publicidad

Historia da lingua galega

Evolución del gallego # Colonizadores romanos. Latín vulgar. Producción literaria. Cantigas. Séculos escuros. Ilustración. Galeguismo. Século XX



publicidad
opciones del documento


ORIXE

A Lingua Galega é fundamentalmente unha derivación da que trouxeron consigo os colonizadores romanos, pero dado que o pobo galego non é herdeiro dunha única raza, senón o resultado da superposición continua de pobos de diferente orixe e cultura, tampouco a súa lingua está constituída por un único aporte lingüístico. É evidente que estes pobos, de linguas case totalmente descoñecidas para nós, xogaron un papel de relativa importancia na transformación que sofre o Latín do Noroeste peninsular.

O Latín, presentaba dende antigo dúas formas, unha culta, que se utilizaba na escrita e nos ámbitos máis formalizados, e unha vulgar, que se empregaba como lingua oral nos contextos informais; era o chamado Latín vulgar. O Galego é o resultado da evolución deste Latín vulgar falado na Gallaecia, nome co que se coñecía ó territorio peninsular comprendido entre o río Douro e as costas do Cantábrico.

Nesta época moi pouca xente sabía ler ou escribir, tan só uns poucos privilexiados, fundamentalmente clérigos, estaban alfabetizados. É por esta razón que o Galego vai evolucionando como lingua de forma oral, sendo o único idioma empregado polas xentes na familia, cos amigos, no campo, na cidade, no mundo do traballo e nas diferentes institucións sociais (concellos, igrexa, gremios, etc.).

A penas se conserva documentación sobre a etapa da xestación do Galego como lingua diferenciada do Latín. O primeiro documento coñecido en Lingua Galega é unha escritura de foro que data do 1016.

PRIMEIRO ESPLENDOR

Coa xeneralización do uso do Galego a poboación foi distanciándose do Latín, ata o extremo de que tan só un reducido número de persoas era capaz de entendelo ou escribir un texto no idioma do Lacio. Mesmo os escribáns tiñan graves dificultades para a correcta utilización do Latín, vertendo cada vez máis nos seus escritos palabras e estructuras lingüísticas propias do Galego. Así foi como, ante os problemas de comprensión que causaba o Latín, o Galego convértese tamén na lingua da escrita, primeiro sendo utilizada en documentos privados e logo tamén nos públicos.

É na primeira metade do século XIII cando os documentos de compra-venda, testamentos, doazóns, etc. en Galego comezan a ser abundantes. Aproximadamente nesta mesma época, ó principiares o século XIII, aparecen as primeiras expresións literarias en forma de cantigas que non foron máis que o preludio dunha grande, tanto en cantidade como en calidade, producción literaria que poderiamos dividir en tres grandes grupos: a Poesía Profana, a Poesía Narrativa Relixiosa e a Prosa.

A Poesía Profana

Esta producción literaria corresponde á creación lírica profana e está contida nos seguintes cancioneiros: Ajuda, Vaticana e Colocci-Brancuti. Estos cancioneiros son copias dos orixinais que hoxe son descoñecidos. Ademais destes tres grandes cancioneiros existe o Pergamiño Vindel que contén a colección de poemas coñecidos de Martín Códax.

Entre os moitos autores que figuran nos cancioneiros destacan: Bernal de Bonabal, Airas Nunes, Mendiño, Martín Códax e Alfonso X. Atendendo o xénero podemos facer tres grupos:

As cantigas de amigo: Son de orixe tradicional-popular e distínguense, entre outras cousas, por repetirse nelas a palabra amigo, que fai referencia ó amado e está sempre posta na boca dunha muller. Como recursos estilísticos usan o refrán, o leixa-prén e o paralelismo.

As cantigas de amor: Son cantigas xeralmente compostas segundo os criterios do amor cortés e con recursos provenzais, aínda que os recursos tradicionais tamén se misturan en moitas ocasións, distinguíndose dous grandes grupos: As Cantigas de mestría que se achegan máis á arte trobar provenzal, e as Cantigas de refrán cando están cheas de recursos propios da cantiga de amigo.

As Cantigas de escarnio e maldicir: Teñen o seu orixe no serventés da lírica provenzal, pero tamén fan uso dos recursos tradicionais galegos. As Cantigas de Escarnio son aquelas que fan uso dunha linguaxe máis encuberta ou sutil, mentres as Cantigas de Maldicir chaman as cousas polo seu nome sen ningún recato.

Tomando como referente esta manifestación literaria da forma escrita pódense distinguir duas épocas: a Trobadoresca e a Postrobadoresca. A época Trobadoresca comprende desde a aparición dos primeiros textos escritos a principios do século XIII ata 1350, cando finaliza a Escola Lírica Galego-Portuguesa. É a época máis esplendorosa, cando os trovadores utilizaron o Galego para comporen as espléndidas Cantigas medievais, nelas o Galego chegou ó máximo nivel de perfección, logrando converterse na lingua lírica de todos os reinos cristiáns da Península (agás Cataluña); dan fe diso trobadores como o aragonés Martín Moxa e o mesmo rei de Castela Alfonso X o Sabio.

A época Postrobadoresca comprende desde 1350 ata finais do século XV. Nesta época o Galego perde certo esplendor, sobre todo pola decadencia da Escola Lírica Galego-Portuguesa e a súa substitución pola Escola Lírica Galego-Castelán, que non chegou a acadar os resultados daquela, nin desde o punto de vista artístico nin do lingüístico.

A Poesía Narrativa Relixiosa

Ademais dos cancioneiros profanos, a lírica medieval galega conta cunha importantísima colección de cantigas relixiosas en honor a Virxe María. Esta colección leva o título de Cantigas de Santa María, que en número de máis de catrocentas relatan milagres da Virxe ou son cantigas de loor.

Este cancioneiro atribúeselle o rei Alfonso X, tamén autor de importantes cantigas profanas, aínda que hoxe se sabe que poucas serán da sua persoal autoría, seguramente foron moitos os trovadores que colaboraron co Rei Sabio para a consecución deste monumento literario das letras galegas, que ten como particularidade digna de mención a conservación das partituras musicais e unha coidada ilustración a base de miniaturas da época.

A Prosa Galega Medieval

A medida que ía medrando en prestixio o Galego foi ocupando máis ámbitos. Así desde mediados do século XIII comezou a aparecer na prosa literaria de carácter narrativo, sendo posible ler en Galego as novelas de moda en Europa. Pódense distinguir tres grandes ciclos:

O ciclo Bretón: ó que corresponden as lendas sobre A demanda do Santo Graal, un fragmento do Libro de Tristán e o desaparecido Amadís de Gaula.

O ciclo Carolinxio: ó que pertece os Miragres de Santiago.

O ciclo Clásico: ó que pertece a Crónica Troiana.

A partir do século XIII o Galego substituíu o Latín como "lingua oficial" no dominio lingüístico Galego-Portugués en case todos os textos escritos, tanto de carácter documental como literario, privados ou públicos. Todo elo sen ter un monarca ou unha corte que impulsaran o seu uso.

A este feito contribuíu o grande poder político que aínda tiña Gallaecia, pois a pesar da independencia formal de Portugal, a separación entre os dous reinos non fora ríxida. De aí que a identidade lingüístico-cultural que reflicten as cantigas Galego-Portuguesas non sexa máis que unha mostra da identidade política "galega" dos dous reinos. Esta identidade queda truncada o se integrar Galicia na coroa de Castela, sendo substituído, ademais, Santiago como centro cultural en favor de Toledo. Por outra banda, Portugal consolídase como nación e orientarase cara ás campañas ultramarinas. Nesta época prodúcese a substitución da nobleza galega por outra foránea, como consecuencia da guerra civil entre Henrique de Trastámara e Pedro I, que marca o comezo do declive político e económico de Galicia, sen esquecer as Guerras Irmandiñas, que impediron a consolidación dunha burguesía mercantilista propia. Galicia, sen independencia política, sen Universidade, asimilada máis que potenciada, xa non vai ser quen de xerar a súa propia prosa, nin de usa-la súa lingua, como Castela ou Portugal, nunhas traduccións, nunha historia e nunhas creacións que agora lle resultan imposibles de producir de forma continuada. O Galego lírico, aínda que dun grande valor estético, difúndese de forma cantada e non como lectura, ademais é unha actividade recreativa e de distracción e non ten finalidade didáctica.

A pesar de todas estas circunstancias político-culturais o Galego seguiu a ser ata o fin da Idade Media unha lingua plenamente "normalizada".

OS SÉCULOS ESCUROS

Coñécese con este nome o longo e funesto período histórico que vai desde finais do século XV ata o século XVIII.

Na segunda metade do século XIV produciuse unha loita na sucesión polo trono entre Pedro I, apoiado pola nobreza galega, e o seu irmán Henrique de Trastámara. Como consecuencia da victoria do segundo vai entrar en Galicia unha aristocracia castelá acompañada da súa correspondente corte, traendo tamén consigo a súa lingua.

Posteriormente repetirase unha situación semellante, a fins do século XV, coa victoria de Isabel a Católica na loita polo trono de Castela, fronte a Juana a Beltraneja, apoiada pola nobreza galega.

A partir destes acontecementos, Galicia perde protagonismo e importancia en tódolos ámbitos: social, cultural, administrativo e político. Por conseguinte, a lingua galega perde prestixio tanto como lingua de comunicación ou administrativa coma como lingua de expresión literaria. Esta situación contrasta fortemente coa do Castelán e o Portugués.

A aparición da imprenta axuda poderosamente á difusión dos novos idiomas oficiales, actuando tamén en contra do Galego, que xa non participa nesa fase codificadora e normalizadora no aspecto formal. A diferencia do Portugués e do Castelán, o Galego perde entón toda vinculación coa cultura, sendo relegado ó ámbito exclusivo da fala e da poboación iletrada. Desde ese momento comezaron a se xeneralizar as burlas e escarnios contra os galegos, e mesmo chegaron a se reflectir na literatura española dos chamados séculos de ouro: Lope de Vega, Tirso de Molina, Quevedo, Calderón, Góngora...

Sirvan como exemplo os seguintes versos:

Oh, montañas de Galicia

cuya, por decir verdad,

espesura es suciedad,

cuya maleza es malicia,

tal, que ninguno codicia

besar estrellas pudiendo,

antes os quedais haciendo

desiguales horizontes;

al fin, gallegos y montes,

nadie dirá que os ofendo.

Góngora

Ou tamén os seguintes refráns:

"Antes puto que galego"; "No fíes en perro que cojea ni en amor de gallega" ou "Ni perro negro, ni mozo gallego".

Durante esta longa etapa de postración e dificultades, será o pobo o que conservará viva a súa lingua. Este pobo, ó que non lle foi posible esquece-lo seu vello idioma, será o que manteña viva unha certa creatividade literaria mediante o que se vén chamando literatura popular. Esta producción literaria popular pódese agrupar en tres apartados:

Expresión Lírica: Está presente nos villancicos a xeito de panxoliñas, aninovos, nadais, reis. Tamén son líricas certas cantigas propias das diversas festas do ano: o propio Aninovo e Reis, Semana Santa, Maios, San Xoán, Entroido. Cantigas para acompaña-los traballos: arada, sega, vendimia. Cantigas de berce, cantigas para acompaña-lo baile, cantigas sen baile, etc.

Narrativa: Está representada polos contos orais de moi diverso tipo, desde o fantástico ata o humor: contos de meigas, lobishomes, ánimas, cregos, xastres, lobos, lendas de mouros, santos, históricas; romances novelescos, relixiosos ou de burlas. Podemos incluír no grupo de narrativa as adiviñas e refráns.

Actos Parateatrais: Os autos sacramentais, combates de mouros e cristiáns ou toda unha serie de entremeses satíricos que pretendían o fácil divertimento.

Ademais destas manifestacións populares, contamos con algunha manifestación de literatura académica en galego:

Poesía Renacentista: Está representada polo Soneto de Monterrei.

Poesía Barroca: Está representada polas Exequias da raíña Margarida (sonetos de Gómez Tonel e Vázquez de Neira), Décimas ó Apóstolo Santiago de Martín Torrado e Composicións das Festas Minervais.

Teatro: Probablemente existíu unha tradición teatral en galego, pero só se conservan dúas pezas: Entremés famoso sobre a pesca no río Miño e Contenda dos labradores de Caldelas.

A ILUSTRACIÓN

Na segunda metade do século XVIII comeza a chegar a Galicia a influencia da Ilustración, o que vai supoñer o fin dese longo período coñecido co nome de séculos escuros, aparecendo propostas renovadoras da vida económica, social e cultural. Serán estes feitos os que favorezan a creación dun discurso cultural e literario propios, desde os que se reivindicará a lingua do país.

Ó igual que boa parte dos seus coetáneos casteláns, os ilustrados galegos caracterízanse pola súa moderación e respecto á relixión católica. Significativamente, dirixen os seus escritos ó rei, ós poderes públicos, ás clases dominantes e tan só en contadas ocasións ós labradores e traballadores en xeral; sempre querendo aconsellar e instruír, nunca buscando as movilizacións populares, xamais chamando no seu auxilio á violencia, nun momento no que da man desta estanse a producir importantes transformacións na cercana Francia.

Na súa maioría, os pensadores galegos do século da Ilustración non son revolucionarios políticos, porque nin a súa posición de clase nin a súa obxectivización do proceso histórico lles leve a iso. Esto non quere dicir que en ocasións non sexan radicais describindo o deterioro do orden social, e incluso unha fracción deles entrevé que os problemas que analizan non teñen solución no modelo de sociedade actual.

É de destacar o labor de Frei Benito Xerónimo Feixoo Montenegro, máis coñecido coma o Padre Feixoo, quen aínda que non utilizou o Galego nos seus escritos, sí que se dedicou o seu estudo, demostrando con rigor científico que non era unha forma corrupta do Castelán, senón irmán xemelgo do Portugués e lingua romance con personalidade propia.

Tamén é de grande importancia o labor de defensa e dignificación da lingua galega levada a cabo por Frei Martín Sarmiento, defendendo o uso do Galego no ensino, na Administración e na Igrexa, dedicándose en profundidade ó estudo da lingua, sobre todo do léxico.

Diego Antonio Cernadas e Castro, coñecido como o Cura de Fruíme, deixou algunhas composicións en Galego, reivindicando en toda a súa obra o seu uso e denunciando a marxinación de que era víctima. Houbo outras figuras como Cornide Saavedra, autor de poemas en Galego, ou o Padre Sobreira, que traballou na elaboración dun diccionario en Galego.

O REXURDIMENTO

Enténdese por Rexurdimento o movemento de recuperación da lingua, da literatura, da cultura e da dignidade galegas que se produciu ó longo do século XIX, principalmente pola aparición do galeguismo, movemento cultural e político no que a lingua galega é un dos principais elementos reivindicativos. Este proceso desenvolveuse sobre todo dentro dunhas reducidas elites intelectuais con excasa repercusión na maioría da poboación. O proceso iniciado a fins da Idade Media polo cal moitos galegos substituíron a súa lingua polo Castelán segue avanzando, mesmo de maneira acelerada, durante o Rexurdimento. Polo que non houbo unha exacta correspondencia como lingua da literatura, a defensa da miña beleza, dignidade e idoneidade como lingua do país, e a recuperación do uso social do Galego, aímda que esto non resta ningún mérito á importancia que este movemento tivo para a recuperación da lingua nacional de Galicia.

Pódese falar de dúas etapas diferenciadas: Os Precursores e O Rexurdimento.

Os Precursores

Esta primeira etapa comeza no 1808, ano da invasión francesa, e caracterízase polas primeiras manifestacións, aínda tímidas do diferencialismo político de Galicia, da súa singularidade.

O estoupido da Guerra da Independencia contra os franceses xerou na sociedade galega a necesidade de autoorganización e provocou a reaparición pública do Galego, pois había que chamar á xente a loitar na lingua que coñecía. As mesmas razóns utilitarias propiciaron o uso do Galego nas confrontacións ideolóxico-políticas da primeira parte do século; os liberais pensaron que ó usaren a lingua da grande maioría dos galegos propagarían máis e mellor as súas ideas.

Estas circunstancias provocan que entre 1835 e 1846 apareza no panorama cultural galego unha xeración de intelectuais ligados por ideais comúns:

- Son polo xeral xoves ou moi próximos, nas súas preocupacións, tertulias ou manifestacións, á xuventude.

- Forman parte de asociacións culturais que, independentemente da súa denominación, sempre plantexaban cuestións políticas.

- Todos manifestan unha marcada tendencia pola literatura.

que darán lugar ó primeiro movemento político coherente de carácter galeguista, con orientación progresista e doutrina provincialista, isto é, defensa da unidade política de Galicia como provincia, con dereito ó autogoberno. Esta primeira xeración do movemento provincialista está constituída por:

Xoán Manuel Pintos: Escribe o primeiro libro en lingua galega, A Gaita Galega, mistura de verso e prosa con clara intancionalidade didáctica.

Francisco Añón Paz: Escribiu entre outros poemas A Galicia, premiado co único accésit para obra en lingua galega nos primeiros Xogos Florais de A Coruña en 1861.

Manuel Murguía: Non escribiu nada en Galego pero foi un gran promotor das ideas do galeguismo, ademais de promover e defender a obra da súa muller Rosalía de Castro.

Marcial Valladares Núñez: Publicou un diccionario e unha gramática galegos.

Antonio Saco e Arce: Autor da primeira gramática galega con criterios realmente científicos.

Alberto Camino Sigüer: Aínda que se conservan poucas das súas poesías en Galego, todas elas reflexan tal delicadeza de sentimento e pureza de expresión, que pode ser considerado como un dos máis relevantes precursores de Rosalía de Castro. Os máis coñecidos son Nai chorosa e O desconsolo.

Vicente Turnes del Río Maldonado: A pesares de perde-la vista ós 27 anos, desenrolou como escritor unha intensa actividade que había de influenciar a obra de Rosalía.

O Rexurdimento

En 1863 publícase Cantares Gallegos de Rosalía de Castro que marcará o comezo dunha nova etapa das letras galegas: O Rexurdimento, que se prolonga ata fins do século XIX. Este movemento convertirá ó Galego nunha lingua dunha obra de auténtica calidade literaria, non só a nivel rexional senón tamén a nivel nacional e internacional. Se ben os seus máximos exponentes foron Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal, cómpre non olvidar outras figuras importantes que tamén participan nesta xeración tales como Manuel Leiras Pulpeiro e Valentín Lamas Carvajal.

Políticamente o movemento provincialista anterior, aplastado cos fusilamentos de Carral, dá paso agora ó Rexionalismo, con cotas menos conflictivas, tendo na cultura unha das súas principais reivindicacións, sendo Manuel Murguía e Alfredo Brañas os seus principais teóricos, demandando a descentralización do Estado e defendendo a personalidade histórica diferenciada de Galicia e a súa especificidade lingüística.

O labor destes restauradores da lingua ten un valor engadido tendo en conta a precariedade de medios con que contaban á hora de optaren por escribir en Galego, pois hai que ter en conta que desde o século XVI ó XIX apenas se utilizara como lingua escrita. Isto provoca que baseen a súa escritura no modelo gráfico que coñecen, o Castelán.

Rosalía de Castro: É sen dúbida a máis importante escritora en lingua Galega desde o punto de vista histórico, pero tamén ten unha enorme importancia desde o punto de vista estético. Rosalía é a personaxe central da literatura galega e convertiuse nunha figura simbólica, encarnación da alma de Galicia. É a escritora galega de maior difusión universal. A súa obra está traducida a numerosos idiomas, sendo extraordinariamente abundante a bibliografía extranxeira acerca dela. Cantares Gallegos e Follas Novas son cumios da literatura galega, e a súa obra en Castelán unha das máis importantes desa lingua.

Eduardo Pondal: Durante a súa etapa de estudiante participa activamente no Liceo de la Juventud e chega a ser líder organizador do Banquete de Conxo, xermen do provincialismo, para o que compuxo un Brindis, que a punto lle estivo de costar o desterro ás illas Marianas. A súa primeira creación en Galego é A campana de Anllóns, poema co que participa nos Xogos Florais da Coruña. Pero a súa obra cumio é Queixumes dos pinos, onde Pondal convértese no bardo galego, poeta elixido como conductor do seu pobo, e incomprendido polo mesmo, que cantará as glorias pretéritas ás que este está destinado.

Manuel Curros Enríquez: De moi novo iníciase no xornalismo, eido no que alcanza un gran prestixio. É a raíz de gañar un certame literario o que o decide a escribi-lo resto da súa obra en Galego, lingua que ata entón tan só utilizaba esporadicamente. As súas obras máis destacadas son Aires da miña terra, na que amosa o compromiso coa súa terra, especialmente contra foros, quintas e contribucións; e O divino sainete, parodía da Divina Comedia de Dante, na que aguza máis aínda a súa actitude anticlerical.

O SÉCULO XX

O século XX vai significar outro avance cualitativo importante na historia da lingua galega saíndo do reducido ámbito da literatura para se proxectar a outros campos (ensaio político e científico, xornalismo, actos públicos, etc.) e será reivindicado como medio natural de expresión en tódaslas facetas da vida. Este avance virá da man dos novos cambios producidos na evolución do movemento galeguista, que vai dar o paso do rexionalismo ó nacionalismo.

A reivindicación da dignidade da lingua vai a estar no sucesivo vinculada ó galeguismo e ó nacionalismo; por iso precisamente este nace co nome de Irmandades da Fala, fundadas na Coruña en 1916, formando parte delas figuras tan destacadas como os irmáns Vilar Ponte, Castelao, Risco, Lousada Diéguez ou Cabanillas, e dotándose cun medio de expresión exclusivamente en Galego, A Nosa Terra.

As Irmandades recuperan e modernizan a tradición cultural galega e tentan superar o complexo de inferioridade dos falantes, para o que proxectan unha serie de actividades que procuran abarcar os diferentes campos de actuación social: o teatro, como medio para expalla-la ideoloxía nacionalista e o uso do Galego, para o que fundan o Conservatorio Nacional de Arte Galega e a Escola Dramática Galega; preparan unha serie de proxetos para a galeguización do ensino; colaboran na creación de novas editoriais (Lar, Céltiga, Alborada) e impulsan a narrativa breve en Galego, de carácter popular.

Non menos importante, e relacionada con esta actividade editorial, está a creación da revista Nós en Ourense no ano 1920, promovida polo grupo ourensán das Irmandades e dirixida por Vicente Risco, que dá nome á brillante Xeración Nós (Otero Pedrayo, Cuevillas, Risco, Castelao).

Esta xeración propúxose, e abofé que o conseguiu, potenciar e modernizar a cultura galega, procurando tirarlle o exceso de localismo, ruralismo e costumismo que ata entón a caracterizaba.

Como herdeiros e fillos ideolóxicos da Xeración Nós, un grupo de estudiantes universitarios (Carballo Calero, Bouza Brey, Martínez López, Xaquín Lourenzo, Fraguas), coa colaboración de algún profesor, fundou en 1923 o Seminario de Estudos Galegos, potenciando e ampliando o uso do Galego na prosa científica e técnica e desenvolvendo unha intensa e fructífera actividade investigadora e divulgadora en diferentes campos (Arqueoloxía, Filoloxía, Antropoloxía, Ciencias Naturais, Etnografía, etc.), con importantísimos logros que a guerra de 1936 acabou por espoliar ou destruír.

O movemento galeguista e nacionalista, coa chegada da República en 1931, vai aglutinarse arredor do Partido Galeguista. Un dos seus principais obxectivos será normalizar a situación da lingua e conseguir que desempeñe o papel que historicamente desenvolveu con dignidade e orgullo durante 700 anos.

No Estatuto de Autonomía de 1936 recoñecíanselle ó Galego o rango de cooficialidade, coa consecuente obligatoridade do ensino en Galego na escola e a introducción nos Institutos e nas Escolas Normais das asignaturas de Historia, Lingua e Literatura Galega, así como a obrigatoriedade para os funcionarios de coñeceren o Galego. Mais o comezo da Guerra Civil en 1936 significou na práctica a súa non aplicación.

O inicio da guerra supón a parálise de todo o proceso galeguizador precedente, que se verá definitivamente reafirmada en 1939 ó resultar vencedor o ditador Franco. A partir dese momento comeza unha etapa de represión xeneralizada que tivo unha especial incidencia sobre as linguas e as culturas de expresión non castelán, destruíndo no caso galego todo o esforzo anterior (institucións, revistas, editoriais) e cobrándose a vida de persoas entregadas á defensa da lingua (Alexandre Bóveda, Ánxel Casal, Xaime Quintanilla, etc.).

A presencia do Galego no campo da cultura trasládase ó exilio americano, sobre todo a Buenos Aires. Alí residían Castelao e outros escritores e intelectuais. Mentres en Galicia non podía ser utilizado, en Buenos Aires desenvolvíase unha intensa actividade cultural en Galego. A ditadura franquista persegue con dureza o uso consciente do Galego, converténdoo nunha lingua clandestina de uso familiar e coloquial, pois o seu uso público podía supor a perda do posto de traballo ou mesmo da liberdade.

Arredor de 1950, coincidindo con certa apertura do réxime imposta polas circunstancias da política internacional, comezan a aparecer algúns síntomas de recuperación para a lingua e a literatura galegas: aparece a colección Xistral, e fúndanse as editoriais Bibliófilos Gallegos e Monterrey. En 1951 un grupo de galeguistas que optaran pola resistencia cultural (Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Illa Couto, Ferro Couselo,etc.) funda a editorial Galaxia, principal vehículo para a recuperación da lingua e da cultura galegas, favorecendo a aparición de novos e importantes autores en Galego: Aquilino Iglesias Alvariño, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor, Carballo Calero, Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, etc..

En 1963 a Real Academia Galega institúe a celebración do Día das Letras Galegas, dedicado cada 17 de Maio a unha figura literaria, comezando por Rosalía de Castro no ano en que se conmemoraba o centenario da publicación de Cantares Gallegos.

En 1965 o Galego, xunto coa literatura galega, pasan a ser materias de estudio na carreira de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén vai xurdir en 1971 o Instituto da Lingua Galega. Todo isto supón o recoñecemento irreversible do feito diferencial de Galicia como comunidade autónoma.

ACTUALIDADE

A chegada da democracia, e máis aínda o Estatuto de Autonomía de Galicia, cambiou o marco xurídico-legal, creando as bases para a plena integración da lingua galega en tódalas esferas sociais. Mais aínda, a pesar de ter leis, decretos e disposicións que regulan o uso da lingua nos diferentes ámbitos, estes en moitos casos non se cumpren. A experiencia dos anos transcorridos está poñendo de manifesto a inoperancia de boa parte destas medidas, pois á insuficiencia ou inadecuación das mesmas únese a falta de vontade para esixir o seu cumprimento: centros de ensino que non cumpren coas materias que se deben impartir en Galego, toponimia que non se respecta, etc..

Na actualidade os límites xeográficos do Galego están conformados pola Comunidade Autónoma de Galicia e as áreas máis occidentales de Asturias, León e Zamora. Lingüísticamente limita polo Leste coas falas leonesas e asturianas e polo sur coas miñotas e transmontanas de Portugal.

A comezos do século XX máis do 90 % da poboación galega era monolingüe en Galego, a pesar do desprestixio social. Actualmente, o número de falantes habituais en Galego é dun 83 % e a recuperación social do Galego vai en aumento.

O Galego, pese a ser unha lingua minoritaria do Estado plurilingüe español e de Europa, goza dunha situación bastante boa porque está arraigado no pobo. O Mapa Sociolingüístico de Galicia, elaborado pola Real Academia Galega, ofrece datos optimistas:

- O 72 % da poboación ten unha actitude favorable fronte ó Galego.

- O 68,7 % pensa que o Galego é igual ou máis útil que o Castelán.

- O 66 % pensa que o Galego debería ser a lingua da escola.

A Administración Autonómica converteu ó Galego na lingua vehicular da comunicación institucional, para o que foi preciso afronta-la formación lingüística dos funcionarios mediante cursiños de iniciación e de perfecionamento para asegurar un correcto servicio ós cidadáns. A Dirección Xeral de Política Lingüística, dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dinamiza o uso do Galego na vida pública, promovendo o uso da lingua entre a sociedade con campañas divulgativas como:

Fálalle Galego (1984), para loitar contra os prexuizos dos pais a educar ós seus fillos en Galego.

O Galego é útil (1987), utilizando personaxes famosos a través da televisión para prestixiar a lingua.

Mellor en Galego (1989), para normalizar lingüísticamente o comercio mediante a distribución de láminas con vocabulario básico e a publicación de traballos terminolóxicos específicos.

ás que seguiron na décado dos noventa: Nadal en Galego, Verán en Galego, En Galego damos xogo, En Galego cos cinco sentidos, Seguriño, Galego en familia, etc...

Créase a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), que firmou un convenio co Instituto da Lingua Galega para que éste colabore na fixación da lenguaxe xurídica e administrativa. Na Administración de Xusticia publícanse en 1989 as primeiras versións galegas do Código Civil e do Código Penal.

No que atinxe ó Ensino a Lei de Normalización Lingüística, de 1983, establece a obligatoriedade do ensino da lingua e a literatura galegas en tódolos niveles educativos non universitarios, o que garante o dereito dos nenos e nenas galegos a recibir as primeiras ensinanzas na súa lingua materna. As tres universidades galegas están comprometidas na normalización lingüística, e utilizan o Galego coma lingua oficial.

A nivel internacional o Galego está presente no programa educativo Sócrates da Unión Europea, mediante o cal facilítaselle o estudo do Galego a estudiantes estranxeiros. Para prestixiar o Galego na comunidade española e internacional, e para interesar ós ámbitos universitarios na lengua e cultura galegas, creáronse lectorados e cátedras de Galego, que o potencien e difundan, en centros universitarios dos catro continentes: Deusto, Madrid, Salamanca, Barcelona, Alicante, Trier, Berlín, Oxford, Birminghan, Perugia, Roma, Heidelberg, Helsinki, París, Rennes, San Petersburgo, Lisboa, Braga, La Habana, Buenos Aires, Belgrano, Montevideo, Bahía, Universidad Fluminense de Niteroi, Fortaleza, Nueva York, La Trobe (Australia) e Santa Bárbara (California).

Hoxe en día estase a facer un grande esforzo para que o Galego esté presente en tódolos medios de comunicación de masas, podendo disfrutar xa de canales de televisión e radio con programación totalmente en Galego, periódicos e revistas escritos íntegramente en Galego, etc.

A produción musical en Galego está a ter unha inusitada proxeción internacional, e estase a comezar a produción de largometraxes. Na literatura editanse máis de 1000 títulos anualmente, alcanzando algúns a categoría de Best-Sellers como pode ser o caso de Suso de Toro. Largometraxes estranxeiros de moda traducidos, series televisivas alleas e autóctonas, publicidade, Internet, etc..

Todo isto fai pensar nun futuro esperanzador no intento de conservar unha das señas de identidade máis importantes do pobo GALEGO.



El Rincón del Vago, en Salamanca desde 1998 - Condiciones de Uso - Contacto