Mito de la caverna; Platón

Filosofía griega. Filósofos griegos. Pensamiento platónico. Teoría del conocimiento. Filosofía griega. Luz de conocimientos. Prisioneros. Liberación del cautivo

  • Enviado por: Iria García
  • Idioma: gallego
  • País: España España
  • 7 páginas
publicidad

  • 3.      PLATÓN:

  • 3.1. A TEORÍA DAS IDEAS

  • A idea central da filosofía de Platón é que o mundo ordinario que coñecemos polos sentidos non pode ser totalmente real. Tiña a sensación de que é un mundo inestable e imperfecto, en constante cambio e decadencia. O coñecemento non pode estar suxeito á erro, ten que posuír a certeza, polo tanto ten que ser coñecemento de algo estable e perfecto; así, se pensamos que o coñecemento é algo acadable, ten que haber un mundo de obxectos estables e perfectos detrás dos obxectos que captan os nosos sentidos. A tarefa do filósofo será a de investigar este mundo que Platón vai chamar o Mundo das Ideas, e vai ser o eixo explicativo do seu pensamento. Platón plantea así un dualismo conflictivo entre os dous mundos, o sensible e o intelixible.

    O mundo das Ideas: é unha realidade invisible, non perceptible polos sentidos: consiste na aceptación de realidades absolutas, eternas, inmutables, universais, independentes do mundo dos fenómenos: por exemplo a beleza absoluta, a xustiza absoluta, a bondade absoluta, das que derivan á semellanza súa as cousas que chamamos belas, xustas ou boas. Para Platón, Idea, non é un simple concepto mental, algo que só exista na mente, senón unha realidade extramental, que ten existencia obxectiva. As Ideas existen independentemente de estaren exemplarizadas ou non nas cousas, é dicir, existen independentemente do mundo físico.

    As ideas son modelos, prototipos ou paradigmas das cousas materiais, son o foco de referencia do mundo físico, do coñecemento intelectual, da concepción do home e dos fundamentos morais e políticos. Tamén son causa das cousas en canto á esencia e ao modo de seren verdadeiras. As Ideas son as causas exemplares, fins ou modelos das cousas. As Ideas son as esencias das cousas, é dicir, o que fai que cada cousa sexa o que é. Son tamén entidades inmutables: non nacen nin morren, son eternas, non medran, non cambian. Son simples, únicas, incondicionadas e absolutas. Só as podemos percibir pola intelixencia ou raciocinio, e o seu coñecemento proporciánanos a verdade, pois son a verdadeira realidade. Existen múltiples Ideas, xerarquicamente estructuradas. Esta organización está presidida pola Idea do Ben que se identifica coa Verdade e a Beleza.

    O mundo sensible: é a realidade visible, percibida polos sentidos; é enxendrada, está en constante cambio, é "semellante" ás Ideas, pois as cousas participan das Ideas e tamén as imitan. Por exemplo, a rosa é bela porque participa da idea da Beleza. Este é o mundo material, polo tanto despreciable, pois a materia é despreciable por esencia, sempre introduce algún factor de desorde ou indeterminación. Este é o mundo dos seres naturais, que son xerables e corruptibles, compostos, divisibles, imperfectos... Teñen as propiedades opostas ás Ideas. Non é o verdadeiro ser senón “aparencia de ser”. O coñecemento acerca do mundo sensible proporciónanos a opinión (doxa) que é un coñecemento imperfecto e despreciable, propio do home vulgar.

    A Teoría das ideas plantexa dous dualismos: Un dualismo epistemoloxico ao dividir o coñecemento en dous tipos dependendo dos obxectos aos que se adique, así teremos coñecementos verdadeiro, ciencia ou episteme cando a actividade cognoscitiva humana se adique a coñecer as ideas, e teremos opinión, doxa ou coñecemento inseguro cando esta actividade tome por obxecto o mundo dos sentidos. Este dualismo epistemolóxico basease a súa vez nun dualismo ontolóxico: Platón utiliza a teoría dos dous mundos para explicar a realidade separando esta en dous mundos sensible/intelixible hai un abismo (chorismós), é o abismo entre o eterno e o temporal.

    3.2.  TEORÍA DO COÑECEMENTO

    A teoría das Ideas proporciona un obxecto estable e permanente para a ciencia, solucionando o problema presentado por Parmenides acerca da posibilidade da Episteme (coñecemento verdadeiro). O mundo das Ideas debe ser o obxecto dun coñecemento verdadeiro, e isto plantea outro problema: a dificultade de coñecer as Ideas cando éstas pertencen a outro mundo distinto do noso.

    Platón parte de que os obxectos da percepción sensible están en continua mobilidade (a auga cambia de estado -sólido, líquido e gaseoso-) por iso, destes obxectos non podemos dar unha definición válida para sempre e para todos; entón a ciencia non se pode reducirás sensacíóns por seren enganosas e cambiantes. A ciencia só pode abranguer o estable, pois só o estable é universal e obxectivo. O estable para Platón son as Ideas, que se corresponden coas esencias. De esta separación xorden dous tipos de coñecemento:

    Opinión e ciencia son os dous niveis fundamentais. Tamén fala da ígnorancía, como o estado de coñecemento propio do que vive ao día sen se preguntar o porqué das cousas. Estes niveis diferéncianse polo seu obxecto de estudio porque os tipos de coñecemento son proporcionais aos graos de realidade. Para Platón só é válido o coñecemento dado pola razón e despreza o dos sentidos. Neste sentido é un filósofo racionalista e antiempirista, pois despreza o papel da experiencia sensible en canto fonte do coñecemento humano, cousa que logo negará Aristóteles.:

    -A Opinión (dóxa) coñecemento sensible ou sensorial, versa sobre os obxectos sensibles, particulares, concretos. Por exemplo unha rosa fermosa.

    -A Ciencia (epIstéme) coñecemento racional ou intelectual, versa sobre as Ideas, intelixibles e universais. Por exemplo a Idea da fermosura en si, ou da beleza absoluta, sen particularizar en ningún caso concreto. O filósofo pretenderá o coñecemento da esencia das cousas, decatándose de que son copias das Ideas, as súas encarnacións.

    No Simil da liña, Platón distingue varios niveis dentro de cada tipo de coñecemento. Os dous primeiros niveis pertencen á epistéme:

    * Intelixencia ou intuición intelectual (noésís), captación inmediata que fai a intelixencia dasIdeas.

    * Pensamento ou razoamento (diánoía). Ten por obxecto os entes ou realidades matemáticas

    Os dous últimos á doxa:

    * Percepción ou crenza (pistis). Coñecemento das cousas sensibles.

    * Ilusión ou aparencia (eikasía) coñecemento das sombras, das cousas visibles.

    O coñecemento que proporciona cada un destes niveis é proporcional á realidade dos obxectos sobre o que recaen.

    Procedementos para coñecer as Ideas

    Platón menciona camiños auxiliares para aprehender as Ideas como a música, a xeometría e a aritmética; pero o método por excelencia é o da dialéctica. O que fai Platón é perfeccionar a maieútíca de Sócrates que consistía na interrogación (pregunta/resposta) para convertela no método que el vai chamar dialéctica. Para Platón o método filosófico consiste nunha contraposición entre a opinión e a crítica da mesma. Conserva a postura socrática de que hai que partir dunha primeira hipótese e logo ila mellorando a forza de críticas que se lle vaian facendo. Estas críticas como mellor se fan é no diálogo que consiste no intercambio de afirmacións e negacións. Podemos descompoñelo en dous momentos: un primeiro que consiste na intuición da idea, e un segundo momento no que hai un esforzo crítico para esclarecer esa intuición da idea. Pódese dicir que é como unha autodiscusión, como se Platón dialogará consigo mesmo. A dialéctica serve ao proceso de ascender dende o mundo sensible ata o mundo das Ideas para contemplar o Ben en si. Este é un proceso ascensional da alma que progresivamente se libera da multiplicidade do mundo sensible, das aparencias en constante mutación. Este proceso de purificación da alma (liberar das cadenas) consiste no esforzo especulativo en aproximacións sucesivas polas que a alma se eleva pouco a pouco no camiño da verdade e se afasta da percepción sensible, fonte de erro e de ignorancia. Ao atanguer este grao é cando o individuo descobre o real e acada a sabiduría ou ciencia perfecta.

    Existe tamén unha especie de dialéctica emocional, é o famoso amor platónico, que consiste tamén nun proceso ascendente promovido polo pulo erótico. No diálogo o Banquete expón este método partindo da premisa de que o obxecto do amor é a beleza. A filosofía é o amor que busca a captación da beleza absoluta. Este pulo erótico pasa do amor polo corpo belo do amado ao amor da beleza de todos os corpos belos pasando pola beleza moral das almas, das conductas, das leis, das ciencias ata que chega á Beleza en si.

    En definitiva para Platón coñecer é recordar (anámnesis), teoría da reminiscencia que se verá na antropoloxía por ser esta unha función propia da alma do ser humano.

  • 3.3.       ANTROPOLOXÍA: O DUALISMO ALMA-CORPO, PARTES OU FUNCIÓNS DA ALMA

  • O dualismo entre mundo intelixible -mundo sensible tradúcese no estudio do ser humano no dualismo corpo-alma, pois son as súas partes que constitúen o home.

    O corpo (soma) é un cárcere para a alma, pois o corpo é material, imperfecto, mutable e despreciable; pertence ao mundo sensible; é un aloxamento temporal para a alma. Tamén utiliza outras metáforas: piloto-nave, xinete -cabalgadura... pero en todas elas deixa clara a función directiva da alma.

    A alma (psyche) ten unha natureza ben diferente, é espiritual,- eterna, inmortal, simple, pertence ao mundo intelixible.

    A unión de corpo e alma e unha unión accidental, incómoda e transitoria, pois son de naturezas heteroxéneas e atópanse vinculadas no mundo sensible pero a alma que pertence ao outro mundo desexa liberarse do corpo e voltar ao seu propio lugar que é o mundo das Ideas.

    A actividade máis propia da alma é a contemplación das Ideas, por isto é considerada principio de coñecemento racional. Isto conségueo pola purificación, que consiste na liberación do corpo e de todo o sensible para poder acceder ás Ideas; esta liberación non será total ata o momento da morte, pero durante a vida a alma ten que controlar o corpo.

    O acceso ao mundo das Ideas ten lugar a través do coñecemento, pero para Platón "coñecer é recordar ". Esta é a teoría da reminiscencia ou do recordo (anámnesis), que se basea na idea de que a alma antes de vir a este mundo contempla as Ideas, pero ao caer no corpo esquece todo, mais algo queda na alma como idea innata. Recordando, a persoa recupera o que xa sabía, o verdadeíro ser das cousas, as Ideas.

    A concepción da alma inmortal, recollea Platón dos pitagóricos definindoa ademais fonte de movemento. A alma móvese a sí mesma e tamén move o corpo. Para Platón o que se move a si mesmo é inmortal e inxénito. Polo tanto o ser humano é a súa alma, pois esta é superior ao corpo xa que o anima, lle dá vida e gobérnao.

    A inmortalidade é a característica propia da alma, a alma está unida ao corpo, pero esta tende a seu lugar natural que é o mundo das Ideas, pois alma e Ideas son semellantes: inmateriais, simples, indivisibles, incorruptibles e, polo tanto, inmortais. Tamén argumenta a inmortalidade da alma como posibilidade de ser premiada ou castigada, pois se morrera co corpo non podería ser xulgada e sería inxusto. Cando a persoa morre, se a alma foi purificada, marchará á rexion das Ideas eternas, onde serán felices. As almas non purificadas irán ao Hades, rexión infernal, onde serán castigadas a padecer ruíns sufrimentos. Pasado un tempo, ante un tribunal escollen a súa nova encarnación libremente, facendo así recaer sobre cada alma a responsabilidade da súa nova vida na terra. Poden elixir a reencarnación segundo o grao de virtude que cada unha queira (filósofo, comerciante, artista, profeta, poeta, labrego, sofista ou tirano, ás veces incluso nun animal). Como son almas aínda non purificadas non escollen a do filósofo por estaren cegadas pola paixón, moitas veces escollen reencarnacións inadecuadas. Antes de se reencarnar beben auga do río e esquecen toda a súa existencia anterior.

    A alma está estructurada en tres partes diferentes que hai que entender como funcións e non como partes (pois sempre fala da simplicidade da alma, e o simple non admite partes). Hai unha parte racional que no mito do carro alado é o cocheiro-auriga: cumpre a función máis noble, pois coñece intelectivamente e dirixe as outras dúas partes: a irascible representada polo cabalo bo e fermoso; simbolizando o valor e a vontade, este deixase conducir doadamente. A terceira función é a concupiscible, representada polo cabalo feo e malo, difícil de guiar, simbolizando o desexo e a paixón sensible- No mito relata como o auriga (función racional) aínda coa colaboración do cabalo dócil e bo (función irascible) perde o equilibrio por causa do cabalo malo (función concupíscible) e precipítase no mundo sensible, caendo no corpo. Neste mito Platón tenta solucionar o problema do racional e irracional do ser humano apelando á necesidade do goberno da función racional sobre a irracional. Podemos dicir que Platón descobre a importancia do conflíctivo na mente.

    3.4.TEORÍA DA NATUREZA: O COSMOS PLATÓNICO

    Platón utiliza a teoría dos dous mundos para explicar a realidade (no seu período de madurez). Entre estes dous mundos sensible/intelixible hai un abismo (chorismós), é o abismo entre o eterno e o temporal.

    No diálogo do Timeo fala do demiurgo como un xenio poderoso, elemento configurador, que lle impón á materia unha estructura e lle proporciona unha intelixibilidade e unha consistencia. 0 Demiurgo é inferior ás Ideas en perfección, pero é eterno, inmutable, intelixente e bo. Non é creador no sentido cristiano, senón ordenador do elemento amorfo primixenio, tomando como modelos exemplares ás Ideas vai configurando a realidade sensible. Atópase a medio camiño entre o mundo das Ideas e o mundo sensible, é inferior ás Ideas pois el ten necesidade delas para construir o mundo sensible.

    Introduce o concepto de espacio ou lugar como receptáculo universal que acolle a tódolos obxectos que nacen e perecen. Na constitución do universo, do cosmos (no sentido etimolóxico cosmos significa orde, en oposición a caos) os catro elementos (terra, aire, auga e lume) adquiren a súa consistencia ao estructurarse xeométricamente na forma dos sólidos regulares (tetraedro-lume, cubo-terra, icosaedro-auga, octaedro-aire). 0 cosmos ten a figura máis perfecta: a esfera. A estructura matemática explica as cualidades, os estados e as posibles transformacións da materia.

  • 3.5.    ÉTICA PLATÓNICA: O BEN E A VIRTUDE

  • Frente ao relativismo moral dos sofístas (para eles os conceptos morais eran convencionais e relativos a cada persoa, lugar e cultura). Platón pensa (como Socrátes) que os conceptos morais poden ser definidos, e coa súa Teoría das Ideas atopa o carácter absoluto dos conceptos ético-políticos.

    Para Platón a ética ten como finalidade que o individuo acade a felicidade, e esta atápase na práctica da virtude. A virtude (areté) é un camiño cara o ben e a xustiza. Podemos conectar isto coa Teoría das Ideas, pois a Xustiza en si, o Ben en si... son os criterios para diferenciar o bo e o malo, o xusto e o inxusto; as Ideas son valores. Para sermos felices teremos de conxugar o pracer e a sabedoría; só deste xeito poderemos acadar o sumo Ben, que implica proporción, harmonía, verdade e beleza.

    A virtude pode equivaler a sabedoría, que consiste na contemplación das Ideas. Defende o intelectualismo moral de Sócrates dun xeito máis moderado; polo tanto identifica virtude con saber e con felicidade.

    A virtude tamén pode equivaler a purificación como saúde da alma; a persoa virtuosa ao a que purifica a súa alma das paixóns e se desprende do corpo para poder ascender ás Ideas. Así a alma purificada é aquela na que cada parte da mesma cumpre a súa función: a racional, a sabedoría e a prudencia (sofía, frónesis), a irascible, a fortaleza sendo valerosa (andreia), e a concupiscible, a temperanza sendo atemperada (sofrosine).

    A virtude será o equilibro ou harmonía das tres partes que Platón identifica coa Xustiza (diké). Así pois, a Xustiza é unha especie de saúde no individuo, unha forma de "vivir ben", e a ínxustíza unha especie de enfermidade, "un vivir mal". Deste xeito podemos concluír que é o máis beneficioso para o ser humano, pois o que vive ben é feliz e o que vive mal ao desgraciado.

  • 3.6. A POLÍTICA: CLASES SOCIAIS E FORMAS DE GOBERNO

  • Para Platón o ser humano é un ser social por natureza; os individuos necesitan uns dos outros pola necesidade de abastecemento, e, deste xeito, prodúcese o pacto social (no sentido de que aceptan a orde establecida polos gobernantes como medio para a felicidade de todos). Este dá orixe ás formas de sociedade, ao estado, tentando resolver o problema da non autosuficiencia do individuo, establecéndose a división do traballo que leva á aparición de clases ou estamentos que se definen na función que cumpren na sociedade. Toda a organización social está baseada no principio de especialización. Estructura e organiza a sociedade en tres clases ríxidas:

    -Os productores (demiurgoi): atenden as necesidades máis elementais da vida humana: alimento, vivenda e vestido, dando lugar a tódolos oficios: labrego, constructor, tecedor, pastor, carpinteiro, comerciante... Todos estes compoñen a base económica, son a clase productiva.

    -Os defensores ou guerreiros (phylakes): adícanse ao mantemento da convivencia social, á ampliación do territorio e á defensa da cidade das agresións exteriores. Establece un exército profesional de persoas escollidas emtre os cidadáns que posean virtudes especiais para esta función (forza, coraxe, rapidez e amor á verdade). Estes han de ser educados e entrenados para esa función.

    -Os gobernantes (archontes): estes serán os mellores de entre os gardiáns, que a partir dos seus dotes naturais serán rixidamente educados na busca da verdade -epistéme-. Estes como xa sabemos son os filósofos, (filósofo basileus), pois coñecen o Ben.

    O estado é coma un individuo de gran tamaño con corpo e alma, a súa estructura social correspándese coa estructura tripartita da alma (racional, irascible, concupiscible) e a xustiza na cidade (ao igual que no individuo) será o equilibrio entre esas partes. Asi pois, os filósofos, sabios e prudentes, son os máis aptos para o goberno; os gardiáns-guerreiros coas virtudes da fortaleza e o valor defenderán á comunidade. Estas dúas son as clases superiores, só en canto a virtude, unha especie de superioridade de tipo intelectual. A terceira clase, a dos productores, coa virtude da temperanza subministrarán os medios materiais que a polis necesita. Todas as clases son necesarias, pero cada unha ten unha dignidade e un status.

    As formas de goberno

    Para Platón a Historia é decadencia: de cada constitución sae outra aínda peor. Quédase coa idea de ciclo en canto que decadencia. A monarquía ou aristocracia, é a forma máis perfecta de goberno, pois é o goberno dos mellores. A decadencia desta forma orixina a timocracia, ou poder militar, e cando esta dexenera da lugar á oligarquía, minoría cobizosa e rica que explota aos outros homes, pero estes, cando fartan, rematan con eles e apodéranse do goberno orixinando a democracia. Pero a masa non está preparada para gobernar e posibilita que o máis demagogo tome o poder e se erixa en tirano, suprimindo as liberdades; a tiranía é a forma de goberno máis dexenerada; todas estas formas son cíclicas e da tiranía pásase novamente á monarquía.

    Pódese establecer un paralelismo coas formas da alma. A alma perfecta é aquela na que as súas tres partes se ordenan na forma que lles é propia (a racional dominando sobre as outras dúas inferiores). A dexeneración da alma comenza cando as partes inferiores pretenden os principios rectores.