¿Que me queres, amor?; Manuel Rivas

Literatura gallega contemporánea. Narrativa. Relato. Frustración. Tragedia

  • Enviado por: A Arias
  • Idioma: gallego
  • País: España España
  • 6 páginas
publicidad
publicidad

Resumo de

¿Que me queres, amor?

RESUMO DE ¿QUE ME QUERES, AMOR?

O libro titulado “¿que me queres, amor?” está escrito por Manuel Rivas, nacido na Coruña en 1957.

Está composto por dezaseis relatos curtos, independentes entre si e todos eles elaborados usando con mestría a linguaxe do cotián, o que fai que os relatos, ademais de cribles, resulten familiares e próximos. Teñen, cada un deles, un final inesperado que nos dá pé para a reflexión sobre a vida, as persoas e as súas relacións. Toma o título do primeiro dos relatos.

Velaí o resumo dos dezaseis relatos do libro un por un.

¿Que me queres, amor?

Tino, un rapaz sen traballo e con fondo sentimento de fracasado, está profundamente namorado da súa veciña Lola. Lola traballa de caixeira nun centro comercial e vive ignorante dos sentimentos de Tino.

Para facerse notar e impresionar a Lola, Tino planea co seu amigo Dombo o atraco a un banco. Farano cunha pistola de aire comprimido e por desexo de Tino a cara descuberta. Na fuxida do atraco Dombo consegue fuxir pero Tino déixase coller e non evita que lle disparen. Así, Lola reparará nel.

A historia está contada en primeira persoa por Tino, dende o tanatorio onde se encontra cadáver. Ata alí se achegaron a darlle o pésame á nai e despedilo a el algunha veciña, o seu amigo Dombo e Lola que lle di: “pero Tino, ¿como fuches capaz?”.

A lingua das bolboretas

Corre o ano 1936, un neno ao que lle contaron cousas terribles da escola está aterrorizado coa idea de ter que empezar a ir a ela, ata o punto de que o seu primeiro día de escola méxase polos pantalóns, e fuxe cara o monte.

Ó ver que o mestre non pega, acaba por perderlle o medo á escola, e co tempo acabará por facerse gran amigo do mestre, quen esperta no neno gran interese por aprender de todo.

Os sábados e os domingos, o neno e mais o mestre saen buscar bichos ó monte e o pai do neno, que é xastre e de ideoloxía republicana coma o mestre acaba regalándolle un traxe.

No mes de xullo dese ano prodúcese o alzamento militar que daría paso a tres anos de guerra civil en España.

A nai do neno, por medo a represalias contra o seu home que era republicano, queima na casa toda a documentación que puidera comprometelo e faino ir á misa con ela.

Pola mañá, van á alameda para ver como son cargados nos camións os que foran detidos pola noite. Da casa do concello saen os detidos atados en ringleira e ao cabo da ringleira estaba o mestre.

E os veciños, os máis movidos polo medo, empezaron a berrarlles insultándoos. Empuxado pola muller berraba tamén o xastre cheo de carraxe. Bérralle ti tamén, Monchiño, bérralle ti tamén lle dicía a nai ao neno. E o neno berráballe, e cando os camións arrincaron, o neno corría tras deles lanzando pedras e berrándolle ao mestre. Os únicos insultos que lle saían dende a súa rabia eran os nomes dos animais e curiosidades que o mestre lle ensinara.

Un saxo na néboa

En 1949, un rapaz que carreta auga nun botixo aos albaneis da obra de aduanas do porto da Coruña, está aprendendo a tocar o saxo despois do traballo. O mestre dille que a música ten que ter o rostro dunha muller que namorar.

Un día saíndo das clases, veo co saxo na man o que facía de xefe na Orquestra Azúl e contrátao para a orquestra.

A orquestra estaba formada por homes de oficios diversos: un carteiro, un barbeiro, un obreiro dunha fundición, un reparador de radios que era quen actualizaba o repertorio collendo as cancións que saían novas “polo aire”, e outros máis. Tocaban un repertorio variado: corridos mexicanos, boleros, cumbias, pasodobres, cuplés, polcas, valses… poñendo a música nas festas das vilas e aldeas dos arredores.

Cando chegan á aldea na que ía debutar, o rapaz sente que non está preparado para tocar, síntese un fraude ante o recibimento que na aldea de Santa Marta de Lombás lle fan á orquestra; o saxo quédalle grande. O xefe da orquestra dille “Ti non sopres rapaz, fai que tocas e xa está”, e iso é o que fixo na sesión vermú, cando perdía a nota deixaba de soprar e seguía movéndose coma se tocase.

Na casa onde lle dan pousada, coñece unha chinesa coma a da Enciclopedia Álvarez e prendeu nos seus ollos.

Pola noite na verbena, dende o palco non deixa de mirar os ollos da chinesa no medio da espesa néboa, mentres soña que foxen xuntos, sen deixar de tocar despreocupadamente o saxo sen reparar en se sabe ou non sabe tocar. ¡Vas fenomenal, rapaz! ¡Tocas coma un negro, tocas como Deus! dille o xefe.

A leiteira de Vermeer

O personaxe ten coincidencias biográficas co autor: naceu en 1957, criouse na Coruña, é escritor... aínda que non sabemos se é el mesmo.

O personaxe, fillo dunha leiteira, conta que en 1992 visitou Amsterdam e alí quedou enfeitizado polo cadro de Vermeer titulado “A leiteira”. Diante do cadro, maxina que lembra como foi conseguida a misteriosa luz do cadro hai séculos (a mediados do s. XVII). El, que tiña tres anos estaba alí coa leiteira, que era a súa nai e escribiu un poema contando como acontecera e dando detalles da xente que vivía naquela casa. Ao chegar á casa deulle o poema a súa nai e amosoulle unha foto da pintura da leiteira.

Uns días máis tarde a súa nai amosoulle unha foto dela cando era nova, lembraba a casa onde fora feita a foto, e a xente que alí vivía cadraba co que el contaba no poema. Na foto, a súa nai era igualiña que a muller da pintura feita tres séculos antes.

Só por aí

Un matrimonio pasa toda a noite sen durmir preocupados porque non saben onde está o seu fillo. Xa de madrugada chaman á casa dos amigos pero alí non está. Pola mañá o pai, un viaxante que vai vendendo xénero polas mercerías marcha traballar sen saber nada do fillo.

Tras un duro día de traballo chama á casa, a muller dille que o rapaz xa está na casa, seica estivo só e por aí. Só por aí, foi a única explicación que lles deu un rapaz despreocupado polos demais, case era o que máis lle doera ó pai, quen tras unha noite sen durmir e todo un duro día de traballo aínda tiña que coller o coche e volver para a casa dende Ribeira ata A Coruña.

Vostedes serán moi felices

O doutor Freire, un recoñecido cardiólogo, invita ó seu pazo de Amoril a un prestixioso colega americano, o doutor Kimbal e a súa muller.

O pazo mantíñano habitado, limpo e en bo estado un matrimonio de mediana idade: Reme e Andrés. Reme era boa cociñeira e Andrés, ademais de facer de xardineiro facía un pouco de todo: carpinteiro, electricista, o que fixera falla. Andrés tamén sabía adiviñar o futuro coas cartas.

Esa noite, había unha forte treboada. Acabouse por ir a luz. Á luz do candil e da lareira, o doutor Freire propuxo que Andrés lles lese o futuro aos seus invitados. Andrés procedeu a botar as cartas dun dos varios xeitos que sabía. A primeira carta que destapou foi o tres de bastos cabeza abaixo. Andrés recolleu as cartas e botounas doutra maneira: volveu saír o tres de bastos cabeza abaixo. Botounas doutro xeito, por terceira vez e volveu saír a mesma carta. Andrés dille ó doutor Freire que é algo moi malo, que é mellor deixalo. O invitado pregunta que ocorre e o doutor Freire dille en inglés: que serán vostedes moi felices, sae sempre igual.

Carmiña

O'Lis de Sésamo, na súa visita semanal á cantina o domingo pola mañá, mentres o resto dos veciños están na misa, cóntalle ó taberneiro como fora a súa relación con Carmiña de Sarandón. Unha relación puramente carnal cunha muller moi fogosa como era Carmiña.

Como testemuña das súas relacións sempre estaba presente Tarzán, o can de Carmiña, que non deixaba de ladrar preto deles, o que lle daba a Carmiña a súa fogosidade.

Un día O'Lis de Sésamo díxolle a Carmiña que debía prender o can e o can, coma se o entendera, tentou mordelo, O'Lis botou o can e Carmiña apagouse.

Pola noite O'Lis volveu ás agachadas e matou o can. E aí acabou para sempre a súa relación con Carmiña de Sarandón.

O Míster & Iron Maiden

Un pai e un fillo,discuten durante un partido de fútbol no que xoga o Deportivo da Coruña. O fillo opina que a culpa de non gañar é do adestrador, que está vello e debería retirarse. Ó rematar o partido, o rapaz marcha e pasa a noite bebendo e sen durmir.

Os dous traballan xuntos como percebeiros, o fillo gobernando a lancha e o pai apañando os percebes na rocha. Pola mañá o pai está doído, non lle ten perdoado que dixese que o adestrador tiña que retirarse por vello, non lle fala nin tomou as precaucións que acostumaba. O fillo tiña resaca. Con todos estes ingredientes e un oficio tan arriscado como o de percebeiro, só podía haber un desenlace fatal: a lancha acaba contra a rocha impulsada por un golpe de mar.

O inmenso camposanto da Habana

O tío Amaro, quen tivera varios ataques de catalepsia, fora oficial xardineiro maior no camposanto da Habana. El non tiña nada, só un dente de ouro, cando chegou a revolución alguén lle dixo que llo ían quitar e fuxiu para salvar o dente. Agora tiña a sensación de ter perdido A Habana enteira.

Unha noite, mentres o está contando na taberna do sobriño, morre de súpeto. O sobriño queda durmido mentres o vela por se é outro ataque de catalepsia e ó espertar ve que o tío Amaro está frío e vótalle en falta o dente de ouro.

A moza do pantalón pirata

Un grupo terrorista vai asasinar un ditador, facendo voar a ponte por onde vai pasar. Uns minutos antes da hora, unha rapaza con pantalóns pirata cruza a ponte en bicicleta, na metade da ponte detense e ponse a ver o río sen que os gardas a fagan saír da ponte como estaba previsto. Finalmente voan a ponte coa rapaza.

A culpa de que os gardas non despexaran a ponte foi de que o que estaba a escribir o relato parárase a botar un cigarro.

Curioso relato, onde a o decorrer da historia mestúrase coa dimensión e o tempo de quen a está a escribir.

Conga, conga

Un home, que se dedica a amenizar festas infantís como pallaso, vai facer o cumpreanos dun rapaz de 9 anos. Alí atópase con que entre o rapaz do cumpreanos o un amigo seu traman estragarlle a súa actuación, chegando a encerralo nun invernadoiro onde pasa moito medo e de onde terán que quitalo.

O pallaso víngase deles cando consigue encerralos no cuarto de baño.

As cousas

Nunha casa ocorreu unha morte cun disparo de pistola.

As cousas da casa: a televisión, un libro, un vaso, unha lámpada, etc… mesmo a escuridade, falan tratando de aclarar como ocorreu a morte.

Debuxos animados

Dous guionistas de películas de debuxos animados, acaban de deixarse como amantes. Ela consigue un contrato para facer unha serie que será competencia directa da do seu ex-amante, e tamén do produto que promociona: unha serie promociona salchichas vexetais e a outra salchichas de porco. O éxito da serie dela e absoluto e está a piques de acabar coa serie del.

Un día estando na súa casa, ela colle medo por unha forte treboada, chámao a el que acode axiña. Ao chegar agrédea física e verbalmente por estar acabando con el e a súa serie. Ela promételle que retirará a serie.

En canto pasa a treboada, díxolle que ía facerlle a cea ao seu amor, e vai para a cociña onde ten os ingredientes para a cea de hoxe: salchichas vexetais, e cápsulas de veleno.

Unha flor branca para os morcegos

Dani naceu cunha facultade innata para detectar a merda. De neno limpaba as cubas de viño de seu avó e agora de grande busca narcotraficantes na costa: Dani é policía.

Por estar cerca de coller algún peixe gordo, foi trasladado ás oficinas, onde recolle denuncias dos cidadáns.

Estando na oficina preséntase unha señora que xa estivera máis veces polo mesmo, alarmada porque un famoso delincuente dunha serie de TV a quería matar. Dani interésase pola vella e ofréceselle para acompañala e darlle protección para que poida durmir.

Xa na casa da vella, a piques de quedar durmido fíxase nunhas fotografías. Nunha está Don, o máis famoso narcotraficante da ría, coa súa nai. Noutra Don, vestido de soldado. Don, sorrinte, con autoridades. E varias fotos máis de Don.

Ó espertar, a señora pídelle desculpas: “cando chega a noite perdo a cabeza”, di.

Dani pídelle que o acompañe a un sitio, e a señora accede. Lévaa ao pazo do seu fillo Don, e alí dille ao narcotraficante: “coide da súa nai. Necesítao”.

A luz da Yoko

Yoko é a marca dunha pequena televisión portátil que forma parte das escasas pertenzas coas que viaxa un matrimonio sen traballo e o seu fillo pequeno, acostumados a mudar de cidade con frecuencia. O relato conta un deses días de mudanza en que volveron a cambiar de cidade.

A chegada da sabedoría co tempo

Old M. é un home moi tímido e retraído, moi influenciable e preocupado pola opinión dos demais, un home que aínda oe como se seu pai lle rifara como cando era neno.

Old acostumaba a ir ao pub Glimmer, onde traballaba a camareira Maggi. El e Maggi tiñan dende había anos unha relación de monosílabos e intercambio de cervexa por diñeiro. Cada noite, durante anos, Old limitábase a ir e permanecer bebendo, encerrado en si mesmo.

Unha noite de vento, camiño do pub, saudou ao garda da prisión e este contestoulle cunha frase que Old gardou para si: “Anque as follas sexan moitas, a raíz é só unha”.

No pub, Maggi saudouno dicíndolle que facía moito vento e Old soltoulle: “Anque as follas sexan moitas, a raíz é só unha”. Maggi quedou parva oíndo tal cousa da boca de Old e contestoulle: “Nos mentirosos días da miña mocidade abanei as miñas flores ao sol”. Coma un milagre isto supón un antes e un despois na vida de Old. De súpeto é un home novo, un home cambiado, sen timidez e seguro de si mesmo. Empeza a dar a súa opinión sobre todos os asuntos, contar boas historias, resultando ser un tipo interesante, lido e seguro de si mesmo.

Volve para a casa feito un home novo.

1