partido Nacionalista Republicano, conseguindo a acta de deputado pola provincia de Ourense nas Cortes Constituíntes de 1931. Posteriormente integrouse no Partido Galeguista, resultado da confluencia de diversos grupos nacionalistas.

Durante a posguerra, Otero proseguiu o seu labor literario e cultural ata a súa morte.

Obra narrativa.

No ano 1925, en que publica Pantelas, home libre, Otero inicia un Intensísimo labor literario que o converterá no grande polígrafo das Letras Galegas, pola súa fecundidade, polos seus valores literarios e pola novidade da súa obra.

As dúas novelas máis celebradas de Otero Pedrayo son:

  • Os camiños da vida (1928), é a súa primeira novela. Está dividida en tres partes: “Os señores da terra”, “A maorazga” e “O estudiante” e amósanos a sociedade galega rural durante a súa transformación desde os tempos da desamortización ata a revolución de 1868. Nela obsérvase o paso da economía natural á monetaria, as guerras carlistas impulsadas polos partidarios do Antigo Réxime, a decadencia da fidalguía e o ascenso da burguesía comerciante de tendeiros foráneos, o que traerá como consecuencia a alteración dos modos tradicionais de vida.

  • Arredor de si (1930). Otero retrata a conversión dos homes do Cenáculo Ourensán ó galeguismo na figura do protagonista, o intelectual Adrián Solovio. A novela trata deste home, que despois de debullar as súas inquedanzas pola cultura europea, vive unha crise que o leva ó encontro de Galicia e de si mesmo. A súa estructura relaciónase co relato mítico de tipo iniciático, adaptado ó mundo contemporáneo.

O resto da producción narrativa de Otero pódese relacionar con estas dúas obras polo seu tratamento literario: realista ou culturalista.

Narracións realistas.

Relatan con visión obxectiva, ás veces engaden xuízos persoais e preocupacións doutrinarias, a vida rural da sociedade galega do s.XIX. Ademais de Os camiños da vida, pertencen a este grupo:

Pantelas, home libre (1925), é un relato breve que marca o inicio da carreira narrativa de Otero. O protagonista regresa á súa aldea despois de doce anos no cárcere. Na obra aparecen os grandes protagonistas do mundo novelesco de Otero: o fidalgo, a tradición e a paisaxe.

Contos do camiño e da rúa (1932) é un conxunto de sete relatos que teñen como tema a decadencia da fidalguía rural, enfocado cunha certa melancolía. De entre eles destaca “O fidalgo” pola súa condensación e o tratamento obxectivo.

O mesón dos ermos (1936) é unha novela curta. Os seus valores máis destacables son os retratos realistas da vida da aldea e a descrición da paisaxe.

Novelas culturalistas.

Os protagonistas principais son a exposición de ideas e referencias culturais. Ademais de Arredor de si, pertencen a este ciclo:

Escrito na néboa (1927) semella un bocexo de Arredor de si. Preséntanos a figura de Adrián Solovio, mozo fidalgo que soña con vivir unha vida intelectual e que nos ofrece as análises do seu mundo interior.

Fra Vernero (1934) é a única novela de Otero Pedrayo que non fai referencia a Galicia. Narra a vida de Zacarías Werner (1768-1823) pero, sobre todo, a novela é unha visión da Europa daquel tempo, concibida como escenario de ideas polo que desfilan Mozart, Voltaire, Hengel...

A romaría de Xelmirez (1934). É unha novela histórica de asunto medieval; nela expón a súa concepción sobre o século de Xelmírez e realiza a apoloxía deste prelado galego.

Devalar (1935). É a novela máis moderna de Otero desde o punto de vista técnico: componse dunha serie de cadros que forman todos xuntos unha representación de Galicia do tempo do SEG, vista nun clima de esperanza e plenitude.

Estilo e temas recorrentes da narrativa de Otero Pedrayo.

É un estilo épico, con predominio da frase curta e abundancia de elipses e asíndetos, procedementos que favorecen o dinamismo discursivo; pero tamén pódese un estilo lírico e barroco, ateigado de sucesivas imaxes.

En canto ós temas recorrentes da narrativa oteriana, pódese observar coincidencias cos presupostos ideolóxicos de Risco, aínda que aparecen formulados dun xeito distinto. Algúns deles son:

- A tradición, como sabedoría acumulada por sucesivas xeracións ó longo de séculos, conforma a cultura espiritual do pobo. Así, a Otero non lle gustan os “tendeiros” (comerciantes de orixe foránea) que irrompen na vida galega, traendo uns ideais materialistas destructores dos modos de vida tradicionais e xerando unha cultura mimética e antigalega.

- A fidalguía. Esta clase social simboliza para Otero a vida tradicional e sosegada da aldea, sometida ós ciclos naturais. Máis, Otero ataca esta caste pola súa deserción da aldea e o éxodo cara a cidade onde renegará da súa condición galega mentres os comerciantes foráneos se fan coa dirección sociedade. Así, Otero crea unha nova fidalguía ideal, consciente da súa función na rexeneración da caste e na redención de Galicia.

- A paisaxe. Segundo Otero, na conformación da paisaxe actúan tres elementos: a factor cósmico (as forzas xeolóxicas, astronómicas e atmosféricas), o factor biolóxico (flora e fauna) e o factor humano (agricultura, arquitectura, arte); cada un deles establece o seu propio tempo: o planetario, o vital e o histórico, respectivamente.O motivo fundamental da narrativa oteriana é que a paisaxe está dotada de vida e goberna a vida do home.

O ensaio.

Cómpre destacar o seu ensaio Ensaio histórico sobre a cultura galega (1939), onde presenta unha síntese do desenvolvemento histórico e cultural de Galicia desde a prehistoria ata os comezos do século XX. Otero descobre a continuidade da esencia de Galicia ó longo dos séculos. Segundo o autor, o espírito galego adapta calquera cultura allea impoñéndolle o seu selo particular. O futuro da nosa Terra tén que ser europeo, como o foron os seus catro grandes momentos: o celta, o románico, o barroco e o romántico, pois Galicia, polas súas raíces celtas e atlánticas, non participa do carácter diferencial español.

Outros ensaios son Morte e resurrección (1932), primeira investigación sobre as esencias da galeguidade, e a Síntese histórica do século XVIII en Galicia (1969).

Tamén podemos atopar ensaios de interese literario como son os seus libros de viaxes. Pelerinaxes (1929), a súa base é a camiñada ata San Andrés de Teixido e está cheo de reflexións críticas, evocacións históricas e interpretacións culturais. Polos vieiros da saudade (1952), crónica da primeira viaxe que realizou a América. E dentro dun apartado de lembranzas atópase O libro dos amigos (1953), homenaxe á amizade, e as evocacións de O espello no serán (1966), visións e vivencias da cidade de Santiago de Compostela.

Obra teatral.

A primeira obra dramática de Otero foi A lagarada (1929). Trátase dunha traxedia dionisíaca ande a vendima e o viño fan agromar a cobiza e a luxuria. O desengano do prioiro (1952) é unha peza humorística que ten como tema a implantación da industria dos cadaleitos no Ribeiro. Na odra mestúranse os vivos e mortos con diálogos satíricos en contra do novo comercio. Noite compostelana (1973), é diálogo cheo de lirismo e de símbolos. Tamén escribiu Teatro de máscaras (1975), dezaseis pezas breves.

Obra poética.

Ademais de diversas composicións espalladas en publicacións periódicas e escolmas, atopamos o libro Bocarribeira (1958). Son sesenta e cinco poemas breves que teñen como temas principais a paisaxe trasalbesa e o fluír temporal.

FLORENTINO CUEVILLAS.

Vida.

Florentino Cuevillas (Ourense, 1886 - 1958). Cursou estudios de Farmacia en Santiago, pero non chegou a exercer a profesión. Formou parte do “cenáculo ourensán”, e foi o arqueólogo e prehistoriador do Grupo Nós. Cuevillas evolucionou desde unha preocupación literaria cosmopolita ó descubrimento e reintegración na cultura galega.

Obra literaria.

Dos nosos tempos (1920) é un breve ensaio que se refire a evolución intelectual nos homes do grupo ourensán. Cuevillas alude ó desengano ante a civilización moderna e industrial, que os leva ó orientalismo e ó elitismo intelectual, e os efectos que van ter nas súas conciencias a I Guerra Mundial e a Revolución rusa.

Prosas Galegas (1962) reúne breves ensaios, homenaxes a escritores galegos e estudios varios; nestes textos, que viran a luz entre 1920 e 1958, Cuevillas trata de difundir e explicar a cultura galega. Considera que a paisaxe, a psicoloxía, a relixiosidade ou a arquitectura popular galega teñen as súas raíces na prehistoria. A prosa de Cuevillas, caracterizada pola riqueza léxica e a expresividade sintáctica, deita unha ollada impresionista sobre un mundo que ve ameazada a súa diversidade e singularidade cultural.

CASTELAO. A CONCIENCIA ÉTICA DA GALEGUIDADE.

Castelao é un clásico da cultura galega e da historia do galeguismo, debido tanto á significación das súas obras no campo artístico (artes plásticas, prosa narrativa, teatro) coma á producción ensaística e á transcendencia do seu labor político.

Vida.

Afonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950). Naceu no seo dunha familia mariñeira. Dos dez ós catorce anos viviu na pampa arxentina. De volta a Galicia, estudiou bacharelato e logo carreira de Medicina en Santiago. Xa licenciado, en 1908 vai cursar o doutoramento a Madrid e preséntase á I Exposición de Humoristas, onde obtén un resoante éxito. Tras un breve período na vila natal, decidiu deixar a medicina para ingresar por oposición no Instituto Xeográfico e Estatístico. Destinado en Pontevedra, tamén exerceu como axudante da cátedra de Debuxo no instituto desta cidade.

Nos anos do agrarismo, Castelao achégase ó movemento galeguista e participa nas actividades das Irmandades da Fala, ó tempo que expón debuxos, dá conferencias e colabora na prensa. Vinculado ó grupo intelectual de Ourense, asumiu a dirección artística da revista Nós (1920). En 1922 aparece a súa primeira obra narrativa: Un ollo de vidro. En 1926 ingresa na RAG e publica o primeiro libro de Cousas. Un ano máis tarde viaxa a Francia para estudiar os cruceiros bretóns, onde sairá o libro As cruces de pedra na Bretaña (1930).

Na II República, Castelao, nas filas do Partido Galeguista, é elixido deputado nas Cortes Constituíntes, onde defende a lingua. O seu labor foi fundamental para a consecución do Estatuto de Autonomía para Galicia. O inicio da guerra civil sorprendeuno en Madrid, onde se atopaba para entregarlle ó presidente das Cortes o texto do Estatuto.

En 1938 viaxa a Moscova, onde expón as coleccións de estampas da guerra. En Nova York tamén expón, e publica a colección Milicianos, con debuxos sobre o mesmo tema. Tras unha breve estadía en Cuba, estableceu finalmente a súa residencia en Bos Aires; alí fundou a revista Galeuzca. En 1946 foi nomeado ministro do goberno da República do exilio. En 1984, os seus restos foron trasladados a Galicia.

A obra.

Castelao presenta características singulares que o afastan do Grupo Nós. A súa procedencia social era máis popular cá dos ourensáns, e tamén a súa obra é máis próxima ó pobo galego.

A súa obra pictórica inclúe nalgún caso pequenos textos. Así sucede coas Cousas da vida ou os Cincuenta homes por dez reás, que son esencialmente debuxos, pero levan un pé, unhas veces dialogado, outras en forma de sucinto comento e algunhas como simple título de estampa. Forman parte dun xénero de arte gráfica. As Cousas, sen embargo, son contos breves con ilustración, e pertencen ó xénero narrativo.

Ademais da obra propiamente literaria, Castelao escribiu numerosos artigos e dictou conferencias (Arte e galeguismo, 1919; Humorismo, debuxo humorístico. Caricatura, 1920; O galeguismo na arte, 1930; Alba de gloria, 1948), sen esquecer os carteis de cego publicados en 1941 en Bos Aires baixo o título de Meus compañeiros e outros libros que viron a luz postumamente, como os Debuxos de negros, as Cousas da vida ou a colección de prosas editadas polo profesor Alonso Montero en 1974 co título de Prosas recuperadas.

Narrativa.

  • Un ollo de vidro.

É a primeira obra narrativa de Castelao, que apareceu en 1922 co subtítulo de Memorias dun esqueleto. No prólogo, un narrador-editor diríxese ó lector para explicarlle como obtivo esas memorias de mans dun enterrador analfabeto que a súa vez as atopara nun ataúde.

O texto está composto por unha serie de secuencias narrativas unidas polo feito de viren contadas en primeira persoa por mesmo narrador, o esqueleto, que refire sucesos da súa vida e da vida no cemiterio, percibidos estes a través da prótese de vidro que lle tapara, de vivo, o oco dun ollo perdido. Nesta, como no resto das obras de Castelao, hai un tratamento singular que aproxima a ficción á realidade social do momento e o humor non é alleo á sátira social de carácter anticaciquil.

No epílogo do relato, o narrador-editor diríxese novamente ó lector e promete unha segunda parte relativa a un cemiterio rural. Para iso leva o ollo de vidro a un seu amigo soterrado no adro dunha igrexa co mandado de que lle escriba canto vexa polo ollo. Que se saiba, Castelao non compuxo tal continuación.

  • Cousas.

En 1926 apareceu o primeiro libro de Cousas, un conxunto de prosas con ilustración publicadas previamente na prensa. En 1929 publicou a segunda colección, e en 1934 a edición que recolle o contido dos dous libros precedentes.

O conxuntos das cousas iníciase cunha introducción titulada “A carón da natureza”, onde se nos explica que a necesidade de comunicar mensaxes que a pintura non pode expresar foi o que levou ó narrador-autor a empregar a linguaxe como canle de expresión. Así é todo, cada cousa leva unha ilustración que complementa o texto. A temática é variada, en moitos casos de ambiente labrego ou mariñeiro.

A cousa constitúe a fórmula literaria máis orixinal e característica de Castelao. Adoitan narran historias ou acontecementos, pero algunhas son de carácter lírico e aproxímase ó poema en prosa. O final de cada cousa está coidadosamente traballado. Esta fórmula literaria está presente en toda obra narrativa de Castelao.

  • Retrincos.

Retrincos (1934) é unha colección de cinco contos que se teñen considerados como autobiográficos. Os contos son:

“O segredo”, relata unha anécdota da estadía do narrador cando era neno na pampa arxentina. Un gaucho morrera na *pulpería do seu pai e este ordenou ó fillo gardar silencio para que non lle chegase a noticia á nai, que andaba asustada coa vida brava daquelas xentes.

“O inglés” desenvólvese na pampa. De neno, o narrador pintaba na *pulperia os barcos da escuadra española, e un inglés que durmía alí ríase da exaltación patriótica do pequeno debuxante. Tralo desastre de Santiago de Cuba, as mofas do inglés feriron fondamente o neno, que argallou unha vinganza.

“Peito de Lobo” preséntanos un narrador-protagonista cando era estudiante. Ocorréraselle facer, para as festas da súa vila, un cabezudo que reproducía o rostro dun mariñeiro coñecido. O mariñeiro alporizouse con aquela reproducción e queríase vingar, pero co tempo foise amigando co narrador e coa cachola de cartón, orgulloso de se sentir un pouco inmortalizado. Andando os anos, o mariñeiro foi avellentando e o cabezudo de cartón seguiu un declive paralelo.

“O retrato” é a curación imposible para un médico e o milagre feito polo pintor. Un pai pídelle ó narrador que lle faga un retrato do seu fillo moribundo, para que lle que de recordo. Tras un retrato realista, que non contenta ó pai, o debuxante decide pintar un neno idealizado.

“Sabela”. O narrador afirma que cando ocorreran os feitos relatados el era deputado en Cortes. O relato artéllase sobre o contraste entre a fermosa moza que fóra a súa compañeira de baile e a descoidada muller que ó final se desvela como a mesma Sabela, deteriorada co paso dos anos.

  • Os dous de sempre.

Publicouse en 1934. É a única novela de Castelao. Consiste nunha sucesión de relatos que gardan unidade entre eles pola referencia de dous protagonistas constantes: Pedriño e Rañolas.

Ten unha estructura semellante á das novelas picarescas, especialmente polo que toca a Rañolas, quen, partindo dunhas circunstancias adversas vive diferentes situacións nos sucesivos oficios que exerce. En contraste con Rañolas está Pedriño, que é, este último, un home sen vontade e sen ambición.

A novela, cun narrador omnisciente en terceira persoa, é unha biografía paralela dos dous personaxes que seguen camiños diverxentes. A historia cóntase mediante breves estampas ou escanas significativas que reproducen a fórmula narrativa das cousas, e cada capítulo leva unha ilustración do propio Castelao.

Características da prosa de Castelao.

Os asuntos das obras de Castelao reflicten case exclusivamente a vida do pobo: os pesares, ledicias e actitudes de labregos e mariñeiros. Castelao ofrécenos unha nova visión do paisano galego que procuraba a comicidade a custa do que presentaba como ignorancia e actitudes ridículas das clases populares. Castelao penetra na psicoloxía dos campesiños e mariñeiros galegos. Amósanos así, o campesiño ou mariñeiro galego sempre a temer que as forzas da natureza ou da sociedade arruínen a súa xa precaria situación.

Con esta dignificación do paisano galego Castelao consegue unha arte popular, polo seu contido, forma e aceptación, e ó tempo de gran calidade estética, gracias a precisión léxica, á atinada construcción sintáctica, ó humorismo e ó lirismo que embelecen a súa prosa narrativa.

Un dos temas principais é a morte. Tratada sempre de forma orixinal, variada e tinguida de humor, é o eixo temático de discursos realistas e fantásticos, que se entrecruzan frecuentemente (Un ollo de vidro, Os vellos non deben namorarse, “O segredo”, “O retrato”, “Sabela”).

A técnica de Castelao caracterízase pola presencia dun procedemento que tamén se dá na súa obra gráfica: uns riscos selectivos esenciais denotan o fundamental da historia e o resto da información queda suxerida dun modo connotativo. Domina, pois, a forma breve e sintética, sinxela en apariencia, mais froito dun laborioso traballo de depuración e escolma.

Castelao utiliza recursos realistas en busca de verosimilitude. A apóstrofe ó lector realízase utilizando a segunda persoa de plural, que xunto con outros efectos do conto popular apela á emoción do lector e procura a súa complicidade.

O humorismo é un recurso esencial do tratamento dos temas da súa narrativa.

O teatro.

Os vellos non deben namorarse foi estreada en Bos Aires en 1941.

O motivo do vello namorado repítese tres veces en versións diferentes nos tres lances de que consta a obra. Cada un dos lances presenta uns elementos que teñen o seu paralelo nos outros. En cada lance hai un vello namorado dunha moza, e un mozo rival do vello nas súas pretensións amorosas. A morte, aparece como personaxe, advirte ó vello do risco que comporta o seu namoramento serodio. Outro elemento fundamental son os personaxes coadxuvantes, que teñen unha función semellante á do coro da traxedia clásica.

A obra remata cun epílogo no que os tres vellos se encontran no cemiterio, despois de mortos. Laméntanse do seu imprudente namoramento e coñecen, gracias a un defunto chegado alí, noticias das súas mozas respectivas.

O ensaio.

O labor ensaístico de Castelao vén representado polo seu libro Sempre en Galiza (1944).

O prólogo, “Adro”, está composto de catorce pequenos textos que alternan a visión da vida cotiá en Badaxoz coa realidade galega do momento. Constitúe a parte máis interesante do libro desde o punto de vista literario.

No “Libro primeiro”, escrito en Barcelona e Valencia no ano 1937, Castelao expón os argumentos con que trata de convencer os republicanos españois da causa galeguista. Os libros segundo, terceiro e cuarto compúxoos no exilio e neles fai unha defensa de Galicia contra o modelo centralista do Estado que a República herdara da monarquía.

1

8