Longa noite de pedra; Celso Emilio Ferreiro Míguez

Literatura española contemporánea. Poesía del siglo XX. Biografía. Argumento

  • Enviado por: Marichinha
  • Idioma: gallego
  • País: España España
  • 11 páginas
publicidad
cursos destacados
Doctorado en Lengua Española y Lingüística General
UNED
El Programa de DoctoradoLENGUA ESPAÑOLA Y LINGÜÍSTICA GENERAL, del Departamento de Lengua Española y Lingüística...
Solicita InformaciÓn

Tendencias de la Teoría Literaria Hoy
UNED
Partiendo del extraordinario desarrollo de la teoría literaria en el siglo XX como contexto general, especialistas de...
Solicita InformaciÓn

publicidad

BIBLIOGRAFÍA

FERRIRO MÍGUEZ, Celso Emilio: Longa noite de pedra (1962) Ed. La Voz de Galicia

VV.AA. : Lingua e literatura galega (2001) Ed. Xerais

RAMÓN NICOLÁS: Guía de lectura de Celso E. Ferreiro (1992) Ed. do Cumio

CELSO EMILIO FERREIRO

Celso Emilio Ferreiro Míguez naceu en Celanova o 6 de xaneiro de 1912 no seo dunha familia acomodada.

Desde os primeiros anos da súa vida respirou o ambiente do nacionalismo galego xa que o seu pai estaba vencellado a el.

Tamén no mesmo ambiente familiar entrará en contacto coa literatura galega lendo libros da biblioteca de seu pai onde había libros de poetas do s. XIX. De todos estes, destacará a influencia de Curros Enríquez, tamén natural de Celanova.

O período que vai entre 1934-36 será moi importante no tocante á súa actividade política e aos seus traballos como xornalista. Neste período funda xunto con Xosé Velo Mosquera as Mocedades galeguistas.

Durante a Guerra estivo en Asturias onde combatiu no bando franquista en contra dos seus ideais. Será alí onde coñeza á que despois sería a súa muller, Moraima, musa de moitos dos seus poemas.

Durante a posguerra marcha a Pontevedra onde dirixiu a colección de poesía Benito Soto.

A partir de 1950 pasa a residir en Vigo, cidade na que publica as súas primeiras obras e tamén colabora no xornal Faro de Vigo.

No ano 1962 publica Longa noite de pedra que marca o inicio dunha nova etapa na vida do poeta adicada á política e que terá curta duración; trátase da militancia no P.C. á que seguirá a fundación da UPG (Unión do Pobo Galego) xunto con outros personaxes, moitos deles tamén escritores, e de onde será expulsado posteriormente polos seus compañeiros acusándoo de marxista.

En 1966 emigra a Venezuela. O poeta tiña idealizada a Galiza emigrante, pois pensaba que ao outro lado do océano existía unha Galiza libre, lonxe da que el coñecía, oprimida e fundida na miseria. Pero cando coñece a realidade da Galiza emigrante,cambia de opinión. Atópase con galegos enriquecidos e egoístas que só buscaban o seu propio proveito explotando aos novos emigrantes galegos que tamén, coma os outros, buscaban na emigración unha vida mellor.

A partir de aquí escribirá a súa obra: Viaxe ao país dos ananos; unha obra chea de sátira que o convertirá nun libro polémico.

Ao regresar de América en 1973 ponse a dirixir a aula de literatura galega do Ateneo de Madrid. A súa relación con Galiza foi constante e incluso participou nas eleccións de 1977 na candidatura nacionalista de Unidade Galega.

Falece o 31 de agosto de 1979 en Vigo.

Outras obras de Celso Emilio son: O soño sulagado (1955) que é o seu primeiro libro de poesía. Froito da mesma experiencia que reflicte en Viaxe ao país dos ananos tamén publica Cantigas de escarnio e maldicer (1968) e Paco pixiñas (1970). Seguindo a mesma liña satírica publica en 1973 Cemiterio privado. E xa en 1975, o seu último libro é Onde o mundo se chama Celanova que se divide en dúas partes: a primeira co mesmo título do libro , trata o tema da saudade, provocada pola lembranza da súa terra natal; a segunda parte leva o título de “Moraima: diario de a bordo”. Aquí o tema central é a presencia de Moraima, a súa muller.

Outros libros de poesía de Celso Emilio son Cartafol de poesía, caderno feito en colaboración con Xosé Velo en 1936; Terra de ningures (1969) e Antipoemas que non se publica ata 1975 por problemas de censura.

INTRODUCCIÓN

Longa noite de pedra (1962) foi o libro que tivo maior difusión fóra e dentro de Galiza, isto veu favorecido polo feito de que tamén se publicou en castelán, o que aumentou considerablemente o número de lectores e, ademais o momento político da súa publicación (inicio dun novo movemento nacionalista galego dentro do franquismo) tamén tivo importancia. Ademais disto, algúns poemas foron musicados.

Do conxunto dos poemas, hainos que foron publicados anteriormente en revistas como Vieiros, pero a gran parte foron escritos despois da guerra e mesmo durante a mesma.

A denominación do poema inicial e mesmo o seu contido coinciden co título do libro, que se interpretou como símbolo da situación no país durante a dictadura.

Así e todo, esta poesía non deixa de estar de actualidade e valería para calquera época.

ESTRUCTURA E TEMÁTICA

A obra consta de sesenta e un poemas encabezados por dous textos (un de Salvatore Quasimodo e outro de Manuel Bandeira) que anuncian xa o tono xeral da obra.

Do conxunto dos poemas hainos que foron publicados anteriormente en revistas como Vieiros; outros son traduccións de poemas que formaban parte de Voz y voto.

As dúas grandes liñas temáticas que existen nesta obra son:

  • A liña social-cívica, onde predomina a denuncia social e crítica: exalta a explotación do proletariado por parte dos patróns (influencia de Marx; analiza a realidade desde fundamentos marxistas); crítica do capitalismo e das estructuras opresoras; defensa dos marxinados; militarismo e burguesía son as súas dúas grandes obsesións á hora de escribir; combate a morte dos inocentes; trata a irracionalidade da guerra. Esta temática é a máis abundante nesta obra, pois considera que a literatura ten que servir para combater a inxustiza.

  • A liña lírico-intimista. Nela observamos composicións onde canta a paraísos perdidos e recorda a súa infancia, mocidade e a súa terra natal. Están tamén neste apartado os poemas adicados á súa muller.

Despois aparecen outros poemas que non se integran en ningún destes apartados, que son reflexións sobre a morte ou a existencia dun Deus insensible e impasible ante a dor que se padece no mundo. Nestes temas fainos recordar un pouco a algún poema de Curros Enríquez en Aires da miña terra, cando fala sobre Deus.

En xeral, Longa noite de pedra é unha obra na que o autor nos amosa a realidade de tal xeito que todos podemos comprendelo, rompendo así a distancia que separaba o pobo da poesía nas últimas décadas.

O poeta móstranos unha realidade na que o home aparece:

Dominado pola dor

“Dóenme as cousas todas que latexan

baixo a chuvia impecábel

que cai na escura codia diste mundo”

( O silencio de Dios, páx.63)

Pola indiferencia

“ Arriáda-las bandeiras,

para min xa nada ten xeito”

(Romance pesimista de fin de ano, páx.65)

Polos choros

“E pois que cada tempo ten o seu tempo

iste é o tempo de chorar”

(Tempo de chorar, páx.10)

“... Iste é o país das bágoas

... iste é o país do pranto”

(Neno orfo con cabalos ao fondo, páx.95)

Polo medo

“Igual que un can danado nos camiños

o terror anda solto polo mundo”

(O can danado. Páx.31)

Séntese encadeado

Na cidá das cadeas

e dos mortos en acios”

(Prometeo encadeado, páx.85)

“Nunha cárcere estou...”

(Desterro, páx.51)

Séntese vixiado constantemente

“Un gran telescopio nos vixía...

dende todas as voces que nos falan”

(O can danado, páx.31)

“Detrás de cada fiestra un rostro escuro...”

(Prometeo encadeado, páx.85)

O home anhela a liberdade

“Nós queriamos libremente

comer o pan de cada día. Libremente”

(Libremente, páx.25)

Busca incesantemente

“Viaxeiro: Bon home ¿onde está o camiño?”

(Prometeo encadeado, páx.85)

A Guerra tamén aparece reflexada en varios poemas: “Nunca poderéi esquecelo”, “Non me mires”, “Bautismo de sangue”, “Fábula do home e do lobo”, “Soldado”, e noutros poemas aparecen tamén referencias aínda que non vaian adicados integramente a falar de guerra:

“... palabras dos soldados descoñecidos

que morren nas guerras polas patrias inútiles...”

(Mentras imos andando, páx.28)

“... o neno abandonado era xa adulto...”

(Bautismo de sangue, páx.67)

“... os mozos feitos homes de repente...”

(Non me mires, páx.70)

Na temática lírico-intimista, ademais da nostalxia polo pasado, o poeta sente confianza no futuro, e que non ten nada que ver co presente:

“ O aire puro da mañá procrama

o seu dereito a entrar na casa...”

(Aire puro, páx.33)

“ Cantaremos. Hai que esperar cantando

vencendo o noxo de vivir nun sótalo”

(Anaco dunha carta a un poeta que vive en Madrid, páx.78)

“Tripulantes insomnes,

na libertá creemos”

(Esperanza, páx.34)

“Un día despoxarémolos dista terra ofensiva...

i eisí poidan vivir, como sempre, de rendas.”

(Cimenterio de cidá, páx.83)

Tamén falabamos neste apartado da existencia de Deus que trata nalgúns poemas. Concretamente fala do afastamento de Deus:

“Mais, ¿onde estaba Dios naquiles intres?”

(Lembranza, páx.103)

“... o silencio de Dios é coma un barco

que navega os meus ollos docemente...”

“ ... o silencio de Dios trócase en brétemas.”

(O silencio de Dios, páx.63)

Pero hai a excepción dun poema, onde o poeta alude á grandeza de Deus:

“ ¡Ai, Dios, que grande eres!”

(Agora é tempo de pensar, páx.89)

Agora ben, o poeta aparte de mostrarnos a realidade coa súa poesía, tamén toma unha postura crítica ante ela:

Critica o conformismo

“... pero que haxa unhos seres

capaces de leer tranquilamente os xornales

sen sentir tremer de noxo as vísceras,

nunca poderéi creelo”

(Credo, páx.22)

os ricos e poderosos

“a soberbia dos poderosos chega até os cimenterios...”

(Cimenterio de cidá, páx.83)

“Agora tomo o sol. Pero até agora

traballei cincuenta anos sen sosego”

(Monólogo do vello traballador, páx.36)

os burgueses

“ Mais si a isto engades os xornales

...

i aquelas mortuorias (media plana)

de tribudos burgueses...”

(Anaco dunha carta a un poeta que vive en Madrid, páx.78)

“ Aquel señor burgués condecorado...”

(Goethe, páx.82)

os que teñen o poder

“Vin os mesmos traidores...”

(Viaxe de volta, páx.74)

Denuncia a pobreza

“Chove, chove, na casa do probe

e no meu corazón tamén chove”

(Inverno, páx.91)

Do mesmo xeito que critica a estes personaxes, tamén defende:

Aos que se comprometen

“Presento a testimuña dos aldraxes

e doume ao medo dos primeiros homes

que alcenderon lumieiras nos curutos

e creeron na libertá dos soños”

(Testimuña, páx.30)

“Home fatal,

que vas e vés sin sombra polas rúas...”

(A poesía é verdade, páx.101)

“Irmán maior. Bandeirante

....

e loitamos sin trégola

contra o anxo e a noite”

(Pranto por Carles Riba, páx.26)

aos que sofren

“... falo para os que agoantan rexamente

mentiras e inxusticias de cotío...”

(Deitado frente ao mar..., páx.97)

aos oprimidos e explotados

“Monólogo do vello traballador” páx.36

Toda esta crítica realízaa, en xeral, dun xeito directo, pero nalgunhas ocasións utiliza a ironía como forma de crítica, como é o caso de “Carta á miña muller” na que denuncia a falta de liberdade ou tamén en “Son un pasmón” onde o poeta se acusa falsamente, xa que o que verdadeiramente critica é a aquel que está sumerxido nun ritmo de vida onde non hai tempo para as cousas que realmente importan.

OS SÍMBOLOS NA POESÍA DE CELSO E.

A parte da ironía, Celso E. emprega nesta obra símbolos cun amplo significado como técnica poética. Podemos distinguir:

  • Símbolos da luz, que se asocian a todo o positivo (a liberdade, a xustiza...).

  • Símbolos da escuridade, referidos ao presente, onde domina a inxustiza e a carencia de liberdade.

  • Símbolos de altura (vento, escuma...) e animais de altura (pomba, bolboreta, anduriña, pega...) que tamén reflexan liberdade.

  • O símbolo da pedra, que emprega no aspecto negativo.

LINGUA E MÉTRICA

No que se refire á lingua, Celso Emilio emprega un nivel coloquial en todos os poemas, motivo polo que a súa poesía foi moi lida, xa que se facía de difícil comprensión.

En canto á métrica, hai combinación de versos heptasílabos e endecasílabos, aínda que nalgunhas ocasións hai versos doutras medidas. No aspecto da rima, destaca a rima en consoante dalgún poema: “Son un pasmón”.

Tamén conta esta obra con dous romances: “Romance incompleto”e “Romance pesimista de fin de ano”.

COMENTARIO DE POEMAS

  • Longa noite de pedra

  • No meio do caminho tinha uma pedra

    tinha uma pedra no meio do caminho

    tinha uma pedra

    no meio do caminho tinha uma pedra.

    CARLOS DRUMMOND DE ANDRADE

    O teito é de pedra

    De pedra son os muros

    i as tebras.

    De pedra o chan

    i as reixas.

    As portas,

    as cadeas,

    o aire,

    as fenestras,

    as olladas,

    son de pedra.

    Os corazós dos homes

    que ao lonxe espreitan,

    feitos están

    tamén

    de pedra.

    I eu, morrendo

    nesta longa noite

    de pedra.

    Este é o primeiro poema e o que dá título á obra. Este foi interpretado de diferantes xeitos. Nalgún momento foi considerado como versos políticos que facían referencia aos anos do silencio da Guerra e da Posguerra, pero actualmente son vistos como versos que nacen dunha experiencia vivida polo autor, cando en 1937 nun viaxe a Celanova foi denunciado por unha muller que lle atribuiu unhas verbas que, segundo el, non pronunciara. Despois disto detivérono e encarcerárono no convento da vila que fora convertido en prisión e onde estivo preso varios días.

    Segundo contou Celso Emilio, era un lugar todo de pedra, incluído o teito, e con tan pouca luz que semellaba ser sempre de noite, e foi esta experiencia a que lle deu título ao poema.

    O poema vai encabezado por unha cita de Carlos Drummond de Andrade escrita en portugués, onde tamén menciona unha pedra.

    Os primeiros versos do poema son a descripción do lugaar no que se atopaba preso pero tamén introduce algunha hipérbole (o aire e as olladas non son de pedra; é, pois, algo simbólico).

    Aquí a pedra simboliza o frío, o medo (“as olladas son de pedra”), a indiferencia dos opresores (“os corazós dos homes que ao lonxe espreitan”).

    O feito de que todo sexa de pedra insinúanos a dureza do momento. Todo o poema pode considerarse unha metáfora: identifica a dureza material da pedra cos momentos duros da vida; esta non é unha dureza material pero non é irreal.

    Os últimos versos xa nos achegan o fin: a morte, que se acerca despois da “longa noite de pedra”: a vida no cárcere, Represión.

    Esta vivencia súa pode transmitirse á vida real e xeral da poboación durante a Guerra (1936-39), que sería a primeira interpretación que se lle deu.

    Este é un poema intemporal, válido para calquera época, porque nalgún lugar do mundo sempre hai alguén sufrindo nas mesmas condicións que Galiza (por exemplo) durante a Guerra e a posterior dictadura militar.

  • A poesía é verdade

  • Un procura a verdade

    por tódolos camiños, baixo as pedras,

    nas raigames escuras das olladas,

    máis alá das escumas i os solpores.

    Busco a verdade en ti, rexa poesía

    dos homes que labouran,

    tacto real das cousas

    que están e son, anque ninguén as vexa.

    Home total,

    que vas e vés sin sombra polas rúas

    e tes a túa verdade nos curutos

    do mundo, no profundo da historia,

    na esperencia dun día calisquera,

    e non ves os paxaros nin as nubes

    nin as lonxíncoas maus do vento dondo

    que acariñan o mundo dende sempre.

    Investiga a verdade do teu tempo

    i alcontrarás a túa poesía.

    A poesía é verdade, como di o título, e é tamén unha arma para combatir as inxustizas.

    A temática deste poema ten moito que ver co de “Crebar as liras” de Curros Enríquez onde se empezaba dicindo que non era tempo de escribir poesía, pero despois faise un chamamento aos poetas para que en lugar de crebalas que as afinasen porque a poesía é unha arma de moita forza.

    A poesía é froito dunha reflexión sobre algo, e no caso da poesía cívica en Celso Emilio como noutros poetas, son reflexións sobre a realidade. É unha busca contínua da verdade, como ben se ve neste poema (“ debaixo das pedras, nas olladas, nos solpores...” “Busco a verdade en ti, rexa poesía...”).

    Neste caso aparenta ser poesía de fondo marxista, pois busca a verdade no único que foi real durante moito tempo: “os homes que labouran, tacto real das cousas...”. Aquí está a verdade para Celso Emilio, nas clases sociais máis baixas, que son os traballadores de sempre e os máis leais. Son eles os que sufriron a represión dos poderosos e as inxustizas.

    Como di no poema, a verdade tamén está “no profundo da historia” que é a parte oculta da historia, o que se teme revelar.

    A poesía fala soa, e por iso coñeceu a censura en moitas ocasións, tamén a de Celso Emilio.

    OPINIÓN PERSOAL

    Persoalmente, nunca me gustou ler poesía, case seguro pola dificultade que presenta entendela e interpretala, moitas veces.

    Escollín Longa noite de pedra pola temática, pois a poesía de denuncia social é das que máis me gusta, e tamén escollín este libro por ser de pouca complexidade, de feito, o que pretendía Celso Emilio era facer algo sinxelo que estivese ao servizo da xente independentemente da súa formación.

    A publicación deste libro na época que se fixo, foi un feito moi importante tanto para Galiza como para España; para Galiza porque Celso Emilio quedará probablemente como o mellor poeta galego do s.XX , aparte da súa importancia como persoa, e para España porque eran tempos moi difíciles e non era corriente que se publicasen este tipo de libros, que denuncian o establecido.

    A importancia deste tipo de libros é merecedora de ser destacada porque sempre teñen consecuencias a nivel histórico.

    Longa noite de pedra seguramente cambiou a forma de pensar de moita xente, polo seu contido crítico cara a sociedade e polo que cada verso ten de significado e de verdade, a verdade que moitos buscan na poesía, (“ a poesía é verdade”).

    Méndez Ferrín na súa obra De Pondal a Novoneyra considera que Voz y voto [obra publicada en castelán (1955) aínda que escrita orixinariamente en galego] foi “como un ensaio xeral de Longa noite de pedra”, páx.179.