Estatutos de la Universidad de Santiago de Compostela y Estatuto de Galicia

Universidades públicas. Derechos y deberes de los gallegos. Comunidad Autónoma

  • Enviado por: Tucho
  • Idioma: gallego
  • País: España España
  • 41 páginas
publicidad
publicidad

O Estatuto de Galicia

Sumario

Título Preliminar

Título I : Do Poder Galego

Cap. 1: Do Parlamento

Cap. 2: Da Xunta e do seu Presidente

Cap. 3: Da Administración de Xustiza en Galicia

Título II : Das Competencias de Galicia

Cap. 1: Das competencias en xeral

Cap. 2: Do réxime xurídico

Título III : Da Administración Pública Galega

Título IV : Da Economía e Facenda

Título V : Da Reforma

Disposicións Adicionais

Disposicións Transitorias


TÍTULO PRELIMINAR

ARTIGO 1

1. Galicia, nacionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma para acceder ó seu autogoberno, de conformidade coa Constitución Española e co presente Estatuto, que é a súa norma institucional básica.

2. A Comunidade Autónoma, a través de institucións democráticas, asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e dos seus intereses, e a promoción da solidariedade entre todos cantos integran o pobo galego.

3. Os poderes da Comunidade Autónoma de Galicia emanan da Constitución, do presente Estatuto e do Pobo.

ARTIGO 2

1. O territorio de Galicia é o abranguido polas actuais provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

2. A organización territorial terá en conta a distribucion da poboación galega e as súas formas tradicionais de convivencia e asentamiento.

3. Unha lei do Parlamento regulará a organización territorial propia de Galicia de acordo co presente Estatuto.

ARTIGO 3

1. Para efectos do presente Estatuto, gozan da condición política de galegos os cidadáns españois que, de acordo coas leis xerais do Estado, teñan veciñanza administrativa en calquera dos municipios de Galicia.

2. Como galegos, gozan de dereitos políticos definidos neste Estatuto os cidadáns españois residentes no estranxeiro que tivesen a súa última veciñanza administrativa en Galicia, e acrediten esta condición no correspondente Consulado de España. Gozarán tamén destes dereitos os seus descendentes inscritos como españois, se así o solicitan na forma que determine a lei do Estado.

ARTIGO 4

1. Os dereitos, liberdades e deberes fundamentais dos galegos son os establecidos na Constitución.

2. Correspóndelles ós poderes públicos de Galicia promove-las condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remove-los atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilita-la participación do tódolos galegos na vida política, económica, cultural e social.

3. Os poderes públicos da Comunidade Autónoma asumen, como un dos principios rectores da súa política social e económica, o dereito dos galegos a viviren e traballaren na propia terra.

ARTIGO 5

1.A lingua propia de Galicia é o galego.

2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.

3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.

4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

ARTIGO 6

1. A bandeira de Galicia é branca cunha banda diagonal de cor azul que a travesa desde o ángulo superior esquerdo ó inferior dereito.

2. Galicia ten himno e escudo de seu.

ARTIGO 7

1. As comunidades galegas asentadas fóra de Galicia poderán solicitar, como tales, o recoñecemento da súa galeguidade entendida como o dereito a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego. Unha lei do Parlamento regulará, sen prexuízo das competencias do Estado, o alcance e contido daquel recoñecemento ás ditas comunidades que en ningún caso implicará a concesión de dereitos políticos.

2. A Comunidade Autónoma poderá solicitar do Estado Español que, para facilita-lo disposto anteriormente, celebre os oportunos tratados ou convenios cos Estados onde existan tales comunidades.

ARTIGO 8

Unha lei de Galicia, que requirirá para súa aprobación o voto favorable dos dous tercios dos membros do seu Parlamento, fixará a sede das institucións autonómicas.

TÍTULO PRIMEIRO

DO PODER GALEGO

ARTIGO 9

1. Os poderes da Comunidade Autónoma exércense a través do Parlamento, da Xunta e do seu Presidente.

2. As leis de Galicia ordenarán o funcionamento destas institucións de acordo coa Constitución e co presente Estatuto.

CAPÍTULO I

Do Parlamento

ARTIGO 10

1. Son funcións do Parlamento de Galicia as seguintes:

a) Exerce-la potestade lexislativa da Comunidade Autónoma. O Parlamento só poderá delegar esta potestade lexislativa na Xunta, nos termos que establecen os artigos 82, 83 e 84 da Constitución para o suposto da delegación lexislativa das Cortes Xerais ó Goberno, todo iso no marco do presente Estatuto.

b) Controla-la acción executiva da Xunta, aproba-los orzamentos e exerce-las outras competencias que lle sexan atribuídas pola Constitución, polo presente Estatuto, polas leis do Estado e polas do Parlamento de Galicia.

c) Designar para cada lexislatura das Cortes Xerais os Senadores representantes da Comunidade Autónoma galega, de acordo co previsto no artigo 69, apartado 5.º da Constitución. Tal designación será feita de forma proporcional á representación das distintas forzas políticas existentes no Parlamento de Galicia.

d) Elixir de entre os seus membros o Presidente da Xunta de Galicia.

e) Esixir, se é o caso, responsabilidade política á Xunta e ó seu Presidente.

f) Solicitar do Goberno a adopción de Proxectos de Lei e presentar perante a Mesa do Congreso dos Deputados Proposicións de Lei.

g) Interpor recursos de inconstitucionalidade e presentarse perante o Tribunal Constitucional nos supostos e termos previstos na Constitución e na Lei Orgánica do Tribunal Constitucional.

2. O Parlamento de Galicia é inviolable.

ARTIGO 11

1. O Parlamento estará constituído por Deputados elixidos por sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto.

2. O Parlamento será elixido por un prazo de catro anos, de acordo cun sistema de representación proporcional que asegure, ademais, a representación das diversas zonas do territorio galego.

3. Os membros do Parlamento de Galicia serán inviolables polos votos e opinións que emitan no exercicio de seu cargo, Durante o seu mandato non poderán ser detidos nin retidos polos actos delictuosos cometidos no territorio de Galicia a non ser en situación de flagrante delicto, correspondendo decidir, en todo caso, sobre a súa inculpación, prisión, procesamento e xuízo ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Fóra deste territorio, a responsabilidade penal será esixible nos mesmos termos perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo.

4. A circunscrición electoral, será, en todo caso, a provincia.

5. Unha lei do Parlamento de Galicia determinará os prazos e regulará o procedemento para a elección dos seus membros, fixando o número deles entre sesenta e oitenta, así como as causas de inelixibilidade e incompatibilidade que afecten ós postos ou cargos que se desempeñen dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

6. O Parlamento, mediante lei, poderá establecer un sistema para que os intereses do conxunto dos galegos residentes no estranxeiro se encontren presentes nas decisións da Comunidade Autónoma.

7. Os Deputados non estarán suxeitos a mandato imperativo.

ARTIGO 12

1. O Parlamento elixirá de entre os seus membros un Presidente, a Mesa e unha Deputación Permanente. O Regulamento, que deberá ser aprobado por maioría absoluta, disporá a súa composición, o seu réxime e o seu funcionamento.

2. O Parlamento de Galicia fixará o seu propio orzamento.

3. O Parlamento funcionará en Pleno e en Comisións e reunirase en Sesións ordinarias e extraordinarias.

4. O Regulamento precisará o número mínimo de Deputados para a formación de Grupos Parlamentarios, a intervención destes no proceso lexislativo e as funcións da Xunta de Portavoces daqueles. Os Grupos Parlamentarios participarán en tódalas Comisións en proporción ó número dos seus membros.

ARTIGO 13

1. A iniciativa lexislativa correspóndelles ós Deputados, ó Parlamento e á Xunta. A iniciativa popular para a presentación de Proposicións de Lei que teñan de ser tramitadas polo Parlamento de Galicia, será regulada por este mediante lei, de acordo co que estableza a lei orgánica prevista no artigo 87.3 da Constitución.

2. As leis de Galicia serán promulgadas en nome de El-Rei polo Presidente da Xunta, e publicadas no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado. Para efectos da súa entrada en vigor, rexerá a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O control da constitucionalidade das Leis do Parlamento de Galicia coresponderalle ó Tribunal Constitucional.

ARTIGO 14

Correspóndelle á Comunidade Autónoma a creación e organización, mediante lei do seu Parlamento e con respecto á institución do Defensor do Pobo establecida no artigo 54 da Constitución, dun órgano similar que en coordinación con aquela exerza as funcións a que se refire o mencionado artigo e calquera outra que o Parlamento de Galicia poida encomendarlle.

CAPÍTULO II

Da Xunta e do seu Presidente

ARTIGO 15

1. O Presidente dirixe e coordina a acción da Xunta e ostenta a representación da Comunidade Autónoma e a ordinaria do Estado en Galicia.

2. O Presidente da Xunta será elixido polo Parlamento Galego de entre os seus membros e será nomeado por El-Rei.

3. O Presidente do Parlamento, logo de consultas coas forzas políticas representadas parlamentariamente e oída a Mesa, proporá un candidato a Presidente da Xunta.

O Candidato presentará o seu programa ó Parlamento. Para ser elixido, o candidato deberá obter na primeira votación maioría absoluta; en caso de non a obter, procederase, transcorridas vintecatro horas da anterior, a unha nova votación e, obtendo maioría simple, considerarase outorgada a confianza. De non conseguirse esta maioría, tramitaranse sucesivas propostas na forma prevista anteriormente.

4. O Presidente da Xunta será politicamente responsable perante o Parlamento. Unha Lei de Galicia determinará o alcance de tal responsabilidade, así como o Estatuto persoal e atribucións do Presidente.

ARTIGO 16

1. A Xunta é o órgano colexiado de Goberno de Galicia.

2. A Xunta de Galicia está composta polo Presidente, Vicepresidente ou Vicepresidentes, se é o caso, e mailos Conselleiros.

3. Os Vicepresidentes e Conselleiros serán nomeados e cesados polo Presidente.

4. Unha Lei de Galicia regulará a organización da Xunta e as atribucións e o Estatuto persoal dos seus compoñentes.

ARTIGO 17

1. A Xunta de Galicia responde politicamente perante o Parlamento de forma solidaria, sen prexuízo da responsabilidade directa de cada un dos seus compoñentes, pola súa xestión.

2. A Xunta cesa trala celebración de eleccións ó Parlamento Galego, nos casos de perda de confianza parlamentaria, dimisión e falecemento do seu Presidente.

3. A Xunta cesante continuará en funcións ata a toma de posesión da nova Xunta.

ARTIGO 18

O Presidente e mais membros da Xunta, durante o seu mandato e polos actos delictuosos cometidos no territorio de Galicia, non poderán ser detidos nin retidos a non ser en situación de flagrante delicto, correspondendo decidir, en todo caso, sobre a súa inculpación, prisión, procesamento e xuízo ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Fóra deste territorio a responsabilidade penal será esixible nos mesmos termos perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo.

ARTIGO 19

A Xunta de Galicia poderá interpor recursos de inconstitucionalidade e presentarse ante o Tribunal Constitucional nos supostos e termos previstos na Constitución e na Lei Orgánica do Tribunal Constitucional.

CAPÍTULO III

Da Administración de Xustiza en Galicia

ARTIGO 20

Correspóndelle á Comunidade Autónoma:

1. Exercer tódalas facultades que as leis orgánicas do Poder Xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial recoñezan ou atribúan ó Goberno do Estado.

2. Fixa-la delimitación das demarcacións territoriais dos órganos xurisdiccionais en Galicia, tendo en conta, entre outros criterios, os límites dos tradicionais partidos xudiciais e as características xeográficas e de poboación.

ARTIGO 21

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no que se integrará a actual Audiencia Territorial, é o órgano xurisdiccional en que culminará a organización xudicial no seu ámbito territorial, e perante o cal se esgotarán as sucesivas instancias procesuais, nos termos do artigo 152 da Constitución e de acordo co presente Estatuto.

ARTIGO 22

1. A competencia dos órganos xurisdiccionais en Galicia esténdese:

a) No plano civil, a tódalas instancias e graos, incluídos os recursos de casación e de revisión nas materias de Dereito Civil Galego.

b) No plano penal e social, a tódalas instancias e graos con excepción dos recursos de casación e de revisión.

c) No plano contencioso-administrativo, a tódalas instancias e graos, cando se trate de actos dictados pola Xunta e pola Administración de Galicia, naquelas materias que lle corresponda lexislar en exclusiva á Comunidade Autónoma e ás que, segundo a Lei da citada xurisdicción, lle correspondan en relación cos actos dictados pola Administraci6n do Estado en Galicia.

d) As cuestións de competencia entre órganos xudiciais en Galicia.

e) Os recursos sobre cualificación de documentos referentes ó dereito privativo galego que deban ter acceso ós Rexistros da Propiedade.

2. Nas restantes materias poderase interpor, cando proceda, perante o Tribunal Supremo, o recurso de casación ou o que corresponda segundo as leis do Estado e, se é o caso, o de revisión. O Tribunal Supremo resolverá tamén os conflictos de competencia e xurisdicción perante os Tribunais de Galicia e os do resto de España.

ARTIGO 23

1. O Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia será nomeado por El-Rei por proposta do Consello Xeral do Poder Xudicial.

2. O nomeamento dos Maxistrados, Xuíces e Secretarios do Tribunal Superior de Xustiza, será efectuado na forma prevista nas leis orgánicas do Poder Xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial.

ARTIGO 24

1. Por instancia da Comunidade Autónoma, o órgano competente convocará os concursos e oposicións para cubri-las prazas vacantes en Galicia de Maxistrados, Xuíces, Secretarios Xudiciais e restante persoal ó servicio da Administración de Xustiza, de acordo co que dispoña a Lei Orgánica do Poder Xudicial.

2. Correspóndelle integramente ó Estado, de conformidade coas leis xerais, a organización e o funcionamento do Ministerio Fiscal.

ARTIGO 25

Na resolución dos concursos e oposicións para prove-los postos de Maxistrados, Xuíces, Secretarios Xudiciais, Fiscais e tódolos funcionarios ó servicio da Administración de Xustiza, será mérito preferente, a especialización no dereito galego e o coñecemento do idioma do País.

ARTIGO 26

1. Os Notarios e os Rexistradores da Propiedade e Mercantís serán nomeados pola Comunidade Autónoma, en conformidade coas leis do Estado. Para a provisión de notarías, os candidatos serán admitidos en igualdade de dereitos, tanto se exercen no territorio de Galicia coma no resto de España. Nestes concursos e oposicións será mérito preferente a especialización en dereito galego e o coñecemento do idioma do País. Non se poderá establecer, en ningún dos casos, a excepción de natureza ou de veciñanza.

2. A Comunidade Autónoma participará na fixación das demarcacións correspondentes ós Rexistros da Propiedade e Mercantís para as acomodar ó que se dispoña en aplicación do artigo 20, parágrafo 2 deste Estatuto. Tamén participará na fixación das demarcacións notariais e do número de Notarios de acordo co previsto nas leis do Estado.

TÍTULO SEGUNDO

DAS COMPETENCIAS DE GALICIA

CAPÍTULO I

Das competencias en xeral

ARTIGO 27

No marco do presente Estatuto correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva das seguintes materias:

1. Organización das súas institucións de autogoberno.

2. Organización e réxime xurídico das comarcas e parroquias rurais como entidades locais propias de Galicia, alteracións de termos municipais comprendidos dentro do seu territorio e, en xeral, as funcións que sobre o Réxime Local lle correspondan á Comunidade Autónoma ó amparo do artigo 149.1.18 da Constitución e o seu desenvolvemento.

3. Ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda.

4. Conservación, modificación e desenvolvemento das institucións do Dereito Civil galego.

5. Normas procesuais e procedementos administrativos que se deriven do específico dereito galego ou da organización propia dos poderes públicos galegos.

6. Estatística para os fins da Comunidade Autónoma galega.

7. Obras públicas que non teñan a cualificación legal de interese xeral do Estado, e a súa execución ou explotación non afecte a outra Comunidade Autónoma ou provincia.

8. Vías férreas e estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no territorio da Comunidade Autónoma, e, nos mesmos termos, o transporte efectuado por estes medios ou por medio de cables.

9. Os portos, aeroportos e heliportos non cualificados de intere xeral polo Estado, e os portos de refuxio e portos e aeroportos deportivos.

10. Montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e pastos, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.23 da Constitución.

11. Réxime xurídico dos montes veciñais en man común.

12. Aproveitamentos hidráulicos, canais e regadíos cando as augas discorran integramente dentro do territorio da Comunidade, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.22 da Constitución.

13. Instalacións de producción, distribución e transporte de enerxía eléctrica, cando este transporte non saia do seu territorio e o seu aproveitamento non afecte a outra provincia ou Comunidade Autónoma, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.22 e 25 da Constitución.

14. As augas minerais e termais. As augas subterráneas, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.22 da Constitución e no número 7 do presente artigo.

15. A pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo, a acuicultura, a caza, a pesca fluvial e lacustre.

16. As feiras e mercados interiores.

17. A artesanía.

18. Patrimonio histórico, artístico, arquitectónico, arqueolóxico, de interese de Galicia, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1.28 da Constitución; arquivos, bibliotecas e museos de interese para a Comunidade Autónoma, e que non sexan de titularidade estatal; conservatorios de música e servicios de Belas Artes de interese para a Comunidade.

19. O fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

20. A promoción e o ensino da lingua galega.

21. A promoción e a ordenación do turismo dentro da Comunidade.

22. A promoción deportiva e a axeitada utilización do lecer.

23. Asistencia social.

24. A promoción do desenvolvemento comunitario.

25. A creación dunha Policía Autónoma, de acordo co que dispoña a lei orgánica prevista no artigo 149.1.29 da Constitución.

26. O réxime das fundacións de interese galego.

27. Casinos, xogos e apostas, con exclusión das Apostas Mutuas Deportivo-Benéficas.

28. Os centros de contratación de mercadorías e valores, en conformidade coas normas xerais de dereito mercantil.

29. Confrarías de Pescadores, Cámaras da Propiedade, Agrarias, de Comercio, Industria e Navegación e outras de natureza equivalente, sen prexuízo do que dispón o artigo 149 da Constitución.

30. Normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23.

31. Publicidade, sen prexuízo das normas dictadas polo Estado para sectores e medios específicos.

32. As restantes materias que con este carácter e mediante lei orgánica sexan transferidas polo Estado.

ARTIGO 28

É competencia da Comunidade Autónoma galega o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado nos termos que a mesma estableza, das materias seguintes:

1. Réxime xurídico da Administración Pública de Galicia, e réxime estatutario dos seus funcionarios.

2. Expropiación forzosa, contratos e concesións administrativas no ámbito das competencias propias da Comunidade Autónoma.

3. Réxime mineiro e enerxético.

4. Reserva ó sector público de recursos ou servicios esenciais, especialmente no caso de monopolio e intervención de empresas cando veña esixido polo interese xeral.

5. Ordenación do sector pesqueiro.

6. Portos pesqueiros.

7. Entidades cooperativas.

8. Establecementos farmacéuticos.

ARTIGO 29

Correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado nas seguintes materias:

1. Laboral, asumindo as facultades, competencias e servicios que neste ámbito, e no nivel de execución, ostenta actualmente o Estado con respecto ás relacións laborais, sen prexuízo da alta inspección deste.

Quedan reservadas ó Estado tódalas competencias en materia de migracións interiores e exteriores, fondos de ámbito nacional e de emprego, sen prexuízo do que establezan as normas do Estado sobre estas materias.

2. Propiedade industrial e intelectual.

3. Salvamento marítimo.

4. Vertidos industriais e contaminantes nas augas territoriais do Estado correspondentes ó litoral galego.

5. As restantes materias que se atribúen no presente Estatuto expresamente como de competencia de execución, e as que con este carácter e mediante Lei Orgánica sexan transferidas polo Estado.

ARTIGO 30

I. De acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1, 11 e 13, da Constitución, a competencia exclusiva das seguintes materias :

1. Fomento e planificación da actividade económica en Galicia.

2. Industria, sen prexuízo do que determinen as normas do Estado por razóns de seguridade, sanitarias ou de interese militar e as normas relacionadas coas industrias que estean suxeitas á lexislación de minas, hidrocarburos e enerxía nuclear. Queda reservada á competencia exclusiva do Estado a autorización para transferencia de tecnoloxía estranxeira.

3. Agricultura e gandería.

4. Comercio interior, defensa do consumidor e do usuario, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia. Denominacións de orixe en colaboración co Estado.

5. Institucións de crédito corporativo, público e territorial e Caixas de Aforros.

6. Sector público económico de Galicia en canto non se encontre contemplado por outras normas deste Estatuto.

7. O desenvolvemento e execución en Galicia de:

a) Os plans establecidos polo Estado para a reestructuración de sectores económicos.

b) Programas xenéricos para Galicia, estimuladores da ampliación de actividades productivas e implantación de novas empresas.

c) Programas de actuación referidos a comarcas deprimidas ou en crise.

II. A Comunidade Autónoma galega participará, tamén, na xestión do sector público económico estatal, nos casos e actividades que procedan.

ARTIGO 31

É da competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o apartado primeiro do artigo 81 da mesma, o desenvolvan, das facultades que lle atribúe ó Estado o número 30 do apartado 1 do artigo 149 da Constitución e da alta inspección precisa para o seu cumprimento e garantía.

ARTIGO 32

Correspóndelle á Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Con tal finalidade, e mediante lei do Parlamento, constituirase un Fondo Cultural Galego e o Consello da Cultura Galega.

ARTIGO 33

1. Correspóndelle á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

2. En materia de Seguridade Social corresponderalle á Cómunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do estado, non sendo as normas que configuran o réxime económico da mesma. Correspóndelle tamén á Comunidade Autónoma a xestión do réxime económico da Seguridade Social en Galicia, sen prexuízo da Caixa Única.

3. Corresponderalle tamén á Comunidade Autónoma a execución da lexislación do Estado sobre productos facmacéuticos.

4. A Comunidade Autónoma poderá organizar e administrar para tales fins e dentro de seu territorio tódolos servicios relacionados coas materias antes expresadas, e exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de Sanidade e Seguridade Social. A alta inspección conducente ó cumprimento das funcións e competencias contidas neste artigo quédalle reservada ó Estado.

ARTIGO 34

1. No marco das normas básicas do Estado, correspóndelle á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución do réxime de Radiodifusión e Televisión nos termos e casos establecidos na lei que regule o Estatuto Xurídico da Radio e da Televisión.

2. Correspóndelle igualmente, no marco das normas básicas do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución do réxime de prensa e, en xeral, de tódolos medios de comunicación social.

3. Nos termos establecidos nos apartados anteriores deste artigo, a Comunidade Autónoma poderá regular, crear e mante-la súa propia televisión, radio e prensa, e, en xeral, tódolos medios de comunicación social para o cumprimento dos seus fins.

ARTIGO 35

1. A Comunidade Autónoma poderá celebrar convenios con outras Comunidades Autónomas para a xestión e prestación de servicios propios da exclusiva competencia das mesmas. A celebración dos citados convenios, antes da súa entrada en vigor, deberá ser comunicada ás Cortes Xerais. Se as Cortes Xerais, ou algunha das Cámaras, manifestasen reparos no prazo de trinta días, a partir da recepción da comunicación, o convenio deberá segui-lo trámite previsto no parágrafo seguinte. Se transcorre ese prazo sen que se manifesten reparos ó convenio, este entrará en vigor.

2. A Comunidade Autónoma poderá establecer tamén acordos de cooperación con outras Comunidades Autónomas, logo de autorización das Cortes Xerais.

3. A Comunidade Autónoma galega poderá solicitar do Goberno que celebre e presente, se é o caso, ás Cortes Xerais para a súa autorización, os tratados ou convenios que permitan o establecemento de relacións culturais cos Estados cos que manteña particulares vínculos culturais ou lingüísticos.

ARTIGO 36

1. A Comunidade Autónoma galega poderá solicitar do Estado a transferencia ou delegación de competencias non asumidas neste Estatuto.

2. Correspóndelle ó Parlamento de Galicia a competencia para formula-las anteriores solicitudes, e para determina-lo organismo da Comunidade Autónoma galega, a favor do cal se deberá atribuír en cada caso a competencia transferida ou delegada.

CAPÍTULO II

Do Réxime Xurídico

ARTIGO 37

l. As competencias da Comunidde Autónoma de Galicia enténdense referidas ó seu territorio.

2. Nas materias da súa competencia exclusiva correspóndelle ó Parlamento a potestade lexislativa nos termos previstos no Estatuto e nas leis do Estado ás que o mesmo se refire, correspondéndolle á Xunta a potestade regulamentaria e a función executiva.

3. As competencias de execución na Comunidade Autónoma levan implícitas a correspondente potestade regulamentaria, a administración e a inspección. Nos supostos previstos nos artigos 28 e 29 deste Estatuto, ou noutros preceptos do mesmo, con análago carácter, o exercicio desas potestades pola Comunidade Autónoma realizarase en conformidade coas normas regulamentarias de carácter xeral que, como desenvolvemento da súa lexislación, dicte o Estado.

ARTIGO 38

1. En materias de competencia exclusiva da Comunidade Autónoma, o dereito propio de Galicia é aplicable no seu territorio con preferencia a calquera outro, nos termos previstos no presente Estatuto.

2. A falta de dereito propio de Galicia, será de aplicación supletoria o dereito do Estado.

3. Na determinación das fontes do dereito civil o Estado respectará as normas do Dereito Civil galego.

TÍTULO TERCEIRO

DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA GALEGA

ARTIGO 39

Correspóndelle á Comunidade Autónoma a creación e estructuración da súa propia Administración pública, dentro dos principios xerais e normas básicas do Estado.

ARTIGO 40

Nos termos previstos no artigo 27.1.2 deste Estatuto, por Lei de Galicia poderase:

1. Recoñece-la comarca como entidade local con presonalidade xurídica e demarcación de seu. A comarca non suporá, necesariamente, a supresión dos municipios que a integren.

2. Crear, tamén, agrupacións baseadas en feitos urbanísticos e outros de carácter funcional con fins específicos.

3. Recoñecer personalidade xurídica á parroquia rural.

ARTIGO 41

A Comunidade Autónoma exercerá as súas funcións administrativas por órganos e entes dependentes da Xunta de Galicia. Tamén poderá delegar nas provincias, municipios e demais entidades locais recoñecidas neste Estatuto.

TÍTULO CUARTO

DA ECONOMÍA E FACENDA

ARTIGO 42

A Comunidade Autónoma galega contará para o desempeño das súas competencias con facenda e patrimonio propios.

ARTIGO 43

I. O patrimonio da Comunidade Autónoma estará integrado por:

1) O patrimonio da Comunidade no momento de se aproba-lo Estatuto.

2) Os bens afectos a servicios traspasados á Comunidade Autónoma.

3) Os bens adquiridos pola Comunidade Autónoma por calquera título xurídico válido.

Il. O patrimonio da Comunidade Autónoma, a súa administración, a súa defensa e conservación serán regulados por unha lei de Galicia.

ARTIGO 44

A facenda da Comunidade Autónoma constitúese con:

1. Os rendementos dos impostos a establecer pola Comunidade Autónoma.

2. Os rendementos dos impostos cedidos polo Estado a que se refire a disposición adicional primeira e de todos aqueles de cesión aprobada polas Cortes Xerais.

3. Unha porcentaxe de participación no que se recade no total do Estado por impostos directos e indirectos, incluídos os monopolios fiscais.

4. O rendemento das súas propias taxas por aproveitamentos especiais e pola prestación de servicios directos da Comunidade Autónoma, de propia creación ou como consecuencia de traspasos de servicios estatais.

5. As contribucións especiais que estableza a Comunidade Autónoma no exercicio das súas competencias.

6. Os recargos sobre impostos estatais.

7. Se é o caso, os ingresos procedentes do Fondo de Compensación Interterritorial.

8. Outras asignacións con cargo ós Orzamentos Xerais do Estado.

9. A emisión da débeda e o recurso ó crédito.

10. Os rendementos do patrimonio da Comunidade Autónoma.

11. Ingresos de dereito privado; legados e doazóns; subvencións.

12. Multas e sancións no ámbito das súas competencias.

ARTIGO 45

A Comunidade Autónoma galega e os entes locais afectados participarán nos ingresos correspondentes ós tributos que o Estado poida establecer para recupera-los custos sociais producidos por actividades contaminantes ou xeradoras de riscos de especial gravidade para o entorno físico e humano de Galicia, na forma que estableza a lei creadora do gravame.

ARTIGO 46

1. Cando se complete o traspaso de servicios, ou ó cumprirse o sexto ano de vixencia deste Estatuto, en caso de o solicita-la Comunidade Autónoma, a participación anual nos ingresos do Estado citada no número 3 do artigo 44 e definida na disposición transitoria quinta negociarase sobre as bases seguintes:

a) A media dos coeficientes de poboación e esforzo fiscal de Galicia, este último medido polo que se recade no seu territorio do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas; isto é, o cociente entre o que se recade efectivamente e o potencialmente atinguible, tendo en conta o nivel e distribución persoal da renda.

b) A cantidade equivalente á aportación proporcional que lle corresponde a Galicia polos servicios e cargas xerais que o Estado continúe asumindo como propios.

c) A relación inversa entre a renda real media dos residentes na Comunidade Autónoma e a media estatal.

d) Relación entre os índices de déficit en servicios sociais e infraestructuras que afecten ó territorio da Comunidade e ó conxunto do Estado.

e) Relación entre os custos por habitante dos servi- cios sociais e administrativos transferidos para o territorio da Comunidade e para o conxunto do Estado.

f) Outros criterios que se xulguen procedentes.

2. A fixación da nova porcentaxe de participación será obxecto de negociación inicial e será revisable por solicitude do Goberno ou da Comunidade Autónoma cada cinco anos.

ARTIGO 47

l. A Comunidade Autónoma, mediante acordo do Parlamento, poderá emitir débeda pública para financiar gastos de investimento.

2. O volume e característica das emisións estableceranse de acordo coa ordenación xeral da política crediticia e en coordenación co Estado.

3. Os títulos emitidos terán a consideración de fondos públicos para tódolos efectos.

ARTIGO 48

No suposto de que o Estado emita Débeda parcialmente destinada á creación ou mellora de servicios situados en Galicia e transferidos á Comunidade Autónoma galega, esta estará facultada para elaborar e presenta-lo programa de obras e servicios beneficiarios da emisión.

ARTIGO 49

1. Correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a tutela financeira sobre os entes locais, respectando a autonomía que a estes lles recoñecen os artigos 140 e 142 da Constitución e de acordos co artigo 27.2 deste Estatuto.

2. É competencia dos entes locais de Galicia a xestión, cobranza, liquidación e inspección dos tributos propios que lles atribúan as leis, sen prexuízo da delegación que poidan outorgar para estas facultades a favor da Comunidade Autónoma galega. Mediante lei do Estado establecerase o sistema de colaboración dos entes locais, da Comunidade Autónoma galega e do Estado para a xestión, liquidación, cobranza e inspección daqueles tributos que se determinen.

Os ingresos dos entes locais de Galicia, consistentes en participación en ingresos estatais e en subvencións incondicionadas, percibiranse a través da Comunidade Autónoma galega, que os distribuirá de acordo cos criterios legais que se establezan para as referidas participacións.

ARTIGO 50

A Comunidade Autónoma galega gozará do tratamento fiscal que a lei estableza para o Estado.

ARTIGO 51

Regularanse necesariamente mediante lei do Parlamento galego as seguintes materias:

a) O establecemento, a modificación e supresión dos seus propios impostos, taxas e contribucións especiais, e das exencións ou bonificacións que lles afecten.

b) O establecemento e a modificación e supresión dos recargos sobre os impostos do Estado.

c) A emisión de débeda pública e demais operacións de crédito concertadas pola Comunidade Autónoma galega.

ARTIGO 52

Correspóndelle á Xunta de Galicia:

a) Aproba-los regulamentos xerais dos seus propios tributos.

b) Elabora-las normas regulamentarias precisas para xestiona-los impostos estatais cedidos de acordo cos termos desta cesión.

ARTIGO 53

1. Correspóndelle á Xunta ou Goberno a elaboración e aplicación do orzamento da Comunidade Autónoma galega, e ó Parlamento o seu exame, emenda, aprobación e control. O orzamento será único e incluirá a totalidade dos gastos e ingresos da Comunidade Autónoma galega e dos organismos, institucións e empresas dela dependentes.

2. Sen prexuízo do disposto no artigo 136 e no apar- tado d) do artigo 153 da Constitución, créase o Consello de Contas de Galicia. Unha lei de Galicia regulará a súa organización e funcionamento e establecerá as garantías, normas e procedementos para asegura-la rendición das contas da Comunidade Autónoma que deberá someterse á aprobación do Parlamento.

ARTIGO 54

l. A xestión, cobranza, liquidación e inspección dos seus propios tributos, corresponderalle á Comunidade Autónoma galega, que disporá de plenas atribucións para execución e organización desas tarefas, sen prexuízo da colaboración que poida ser establecida, en especial cando, coa Administración do Estado, así veña esixida pola natureza do tributo.

2. No caso dos impostos dos que se cedesen os rendementos, a Xunta asumirá por delegación do Estado a xestión, recadación, liquidación e inspección dos mesmos, sen prexuízo da colaboración que poida establecerse entre ámbalas administracións, todo iso de acordo co especificado na lei que fixe o alcance e condicións da cesión.

3. A xestión, recadación, liquidación e inspección dos demais impostos do Estado recadados en Galicia corresponderalle á Administración Tributaria do Estado, sen prexuízo da delegación que a Comunidade Autónoma poida recibir desta e da colaboración que poida establecer, especialmente cando así o esixa a natureza do tributo.

ARTIGO 55

l. A Comunidade Autónoma, de acordo co que establezan as leis do Estado, designará os seus propios representantes nos organismos económicos, as institucións financeiras e as empresas públicas do Estado que teñan competencia dentro do territorio galego e que pola súa natureza non sexan obxecto de traspaso.

2. A Comunidade Autónoma poderá constituír empresas públicas como medio de execución das funcións que sexan da súa competencia, segundo o establecido no presente Estatuto.

3. A Comunidade Autónoma, como poder público. poderá facer uso das facultades previstas no apartado l do artigo 130 da Constitución, e poderá fomentar, mediante unha lexislación axeitada, as sociedades cooperativas nos termos resultantes do número 17 do artigo 28 do presente Estatuto.

Igualmente, de acordo coa lexislación do Estado na materia, poderá facer uso das demais facultades previstas no apartado 2 do artigo 129 da Constitución.

4. A Comunidade Autónoma galega queda facultada para constituír institucións que fomenten a plena ocupación e o desenvolvemento económico e social no marco das súas competencias.

TÍTULO QUINTO

DA REFORMA

ARTIGO 56

1. A reforma do Estatuto farase conforme o seguinte procedemento:

a) A iniciativa da reforma corresponderalle á Xunta, ó Parlamento galego, por proposta dunha quinta parte dos seus membros, ou ás Cortes Xerais.

b) A proposta de reforma requirirá, en todo caso, a aprobación do Parlamento Galego por maioría de dous tercios, a aprobación das Cortes Xerais mediante lei orgánica e, finalmente, o referendo positivo dos electores.

2. Se a proposta de reforma non é aprobada polo Parlamento galego ou polas Cortes Xerais, ou non é confirmada mediante referendo polo corpo electoral, non poderá ser sometida novamente a debate e votación do Parlamento mentres non transcorra un ano.

3. A aprobación da reforma polas Cortes Xerais, mediante lei orgánica, incluirá a autorización do Estado para que a Comunidade Autónoma galega convoque o referendo a que se refire o parágrafo b) do apartado l deste artigo.

ARTIGO 57

A pesar do disposto no artigo anterior, cando a reforma teña por obxecto a simple alteración da organización dos poderes da Comunidade Autónoma e non afecte ás relacións da Comunidade autónoma co Estado, poderase proceder da seguinte maneira:

a) Elaboración do proxecto de reforma polo Parlamento de Galicia.

b) Consulta ás Cortes Xerais.

c) Se no prazo de trinta días, posteriores á recepción da consulta prevista no apartado precedente, as Cortes Xerais non se declarasen afectadas pola reforma, convocarase, debidamente autorizado, un referendo sobre o texto proposto.

d) Requirirase finalmente a aprobaci6n das Cortes Xerais mediante lei orgánica.

e) Se no prazo sinalado na letra c) as Cortes se declarasen afectadas pola reforma esta terá que segui-lo procedemento previsto no artigo anterior, dándose por cumpridos os trámites do apartado a) do número 1 do mencionado artigo.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

PRIMEIRA

1. Cédeselle á Comunidade Aut6noma, nos termos previstos no parágrafo 3 desta disposición, o rendemento dos seguintes tributos:

a) Imposto sobre o patrimonio neto.

b) Imposto sobre transmisións patrimoniais.

c) Imposto sobre sucesións e doazóns.

d) Imposto sobre o luxo que se recade en destino.

A eventual supresión ou modificación dalgún destes impostos implicará a extinción ou modificación da cesión.

2. O contido desta disposición poderase modificar mediante acordo do Goberno coa Comunidade Autónoma, que será tramitado polo Goberno como proxecto de lei. Para estes efectos, a modificaci6n da presente disposición non se considerará modificación do Estatuto.

3. O alcance e condicións da cesión serán establecidos pola Comisión Mixta a que se refire o apartado 1 da disposición transitoria cuarta que, en todo caso, terá que os referir a rendementos en Galicia. O Goberno tramitará o acordo da Comisi6n como proxecto de lei ou, de concorreren razóns de urxencia, como decreto-lei, no prazo de seis meses despois da constitución da Primeira Xunta de Galicia.

SEGUNDA

O exercicio das competencias financeiras recoñecidas por este Estatuto á Comunidade Autónoma de Galicia axeitarase ó que estableza a lei orgánica a que se refire o apartado 3 do artigo 157 da Constitución.

TERCEIRA

1. A Xunta coordenará a actividade das Deputacións Provinciais de Galicia en canto afecte directamente ó interese xeral da Comunidade Autónoma, e para estes efectos uniranse os orzamentos que aqueles elaboren e aproben ó da Xunta de Galicia.

2. A Xunta poderá encomenda-la execución dos seus acordos ás Deputacións Provinciais. Estas exercerán as funcións que a Xunta lles transfira ou delegue.

CUARTA

A celebración de eleccións aterase ás leis que, se é o caso, aproben as Cortes Xerais co fin exclusivo de coordena-lo calendario das diversas consultas electorais.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

PRIMEIRA

O primeiro Parlamento galego será elixido de acordo coas normas seguintes:

1. Logo de acordo co Goberno, a Xunta Pre-autonómica de Galicia convocará as eleccións nun termo máximo de cento vinte días desde a promulgación do presente Estatuto. As eleccións deberán celebrarse nun termo máximo de sesenta días contados desde a data da convocatoria.

2. A circunscrición electoral será a provincia, elixíndose un total de 71 membros, dos que corresponderán á provincia da Coruña 22, á de Lugo 15, á de Ourense 15 e á de Pontevedra 19.

3. Os membros do Parlamento galego serán elixidos por sufraxio universal, igual, directo e secreto, dos maiores de dezaoito anos, segundo un sistema de representación proporcional.

4. As Xuntas Electorais Provinciais terán, dentro dos límites da súa respectiva xurisdicción, a totalidade das competencias que a normativa electoral vixente atribúe á Xunta Central.

Para os recursos que teñan por obxecto a impugnación da validez da elección e proclamación dos membros electos será competente a Sala do Contencioso Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña, mentres non queda integrada no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que tamén entenderá dos recursos ou impugnacións que procedan contra os acordos das Xuntas Electorais provinciais.

Contra as resolucións da citada Sala da Audiencia Territorial non caberá ningún recurso.

5. En todo o non previsto na presente disposición serán de aplicación as normas vixentes para as eleccións lexislativas ó Congreso dos Deputados das Cortes Xerais.

SEGUNDA

1. Na súa primeira reunión o Parlamento galego:

a) Constituirase, presidido por unha Mesa de idade, integrada por un Presidente e dous Secretarios, e procederá a elixi-la Mesa provisional, que estará composta por un Presidente, dous Vicepresidentes, un Secretario e un Vicesecretario.

b) Elixirá as súas autoridades conforme a este Estatuto.

2. Elixidos os órganos da Comunidade Autónoma Galega, disolveranse as Institucións Pre-autonómicas.

TERCEIRA

1. Mentres as Cortes Xerais non elaboren as leis ás que se refire este Estatuto e o Parlamento de Galicia lexisle sobre as materias da súa competencia, continuarán en vigor as actuais leis e disposicións do Estado que se refiren a estas materias, sen prexuízo de que o seu desenvolvemento lexislativo, se é o caso, e a súa execución se leve a cabo pola Comunidade Autónoma galega nos supostos así previstos neste Estatuto.

CUARTA

1. Coa finalidade de transferir a Galicia as funcións e atribucións que lle corresponden de acordo co presente Estatuto, crearase, no termo máximo de un mes a partir da constitución da Xunta de Galicia, unha Comisión Mixta paritaria integrada por representantes do Estado e da Comunidade Autónoma galega. Esta Comisión Mixta establecerá as súas normas de funcionamento. Os membros da Comisión Mixta representantes de Galicia darán conta periodicamente da súa xestión perante o Parlamento de Galicia.

A Comisión Mixta establecerá os calendarios e prazos para o traspaso de cada servicio. De calquera maneira, a referida Comisión deberá determinar nun prazo de dous anos desde a data da súa constitución, o termo en que deberá de completarse o traspaso de tódolos servicios que lle corresponden á Comunidade Autónoma galega, de acordo con este Estatuto.

2. Os acordos da Comisión Mixta adoptarán a forma de propostas ó Goberno, que as aprobará mediante decreto, figurando aqueles como anexos ó mesmo e serán publicados simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, adquirindo vixencia a partir desta publicación.

3. Será título abondo para a inscrición no Rexistro da Propiedade do traspaso de bens inmobles do Estado á Comunidade Autónoma a certificación pola Comisión Mixta dos acordos gubernamentais debidamente promulgados. Esta certificación deberá conte-los requisitos esixidos pola Lei Hipotecaria.

O cambio de titularidade nos contratos de arrendamento de locais para oficinas públicas dos servicios que se transfiran non lle dará dereito ó arrendador a extin- guir ou renova-lo contrato.

4. Os funcionarios adscritos a servicios de titularidade estatal ou a outras institucións públicas que resulten afectadas polos traspasos á Comunidade Autónoma pasarán a depender desta, séndolles respectados tódolos dereitos de calquera orde ou natureza que lles correspondan no momento do traspaso, mesmo o de participaren nos recursos de traslado que convoque o Estado en igualdade de condicións cos restantes membros do seu Corpo, podendo exercer desta maneira o seu dereito permanente de opción.

Mentres a Comunidade Autónoma de Galicia non aprobe o réxime estatutario dos seus funcionarios, serán de aplicación as disposicións do Estado vixente sobre a materia.

5. A comisión Mixta, creada polo Real Decreto 474/78, do 16 de marzo, considerarase disolta cando se constitúa a Comisión Mixta a que se refire o apartado 1 da presente disposición transitoria.

QUINTA

l. En canto non se complete o traspaso dos servicios correspondentes ás competencias fixadas á Comunidade Autónoma neste Estatuto, o Estado garantirá o financiamento dos servicios transferidos á Comunidade cunha cantidade igual ó custo efectivo do servicio en Galicia no momento da transferencia.

2. Para garanti-lo financiamento dos servicios antes referidos, a Comisión Mixta prevista na disposición transitoria cuarta adoptará un método encamiñado a fixa-lo tanto por cento de participación previsto no apartado 3 do artigo 45. O método que se siga terá en conta tanto os custos directos coma os custos indirectos dos servicios así como os gastos de investimento que correspondan.

3. Ó fixa-las transferencias para os investimentos terase en conta, na forma progresiva que se acorde, a conveniencia de equipara-los niveis de servicios en todo o territorio do Estado, establecéndose, se é o caso, as transferencias necesarias para o funcionamento dos servicios.

O financiamento a que se refire este apartado terá en conta as aportacións que se realicen a Galicia partindo do Fondo de Compensación a que se refire o artigo 158 da Constitución, así como a acción investidora do Estado en Galicia que non sexa aplicación dese Fondo.

4. A Comisión Mixta a que e refire o apartado 2 fixará o citado tanto por cento, mentres dure o período transitorio, cunha antelación mínima de un mes á presentación dos Orzamentos Xerais do Estado nas Cortes.

5. A partir do método fixado no apartado 2, establecerase un tanto por cento no que se considerará o custo efectivo global dos servicios transferidos polo Estado á Comunidade Autónoma, minorando polo total da cobranza obtida por esta polos tributos cedidos, en relación coa suma dos ingresos obtidos polo Estado nos capítulos I e II do último Orzamento anterior á transferencia dos servicios.

SEXTA

No relativo á televisión, a aplicación do aprtado 3 do artigo 34 do presente Estatuto supón que o Estado outorgará en réxime de concesión á Comunidade Autónoma de Galicia a utilización dunha terceira canle, de titularidade estatal, que debe crearse especificamente para emitir no territorio de Galicia, nos termos que prevexa a citada concesi6n.

Mentres non se poña en funcionamento efectivo esta nova canle de Televisión, Radio-Televisión Española (RTVE) articulará a través da súa organización en Galicia un réxime transitorio de programación específica para o territorio de Galicia, que Televisión Española emitirá pola segunda cadea (UHF).

O custo da programaci6n específica de Televisión a que se refire o parágrafo anterior entenderase como base para a determinación da subvención que poida concederse á Comunidade Autónoma de Galicia durante os primeiros anos de funcionamento da nova canle ó que se refire esta disposición.

SÉTIMA

As transferencias que se realicen en materia de ensino para traspasar á competencia da Comunidade Autónoma os servicios e centros do Estado en Galicia, realizaranse de acordo cos calendarios e programas que defina a, Comisión Mixta.

Xa que logo,

Mando a tódolos españois, particulares e

autoridades, que garden e fagan garda-la

presente lei orgánica.

Palacio Real de Madrid, seis de abril de

mil novecentos oitenta e un.

JUAN CARLOS R.

O Presidente do Goberno

LEOPOLDO CALVO-SOTELO Y BUSTELO

ESTATUTOS DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

(DECRETO 473/1997 DO 28 DE NOVEMBRO)

(D.O.G DO 29 DE DECEMBRO DE 1997)

(B.O.E DO 22 DE XULLO DE 1998)

(Correccións de erros, D.O.G. do

22 de xaneiro de 1998 e D.O.G. do 2 de xuño)


TÍTULO PRELIMINAR

Art. 1. 1.- A Real Universidade de Santiago de Compostela é unha institución pública dotada de plena personalidade xurídica e patrimonio propio, que asume e desenvolve as súas funcións como servicio público mediante o estudio, a docencia e a investigación; actividades para as que goza de autonomía, de acordo con estes Estatutos e no marco da lexislación vixente.

2.- Como administración pública vinculada á da Comunidade Autónoma, a Universidade de Santiago terá as seguintes prerrogativas:

a) Executividade dos actos e resolucións producidos polos seus órganos de goberno, así como a execución forzosa.

b) Inalienabilidade, inembargabilidade e, imprescritibilidade dos seus bens, así como a potestade de deslinde e recuperación de oficio.

c) Exención tributaria, nos termos previstos na normativa vixente, incluídos impostos, taxas, prezos públicos e demais depósitos establecidos polo Estado, Comunidades Autónomas ou Administracións Locais.

d) Exención de todo tipo de consignacións e depósitos.

e) Improcedencia de interdictos sempre que se axuste ó procedemento establecido.

f) Facultade de revisión e anulación de oficio.

g) Instar conflictos de competencias.

h) Equiparación coas prerrogativas procesuais da Administración do Estado e das Comunidades Autónomas nos procesos xudiciais nos que sexa parte, consonte á lexislación vixente.

Art. 2. 1.- A Universidade de Santiago de Compostela organizarase de xeito democrático asegurando a participación dos diferentes sectores da comunidade universitaria no seu goberno, e asumindo os principios de liberdade, igualdade, xustiza e pluralismo como inspiradores da vida universitaria.

2.- Dada a existencia dunha comunidade natural e lingüística alén dos límites da actual Comunidade Autónoma de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela recoñeceralles ós galegos da emigración e ós seus fillos os mesmos dereitos cós galegos residentes, nos termos recollidos no art. 3.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

3.- É deber de tódolos membros da comunidade universitaria, e en particular dos seus órganos de goberno, dar plena efectividade a estes principios e impedir calquera tipo de discriminación.

Art. 3. 1.- A lingua galega é a lingua propia e oficial da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén é oficial a lingua castelá como lingua oficial do Estado.

2.- A Universidade de Santiago de Compostela promoverá, no marco das súas competencias, accións que contribúan á normalización e ó desenvolvemento da lingua galega.

Art. 4. 1.- Son funcións da Universidade de Santiago de Compostela:

a) A creación, desenvolvemento, transmisión e crítica da ciencia e da técnica e calquera outra forma de cultura.

b) A preparación para o exercicio das actividades profesionais que esixan a aplicación de coñecementos e métodos científicos ou para a creación artística.

c) O apoio científico e técnico ó desenvolvemento social, económico e cultural da sociedade galega que a substenta.

2.- Para o mellor desenvolvemento das súas funcións, a Universidade de Santiago de Compostela propiciará o establecemento de relacións con outras Universidades, organizacións e institucións, moi en particular coas de carácter académico, científico e cultural, e atendendo dun xeito preferente ás que realicen o seu labor en países de cultura galego-portuguesa, hispano-americana e europea.

3.- Para o desenvolvemento destas funcións a Universidade posuirá as competencias que lle atribúe a lexislación vixente e que se desenvolven nestes Estatutos, así como calquera outra que resulte necesaria e non sexa atribuída ó Estado nin á Comunidade Autónoma.

Art. 5. 1.- A Universidade de Santiago de Compostela baseará a súa actividade na liberdade académica, que se manifestará nas liberdades de cátedra, de investigación e de estudio.

2.- A liberdade de cátedra maniféstase no exercicio do dereito do seu profesorado a expresar libremente, na súa actividade docente, as súas ideas, opinións e conviccións científicas e artísticas.

3.- A liberdade de investigación maniféstase no exercicio do dereito á libre utilización dos principios metodolóxicos, á elección dos obxectivos axeitados e ó espallamento dos resultados obtidos na actividade investigadora.

4.- A liberdade de estudio abrangue, ademais do dereito a elixir centro e ensinanzas nos termos establecidos polo ordenamento xurídico, o de se servir dos medios da Universidade para unha activa participación no proceso da propia formación, e a libre manifestación das ideas, opinións e conviccións científicas e artísticas.

Art. 6. Os emblemas da Universidade de Santiago de Compostela son os de vixencia tradicional nela.

TÍTULO PRIMEIRO: DA COMUNIDADE UNIVERSITARIA

Capítulo 1: Disposicións xerais

Art. 7. A comunidade da Universidade de Santiago de Compostela está formada por:

a) O seu persoal docente e investigador.

b) O estudiantado.

c) O seu persoal de administración e servicios.

Art. 8. Son dereitos de tódolos membros da comunidade universitaria:

a) A participación nos órganos de goberno e de xestión de acordo co establecido nos presentes Estatutos.

b) A organización, promoción e participación en actividades formativas, culturais, recreativas e deportivas e de extensión universitaria, e a utilización das instalacións e dos servicios universitarios conforme o que establezan as normas da Universidade.

c) A liberdade de asociación, sindicación, reunión, manifestación e folga dentro do ámbito universitario.

d) A organización, promoción e participación en actividades que contribúan a vincula-la Universidade de Santiago de Compostela co seu contorno e a mellora desta Institución.

e) Beneficiarse das distintas axudas ou subvencións que a Universidade estableza.

f) A información regular, mediante a publicidade, sobre tódalas cuestións que afecten á comunidade universitaria.

Art. 9. Son deberes de tódolos membros da comunidade universitaria:

a) O cumprimento das obrigas profesionais, investigadoras, docentes ou discentes inherentes ó sector da comunidade ó que pertenzan.

b) O cumprimento dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e as normas que os desenvolvan.

c) A cooperación cos demais membros da comunidade universitaria na mellora dos servicios e na consecución dos fins da Universidade.

d) O respecto do patrimonio da Universidade e a contribución ó seu digno mantemento.

e) A asunción das responsabilidades propias dos cargos para os que sexan elixidos.

f) O potenciamento da vinculación e do prestixio da Universidade na sociedade.

Art. 10. 1.- O Valedor ou Valedora da Comunidade Universitaria é o comisionado do Claustro Universitario para a defensa e garantía dos dereitos dos membros da comunidade universitaria.

2.- Para o desempeño das súas funcións disporá dos medios persoais e materiais necesarios. Tódolos órganos e membros da comunidade universitaria están obrigados a auxilia-lo Valedor no exercicio das súas funcións.

3.- O Claustro Universitario aprobará un Estatuto do Valedor da Comunidade Universitaria e procederá á súa elección por maioría absoluta en primeira votación e simple en segunda. Crearase unha comisión de asesoramento e axuda ó Valedor cunha composición que se recollerá no Estatuto do Valedor.

Capítulo 2: Do persoal docente e investigador

Art. 11. O persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela comprende o profesorado, os axudantes, o persoal investigador, e os bolseiros de investigación.

Art. 12. 1.- O profesorado da Universidade de Santiago de Compostela estará constituído por:

a) Funcionariado docente dos corpos legalmente establecidos.

b) O profesorado contratado das distintas categorías previstas legalmente ou aquelas que estableza a Universidade de Santiago de Compostela en virtude da súa autonomía, consonte ás disposicións legais vixentes.

Art. 13. 1.- O profesorado gozará de plena capacidade docente. Cando posúa o título de doutoramento terá ademais plena capacidade investigadora.

2.- O profesorado asociado está constituído por especialistas de recoñecida competencia que desenvolven normalmente a súa actividade profesional fóra da Universidade.

3.- O profesorado visitante está constituído por docentes ou persoal investigador de recoñecido prestixio doutras universidades e centros de investigación españois ou estranxeiros que poderán ser contratados para desenvolver actividades docentes e investigadoras por un período máximo dun ano, prorrogable por outro máis.

4.- A regulación das categorías de profesorado que a Universidade poida crear en uso da súa autonomía establecerá os dereitos e deberes, así como as condicións de acceso, permanencia, promoción e rescisión de contratos.

Art. 14. 1.- Son dereitos do profesorado da Universidade:

a) A liberdade académica, que se manifesta nas liberdades de cátedra e de investigación.

b) A formación permanente, coa finalidade de garantir unha constante mellora da súa capacidade docente e investigadora e a disposición dos recursos necesarios para esa formación.

c) A promoción na carreira docente.

2.- Son deberes do profesorado da Universidade de Santiago de Compostela:

a) O cumprimento das obrigas docentes, de titoría e, se é o caso, investigadoras.

b) A formación permanente orientada á realización dunha actividade docente e investigadora de calidade consonte coa súa categoría, tipo de dedicación e medios dispoñibles.

c) A avaliación do seu estudiantado con imparcialidade e de acordo coas normas preestablecidas.

d) O sometemento ó control obxectivo, periódico e rigoroso dos seus labores docentes e investigadores.

Art. 15. A Universidade de Santiago de Compostela establecerá o seu cadro de persoal de profesorado, no que se consignarán, clasificadas polos campus de Compostela e Lugo, as distintas prazas, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias e respectando os seguintes criterios:

a) As esixencias mínimas do persoal que se derivan da ampliación do número de centros e titulacións.

b) As necesidades dos programas de estudio, nos seus distintos ciclos, e de investigación, tendendo a unha proporción profesorado/alumnado por grupo que permita unha docencia e unha investigación de crecente calidade.

c) A conveniente proporcionalidade na fixación do número de prazas de cada categoría que permita a realización dunha carreira docente.

Art. 16. Sen prexuízo da preferencia entre corpos, cando sexa de aplicación para os efectos internos, o criterio de antigüidade do profesorado na Universidade de Santiago de Compostela entenderase referido ó tempo de permanencia como docente nela.

Art. 17. 1.- O profesorado da Universidade de Santiago exercerá as súas funcións en réxime de dedicación a tempo completo ou parcial. A Universidade procurará que o réxime de dedicación a tempo completo sexa o que con carácter xeral teña o seu profesorado, agás no que atinxe ó profesorado asociado.

2.- O réxime de dedicación a tempo completo será condición necesaria para a asignación individual de conceptos retributivos extraordinarios polo Consello Social atendendo a esixencias docentes e investigadoras ou a méritos relevantes.

Art. 18. 1.- Os réximes de dedicación do profesorado están constituídos basicamente por actividades docentes, investigadoras, de titoría ou asistencia ó estudiantado e de xestión e extensión universitaria.

2.- De acordo coas necesidades de cada centro e de cada departamento, e segundo as capacidades de infraestructura e as dispoñibilidades orzamentarias, o tempo de horas lectivas dos réximes de dedicación repartirase entre clases téoricas e prácticas. Tamén poderán icluírse actividades en cursos de especialización e de extensión universitaria.

3.- Na organización das actividades docentes e de titoría deberáselle garantir ó profesorado doutor o tempo necesario para un axeitado desenvolvemento do seu labor investigador. A Universidade deberá asegurar que, polo menos, a metade da xeira do seu profesorado quede reservada a tarefas de investigación.

4.- A Xunta de Goberno, procurando a equiparación nas obrigas docentes, regulará o réxime de reduccións para o profesorado funcionario a tempo completo que se atope realizando a tese de doutoramento ou desenvolva tarefas de investigación.

5.- A Xunta de Goberno regulará o réxime especial de obrigas docentes para o profesorado que ocupe cargos académicos ou asuma, con carácter temporal, tarefas distintas das estrictamente docentes e investigadoras.

Art. 19. O profesorado poderá obter licencias por estudios noutras universidades ou institucións científicas españolas ou estranxeiras nas condicións que determine a Xunta de Goberno.

Art. 20. 1.- O profesorado, cada vez que cumpra un período de seis anos de docencia como funcionarios acollidos ó rexime de dedicación a tempo completo, terán dereito a unha licencia dun ano conservando tódolos seus dereitos económicos e administrativos.

2.- A Xunta de Goberno decidirá sobre a concesión destas licencias, tendo en conta os proxectos de actividades que se vaian realizar. En todo caso, asegurarase de que queden debidamente cubertas as funcións docentes do departamento correspondente, para o cal a Xunta de Goberno habilitará partidas específicas.

Art. 21. 1.- De acordo coa lexislación vixente, o profesorado, calquera que sexa o seu réxime de dedicación, poderá realizar traballos de carácter científico, técnico ou artístico, contratados con entidades públicas ou privadas ou con persoas físicas, e participar en cursos de especialización, podendo percibir unha compensación especial polas devanditas actividades.

2.- Non estarán suxeitos á autorización da Universidade os contratos que realice o profesorado para a publicación dos seus libros, traballos e traduccións científicas ou para a preparación de orixinais destinados á publicación.

Art. 22. 1.- O funcionariado docente da Universidade será seleccionado por medio de concursos, que serán convocados polo rector, e nos que deberán quedar garantidos a publicidade e a igualdade de oportunidades dos candidatos e o respecto ós principios de mérito e capacidade.

2.- Correspóndelle á Xunta de Goberno:

a) Determinar a creación de prazas de funcionariado docente, así como, se procede, manter, minorar ou cambiala-la denominación ou a categoría das prazas vacantes.

b) Decidir se a praza deber ser provista mediante concurso de méritos, logo de informe do Departamento e do Centro correspondente.

c) Designa-lo profesorado que corresponda á Universidade para formar parte da comisión que resolverá o concurso.

Art. 23. 1.-A Xunta de Goberno poderá acordar que as prazas de funcionariado docente sexan cubertas interinamente.

2.- A Universidade de Santiago de Compostela poderá contratar profesorado, a tempo completo ou parcial, dentro das súas capacidades orzamentarias e á vista das necesidades xerais da docencia e da investigación nos seus departamentos e centros.

Art. 24. 1.- A Universidade de Santiago de Compostela poderá, por acordo da Xunta de Goberno e co informe previo do Consello de Universidades, nomear profesores eméritos a aqueles funcionarios docentes xubilados que prestasen servicios destacados á Universidade.

2.- O profesorado emérito, que estará vencellado á Universidade por medio dunha relación contractual de tres anos de duración, prorrogable por outros tres, terá dereito a unha retribución compatible coa súa pensión de xubilación.

3.- O profesorado emérito terá a posibilidade de colaborar na dirección de tarefas de investigación, na docencia do terceiro ciclo e, en xeral, en estudios de especialización científica e profesional, en actividades de extensión universitaria e noutras equiparables.

Art. 25. 1.- A Universidade de Santiago de Compostela poderá contratar lectores como parte do persoal dos departamentos responsables docentes das linguas modernas. A titulación dos lectores deberá ser equivalente ó titulo de licenciado.

2.- Os lectores asimilaranse ó profesorado asociado e, sen prexuízo do disposto no apartado seguinte, contrataranse por un período dun ano prorrogable por outro máis, logo de informe favorable do departamento. As súas obrigas docentes virán fixadas nos respectivos contratos en virtude das necesidades docentes do departamento.

3.- A Universidade poderá determinar que a contratación de lectores se estableza mediante convenios de intercambio con universidades estranxeiras ou por aplicación de convenios existentes con organismos oficiais ou institucións doutros países, polo tempo que acorden as respectivas institucións, de xeito que se favoreza a incorporación de titulados propostos pola Universidade de Santiago de Compostela a outras universidades.

Art. 26. 1.- A Universidade poderá contratar axudantes de facultade, de escola técnica superior ou de escola universitaria. A súa actividade, que estará orientada a completa-la súa formación académica, poderá incluí-la colaboración en tarefas docentes. Esta colaboración poderá abranguer o desenvolvemento de clases prácticas, titorías e, se é o caso, clases teóricas, segundo se dispoña no correspondente regulamento.

2.- Os axudantes poderán realizar estudios noutra Universidade ou institución académica española ou estranxeira coa autorización da Universidade. Conservarán tódolos seus dereitos económicos se o tempo global de estancias fóra da Universidade non supera os vintecatro meses. A Xunta de Goberno regulará as condicións nas que se realizarán estes estudios.

3.- En todo o que lles fora de aplicación, os axudantes rexeranse polas disposicións legais e estatutarias referentes ó profesorado.

Art. 27. 1.- A selección do profesorado contratado e a dos axudantes deberá facerse mediante concurso público de méritos, convocado polo rector, logo de aprobación da Xunta de Goberno, a petición razoada do departamento.

2.- A Xunta de Goberno, respectando os principios de mérito, capacidade e igualdade de condicións dos candidatos, establecerá a normativa reguladora destas contratacións, consonte coa lexislación vixente.

Art. 28. 1.- O persoal investigador estará formado por titulados superiores que, non estando encadrados nas outras categorías de persoal docente e investigador, realizan especificamente tarefas investigadoras de carácter temporal ó abeiro dun contrato asinado coa Universidade ou dun contrato ou convenio asinado pola Universidade con outras institucións públicas ou privadas.

2.- Ámbalas dúas modalidades de relación contractual faranse con cargo a partidas orzamentarias dedicadas á investigación procedentes preferentemente de financiamento externo, de acordo coa normativa que aprobe a Xunta de Goberno

Capítulo 3.: Dos estudiantes.

Art. 29. Son estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela aquelas persoas que están matriculadas en cursos ou materias conducentes á obtención de titulacións oficiais de primeiro, segundo ou terceiro ciclo, entendidas estas últimas de acordo coa definición do artigo 127.

Art. 30. Son dereitos específicos do estudiantado:

a) Recibir unha formación e unha docencia cualificada e actualizada, tanto nos seus contidos coma nos seus métodos pedagóxicos.

b) Ser avaliado obxectivamente no seu rendemento académico.

c) Participar no control da calidade da docencia e na elaboración dos criterios xerais de avaliación desta.

d) Beneficiarse das distintas axudas ou subvencións que a Universidade estableza, para posibilita-la continuidade e finalización de estudios, tendo en conta o rendemento académico e a súa situación económica.

e) Ser protexido polo réxime de aseguramento establecido legalmente.

f) A propiedade intelectual dos traballos artísticos, científicos ou técnicos que realicen no marco da súa actividade discente.

g) Recibir orientación educativa e profesional a través do persoal dos servicios correspondentes.

Art. 31. Son deberes específicos do estudiantado:

a) Cumpri-las tarefas de estudio e de investigación que lles correspondan na súa condición de universitarios.

b) Asistir regularmente ás actividades lectivas programadas, salvo nos casos de exención que autorice a Xunta de Centro ou Escola consonte ó disposto no artigo 113.3.

Art. 32. O Claustro Universitario elaborará e aprobará o Estatuto do Estudiantado para o desenvolvemento polo miúdo dos seus dereitos e deberes e para a regulación das súas condicións de estudio na Universidade no prazo dun ano contado desde a aprobación destes Estatutos, logo de informe, se é o caso, do Consello Universitario de Galicia.

Capítulo 4.: Do persoal de administración e servicios

Art. 33. 1.- O persoal de administración e servicios constitúe o sector da comunidade universitaria ó que lle corresponden as funcións de xestión, apoio, asistencia, asesoramento, e realización de servicios á comunidade universitaria para posibilita-la consecución dos seus fins.

2.- O persoal de administración e servicios estará constituído polo persoal laboral e polos funcionarios das escalas propias e das escalas doutras universidades de Galicia ou de corpos e escalas doutras administracións que presten os seus servicios na Universidade de Santiago de Compostela.

3.- O persoal funcionario rexerase pola lexislación vixente que lle sexa de aplicación, por estes Estatutos e polas normas de xestión do seu cadro de persoal que aproben os órganos competentes da Universidade, logo de negociación coa Xunta de Persoal.

4.- O persoal laboral rexerase por estes Estatutos, pola lexislación laboral vixente e polo convenio colectivo vixente.

Art. 34. 1.- Son dereitos específicos do persoal de administración e servicios, ademais dos previstos para tódolos membros da comunidade universitaria e dos recoñecidos pola lexislación vixente:

a) Negociar coa Universidade, mediante os seus representantes, as condicións de traballo económicas, laborais e profesionais.

b) Dispor dos medios axeitados para contribuír ó bo funcionamento do servicio público universitario e á mellora da súa xestión.

c) A formación e promoción profesional.

2.- Son deberes específicos do persoal de administración e servicios, ademais dos establecidos para tódolos membros da comunidade universitaria ou previstos na lexislación vixente:

a) O cumprimento das obrigas do seu posto e a prestación, con eficacia e calidade, dos servicios ós membros e usuarios da Universidade.

b) A permanente actualización no posto que desempeñen, para o que contarán co apoio formativo da Universidade a través de cursos e demais procedementos destinados para tal fin.

c) Someterse ó control obxectivo, periódico e rigoroso do seu labor, tanto individualmente como na globalidade do servicio no que se encadran.

Art. 35. 1.- O persoal de administración e servicios dependerá organicamente da Xerencia da Universidade. Funcionalmente dependerá da dirección do servicio, centro ou departamento ó que estea adscrito.

2.- A Xunta de Goberno aprobará un manual de funcións do persoal de administración e servicios no que se determinará, entre outras cousas, a dependencia orgánica e funcional dos postos de traballo. Este manual actualizaráse de acordo coas modificacións da relación de postos.

3.- Sen prexuízo das funcións que lle correspondan ó Consello Social, determinaranse regulamentariamente e de acordo coa normativa vixente que corresponda en cada caso os sistemas que permitan un control efectivo do rendemento do persoal de administración e servicios.

Art. 36. 1.- As escalas propias do persoal funcionario de administración e servicios serán as que, dentro das directrices xerais da política de persoal establecidas polo Claustro no marco da programación plurianual, determine en cada momento a Xunta de Goberno, logo de negociación cos órganos de representación do funcionariado.

2.- A clasificación en grupos e categorías do persoal laboral será a que se estableza no convenio colectivo de aplicación.

Art. 37. 1.- Trala proposta da Xerencia, que terá en conta as necesidades docentes e investigadoras e oídos os órganos de representación do persoal de administración e servicios, a Xunta de Goberno establecerá a relación de postos de traballo correspondente ó persoal funcionario e laboral, que a enviará ó Consello Social para a súa aprobación. Esta relación de postos de traballo terá unha vixencia de dous anos, podendo ser revisada anualmente se as circunstancias o aconsellan.

2.- Nas relacións de postos de traballo ós que se refire o parágrafo anterior debe indicarse como mínimo:

a) A denominación, as características esenciais das prazas, e a quenda.

b) O centro ou a unidade ó que pertence e, de se-lo caso, a condición de vacante.

c) Os requisitos establecidos para o seu desempeño.

d) O nivel de complemento de destino e, se é o caso, as retribucións complementarias.

e) O grupo ou a categoría profesional, as retribucións complementarias e a quenda, cando se trate de postos desempeñados por persoal laboral.

Art. 38. 1.- A selección do persoal de administración e servicios realizarase segundo os principios de publicidade, igualdade, capacidade e mérito.

2.- A selección do persoal funcionario de administración e servicios, que se levará a cabo a través dos sistemas de concurso, oposición ou concurso-oposición, rexerase pola normativa que aprobe a Xunta de Goberno.

3.- O sistema de selección e promoción do persoal laboral de administración e servicios será aprobado pola Xunta de Goberno de acordo, se é o caso, co establecido no convenio colectivo de aplicación que deberá axustarse ás modalidades de concurso, concurso-oposición ou oposición. As probas serán xulgadas por un tribunal presidido polo rector ou persoa na que delegue e composto por igual número de representantes da Universidade, nomeados polo rector, e do Comité de Empresa. Designará un secretario, que actuará con voz pero sen voto.

4.- As convocatorias, que se farán públicas polas canles axeitadas, referiranse ós requisitos que deberán reuni-los aspirantes, ó procedemento de selección e cualificación, ós exercicios concretos, ó programa de materias esixible, á composición dos tribunais e comisións encargadas de xulga-las probas, ó procedemento de abstención e recusación dos seus membros, ós recursos contra as actuacións e resolucións dos tribunais e comisións e ó procedemento de nomeamento dos que superen as probas.

5.- A selección do persoal que deba ocupar postos de xefatura ou nivel superior ó basico do corpo ou escala, realizarase mediante un concurso de méritos entre o persoal funcionario da Universidade ou, de se-lo caso, mediante libre designación con convocatoria pública.

Art. 39. 1.- Anualmente a Universidade de Santiago de Compostela e logo de negociación coa Xunta de Persoal convocará entre funcionarios do persoal de administración e servicios que reúnan os requisitos esixidos a porcentaxe de vacantes existentes que acorde a Xunta de Goberno para promoción interna do seu persoal.

2.- A promoción do persoal laboral realizarase consonte o que se dispoña no convenio colectivo de aplicación.

TÍTULO SEGUNDO: DA ESTRUCTURA ORGÁNICA DA UNIVERSIDADE

Capítulo 1: Disposicións xerais

Art. 40. 1.- A Universidade de Santiago de Compostela, constituída polos campus de Santiago e Lugo, estructúrase basicamente en departamentos, facultades, escolas técnicas superiores, escolas universitarias e institutos universitarios, así como por aqueloutros centros que legalmente poidan ser creados.

2.- Pertencen tamén á estructura orgánica da Universidade as escolas de especialización profesional e demais centros de docencia ou investigación que figuran nestes Estatutos.

Capítulo 2: Dos departamentos

Art. 41. 1.- Os departamentos son os órganos básicos encargados da programación e do desenvolvemento do ensino e da investigación na Universidade.

2.- Os departamentos constituiranse por áreas de coñecemento científico, técnico ou artístico. Neles agrúpanse docentes e investigadores correspondentes a esas áreas. Para a súa constitución aplicarase o disposto na lexislación vixente.

3.- Os departamentos serán únicos por cada área ou áreas de coñecemento para toda a Universidade de Santiago de Compostela, agás que razóns de especialización científica, técnica ou artística derivadas da duplicidade dos campus de Lugo e Santiago de Compostela aconsellen o contrario.

4.- A Universidade de Santiago de Compostela poderá crear áreas de coñecemento propias para os efectos de constituír departamentos. A Xunta de Goberno determinará regulamentariamente os criterios e requisitos para a súa creación.

5.- De acordo coa normativa vixente, a Universidade, por acordo da Xunta de Goberno, poderá crear seccións departamentais que conten cun mínimo de 5 profesores con dedicación a tempo completo. O réxime e funcionamento das seccións departamentais, serán regulados pola Xunta de Goberno. Éstas seccións serán dirixidas por un catedrático ou profesor titular das mesmas.

Art. 42. Son funcións dos departamentos:

a) A programación e seguimento das ensinanzas propias da área ou áreas de coñecemento da súa competencia, de acordo coa organización xeral dos centros nos que estas se impartan.

b) A organización dos estudios de doutoramento.

c) O desenvolvemento de cursos de especialización e actualización científicas e a contratación de traballos de carácter científico, técnico ou artístico.

d) A articulación e a coordinación da actividade investigadora realizada polos seus membros, individualmente ou formando parte de grupos de investigación.

e) O rexistro actualizado da producción científica e da actividade investigadora do departamento.

f) A formación do persoal docente e investigador da Universidade.

g) A iniciativa para a creación, mantemento, minoración ou cambio de denominación de prazas de profesorado, funcionario ou contratado, así como, de se lo caso, a proposta dos membros da Comisión encargada de resolvela.

h) Calquera outra actividade encamiñada ó axeitado desenvolvemento da actividade docente e investigadora.

Art. 43. 1.- A creación, modificación, supresión e a determinación do nome dos departamentos corresponderalle á Xunta de Goberno.

2.- A iniciativa para a creación dun Departamento corresponderalle a profesores que reúnan o número mínimo previsto na lexislación vixente.

3.- A iniciativa para promove-la creación dunha sección departamental corresponderalles ós profesores> que reúnan o número mínimo establecido no artigo 41.5 destes Estatutos.

Capítulo 3: das facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias

Art. 44. 1.- As facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias son os órganos encargados da xestión e organización dos estudios conducentes á obtención de títulos académicos de primeiro e segundo ciclo. Tamén poderán impartir ensinanzas conducentes á obtención doutros diplomas e títulos.

2.- As titulacións universitarias de grao superior ou segundo ciclo corresponderanlles sempre ás facultades e escolas técnicas superiores.

Art. 45. Son funcións das facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias:

a) A elaboración dos programas de estudios das titulacións impartidas polo centro e a participación na elaboración daqueloutras compartidas por varios centros.

b) A organización e a xestión dos servicios docentes que lles correspondan.

c) A coordinación e a supervisión da actividade docente no centro de departamentos e profesorado.

d) A elaboración dun calendario de actividades lectivas para cada curso que se deberá facer público con anterioridade á apertura da matrícula.

e) A realización das actividades de administración académica que lles encomende a Xunta de Goberno.

f) A administración dos servicios, equipamentos e recursos do centro.

g) O coñecemento da actividade investigadora que se desenvolva no centro.

h) A realización de actividades de formación permanente ou de extensión universitaria no seu ámbito de competencia.

i) A organización e a promoción de estudios de posgrao.

Art. 46. 1.- Correspóndelle á Xunta de Galicia a creación e supresión de facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias, por proposta do Consello Social, co informe previo do Consello de Universidades e do Consello Universitario de Galicia.

2.- A proposta do Consello Social deberá contar co informe previo da Xunta de Goberno. Esta proposta aterase á programación plurianual aprobada polo Claustro. Tanto éste como a Xunta de Goberno poderán tomar a iniciativa para a creación e supresión de facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias, oídos os departamentos e os centros afectados.

3.- O expediente de creación incluirá unha memoria na que se exporá, polo menos:

a) A conveniencia científica, social e económica da proposta.

b) O proxecto de programa ou programas de estudios das titulacións que se prevexan.

c) A relación de departamentos que terán ó seu cargo a función docente.

d) Os recursos humanos e necesidades materiais.

e) A previsión razoada do número de estudiantes.

f) A incidencia sobre outros centros existentes.

Capítulo 4: Dos institutos universitarios

Art. 47. Os institutos universitarios son centros esencialmente destinados á investigación ou á creación artística. Tamén poden realizar actividades docentes relacionadas con estudios do terceiro ciclo ou de especialización dentro da organización dos programas de estudio da Universidade, ó tempo que poden prestar asesoramento técnico no marco da súa competencia.

Art. 48. 1.- Os institutos universitarios poderán ser: propios da Universidade de Santiago de Compostela; interuniversitarios; adscritos á Universidade ou mixtos.

2.- Os institutos propios da Universidade dependerán da Xunta de Goberno, que aprobará o seu regulamento de réxime interno. Os restantes institutos serán creados a través do oportuno convenio, no que, en todo caso, se garantirá a participación da Universidade no seu goberno, actividade e resultados científicos e económicos, polo menos en proporción ós recursos materiais e investigadores cos que contribúa. O seu regulamento de réxime interno será ratificado pola Xunta de Goberno.

3.- No caso dos institutos universitarios mixtos, creados en colaboración con organismos públicos ou privados, establecerase unha estructura orgánica de múltiple dependencia das entidades colaboradoras.

Art. 49. 1.- No marco das liñas xerais que deberá aproba-lo Claustro Universitario, a Xunta de Goberno establecerá regulamentariamente as normas para a proposta de creación e o funcionamento dos institutos universitarios.

2.- A creación, modificación, supresión ou adscrición de institutos universitarios levarase a cabo segundo o establecido no artigo 46.1 para a creación de facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias.

3.- A iniciativa para a creación ou adscrición de institutos universitarios correspóndelles ós departamentos, ós centros ou a un grupo de investigadores.

4.- Previo á proposta do Consello Social, para a creación de institutos universitarios propios, así como sobre os convenios para a creación de institutos interuniversitarios, mixtos ou adscritos, deberá emitir informe a Xunta de Goberno, no marco da programación plurianual, e oídos os departamentos interesados.

Art. 50. O persoal científico dos institutos estará integrado por profesores, axudantes, bolseiros de investigación e, se é o caso, por persoal investigador. Nos institutos que non sexan propios da Universidade poderá haber tamén persoal científico funcionario ou laboral dependente doutras institucións públicas ou privadas. Tamén poderán pertencer ó persoal científico dun instituto, en calidade de investigadores colaboradores, persoas alleas á comunidade universitaria.

Art. 51. Os institutos universitarios e os membros do seu persoal científico a través destes, poderán contratar con entidades públicas ou privadas ou con persoas físicas a realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico, así coma a organización de cursos de especialización.

Capítulo 5 : Doutros centros de investigación

Art. 52. 1.- A Universidade, no uso da súa autonomía, pode crear centros especializados de finalidade fundamentalmente investigadora e alcance máis limitado cós institutos de investigación.

2.- A creación destes centros corresponderalle á Xunta de Goberno de acordo co regulamento aprobado polo Claustro.

Capítulo 6: Das escolas de especialización profesional

Art. 53. 1.- As escolas de especialización profesional son centros universitarios orientados á formación e ó perfeccionamento profesional dos titulados universitarios ou, de se-lo caso, de estudiantes de cursos avanzados dos estudios universitarios.

2.- Para o cumprimento dos seus fins, as escolas de especialización profesional poderán manter relacións cos colexios profesionais, corporacións e outras entidades públicas ou privadas relacionadas coa respectiva profesión.

3.- Os criterios e condicións para o acceso ós estudios que se poden seguir nas escolas de especialización profesional deben ser determinados pola Xunta de Goberno, oída a escola correspondente.

Art. 54. 1.- A creación, modificación ou supresión de escolas de especialización profesional será aprobada polo Consello Social, por proposta da Xunta de Goberno.

2.- A iniciativa para a creación das escolas de especialización profesional corresponderalles ós centros ou departamentos interesados e ás entidades a que se refire o parágrafo 2 do anterior artigo.

Art. 55. As ensinanzas das escolas de especialización profesional impartiraas profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, logo de informe positivo do consello de departamento ó que pertenzan, así como profesionais con coñecementos relacionados con elas.

Capítulo 7: Dos hospitais universitarios

Do Complexo Hospitalario Clínico Universitario de Santiago de Compostela

Art. 56. 1.- O Complexo Hospitalario Clínico Universitario de Santiago de Compostela ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento, no máximo nivel científico-técnico, do labor asistencial e a realización das funcións docentes e investigadoras propias dos departamentos, centros e escolas profesionais vinculados ás áreas das ciencias da saúde.

2.- O Complexo Hospitalario Clínico-Universitario deberá garanti-la impartición dos plans de estudios e programas docentes de ciclo único e tamén os de primeiro, segundo e terceiro ciclo, conducentes á obtención dos títulos oficiais ou propios da Universidade, relacionados cos ámbitos sanitarios.

3.- Os programas docentes desenvolvidos total ou parcialmente no Complexo Hospitalario Clínico-Universitario complementaranse cos propios da formación especializada, continuada e de posgrao, dirixidos ós profesionais das ciencias da saúde.

Art. 57. As funcións asistenciais do Complexo Hospitalario Clínico-Universitario de Santiago estarán enmarcadas dentro da rede sanitaria pública e regularanse a través dun réxime de concerto acordado polas partes que a lei establece, no que se recoñecerán as peculiaridades propias dos hospitais universitarios. Nese convenio estableceranse, entre outras cuestións, a estructura dos órganos de dirección e o sistema de designación dos directores , que deberán ser nomeados polo rector, así como as relacións dos profesionais das ciencias da saúde coa docencia universitaria.

Do Hospital Clínico Veterinario

Art. 58. O Hospital Clínico Veterinario da Universidade de Santiago de Compostela ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento do labor asistencial co fin de mellora-las súas funcións docentes e investigadoras propias dos departamentos e centros vinculados ás áreas das ciencias da saúde e, ó mesmo tempo, potencia-las actividades productivas no sector primario das que a preservación e recuperación da saúde animal constitúen unha parte destacada.

Art. 59. Para a xestión do Hospital Clínico Veterinario a Universidade de Santiago de Compostela, para acada-los seus obxectivos e fins, asinará o correspondente convenio no que se recoñecerán as peculiaridades propias dos hospitais universitarios. Neste convenio estableceranse, entre outras cuestións, a estructura dos órganos de dirección e o sistema de designación do director veterinario, que deberá ser nomeado polo rector, así como as relacións do persoal facultativo coa docencia universitaria.

Capítulo 8: Dos centros docentes adscritos ou vinculados

Art. 60. l.- Son centros docentes adscritos ou vinculados á Universidade de Santiago de Compostela os que dependen de institucións públicas ou privadas que impartan ensino universitario ou equivalente de nivel superior, coa autorización da Universidade e baixo o seu control.

2.- A adscrición destes centros á Universidade e a súa desvinculación será acordada pola Xunta de Galicia, logo do informe do Consello de Universidades, e deberá contar coa aprobación previa do Consello Social dentro da programación plurianual aprobada polo Claustro Universitario.

3.- As relacións entre os centros adscritos e a Universidade regularanse por medio dun convenio de colaboración aprobado pola Xunta de Goberno e asinado entre o rector e o titular do centro. Neste convenio incluirase a constitución dun patronato que regulará o funcionamento do centro.

4.- Corresponderalle ó rector nomear, polo menos, dous vocais deste patronato e o delegado da Universidade no centro. Tamén é competencia do rector o nomeamento do director do centro, a proposta do padroado.

5.- O control académico directo do centro exercerao o delegado da Universidade, que sancionará os criterios de valoración para o acceso do estudiantado e as súas avalacións, ó tempo que intervirá na selección do profesorado, sen prexuízo dos dereitos do titular do centro.

TÍTULO TERCEIRO: DO GOBERNO DA UNIVERSIDADE

Capítulo 1: Disposicións xerais

Art. 61. 1.- O goberno da Universidade de Santiago de Compostela recaerá en órganos colexiados ou cargos unipersoais.

2.- Os órganos colexiados son: o Consello Social, o Claustro Universitario, a Xunta de Goberno, as xuntas de facultade e de escolas técnicas superiores, de escolas universitarias e de escolas de especialización profesional, os consellos de departamentos, e os consellos de goberno e consellos científicos de institutos universitarios.

3.- Os cargos unipersoais son o rector, os vicerrectores, o secretario xeral, o xerente, os decanos, os vicedecanos e os secretarios de facultades; os directores, os subdirectores e os secretarios de escolas técnicas superiores e de escolas universitarias; os directores e secretarios de escolas de especialización profesional; os directores e secretarios de departamentos e de institutos universitarios, e aqueloutros que figuren nestes Estatutos.

Art. 62. 1.- Para o desempeño de cargos unipersoais deberán cumprirse os seguientes requisitos:

a) O profesorado deberá estar acollido ó réxime de dedicación a tempo completo, agás os directores dos Institutos universitarios mixtos ou adscritos.

b) Os estudiantes deberán estar matriculados na modalidade de matrícula ordinaria.

c) Os membros do persoal de administración e servicios deberán ter como único emprego o que desenvolvan na Universidade de Santiago de Compostela.

2.- En ningún caso se poderá exerce-la titularidade de máis dun dos devanditos cargos, nin a de calquera deles simultaneamente coa de cargos unipersoais de goberno doutra universidade ou do Consello Superior de Investigacións Científicas e dos seus centros respectivos.

3.- O mandato dos cargos unipersoais electivos será de catro anos, e non se poderá ocupa-lo cargo máis de dous mandatos consecutivos. Non se computará como primeiro mandato o período derivado dunha moción de censura, nin o que sexa consecuencia dunha elección posterior á demisión ou imposibilidade do anterior titular.

4.- Os cargos unipersoais electivos cesarán ó remate do seu mandato, por demisión, por disolución do órgano colexiado que os elixiu ou como consecuencia dunha moción de censura constructiva aprobada por maioría absoluta.

5.- Os restantes cargos unipersoais serán nomeados e cesarán segundo o disposto para cada un deles nestes Estatutos.

Art. 63. 1.- Os membros elixidos dos órganos colexiados serano por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto dos seus respectivos colexios electorais.

2.- Para a elección de representantes nos órganos colexiados, ou para a elección de titulares de órganos unipersoais, non se admitirá o voto delegado nin o voto anticipado.

3.- A resolución das reclamacións, impugnacións ou calquera outra cuestión que se suscite nos procesos electorais correspóndelle á Comisión Electoral da Universidade, presidida polo rector ou persoa na que delegue, e integrada ademais por doce membros elixidos polo Claustro Universitario de acordo coa súa composición.

Art. 64. 1.- As decisións dos órganos colexiados da Universidade adoptarán a forma de acordos, e as dos cargos unipersoais a de resolucións.

2.- As resolucións do rector e os acordos do Claustro Universitario, da Xunta de Goberno e do Consello Social esgotan a vía administrativa e son impugnables directamente perante a xurisdicción contencioso-administrativa.

3.- Os acordos dos restantes órganos colexiados serán susceptibles de recurso ordinario ante a Xunta de Goberno. As resolucións dos cargos unipersoais poderán impugnarse ante o rector.

4.- O órgano competente na resolución do recurso poderá suspender, de oficio ou por instancia do recorrente, a execución do acto recorrido, de concorrer algunha das circunstancias previstas no art. 111 da lei 30/1992.

Capítulo 2: Dos órganos xerais da Universidade

Art. 65. 1.- O Consello Social é o órgano de participación da sociedade na Universidade de Santiago de Compostela.

2.- O Consello Social está composto:

a) Nas dúas quintas partes por unha representación da Xunta de Goberno elixida por esta entre os seus membros. Formarán parte dela, ademais do rector, o secretario xeral, o xerente e os representantes de cada sector da comunidade universitaria. En todo caso haberá unha representación de ámbolos dous campus.

b) Nas tres quintas partes restantes, por unha representación dos intereses sociais, de acordo co que dispoña a correspondente Lei do Parlamento de Galicia.

3.- Os membros do Consello Social que representen á Universidade deberán reuni-los requisitos establecidos para o desempeño de cargos unipersoais.

Art. 66. 1. Son competencias do Consello Social:

a) A aprobación do orzamento e da programación plurianual, por proposta da Xunta de Goberno.

b) A supervisión das actividades de carácter económico da Universidade e do rendemento dos seus servicios.

c) A promoción da colaboración da sociedade no financiamento da Universidade.

d) A proposta á Xunta de Galicia, da creación, supresión ou modificación de facultades, escolas técnicas superiores, escolas universitarias, escolas de especialización profesional, institutos universitarios, así como da adscrición de centros docentes ou investigadores.

e) A aprobación, por proposta da Xunta de Goberno, da relación de postos de traballo do persoal de administración e servicios da Universidade e as súas modificacións.

f) A aprobación das normas que regulan a permanencia do estudiantado na Universidade logo do informe do Consello de Universidades e, de se-lo caso, do Claustro Universitario.

g) Calquera outra competencia que lle atribúan a lexislación vixente ou estes Estatutos.

2.- Sen prexuízo do establecido no apartado anterior, o Consello Social non poderá asumir competencias de organización e fiscalización dos servicios de docencia e investigación, agás a do seu rendemento económico.

Art. 67. 1.- O Claustro Universitario é o máximo órgano representativo da comunidade universitaria.

2.- O Claustro Universitario estará composto por:

a) O rector, que o presidirá e convocará, e o secretario xeral que o será tamén do Claustro.

b) 500 representantes dos diversos sectores da comunidade universitaria, elixidos mediante sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto coa seguinte composición numérica:

- 325 profesores e axudantes, dos cales 25 serán axudantes; 140 estudiantes, dos cales 25 serán do terceiro ciclo.

- 35 membros do Persoal de Administración e Servicios.

3.- Os vicerrectores que non sexan membros do Claustro Universitario poderán asistir ás sesións con voz pero sen voto. Cando a natureza dos asuntos o requira, o rector ou a Mesa do Claustro poderá convocar para informe ó xerente ou a calquera membro da comunidade universitaria.

Art. 68. 1.- O Claustro Universitario será elixido cada catro anos. Os seus membros axudantes e estudiantes renovaranse cada dous anos.

2.- A condición de membro do Claustro perderase co cesamento da vinculación académica ou laboral coa Universidade, por deixar de pertencer ó sector da comunidade universitaria polo que se foi elixido, ou polo incumprimento reiterado dos seus deberes como claustral, nos termos previstos no seu regulamento.

Art. 69. 1.- O Claustro Universitario poderá traballar en pleno ou en comisións.

2.- O pleno do Claustro Universitario deberá reunirse con carácter ordinario polo menos dúas veces ó ano durante o período lectivo, e con carácter extraordinario de acordo co que dispoña o seu regulamento de réxime interno.

Art. 70. Son competencias do Claustro Universitario as seguintes:

a) A elaboración, aprobación e modificación dos Estatutos da Universidade.

b) A elección de rector, a supervisión da súa xestión e, se é o caso, a súa remoción.

c) A discusión e aprobación da proposta de programación plurianual, na que se inclúan as liñas xerais de actuación da Universidade, e as propostas de actualización anual da programación.

d) A discusión e votación do informe anual do rector, no que teñen que incluírse as liñas xerais da memoria económica do exercicio anterior.

e) A aprobación das liñas xerais do orzamento.

f) A elaboración e aprobación do seu regulamento de réxime interno, que deberá ser aprobado por maioría absoluta.

g) A redacción e aprobación das normas xerais de procedemento para a elaboración e aprobación dos programas de estudios.

h) A expresión da opinión da comunidade universitaria.

i) As restantes que lle atribúan estes Estatutos.

Art. 71. 1.- A Xunta de Goberno é o órgano ordinario de goberno da Universidade.

Estará integrada por:

a) O rector, que a presidirá e convocará.

b) O secretario xeral, que o será tamén da Xunta de Goberno; os vicerrectores e o xerente.

c) Tódolos decanos e directores de escolas técnicas superiores e escolas universitarias.

d) 15 representantes dos directores de departamento, garantindo a representación das grandes áreas científicas e do campus de Lugo.

e) 1 representante dos directores de institutos universitarios.

f) 25 representantes do Claustro Universitario, elixidos polo sector correspondente de entre os seus membros, de forma que se garanta a presencia dos campus de Santiago e Lugo, coa seguinte composición:

4 profesores.

2 axudantes.

14 estudiantes, dos que 3 serán do terceiro ciclo.

5 membros do persoal de administración e servicios.

Art. 72. 1.- A Xunta de Goberno poderá traballar en pleno ou en comisións.

2.- A Xunta de Goberno celebrará, polo menos, unha sesión plenaria con carácter ordinario cada trimestre lectivo.

Art. 73. Cando a Xunta de Goberno deba tomar acordos que afecten específicamente a un departamento ou instituto, o rector poderá convocar con voz pero sen voto ós directores destes, de non seren membros desta, de conformidade co artigo 16.3 da Lei de Reforma Universitaria. Tamén poderá convocar con voz pero sen voto a calquera persoa cando o requira a natureza dos asuntos que se van tratar.

Art. 74. Son competencias da Xunta de Goberno:

a) O coñecemento e a proposta ó Consello Social do proxecto de programación plurianual aprobado polo Claustro e as súas actualizacións anuais.

b) A creación, modificación ou supresión de departamentos e a súa adscrición ós centros.

c) A aprobación dos programas de estudio, logo do informe informe da comisión correspondente do Claustro, e o seu sometemento á consideración do Consello Social para que este aprobe o financiamento necesario.

d) A determinación da capacidade dos centros e as normas de acceso.

e) A aprobación e a modificación do cadro de persoal docente.

f) A proposta ó Consello Social da aprobación e modificación dos cadros de persoal de administración e servicios da Universidade.

g) A designación dos membros das comisións de selección de persoal docente funcionario.

h) O acordo de provisión de prazas de persoal da Universidade.

i) O acordo de nomeamento de profesorado emérito.

l) O acordo e a proposta ó Claustro do nomeamento de doutores honoris causa.

m) A aprobación e proposta ó Consello Social do proxecto de orzamento.

n) A aprobación da distribución de créditos entre centros, departamentos, institutos e servicios.

ñ) O coñecemento e a aprobacion da memoria económica.

o) A aprobación dos convenios de colaboración con outras universidades ou entidades públicas ou privadas.

p) A creación, modificación ou supresión dos servicios de apoio á docencia e á investigación e os de promoción e asistencia á comunidade universitaria.

q) A realización de propostas en todos aqueles asuntos nos que o Consello Social deba tomar decisións ou facer proposicións, agás nos casos de atribución expresa a outros órganos de goberno.

r) O nomeamento da Comisión de doutoramento.

s) A aprobación das seguintes normas regulamentarias:

- O seu regulamento de réxime interno.

- O regulamento do terceiro ciclo.

- A normativa de xestión académica.

- A ratificación dos regulamentos de réxime interno dos centros, departamentos, e escolas de especialización profesional.

- O regulamento para a proposta de asignación dos conceptos retributivos extraordinarios previstos na lexislación vixente.

- O regulamento de profesorado.

- As normas de xestión do cadro de persoal de administración e servicios funcionario.

- O regulamento da Biblioteca Universitaria e do Arquivo Universitario.

- Calquera outra norma regulamentaria non atribuída expresamente ó Claustro Universitario nestes Estatutos.

t) Calquera outra competencia atribuída pola lexislación vixente ou polos presentes Estatutos.

Art. 75. O rector ou rectora representa á Universidade, exerce a súa dirección, coordina a xestión académica e administrativa, preside o Claustro Universitario e a Xunta de Goberno, e executa os acordos do Consello Social, do Claustro Universitario e da Xunta de Goberno.

Art. 76. O rector será elixido polo Claustro Universitario de entre os catedráticos de universidade que presten os seus servicios na Universidade de Santiago de Compostela, e será nomeado pola Xunta de Galicia.

Art. 77. No caso de ausencia ou enfermidade do rector, asumirá as súas funcións o vicerrector que el designe. De estar imposibilitado o rector para designar substituto, corresponderá á Xunta de Goberno a elección do vicerrector encargado de exerce-las funcións, sen prexuízo de abrir, de se-lo caso, o procedemento da elección dun novo rector.

Art. 78. Son competencias do rector:

a) A representación da Universidade perante os poderes públicos e toda clase de persoas ou entidades públicas ou privadas.

b) A decisión da interposición de recursos administrativos e o exercicio de accións xudiciais, dándolle conta previa ou posterior á Xunta de Goberno, á vez que a representación xudicial e administrativa da Universidade en toda clase de actos ou negocios xurídicos, podendo outorgar mandatos para o exercicio desta representación.

c) A presidencia dos actos universitarios ós que concorra, sen prexuízo do que dispón a normativa estatal, e de se-lo caso, autonómica sobre precedencias.

d) A presidencia e a convocatoria das sesións do Claustro Universitario e da Xunta de Goberno.

e) A execución dos acordos do Claustro Universitario, da Xunta de Goberno e do Consello Social.

f) A vixilancia do cumplimento da legalidade en tódalas actuacións da Universidade.

g) O asinamento de todo tipo de convenios en nome da Universidade.

h) A determinación do número, denominación e competencias dos vicerrectores, así como o nomeamento destes, do secretario xeral e do xerente, e de existiren, o do secretario xeral adxunto e do vicexerente ou vicexerentes.

i) O nomeamento dos decanos e vicedecanos de facultades, os directores e subdirectores de escolas técnicas superiores, de escolas universitarias e de escolas de especialización profesional, segundo as propostas das xuntas dos respectivos centros, e dos directores de departamentos e institutos segundo as propostas dos seus consellos.

l) O nomeamento dos xefes dos servicios administrativos, segundo as propostas das comisións xulgadoras dos oportunos concursos.

m) O nomeamento dos directores dos servicios xerais de apoio á docencia, á investigación e os de asistencia á comunidade universitaria.

n) O nomeamento do profesorado e do persoal de administración e servicios.

ñ) A expedición dos títulos e diplomas outorgados pola Universidade.

o) A ordenación dos gastos e dos pagamentos en execución do orzamento da Universidade.

p) A adopción respecto do persoal docente e non docente das decisións relativas a situacións administrativas e réxime disciplinario, con excepción da separación do servicio.

q) Calquera outra función que lle atribúan a lexislación universitaria, os presentes Estatutos e, en xeral, aquelas que non estean expresamente atribuídas a outros órganos da Universidade.

Art. 79. 1.- Os vicerrectores ou vicerrectoras serán nomeados polo rector de entre os membros da comunidade da Universidade de Santiago de Compostela.

2.- Correspóndelles ós vicerrectores coordinaren e dirixiren as actividades no ámbito de competencia encomendada, baixo a autoridade do rector.

3.- Os vicerrectores cesarán no seu cargo por demisión ou por decisión do rector.

Art. 80. 1.- O secretario xeral ou secretaria xeral da Universidade será nomeado/a polo rector de entre o profesorado funcionario da Universidade de Santiago de Compostela.

2.- O secretario xeral cesará no seu cargo por demisión ou por decisión do rector.

Art. 81. 1.- O secretario xeral desempeñará a secretaría do Claustro Universitario e da Xunta de Goberno. Encargarase de dar fe de tódolos actos e acordos dos órganos colexiados de representación, goberno e administración da Universidade.

2.- Son funcións específicas do secretario xeral:

a) A formación e a custodia dos libros de actas dos órganos xerais de representación e goberno da Universidade e a expedición de certificacións do que conteñen e calquera cuestión que conste na documentación oficial da Universidade.

b) A recepción e a custodia das actas de cualificación de exames.

c) A custodia do arquivo universitario e a do selo oficial da Universidade.

d) A publicidade dos acordos da Universidade.

e) A organización dos actos solemnes da Universidade e a xefatura de protocolo.

f) As restantes funcións que lle atribúan a lexislación vixente, estes Estatutos ou os regulamentos da Universidade.

Art. 82. 1.- O xerente ou a xerente exercerá, baixo a autoridade do rector, a xestión dos servicios económicos e administrativos da Universidade; por outra parte, pode desempeñar, por delegación do rector, a xefatura do persoal de administración e servicios e a xestión do patrimonio da Universidade nos termos establecidos no título sétimo destes Estatutos.

2.- O xerente é nomeado polo rector, unha vez oído o Consello Social, entre titulados superiores. Cesará no seu cargo por demisión ou por decisión do rector.

3.- O cargo de xerente será incompatible co exercicio da docencia ou de calquera outra actividade pública ou privada.

Art. 83. 1.- O rector, de estimalo necesario, poderá nomear adxuntos ós vicerrectores e ó secretario xeral para auxilialos no seu labor de goberno universitario no respectivo ámbito de competencia. As persoas nomeadas deberán cumpri-las condicións establecidas no art. 62 destes Estatutos. As funcións propiamente técnico-administrativas reservaranse sempre ós membros do persoal de administración e servicios.

2.- En tódolos casos incluídos neste artigo, o rector informará das súas decisións á Xunta de Goberno e ó Claustro Universitario.

Capítulo 3: Dos órganos dos centros

Art. 84. Os órganos de goberno e administración das facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias son os seguintes:

a) A xunta de facultade ou escola

b) O decano ou decana ou o director ou directora.

c) Os vicedecanos ou vicedecanas ou os subdirectores ou subdirectoras.

d) O secretario ou secretaria.

Art. 85. A xunta de facultade ou de escola é o órgano colexiado de goberno do centro, aproba as liñas xerais de actuación no ámbito da facultade ou escola e supervisa o labor dos seus órganos de dirección e xestión.

Art. 86. 1.- A xunta de facultade ou de escola estará composta por:

a) O decano ou o director, que a presidirá e convocará.

b) Os vicedecanos ou subdirectores e o secretario, que o será tamén da xunta.

c) O seguinte profesorado censado no centro: os funcionarios docentes; os eméritos; os axudantes; os contratados a tempo completo e os contratados a tempo parcial, nunha proporción que non exceda do 10% dasuma dos profesores dos tipos precedentes, ou do 20% no caso das escolas que imparten titulacións técnicas.

d) Unha representación dos bolseiros de investigación con docencia no centro nunha proporción do 5% do total da xunta.

e) Unha representación de estudiantes do primeiro e segundo ciclo nunha porcentaxe do 25% do total da xunta, e unha represenación de estudiantes do terceiro ciclo nunha porcentaxe do 5% do total da xunta.

f) Unha representación do persoal de administración e servicios censado no centro nunha proporción do 5% do total da xunta, cun mínimo de dous.

g) O profesorado e axudantes non censados no centro sempre que a súa carga docente anual nel non sexa inferior a 9 créditos.

2.- Tamén poderán asistir á xunta de facultade ou escola, con voz, pero sen voto:

a) O profesorado visitante

b) Todo o profesorado, axudantes, ou bolseiros que impartan docencia no centro e non sexan membros dela.

3.- Tódolos representantes elixidos serano por dous anos, salvo os estudiantes que o serán por un ano. A condición de membro da xunta perderase ó cesa-la vinculación académica ou administrativa co centro.

4.- O profesorado, axudantes e bolseiros estarán censados soamente nun centro desta Universidade, nas condicións que estableza a Xunta de Goberno.

5.- Os estudiantes figurarán no censo daqueles centros responsables da titulación ou titulacións en que estean matriculados.

Art. 87. 1.- A xunta de facultade ou de escola elaborará un regulamento de réxime interno no que se determinarán os distintos aspectos do seu funcionamento.

2.- O regulamento poderá establecer unha comisión permanente, integrada polo decano ou director, que a presidirá e a convocará; os vicedecanos ou subdirectores; o secretario, que o será tamén da comisión permanente e unha representación proporcional dos distintos sectores que integren a xunta. O ámbito de competencia da comisión permanente determinarase regulamentariamente.

3.- O número de membros da comisión permanente nunca poderá exceder un tercio dos membros da xunta de facultade ou de escola.

4.- O regulamento dos centros tamén poderá crear comisións delegadas, determinando a súa composición e funcións.

5.- O regulamento arbitrará os medios necesarios para que os membros da xunta estean en disposición de asistir as súas reunións.

Art. 88. A xunta de facultade ou de escola reunirase, con caracter ordinario, polo menos, unha vez ó trimestre en período lectivo, e con carácter extraordinario tal como se dispoña no seu regulamento de réxime interno.

Art. 89. Son competencias da xunta de facultade ou de escola:

a) A elección do decano ou director e, se é o caso, a súa revogacion.

b) A elaboración e a aprobación do seu regulamento de réxime interno.

c) A supervisión da xestión dos restantes órganos de goberno e de administración do centro.

d) A elaboración e a aprobación dos proxectos de plans de estudios das titulacións radicadas no centro, consonte a legislación vixente e as normas xerais emanadas do Claustro Universitario.

e) A aprobación das liñas xerais da política académica do centro e, entre elas, a proposta e implantación de novas titulacións, a creación de escolas de especialización profesional dependentes do centro e a organizacion de cursos ou estudios de posgrao.

f) A organización dos servicios docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito, así como a coordinación e a supervisión da actividade docente do profesorado con docencia no centro, e igualmente a supervisión do seu cumprimento.

g) A programación dos servicios e equipamentos do centro e a supervisión da súa xestión.

h) A distribución das asignacións orzamentarias concedidas ó centro e o control da súa aplicación.

i) O informe verbo das propostas de creación, modificación ou supresión de departamentos relacionados co centro pola súa docencia e investigación.

l) A organización de actividades de formación permanente e de extensión.

m) A manifestación da súa opinión verbo de calquera asunto relacionado co centro ou coas súas actividades.

n) Calquera outras competencias que lle atribúan estes Estatutos.

Art. 90. 1.- O decano ou director representa a facultade ou escola, exerce a súa dirección, preside e coordina a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.

2.- A xunta de facultade ou de escola elixirá o decano ou director, de entre os catedráticos ou profesores titulares que presten nela os seus servicios, que será nomeado polo rector.

Art. 91. 1.- Son competencias do decano ou director:

a) A representación da facultade ou escola.

b) A presidencia das reunións da xunta de facultade ou de escola e a de calquera outro órgano colexiado delas, así como a execución dos seus acordos.

c) A vixilancia do cumprimento da legalidade en tódalas actuacións da facultade ou escola.

d) A dirección da política académica da facultade ou escola.

e) A proposta ó rector do nomeamento e cesamento dos vicedecanos ou subdirectores e do secretario da facultade ou escola.

f) A vixilancia do respecto dos dereitos e do cumprimento dos deberes de tódolos membros da comunidade universitaria que desenvolven o seu labor no centro.

g) O control do cumprimento das obrigas docentes e discentes.

h) A vixilancia do patrimonio do centro.

i) O exercicio das restantes funcións que se deriven do seu cargo, así como aqueloutras que lle sinalen estes Estatutos ou a lexislación universitaria.

2.- As competencias do decano ou director estenderanse a tódolos asuntos concernentes ó goberno e a administración das facultades ou escolas, de non seren atribuídas a outros órganos.

Art. 92. 1.- O secretario da facultade ou escola é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do centro e, como tal, ten encomendada a custodia dos libros de actas e a expedición das certificacións dos acordos e de tódolos actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do centro. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle delegue o decano ou director ou que lle encomenden a lexislación vixente e estes Estatutos.

2.- O secretario será nomeado polo rector, segundo a proposta do decano ou director de entre os profesores do centro.

3.- O secretario cesará por demisión ou por decisión do rector, por proposta do decano ou director.

Art. 93. 1.- Os vicedecanos ou os subdirectores serán nomeados polo rector, por proposta do decano ou director, de entre os membros da comunidade universitaria da facultade ou escola.

2.- É labor dos vicedecanos ou subdirectores coordinaren ou dirixiren, baixo a autoridade do decano ou director, a área ou áreas de competencias que este lles asigne. De existiren varios vicedecanos ou subdirectores, o decano ou director designará o que ten que substituílo en caso de ausencia ou enfermidade.

3.- Os vicedecanos ou subdirectores cesarán no seu cargo por demisión ou por decision do rector, por proposta do decano ou director.

Capítulo 4: Dos órganos dos departamentos

Art. 94. Son órganos de dirección do departamento:

a) O consello de departamento.

b) O director ou directora.

c) O secretario ou secretaria.

Art. 95. 1.- O consello de departamento estará composto por:

a) O funcionariado docente dos corpos legalmente establecidos, o profesorado emérito e o profesorado contratado a tempo completo.

b) Os axudantes do departamento.

c) O profesorado contratado a tempo parcial, nunha proporción que non exceda do 10% do total de membros do consello ou o 20% en departamentos que impartan máis de 50% da súa docencia en titulacións de carácter técnico.

d) Unha representación de bolseiros e persoal investigador do 5% do total dos membros do consello.

e) Unha representación dos estudiantes do ámbito de docencia do departamento, elixidos cada dous anos, que suporá o 25% do total dos membros do consello de departamento. Desta porcentaxe o 10% corresponderá a estudiantes de primeiro e segundo ciclo e o 15% ós de terceiro ciclo.

2.- O consello de departamento poderá invitar para asistir ás súas reunións para discutir asuntos específicos, con voz pero sen voto, a calquera membro da comunidade universitaria que poida resultar afectado por eles.

3.- O consello de departamento reunirase por iniciativa do director ou a pedimento dun tercio dos seus membros. Celebrará, polo menos, unha sesión ordinaria cada trimestre do ano lectivo.

Art. 96. 1.- O consello de departamento elaborará un regulamento de réxime interno no que se determinarán os distintos aspectos do seu funcionamento, de acordo coa lexislación vixente, con estes Estatutos e coas normas que os desenvolvan.

2.- O regulamento poderá establecer unha comisión permanente integrada polo director, que a presidirá e a convocará; o secretario, que o será tamén da comisión permanente; e unha representación proporcional dos distintos sectores que integran o consello. O ámbito de competencias desta comisión definirase no regulamento.

Art. 97. Corresponderalle ó consello de departamento:

a) A elección do director e, de se-lo caso, a proposta ó rector da súa remoción mediante moción de censura constructiva que, en todo caso, deberá ser aprobada por maioría absoluta dos membros do consello de departamento.

b) A planificación e coordinación da actividade docente e a coordinación da actividade investigadora do departamento, así como o control do seu cumprimento.

c) A formulación das demandas de profesorado de acordo coas necesidades docentes dos centros, dos seus programas de investigación e do terceiro ciclo, e a información sobre a procedencia do mantemento, minoración ou cambio de denominación ou categoría dunha praza.

d) A concesión do consentimento ó director do departamento para a negociación dos traballos e cursos ós que se refire o art. 11 da Lei de reforma universitaria, sempre que isto afecte ó departamento como tal.

e) A aprobación do orzamento anual do departamento.

f) A elaboración e aprobación do seu regulamento de réxime interno.

g) A creación de comisións para o mellor desenvolvemento das súas funcións.

h) A promoción do perfeccionamento da docencia.

i) A solicitude de convocatoria a concurso das prazas vacantes de catedráticos e profesores titulares e a solicitude de contratación de profesores asociados, profesores visitantes e axudantes, así como as propostas de membros das comisións correspondentes consonte a lexislación vixente.

l) A emisión dos informes preceptivos sobre a actividade docente e investigadora do seu profesorado e persoal investigador ou sobre o rendemento académico do seu estudiantado.

m) O informe dos proxectos de teses de doutoramento e a proposta das comisións xulgadoras das devanditas teses.

n) Calquera outra competencia que lle atribúan estes Estatutos ou a lexislación vixente.

Art. 98. 1.- O director representa ó departamento, exerce a súa dirección, preside a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.

2.- A dirección do departamento corresponderalle por elección a un dos seus membros que teña categoría de catedrático de Universidade. De non haber candidato desta categoría, ou no caso de non acadar ningún dos candidatos maior número de votos positivos ca negativos, procederase á celebración dunha nova elección á que poderán incorpora-la súa candidatura os profesores titulares de Universidade e os catedráticos de escola universitaria que posúan o título de doutor. Se neste último proceso o número de votos negativos é superior ó de positivos, deberá repetirse a elección e poderán ser candidatos os profesores titulares de escola universitaria co título de doutor.

3.- De non se poder levar a cabo o nomeamento do director do departamento por falta de candidatos que reúnan os requisitos esixidos, a Xunta de Goberno, trala proposta do rector, encargará provisoriamente das funcións de dirección a un dos profesores do departamento ou, no seu defecto, doutro departamento. Rematado o curso académico, convocaranse eleccións.

4.- O director do departamento será elixido polo consello de departamento nos termos do artigo anterior e nomearao o rector. O nomeamento comunicaráselles á Xunta de Goberno e ós decanos e directores das facultades e escolas onde o departamento desenvolva as súas funcións docentes e investigadoras.

5.- En caso de ausencia ou enfermidade, o director será substituído, con carácter accidental, polo catedrático ou profesor titular designado polo director, e no seu defecto, polo de maior antigüidade.

Art. 99. 1. Son competencias do director do departamento:

a) A presidencia e a convocatoria do consello de departamento.

b) A execución dos acordos adoptados polo consello de departamento e a vixilancia do seu cumprimento.

c) A organización e a coordinación, de acordo co consello de departamento, dos medios persoais e materias dos que se dispoña para cumpri-los obxectivos investigadores e docentes.

d) A execución das previsións orzamentarias.

e) A negociación con entidades públicas e privadas, e de acordo co consello de departamento, para a contratación de traballos de carácter científico, técnico ou artístico, así como para o desenvolvemento de cursos de especialización, sempre que isto afecte ó departamento como tal.

f) Calquera outra función que afecte ó departamento e que non se lle atribuíse explicitamente ó seu consello ou a outros órganos da Universidade.

2.- As competencias do director do departamento esténdese a tódolos asuntos relacionados co goberno e a administración do departamento, de non seren atribuídos a outros órganos.

Art. 100. 1.- O secretario do departamento é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do departamento e, como tal, ten encomendada a custodia dos libros de actas e a expedición das certificacións dos acordos e de tódolos actos que consten nos documentos oficiais do departamento. Ademais exercerá aqueloutras funcións que lle delegue o director ou lle encomende a lexislación ou estes Estatutos.

2.- O secretario será nomeado polo director de entre o profesorado e axudantes do departamento.

3.- O secretario cesará por demisión ou por decisión do director do departamento.

Capítulo 5: Dos órganos dos institutos universitarios

Art. 101. Os órganos de goberno dos institutos propios da Universidade de Santiago de Compostela serán:

a) O consello de goberno.

b) O consello científico.

c) O director ou directora.

d) O secretario ou secretaria.

Art. 102. 1.- O consello de goberno estará composto por:

a) O rector da Universidade, ou vicerrector no que delegue, que o presidirá e o convocará.

b) Outros cargos académicos ou profesores da Universidade especificados no regulamento de réxime interno do instituto.

c) De habelos, os representantes de institucións públicas ou privadas que contribúan de maneira substancial e estable ó financiamento ou á actividade investigadora do instituto.

d) O director do instituto.

e) O secretario do instituto, que o será tamén do consello de goberno.

2.- Os membros universitarios deberán constituír sempre a maioría do consello de goberno.

3.- O consello de goberno reunirase, polo menos, unha vez ó ano en sesión ordinaria, e en sesión extraordinaria de acordo co que estableza o seu regulamento de réxime interno.

Art. 103. Serán funcións do consello de goberno:

a) A elección do director do instituto trala proposta do consello científico e, de darse o caso, a proposta da súa remoción ó rector mediante acordo adoptado pola maioría absoluta dos seus membros.

b) A proposta de orzamento e a programación do instituto á Xunta de Goberno.

c) A aprobación da memoria anual de actividades e a memoria económica.

d) A promoción do financiamento e a dotación do instituto.

e) A proposta á xunta de goberno de incorporación ó consello de goberno de novos membros en representación da comunidade universitaria ou de institucións públicas ou privadas.

f) A proposta á Xunta de Goberno da modificación do regulamento do instituto.

g) Outras funcións que estableza o regulamento do instituto en desenvolvemento destes Estatutos.

Art. 104. 1.- O consello científico estará composto por:

a) O director do instituto, que o presidirá e o convocará.

b) O secretario do instituto, que o será tamén do consello científico.

c) Os doutores membros do persoal científico do instituto que especifique o regulamento de réxime interno.

d) Unha representación dos titulados superiores non doutores vinculados ó instituto, equivalente ó 15% do total do consello científico.

2.- O consello científico reunirase, polo menos, dúas veces ó ano en período lectivo.

Art. 105. Son funcións do consello científico:

a) A proposta ó consello de goberno do nomeamento do director do instituto.

b) A aprobación do ingreso de novos membros do persoal científico do instituto e o seu cesamento.

c) A información das propostas de programas, orzamento e memoria económica e de actividades do instituto.

d) A programación das actividades científicas, docentes e de asesoramento técnico do instituto e a vixilancia da súa realización.

e) A información dos contratos do instituto ou dos seus profesores.

f) Outras funcións que dispoña o seu regulamento en desenvolvemento destes Estatutos.

Art. 106. 1.- O director do instituto será un funcionario docente da Universidade, co título de doutor e dedicación a tempo completo.

2.- O director elixirao o consello de goberno, trala proposta do consello científico, e nomearao o rector.

Art. 107. Correspóndelle ó director:

a) A convocatoria e a presidencia do consello científico, a execución dos seus acordos e a súa representación perante o consello de goberno.

b) A representación do instituto no ámbito da súa competencia.

c) A elaboración das propostas de orzamento e a programación do instituto.

d) A redacción da memoria de actividades e a memoria económica.

e) O nomeamento do secretario.

f) A autorización dos gastos dentro do orzamento anual.

Art. 108. 1.- O secretario do instituto é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do instituto e, como tal, ten encomendada a custodia dos libros de actas e a expedición de certificacións dos acordos e de tódolos actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do instituto. Ademais exercerá aqueloutras funcións que lle delegue o director ou que lle encomende a lexislación vixente e estes Estatatutos.

2.- O secretario nomearao o director de entre o persoal científico do instituto.

Art. 109. Unha vez aprobada a creación do instituto, o rector nomeará un director en funcións de entre os membros do grupo promotor que cumpran as condicións establecidas para o desempeño de cargos unipersoais, que cesará como tal ó se cumpriren as previsións regulamentarias sobre constitución dos órganos ordinarios de goberno do instituto.

Art. 110. Os órganos de goberno dos institutos interuniversitarios, dos adscritos e dos mixtos definiranse nos convenios de creación ou adscrición. En todo caso, a Universidade de Santiago de Compostela procurará que a súa natureza e o seu funcionamento se axusten todo o posible ó que se establece nos presentes Estatutos para os institutos propios.

Capítulo 6: Dos órganos das escolas de especialización, e demais centros de docencia ou investigación

Art. 111. Os órganos de goberno das escolas de especialización profesional e demais centros de docencia ou investigación serán os previstos nas súas normas de creación, de acordo co disposto nestes Estatutos.

TÍTULO CUARTO: DO ESTUDIO, A DOCENCIA E A INVESTIGACIÓN

Capítulo 1: Do réxime dos estudios

Art. 112. 1.- A admisión na Universidade de Santiago de Compostela estará aberta a todas aquelas persoas que poidan acredita-la súa aptitude para o ingreso, de acordo cos criterios establecidos pola propia Universidade no marco das disposicións legais vixentes.

2.- A Universidade de Santiago de Compostela convocará anualmente probas de acceso para aquelas persoas que non posúan a titulación requerida para cursar estudios universitarios e desexen obter un título superior. Dentro do sinalado pola legalidade vixente, as caracteristicas destas probas estableceraas a Xunta de Goberno.

3.- As condicións para o acceso de titulados do primeiro e segundo ciclo serán propostas polos centros e aprobadas pola Xunta de Goberno

Art. 113. 1.- A Universidade de Santiago de Compostela, por acordo da Xunta de Goberno, regulará as modalidades de matrícula para os estudios que desenvolva.

2.- En todo caso, a realización da matrícula supón o dereito e o deber de asistencia ás clases teóricas e prácticas propias de cada materia e a realización dos traballos complementarios axeitados.

3.- Con carácter singular para casos específicos, a Xunta de centro poderá concede-la dispensa de asistencia a clase, sempre que se pida previamente e se xustifiquen documentalmente as causas do pedimento.

Art. 114. Correspóndelle á Xunta de Goberno da Universidade determina-la capacidade dos centros universitarios trala proposta destes consonte os módulos obxectivos fixados polo Consello de Universidades.

Art. 115. 1.- A avaliación do rendemento de cada estudiante farase mediante un conxunto de traballos e exercicios sobre os contidos de cada materia. Esta avaliación será realizada de forma ordinaria polo profesor encargado do curso de acordo cos criterios establecidos polos consellos de departamento. A Xunta de Goberno elaborará unha normativa para articula-los procedementos extraordinarios de avaliación e a revisión de cualificacións.

2.- De considerar o estudiante que a cualificación recibida supón un tratamento arbitrario ou discriminatorio, poderá solicitar do decano ou director do centro, mediante petición razoada, a revisión da súa cualificación.

Art. 116. Cada centro nomeará unha comisión de validación que será a encargada de proporlle ó rector a resolución das solicitudes de adaptacións ou validacións, logo de informe dos departamentos responsables.

Capítulo 2: Da organización da docencia

Art. 117. A Universidade de Santiago de Compostela ofrecerá estudios dirixidos á obtención de títulos de carácter oficial e con validez en todo o territorio español, así como estudios encamiñados á obtención doutros títulos ou diplomas.

Art. 118. Os estudios do primeiro tipo mencionado no artigo anterior conducirán ós títulos de diplomado ou diplomada, arquitecto técnico ou arquitecta técnica, mestre ou mestra, enxeñeiro técnico ou enxeñeira técnica, licenciado ou licenciada, arquitecto ou arquitecta, enxeñeiro ou enxeñeira e doutor ou doutora. A Xunta de Goberno establecerá os procedementos para a obtención destes títulos, que serán expedidos polo rector en nome do xefe do Estado.

Art. 119. No exercicio da súa autonomía, a Universidade de Santiago de Compostela poderá outorgar tamén títulos propios, que serán expedidos polo rector. A Xunta de Goberno establecerá os procedementos para a expedición dos devanditos títulos, así como o réxime de vinculación dos estudiantes coa Universidade.

Art. 120. 1.- A creación ou supresión das titulacións de carácter oficial e validez en todo o territorio español será aprobada pola Xunta de Galicia, trala proposta do Claustro Universitario, logo dos informes da Xunta de Goberno, do Consello Universitario de Galicia e do Consello de Universidades.

2.- A adscrición de titulacións ós centros correspóndelle ó Claustro Universitario, logo do informe da Xunta de Goberno.

Art. 121. A Universidade de Santiago de Compostela poderá establecer estudios de posgrao que conduzan á obtención de certificados e diplomas de especialización ou títulos de especialista. A Xunta de Goberno establecerá as normas xerais que regulen a organización e a aprobación destes estudios, así coma o procedemento para a expedición dos certificados ou diplomas correspondentes.

Art. 122. 1.- As facultades e escolas técnicas superiores organizarán os estudios que darán dereito á obtención dos títulos correspondentes ó primeiro e segundo ciclo, sen prexuízo do establecido nos parágrafos seguintes deste mesmo artigo.

2.- As escolas universitarias organizarán os estudios que permitirán a obtención dos títulos de diplomado e diplomada, mestre e mestra, enxeñeiro técnico e enxeñeira técnica ou arquitecto técnico e arquitecta técnica abranguidos no seu ámbito de competencia.

3.- Os departamentos, ademais de participaren na programación dos estudios correspondentes ós dous primeiros ciclos, organizarán aqueles que conduzan á obtención dos títulos de doutor ou doutora do seu ámbito de competencia, así coma outros estudios que poidan dar dereito á obtención de certificados ou diplomas de especialización.

4.- Os institutos universitarios poderán organiza-los estudios que conduzan á obtención de certificados ou diplomas de especialización e, de se-lo caso, elaborar e coordinar programas de terceiro ciclo baixo a dirección académica dun departamento.

5.- As escolas de especialización profesional e os demais centros da Universidade de Santiago de Compostela poderán organiza-los estudios dirixidos á obtención de certificados ou diplomas de especialización.

Art. 123. 1- As facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias organizarán e proporán os programas de estudio correspondentes ós seus respectivos ciclos e ámbitos de actuación no marco das normas emanadas do Claustro Universitario e coa participación dos departamentos afectados.

2.- A Xunta de Goberno aprobará os programas de estudios, logo do informe da comisión correspondente do Claustro Universitario, e remitiraos ó Consello de Universidades para a súa homologación.

3.- De non existir centro responsable por tratarse dunha titulación nova, o rector, oída a Xunta de Goberno, nomeará unha comisión redactora do programa de estudios.

Art. 124. A docencia das materias previstas nos programas de estudio será encargada polos centros ós departamentos correspondentes, que deberán garanti-la súa realización.

Art. 125. O título de licenciado ou licenciada con grao poderase obter mediante:

a) A superación dun exame xeral de fin de carreira.

b) A elaboración e a aprobación dun traballo individual de investigación realizado no seo dun departamento.

En ámbolos dous casos, os centros determinarán o procedemento requirido para acceder a esta titulación, que terá que ser aprobado pola Xunta de Goberno.

Capítulo 3: Do terceiro ciclo e da investigación

Art. 126. 1.- A obtención do título de doutor ou doutora pola Universidade de Santiago de Compostela suporá a superación dos estudios do terceiro ciclo e a realización e a defensa dunha tese de doutoramento.

2.- A tese de doutoramento consistirá nun traballo persoal e orixinal de investigación sobre unha materia relacionada co campo científico, técnico ou artístico propio do programa de doutoramento realizado polo doutorando.

Art. 127. Son estudiantes de terceiro ciclo aquelas persoas que estean a realiza-los cursos de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén terán esta condición os que nos tres anos seguintes ó remate do curso de doutoramento, estean a realiza-la tese de doutoramento con dedicación a tempo completo, acreditada polo departamento ou instituto.

Art. 128. Na Universidade de Santiago de Compostela existirá unha comisión de doutoramento encargada de resolve-las cuestións relativas ós estudios do terceiro ciclo. A súa composición e competencias serán determinadas pola Xunta de Goberno.

Art. 129. A Universidade de Santiago de Compostela, mediante as medidas organizativas, de orzamentos e de contratación que cumpran, asegurará e fomentará a realización da actividade investigadora nos seus departamentos e institutos, así como en todos aqueles centros de finalidade fundamentalmente investigadora que a Universidade cree no uso da súa autonomía.

TíTULO QUINTO: DOS SERVICIOS

Capítulo 1: Disposicións xerais

Art. 130. l.- A Universidade de Santiago de Compostela establecerá e manterá servicios xerais de apoio á docencia e á investigación e servicios xerais de asistencia á comunidade universitaria para o mellor cumprimento dos seus obxectivos.

2.- Ademais dos servicios recollidos expresamente nestes Estatutos e dos xa existentes, a Xunta de Goberno poderá crear todos aqueles axeitados para cumpriren as finalidades descritas no parágrafo precedente e, de se-lo caso, suprimilos.

Art. 131. Para cada servicio a Xunta de Goberno aprobará un regulamento de funcionamento, e nos correspondentes ós servicios de apoio á docencia e á investigación figurará necesariamente a constitución dunha comisión. Tanto na elaboración do regulamento como na composición da comisión deberá garantirse a participación dos usuarios.

Capítulo 2: Da Biblioteca e do Arquivo Universitario

Art. 132. 1.- A Biblioteca Universitaria é unha unidade funcional de apoio á docencia e á investigación. Está integrada por tódolos fondos documentais (manuscritos, impresos, audiovisuais ou en calquera outro soporte), sen prexuízo do establecido nestes Estatutos para o Arquivo Universitario, adquiridos polos distintos organismos universitarios, calquera que sexa o concepto orzamentario co que se adquiran, polos procedentes de legados, doazóns e intercambio, e polos adquiridos por outros organismos en favor da Universidade.

2.- A Biblioteca Universitaria estructúrase consonte criterios de territorialidade ou de especialización das coleccións e/ou servicios, estando constituída pola Biblioteca Xeral, as bibliotecas de centro ou intercentro e as bibliotecas de institutos e doutros servicios universitarios, que estarán adscritas a algunha das anteriores. A unidade mínima bibliotecaria será a Biblioteca de centro.

Art. 133. 1.- O persoal da Biblioteca Universitaria estará constituído por funcionariado pertencente ás escalas de facultativos de arquivos e bibliotecas, axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela, ademais do restante persoal necesario para o desenvolvemento das súas funcións.

2.- A dirección da Biblioteca Universitaria terá que recaer nun membro da escala de facultativos de arquivos e bibliotecas. Corresponderalle a dirección e a coordinación das diversas unidades bibliotecarias da Universidade. A provisión da praza de director farase mediante o procedemento de libre designación en convocatoria pública.

3.- Constituirase unha Comisión da Biblioteca Universitaria e comisións de bibliotecas dos centros. A súa composición e funcións especificaranse no regulamento da Biblioteca Universitaria, debendo garanti-la participación de tódolos sectores da comunidade universitaria.

Art. 134. 1.- O Arquivo Universitario está constituído pola documentación administrativa e académica xerada pola Universidade ó longo da súa historia, así como polos fondos documentais non universitarios, adquiridos, doados ou confiados en depósito á Universidade.

2.- O Arquivo Universitario ten como función conservar, ordenar, clasificar e facilita-la consulta e utilización da documentación.

3.- Dentro da unidade que constitúe o Arquivo Universitario, este estructurarase en administrativo e histórico.

Art. 135. Na súa condición de arquivo histórico, o Arquivo Universitario constitúe unha unidade funcional de apoio á investigación e á docencia. De cara ó mellor cumprimento da devandita función, crearase unha Comisión do Arquivo Histórico Universitario, na que estarán representados tódolos sectores da comunidade universitaria. O Arquivo Universitario, en tanto que arquivo histórico rexerase por un regulamento aprobado pola Xunta de Goberno.

Art. 136. 1.- O persoal do Arquivo Universitario estará constituído por funcionariado pertencente ás escalas de facultativos de arquivos e bibliotecas (sección de arquivos), ó corpo de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, e á escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade, ademais do restante persoal necesario para o desenvolvemento das súas funcións. A provisión da praza de director faráse mediante o procedemento de libre designación en convocatoria pública.

2.- O director ou directora do Arquivo Universitario, será funcionario da escala de facultativos de arquivos e bibliotecas (sección de arquivos), ou no seu defecto, de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, e, de non existir este, da escala de auxiliares de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade.

Capítulo 3: Das residencias e colexios maiores da Universidade

Art. 137. 1.- O servicio universitario de residencias proporciona aloxamento ó estudiantado e demais membros da comunidade universitaria, promovendo a súa formación integral e contribuíndo a reduci-la desigualdade de oportunidades por motivos económicos. Tamén poderá proporcionar aloxamento a outras persoas que, non pertencendo á Universidade, tomen parte en actividades por ela organizadas.

2.- O servicio universitario de residencias está composto polas residencias e colexios maiores que se rexan polas normas de funcionamento que para o dito servicio aprobe a Xunta de Goberno.

Art. 138. 1.- En cada residencia ou colexio maior existirá un director ou directora que exercerá as funcións de goberno e será responsable do cumprimento das finalidades propias do servicio. Da dirección dos colexios e residencias formarán parte tamén o subdirector ou subdirectores, se os houbese. O nomeamento e cesamento do director ou directora corresponderá ó rector.

2.- Constituirase un consello de residentes ou colexiais en cada residencia ou colexio. Terá, alomenos, funcións consultivas e a súa composición, funcións e participación na xestión serán determinadas por un regulamento aprobado pola Xunta de Goberno, no que se establecerá o réxime xeral do servicio universitario de residencias.

Art. 139. A Universidade poderá promover acordos e convenios con entidades públicas e privadas para a construcción de residencias e outras fórmulas de aloxamento e vivenda destinadas ós membros da comunidade universitaria.

Capítulo 4: Dos colexios maiores adscritos

Art. 140. 1-. As persoas físicas e xurídicas poderán promove-la creación de colexios maiores ou residencias, que se adscribirán á Universidade mediante o axeitado convenio que deberá ser aprobado pola Xunta de Goberno.

2.- A adscrición á Universidade quedará sen efecto por iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela ou da entidade promotora.

TÍTULO SEXTO: DOS ACTOS ACADÉMICOS, HONRAS E DISTINCIÓNS

Art. 141. A apertura de curso terá lugar nun acto solemne, presidido polo rector, no que un catedrático ou catedrática da Universidade, designado polo rector de acordo coa rolda tradicional, dictará unha lección inaugural. Pola súa parte, o secretario xeral fará público quen acadou o grao de doutor ou doutora no curso anterior, presentará oficialmente os novos catedráticos e profesores titulares e lerá un informe coas actividades e datos máis salientables do curso académico anterior.

Art. 142. As facultades, escolas e institutos da Universidade de Santiago de Compostela poderán organizar igualmente actos solemnes para entregaren publicamente ó seu estudiantado diplomas acreditativos.

Art. 143. Tódolos doutores da Universidade de Santiago de Compostela terán dereito á utilización da medalla doutoral da Universidade. As súas características materiais serán establecidas pola Xunta de Goberno.

Art. 144. 1.- Son honras e distincións da Universidade de Santiago de Compostela as seguintes:

a) A insignia de ouro da Universidade.

b) A medalla de ouro da Universidade.

c) O grao de doutor ou doutora honoris causa

2.- A concesión de honras e distincións farase en acto público, presidido polo rector, do que levantará acta o secretario xeral.

Art. 145. 1.- A insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela será concedida a aquelas persoas que, ó seu xuízo, sobresaísen dun xeito especial nos servicios prestados á institución.

2.- A medalla de ouro da Universidade de Santiago de Compostela concederase a persoas ou entidades que sobresaian dun xeito extraordinario pola súa contribución ó sostemento ou ó cumprimento dos fins da institución.

3.- Un regulamento da Xunta de Goberno establecerá o réxime para a concesión da insignia e da medalla de ouro da Universidade, así como as súas características materiais que concordarán cos símbolos tradicionais da Universidade.

Art. 146. 1.- A Universidade de Santiago de Compostela poderá concede-lo grao de doutor honoris causa a persoas físicas sobranceiras no eido da investigación ou da docencia, no cultivo das artes e das letras, ou ben daquelas actividades que tivesen unha repercusión notoria e importante desde o punto de vista universitario no terreo científico, artístico, cultural, tecnolóxico e social.

2.- A proposta para a colación do devandito grao formularaa un ou varios departamentos co informe preceptivo do centro ou centros correspondentes.

3.-A proposta aprobaraa, se é o caso, a Xunta de Goberno, que a remitirá ó Claustro para a súa ratificación.

4.- O nomeamento de doutor honoris causa debe expedilo o rector. Procederase á correspondente investidura nun solemne acto académico axeitado ó tradicional uso universitario.

TíTULO SÉTIMO: DO RÉXIME ECONÓMICO E DA PROGRAMACIÓN PLURIANUAL

Capítulo l: Do patrimonio

Art. 147. Constitúen o patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela:

a) Os dereitos sobre os bens mobles e inmobles que lle pertenzan por calquera título.

b) Os títulos, valores, capitais de fundacións, propiedades incorporais e restantes bens, dereitos e accións que lle pertenzan.

Art. 148. 1.- A Universidade de Santiago de Compostela é titular dos bens estatais de dominio público que estean afectos ó cumprimento das súas funcións e asumirá a titularidade daqueles que no futuro sexan destinados as mesmas finalidades polo Estado ou pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2.- A desafectación dos bens de dominio público de titularidade da Universidade de Santiago de Compostela consonte coa lexislación vixente, implicará a súa consideración como patrimoniais da mesma.

Art. 149. 1.- Os acordos relativos a desafectación dos bens de dominio público e á disposición dos patrimoniais corresponderán ó Consello Social trala proposta da Xunta de Goberno e de conformidade coas normas xerais que rexan nesta materia.

2.- Correspóndelle ó Consello Social, trala proposta da Xunta de Goberno e no marco das normas xerais que rexan nesta materia, dicta-las normas regulamentarias relativas á administración dos bens de titularidade da Universidade de Santiago de Compostela, tanto os de dominio público coma os patrimoniais, así coma os procedementos para a súa adquisición e para a súa cesión.

Capítulo 2: Da programación plurianual

Art. 150. 1.- A programación plurianual concretarase nun programa de catro anos, actualizado cada ano, sobre a actividade que deben desenvolve-los diferentes centros, departamentos, institutos universitarios e servicios da Universidade de Santiago de Compostela, e mais sobre a avaliación económica dos gastos e dos ingresos correspondentes.

2.- A programación incluirá tamén:

a) Os programas de construcción de novos edificios e de instalacións de carácter xeral, así coma as ampliacións ou modificacións dos xa existentes.

b) O programa xeral de investimentos, tanto de infraestructura de docencia coma de infraestructura de investigación.

c) A previsión sobre a matrícula en diferentes centros e opcións da Universidade en relación coa dimensión dos cursos.

d) A creación e supresión de centros, estudios ou especialidades.

e) Os cambios na adscrición de estudios entre centros ou unidades docentes.

f) As variacións que cumpra facer nos cadros de profesores durante o primeiro ano ou a máis longo prazo.

g) A creación, modificación e supresión de servicios.

h) As variacións que cumpra facer nos cadros de persoal de administración e servicios durante o primeiro ano ou a máis longo prazo.

i) E en xeral, aquelas decisións que, a medio prazo, contribúan a defini-la actividade docente, investigadora e de organización interna da Universidade.

Art. 151. O proxecto de programación plurianual será presentado polo rector perante o Claustro Universitario. Logo do voto favorable deste, a Xunta de Goberno proporalle o proxecto ó Consello Social para a súa aprobación.

Capítulo 3: Do Orzamento

Art. 152. A Universidade de Santiago de Compostela aprobará un orzamento anual que conterá os dereitos económicos estimados a liquidar durante o exercicio e a totalidade dos créditos necesarios para dar cumprimento ás obrigas. O orzamento será público, único e equilibrado. A estructura do orzamento e o seu sistema contable axeitaranse ás normas que con carácter xeral estean establecidas para o sector público.

Art. 153. 1.- O rector presentará perante o Claustro Universitario as liñas xerais do orzamento, xunto coa programación plurianual ou coa súa actualización.

2.- Aprobadas as liñas xerais polo Claustro, o rector presentará o proxecto de orzamento perante a Xunta de Goberno, que o enviará ó Consello Social para a súa aprobación.

Art. 154. O orzamento da Universidade de Santiago de Compostela conterá no estado de ingresos os seguintes recursos:

a) A subvención global fixada anualmente pola Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os prezos públicos e restantes dereitos que legalmente se establezan, así como a compensación polas exencións legalmente establecidas.

c) As subvencións, doazóns, legados e axudas de todo tipo concedidas á Universidade por institucións públicas ou privadas e particulares.

d) Os rendementos procedentes do seu patrimonio e aqueloutros derivados da actividade universitaria e de actos e prestacións de servicios onerosos.

e) O producto da venda de bens e de títulos propios e as compensacións orixinadas pola cesión de activos fixos.

f) O producto das operacións de crédito que concertase a Universidade con entidades públicas ou privadas para o financiamento dos seus gastos de investimento.

g) Os remanentes de tesourería e calquera outro ingreso.

h) Os ingresos derivados de contratos que celebren os departamentos, os institutos e o seu profesorado a través do propio departamento ou instituto para a realización de traballos de carácter científico, técnico, artístico, así como para o desenvolvemento de cursos de especialización.

Art. 155. O orzamento de gastos clasificarase atendendo á separación entre os correntes e os de investimento, de acordo coa clasificación funcional, orgánica e económica aprobada pola Universidade.

Art. 156. 1.- Tódolos créditos terán a consideración de ampliables, agás nos seguintes casos:

a) O crédito correspondente ó cadro do funcionariado docente da Universidade, excluídos os conceptos retributivos asignados en atención a esixencias docentes e investigadoras ou a méritos relevantes.

b) O crédito correspondente ó cadro do PAS funcionario.

2.- Os suplementos de créditos e os créditos extraordinarios aprobaraos o Consello Social, oída a proposta da Xunta de Goberno. Calquera alteración orzamentaria deberá respecta-lo principio de suficiencia financeira e expresarase no expediente o financiamento específico de alteración. O Consello Social poderá delegar na Xunta de Goberno a aprobación de suplementos de crédito e de créditos extraordinarios, especialmente cando correspondan a expedientes con financiamento específico achegado por entes públicos ou privados.

3.- Os créditos xerados por ingresos específicos e a incorporación de remanentes aprobaraos o rector.

4.- As transferencias de crédito entre os diversos conceptos dos capítulos de operacións correntes e de operacións de capital debe acordalas a Xunta de Goberno. As transferencias de gastos correntes a gastos de capital debe acordalas o Consello Social. As transferencias de gastos de capital a calquera outro capítulo debe acordalas o Consello Social, logo de autorización da Comunidade Autónoma de Galicia.

Art. 157. A non aprobación do orzamento anual da Universidade antes do un de xaneiro do ano correspondente suporá a prórroga automática do orzamento do ano anterior.

Capitulo 4: Da xestión e do control

Art. 158. 1.- A xestión económica e financeira da Universidade de Santiago de Compostela, no marco constituído pola programación plurianual e polo orzamento anual, reflectirase na memoria económica de presentación e rendemento de contas.

2.- A Xunta de Goberno, a proposta da Xerencia, aprobará un regulamento de xestión orzamentaria que deberá ser ratificado polo Consello Social.

Art. 159. 1.- A memoria económica anual é o documento polo que se renden as contas do exercicio tanto no nivel interno da propia Universidade coma perante os organismos competentes de control externo.

2.- A memoria económica presentaralla o rector á Xunta de Goberno para a súa información e mais para o exame da xestión económica realizada. Esta presentación farase no prazo dos seis primeiros meses despois de pechado o exercicio económico.

3.-Despois de que a Xunta de Goberno acepte as contas, o rector presentará un informe perante o Consello Social e perante o Claustro Universitario.

Art. 160. A memoria económica anual conterá necesariamente:

a) A liquidación definitiva do orzamento.

b) O inventario de bens.

c) Un informe polo miúdo sobre a xestión dos recursos económicos.

Art. 161. 1.- Correspóndelle ó Consello Social a responsabilidade de exercer directamente o control das contas da Universidade e, en xeral, o exame dos procedementos de xestión orzamentaria, da execución do orzamento e dos custos e rendementos dos distintos servicios.

2.- O Claustro Universitario poderá tamén crear unha comisión específica para exercer un control sobre as contas da Universidade.

Art. 162. Correspóndelle ó rector a ordenación dos gastos e dos pagamentos. A ordenación de gastos poderá delegala nos directores dos centros de gasto. A ordenación dos pagamentos poderá delegala nun vicerrector ou, de se-lo caso, no xerente.

Art. 163. A contratación de obras, servicios e subministracións efectuarase de acordo co oportuno regulamento que, dentro do marco da legislación xeral sobre a materia, regulará especificamente a xestión contractual da Universidade.

Art. 164. A Universidade de Santiago de Compostela poderá asina-los contratos que teñan unha contía non reservada expresamente ó Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia.

Art. 165. 1.- O Consello Social determinará cada ano, no momento de aproba-los orzamentos, o límite da cantidade a partir da cal cumprirá un acordo explícito para que o rector ou o vicerrector no que delegue ou, se é o caso, o xerente, proceda a unha contratación polo sistema de procedemento negociado.

2.- O rector ou o vicerrector no que delegue ou, de se-lo caso, o xerente, informará periodicamente á Xunta de Goberno das contratacións polo sistema de procedemento negociado que superen unha suma determinada, que fixará a devandita Xunta.

3.- A Universidade de Santiago de Compostela, previo acordo do Consello Social, poderá adquirir polo sistema de procedemento negociado os bens de equipo necesarios para o desenvolvemento dos seus programas de investigación.

Art. 166. 1.- En caso de contratación por concurso público, procedemento negociado ou poxa, as condicións serán aprobadas polo rector, a proposta do xerente e co informe previo da asesoría xurídica da Universidade.

2.- A Mesa de Contratación estará formada, polo menos, polo rector ou polo vicerrector no que delegue, polo presidente do Consello Social ou polo membro deste no que delegue, polo xerente ou polo membro do persoal de administración e servicios no que delegue, un membro do servicio de control interno, por un membro da asesoría xurídica da Universidade, e polo xefe do servicio de xestión económica. Actuará como secretario o xefe da Sección de Contratación, con voz pero sen voto.

3.- A Xunta de Goberno e o Consello Social serán informados do resultado da contratación.

TÍTULO OITAVO: DA REFORMA DOS ESTATUTOS

Art. 167. 1.- A iniciativa para a reforma dos presentes Estatutos correspóndelle a Xunta de Goberno ou ó vinte por cento dos membros do Claustro.

2.- Consonte co procedemento establecido para este fin no regulamento de funcionamento do Claustro Universitario, a reforma dos Estatutos requirirá a aprobación por maioría absoluta do Claustro en primeira votación, e maioría simple en segunda votación.

3.- O novo texto será remitido á Xunta de Galicia para a súa ratificación e terá vixencia a partir do día seguinte á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Disposición adicional primeira:

No momento da aprobación destes estatutos, os centros da Universidade de Santiago son os seguintes:

CAMPUS DE SANTIAGO:

Facultades, Escolas Técnicas Superiores e Escolas Universitarias:

Facultade de Bioloxía

Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Facultade de Ciencias da Educación

Facultade de Ciencias da Información

Facultade de Ciencias Políticas e Sociais

Facultade de Dereito

Facultade de Farmacia

Facultade de Filoloxía

Facultade de Filosofía

Facultade de Física

Facultade de Matemáticas

Facultade de Medicina e Odontoloxía

Facultade de Psicoloxía

Facultade de Química

Facultade de Xeografía e Historia

Escola Universitaria de Enfermería

Escola Universitaria de Relacións Laborais

Escola Universitaria de Óptica e Optometría

Escolas de Especialización Profesional

Cirurxía Aparato Dixestivo

Cirurxía Cardiovascular

Cirurxía Xeral

Estomatoloxía

Histopatoloxía

Obstetricia e Xinecoloxía

Oftalmoloxía

Pediatría

Práctica Xurídica

Centros adscritos:

Escola Universitaria de Traballo Social

Centros vinculados:

Centro Superior de Hostelería de Galicia

CAMPUS DE LUGO:

Facultades, Escolas Técnicas Superiores e Escolas Universitarias:

Facultade de Ciencias

Facultade de Humanidades

Facultade de Veterinaria

Escola Politécnica Superior

Escola Universitaria de Estudios Empresariais

Escola Universitaria de Formación do Profesorado de E.X.B.

Centros adscritos:

Escola Universitaria de Enfermería

Escola Universitaria de Relacións Laborais

Disposición adicional segunda:

No momento da aprobación destes Estatutos os departamentos da Universidade de Santiago de Compostela son os seguintes:

Álxebra

Análise Matemática

Anatomía e Producións Animais

Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses

Bioloxía Animal

Bioloxía Fundamental

Bioquímica e Bioloxía Molecular

Bioloxía Vexetal

Cirurxía

Ciencias da Comunicación

Ciencias Morfolóxicas

Dereito Común

Dereito Mercantil e do Traballo

Dereito Público Especial

Dereito Público e Teoría do Estado

Didáctica da Exp. Musical, Plástica e Corporal

Didáctica das Ciencias Experimentais

Didáctica das Ciencias Sociais

Didáctica da Lingua e a Literatura

Didáctica e Organización Escolar

Economía Aplicada

Economía Financeira e Contabilidade

Edafoloxía e Química Agrícola

Electrónica e Computación

Enfermería

Enxeñería Agroforestal

Enxeñería Química

Estadística e Investigación Operativa

Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica

Farmacoloxía

Filoloxía Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral

Filoloxía Francesa e Italiana

Filoloxía Galega

Filoloxía Inglesa e Alemana

Filosofía e Antropoloxía Social

Física Aplicada

Física da Materia Condensada

Física de Partículas

Fisioloxía

Fundamentos da Análise Económica

Historia I

Historia da Arte

Historia Contemporánea e de América

Historia e Institucións Económicas

Historia Medieval e Moderna

Latín e Grego

Lóxica e Filosofía da Ciencia e Filosofía do Dereito Moral e Política

Matemática Aplicada

Medicina

Métodos Cuantitativos para a Economía e a Empresa

Métodos e Técnicas de Investigación en Ciencias do Comportamento e da Educación

Microbioloxía e Parasitoloxía

Organización de Empresas e Comercialización

Obstetricia e Xinecoloxía

Patoloxía Animal

Pediatría

Producción Vexetal

Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía

Psicoloxía Evolutiva e da Educación

Psicoloxía Social e Básica

Psiquiatría, Radioloxía e Medicina Física e Saúde Pública

Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía

Química Física

Química Inorgánica

Química Orgánica

Socioloxía e Ciencias Política e da Administración

Teoría e Historia da Educación

Xeografía

Xeometría e Topoloxía

Disposición adicional terceira:

No momento da aprobación destes Estatutos os institutos universitarios da Universidade de Santiago de Compostela son os seguintes:

Instituto da Lingua Galega

Instituto de Acuicultura

Instituto de Cerámica

Instituto de Ciencias da Educación

Instituto de Ciencias Neurolóxicas "Pedro Barrié de La Maza"

Instituto de Criminoloxía

Instituto de Dereito Industrial

Instituto de Estudios e Desenvolvemento de Galicia

Instituto de Farmacia Industrial

Instituto de Física de Altas Enerxías

Instituto de Informática

Instituto de Investigacións e Análises Alimentarias

Instituto de Investigacións Tecnolóxicas

Instituto de Matemáticas

Instituto de Medicina Legal

Disposición adicional cuarta:

1.- No momento da aprobación destes Estatutos son colexios maiores da Universidade os seguintes:

Colexio Maior Rodríguez Cadarso

Colexio Maior Fonseca

Colexio Maior San Clemente

2.- No momento da aprobación destes Estatutos son residencias da Universidade as seguintes:

Residencia Universitaria Burgo das Nacións

Residencia Universitaria Monte da Condesa

Residencia Universitaria Jimena e Elisa Fernández de la Vega

Residencia Universitaria Xesús Bal e Gay

Disposición adicional quinta:

No momento da aprobación destes Estatutos os servicios da Universidade de Santiago de Compostela son os seguintes:

Arquivo Universitario

Biblioteca Universitaria

Imprenta Universitaria

Instituto de Idiomas

Rede de Infraestructuras de Apoio á Investigación e ó Desenvolvemento Tecnolóxico

Servicio de Comunicacións

Servicio de Deportes

Servicio de Medicina de Empresa

Servicio de Medios Audiovisuais

Servicio de Publicacións e Intercambio Científico

Servicios Informáticos

Disposición adicional sexta:

No momento da aprobación destes Estatutos a Universidade de Santiago de Compostela conta tamén co Museo de Historia Natural "Luis Iglesias" e o Observatorio Astronómico "Ramón María Aller".

Disposición adicional sétima:

No momento da aprobación destes Estatutos, as escalas de persoal funcionario da Universidade son:

Escala de técnicos de xestión

Escala de xestión

Escala administrativa

Escala auxiliar

Escala subalterna (a extinguir)

Escala de facultativos de arquivos e bibliotecas

Escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos (sección bibliotecas)

Escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos (sección arquivos)

Escala de auxiliares de arquivos, bibliotecas e museos

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

Disposición transitoria primeira:

1.- Nun prazo non superior a tres meses dende a publicación destes Estatutos no DOG, se esta tivera lugar antes da finalización do mandato do Claustro Universitario que os aprobou, deberá procederse á elección dun novo Claustro, que elixirá ó rector no prazo dun mes contado dende a data da súa constitución.

2.- Os demais órganos colexiados de goberno que vexan alterada a súa composición como consecuencia da aprobación destes Estatutos, deberán adaptarse á mesma na primeira renovación que se produza dos mesmos, e, en todo caso, antes do transcurso de dous anos dende a entrada en vigor destes Estatutos.

Disposición transitoria segunda:

O mandato do rector que o sexa no momento da entrada en vigor destes Estatutos, continuará ata o seu cesamento. No caso de que se trate do seu segundo mandato non poderá ser reelexido.

Disposición transitoria terceira:

O mandato dos directores de departamento que o sexan no momento da entrada en vigor destes Estatutos, rematará transcorridos catro anos dende o seu nomeamento, podendo ser reelixidos por unha sola vez.

Disposición transitoria cuarta:

O mandato dos decanos e directores de centro que o sexan no momento da entrada en vigor destes Estatutos rematará transcorridos catro anos dende o seu nomeamento. No caso de que se trate do seu segundo mandato non poderán ser reelixidos.

Disposición transitoria quinta:

Os novos criterios de duración e renovación dos contratos de profesores eméritos serán aplicables a aqueles nomeamentos que se produzan despois da entrada en vigor destes Estatutos, rexéndose os contratos anteriores polo disposto no artigo 131 dos anteriores Estatutos, excepto os profesores eméritos que foron xubilados ós 65 anos, a quen se lles poderá prorroga-lo contrato por un período dun ano.

Disposición transitoria sexta:

Perderán a súa condición de alumnos do terceiro ciclo aquelas persoas que teñan rematados os cursos de doutoramento con máis de tres anos de anterioridade á entrada en vigor destes Estatutos.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

Os presentes Estatutos entrarán en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

17