Os poetas galegos e Franco; Xesús Alonso Montero

Literatura española contemporánea del siglo XX. Poesía galega del Franquismo. Contexto histórico. Autores

  • Enviado por: Matías
  • Idioma: gallego
  • País: España España
  • 4 páginas
publicidad
publicidad

TÍTULO: Os poetas galegos e Franco. Estudio e antoloxía

AUTOR: Xesús Alonso Montero

DATA DE PUBLICACIÓN: 1997

EDITORIAL: Akal Ediciones

COLECCIÓN: España sin espejo

Recóllense nesta obra numerosísimos poemas relacionados coa figura de Franco, uns a favor e outros en contra, e nos dous casos hai poemas en castelán e poemas en galego. Xa sinala o autor ao comezo que os poetas non son citados por seren franquistas ou antifranquistas, senón por escribiren algunha vez poesía relacionada directamente co Caudillo.

Esta obra ten dúas partes, unha primeira de estudio e unha segunda de antoloxía. Tanto nunha coma noutra a orde que se segue non é temática senón cronolóxica, algo que posiblemente dificulte a separación e o estudio dos textos como francófilos ou francófobos. A parte dedicada ao estudio divídese en tres apartados, un dedicado aos anos da Guerra Civil (pp.15-54), cando predominaron os versos de defensa e incluso de gabanza ao Xeneral, outro apartado no que se analizan os anos comprendidos entre o 1940 e o 1974 (pp. 55-69) anos nos que predominou de xeito asoballante a francofobia, e unha terceira e última parte na que se nos presentan os poetas que escribiron versos tra-la morte do tirano (pp. 71-74). Na antoloxía (pp.83-214) séguese unha orde estrictamente cronolóxica.

Este libro ten moitos datos, quizais demasiados; está cargado de nomes, datas, títulos, xornais, revistas, libros, opúsculos... Penso eu que se debería analizar máis a situación política e social da época e non referirse tan concretamente a cada verso publicado.

Sinala X. Alonso Montero que durante os anos da Guerra Civil (pp. 15-54) houbo predominio de versos escritos dende o bando nacional. Sinala ademais o autor que nos primeiros meses desta o que máis aparecía nas composicións era José Calvo Sotelo, mais pronto se empezarían a ler as gabanzas ao Caudillo, tales como: “viva Franco, que es un santo/ de la Raza Nacional”, “Creo en ti, ¡oh, Franco! Todopoderoso”, “Franco, que al ígneo sol ofusca el brillo”... Entre estes poemas destacan os sonetos, cos que sempre se sentiu moi identificada a dereita española, pois este tipo de composicións consolidouse na poesía da España do s.XVI, o século dos monarcas imperiais hispanos. O soneto xa é de tradición renacentista e barroca, épocas dunha España grande e imperial, ademais, moitos poetas falanxistas coñecían a sonetofilia dos poetas nazis. A pesares de todo esto tamén hai sonetos nos poetas republicanos.

Moitos dos versos recollidos nesta época son verdadeiramente impresionantes, non dende o punto de vista literario senón dende o punto de vista político e social, pois así como remata a Guerra Civil xa se empezan a escribir unha serie de composicións que se fan inmediatamente coñecidas por medio da escola e da Igrexa. Todas esas composicións son de gabanza franquista.

O que se fai moi ben nesta obra é situar a cada quen no seu lugar en cada momento, deste xeito atopámonos neste período con poemas franquistas de Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro, Eugenio Montes, Francisca Herrera Garrido... Tamén hai que resaltar que Celso Emilio Ferreiro fixo poesía franquista no 1937, mais esto só foi cuestión de palabras e non de ideoloxía, xa que pronto se converteu no máximo expoñente da poesía francófoba. Penso eu que non se pode comparar nunca o caso de Cunqueiro co de Celso Emilio, pois Cunqueiro é falanxista despois do 36 e nos seus poemas aparece sobre todo José Antonio Primo de Rivera; Cunqueiro é galeguista neste momento, mais tamén é católico, antisocialista, antimarxista e “anti” todo o que signifique progreso, e por eso se adhire ao Alzamento poñendo a pluma ao servicio desta causa.

É xa no 1937 cando, no exilio, comezan a aparecer os primeiros poemas contra Franco. No 38-39 aparecen gabanzas en opúsculos, revistas e xornais, moitas das que están asinadas por membros do clero.

Na segunda parte da obra (pp.55-69) analiza o autor os anos que van do 1940 ao 1974, nos que hai un predominio asoballante da francofobia; son numerosas as rexoubas e invectivas contra o Dictador. Destaca sobre todos (entre 1944 e 1955) un poeta satírico que é Rey Baltar. Este poeta ten numerosas composicións nas que aparece o porco como metáfora de Franco. No 1946 publica Blanco-Amor un alegato contra o Xeneral. En 1962 publícase en Italia Cantos de la Nueva Resistencia Española (1939-1961), obra na que colaboran de xeito anónimo os mellores poetas antifranquistas da época, entre eles Celso Emilio Ferreiro, un dos máis satíricos e atrevidos, primeiro neste volume, logo en múltiples panfletos clandestinos, despois dende Caracas e finalmente xa en Madrid (“Habla el César enano”, “A Paco del Pardo”, “Ante un retrato”, “Pax franquista”...). A Celso Emilio dedícaselle boa parte deste estudio (pp. 63-67).

Nos últimos anos do Réxime tamén hai poemas francófilos coma os do crego Teolindo Cortiña Toural e francófobos coma os de Manuel María. Curioso é o caso dun soldado do Exército español que en 1974 escribe forzado versos ao Caudillo, este é nin máis nin menos que Darío Xohán Cabana, o cal xa daquela tiña varias obras poéticas, unha delas clandestina: Mortos porque Galicia viva, con poemas a Castelao ou a Alexandre Bóveda. Foi por motivo deste folleto polo que se veu forzado a escribir ese poema francoide en tres partes; o folleto foi enviado ao Goberno militar en paquete semiaberto e o soldado comezou a sufrir presións e ameazas.

Na última parte do estudio (“A morte do tirano”, pp. 71-74) di o autor que despois de corenta anos de terror e silencios forzados o ano 1975 rematou cun chaparrón de ledicia e carraxe, pois moita xente que estivera calada por culpa do medo podía comezar a falar tra-la morte do responsable de tan terrible situación. Coma a vinganza é un prato que se sirve frío aparecen versos coma os de Evaristo de Sela: “maldito yazgas sin paz ni reposo”, “carnicero de ideas”, “criminal opresor”...; de A. Isla de la Escalera: “sofre e non morras, cabrón, non hai presa”, “Fillo, pai e avó de puta, non morras”, “Vai pra o carallo, meu xefe de estado”, “eu quero que sofras coma un can rabioso”...: de Xesús Rábade Paredes: “Aínda cheirando a morto, continuou matando”; de Antonio Alonso Fontán: “¡Se acabó la rabia, se murió el perro!”; de X. L. Franco Grande: “Pero hoxe máis que nunca dasme noxo./ Podre xa estás e fedes”; de Bernardino Graña: “Morreu o Satanás, o non amigo”, “Por fin, ouh desgraciado, vas metido/ nun rico cadaleito, es un cadáver”.

Na antoloxía (pp. 83-214) podemos ver tódolos poemas aos que se fai referencia no estudio.

Ademais do interesante que resulta a análise e a antoloxía son de verdadeiro interese as fontes e a bibliografía, apartados nos que podemos ver publicacións periódicas, libros, opúsculos e follas soltas, tanto franquistas coma antifranquistas.

Hai que sinalar que este libro foi escrito por Xesús Alonso Montero para ser publicado por Edicións Xerais de Galicia, mais finalmente tivo que ser publicado por Akal Ediciones debido a que no catálogo de escritores de Xerais estaba Darío Xohán Cabana, o cal non permitía a publicación de seu poema franquista.

1