As aventuras de Pinocchio; Carlo Collodi

Literatura universal. Narrativa infantil. Cuentos infantiles. Argumento. Personajes

  • Enviado por: Moraima
  • Idioma: gallego
  • País: España España
  • 5 páginas
publicidad

COMENtARIO PERSOAL DE: “AS AVENTURAS DE PINOCCHIO” de CARLO COLLODI

Da historia orixinal á versión de Disney hai un abismo, o certo é que Disney só quedou coas ideas básicas...

Sorprendeume bastante a historia; que fose escrito por entregas para un xornal, e que, coma sucede no Quixote, nos vaia contando ó principio de cada capítulo un pequeno resume do que vai a acontecer.

É un conto que roza o surrealismo en case todos os seus ámbitos, é unha sucesión de historias imposibles e situacións irreais.

É un conto que pretende ensinar unha lección ós nenos que non son obedientes.

Análise dos personaxes:

  • Tío Antonio/Cereixa. Só sae nos dous primeiros capítulos e é o que lle da a madeira a Geppetto. É un home maior, que vive só e que ten unha pequena pelexa con Geppetto.

  • O Grilo parlante: aparece en diversas ocasións no transcurso do conto, ó principio na casa de Geppetto cando Pinocchio queda só para recriminalo pola súa actitude, e o que fai o protagonista é pasar do que lle di e esnaquizalo cun martelo. Volve a aparecer cando Pinocchio se atopa co raposo e co gato para advertirlle de que non faga trato con eles que son uns lampantíns. E ó final, dentro da casiña que atopan Pinocchio e Geppetto despois de saír da quenlla.

O grilo é un dos personaxes que ensina a Pinocchio e lle dá consellos, tenta facer del unha persoa mellor e un neno máis aplicado, Pinocchio non lle fai moito caso pero ó final pídelle perdón e agradece os seus consellos. Aparece sempre nos mellores momentos, inesperadamente, ten sempre localizado a Pinocchio

  • Geppetto: un velliño carpinteiro que pasaba moitas penurias económicas, solitario e polo que se ve bastante pobre. Foi quen lle deu forma a Pinocchio, e quen o tratou coma un verdadeiro fillo, sacrificando, por exemplo o seu gabán por el ou dándolle as dúas peras que tiña de “parva” para comer o día que saíu da cadea (e foi por culpa de Pinocchio)

Era un home cunha paciencia infinita e moi bondadoso, xa que despois de que Pinocchio tentase escapar da casa, o menosprezase, non lle fixera moito caso en ir a escola, el seguíao querendo.

Cando desapareceu saíu na súa busca, e para eso montou a lanchiña e foi engulido pola quenlla durante dous anos ata que o seu fillo o rescatou, polo menos ó final da historia está un pouco mellor, non ten tantas penurias económicas e por fin o seu fillo madura o suficiente para saber aprecialo...

Todo un personaxe, penso que non habería ninguén con tanta paciencia e tan bondadoso, supoño que a idea que temos que sacar deste personaxe é que quen é bo ó final recibe a súa recompensa, aínda que sexa despois de pasar toda unha vida de penurias e o bo chegue no final da súa vida...

  • A fada de cabelos turquesa: sálvalle o pelexo cando o colgan o raposo e o gato, deulle cartos para que llos levase ó seu pai, promételle que o vai converter en neno, dálle bos consellos e axúdao en todo o que pode.

Sofre unha transformación: nun principio era unha fada xove, logo no seguinte encontro con Pinocchio é unha moza xa maior. Se nun principio a idea era que fose a irmá de Pinocchio, ó final rematou sendo coma unha nai para el... Algunhas persoas envellecen moi cedo...

É outra persoa bondadosa e caritativa, con moita paciencia, sería coma a antítese de Geppetto, ela é muller e xove, bela, e Geppetto ancián, home e non moi ben conservado. En cambio os dous son seres caritativos e teñen moito amor en Pinocchio porque ambos creen que pode cambiar e perdóanlle as súas toleiradas unha e outra vez, dándolle consellos sobre o importante que é estudiar para poder chegar a ser algo na vida.

Quizais o que máis destaque dela é que tenta ensinar a Pinocchio con pequenos escarmentos, como o da auga para curalo ou o de medrarlle o nariz...

É un personaxe moi importante xa que está presente na maduración de Pinocchio (Geppetto aparece ó principio e ó final pero ela está presente durante a historia) e é ela quen lle dá a casa na que finalmente vivirán Pinocchio e o seu pai, ademais de ser quen, finalmente o converte nun neno de carne e óso.

  • O monicrequeiro papa-lume: tiña moi mal carácter pero parece que a vida non lle deu moitas alegrías, vive dos monicreques e perdóalle a vida a Pinocchio e regálalle unhas moedas para que llas leve ó seu pai.

  • O gato e o golpe: Son os personaxes malignos da historia, teñen mala conciencia, son falsos e mentireiros, e enganan a Pinocchio , na onda habitual do conto, ó final son castigados polas súas falcatruadas e de tanto finxir que un estaba cego e o outro coxo dunha pata quedaron así para sempre... A idea de que os malos sempre levan o seu merecido, cúmprese neste caso.

  • O labrador que o obriga a traballar de garda: roubar está mal (outra das leccións moralistas que aparecen na historia)

  • Os compañeiros de clase: fan o papel típico dos nenos, burlóns, os nenos pequenos soen ser burlóns ou amolan ós nenos que son diferentes, e aínda que non teñan malicia poden facer moito dano, logo está o grupo dos nugalláns (que normalmente soen ser os máis populares). Tamén hai que dicir que había compañeiros cos que Pinocchio se levaba ben

  • O mastín ó que Pinocchio lle salva a vida: este mastín tiña que apresalo, caeu ó mar perseguindo ó protagonista e el salvoulle a vida, logo devolveulle o favor (outra das "moralinas" da historia, fai ben e non mires a quen, e se logo cho devolve saes gañando...)

  • O cocheiro pequeno gordecho e millonario: home pequecho, ben parecido, vestido con roupas escuras, que é o encargado de levar ós nenos ó “País dos enredos”, teoricamente para pasalo ben e finalmente descóbrese que é para sacar beneficio económico deles.

O certo é que podería corresponder metaforicamente ó papel dun político corrupto (que promete o ouro e o mouro, e ó final nada) ou dun empresario avaro e egoísta, destes que explotan a nenos por unha miseria no terceiro mundo... Moi logrado e é un perfil universal.

  • O Mecha que lle insiste en escapar ó “País dos enredos”: suponse que Pinocchio, aínda que é malo e desobediente, ten bo fondo, así que non podería ser el o que tivese a iniciativa de marchar ó País dos enredos, no momento no que o ían converter nun neno de carne e óso. O seu final é moi triste, morre do traballo realizado, e sen Pinocchio sabelo estaba moi preto.

Agora que os asnos están en perigo de extinción, habería que dicir moitas cousas sobre o trato que se lle dá a estes animais no libro..

  • O domador do circo: despois de pagar por Pinocchio (convertido en asno) lévao ó circo para adestralo e sacar por el o maior número de cartos, no momento da súa presentación no circo conta unha morea de mentiras a cerca da procedencia e adestramento do asno, todo sexa polo espectáculo... Un home pintoresco, e interesado no seu propio beneficio.

  • O atún que atopa no interior da quenlla:dálle palabras de ánimo e dille que ten posibilidades de saír da quenlla, e finalmente faino despois dos dous protagonistas. Cando Pinocchio xa non podía nadar máis e xa se daba por vencido, apareceu este atún (que polo que se di, debía ter unhas dimensións bastante considerables) e achegounos ata a beira do mar. Neste caso a idea sería a de que “quen ten un amigo ten un tesouro”...

  • Giangio, o da manivela da auga: fai negocios con Pinocchio, e págalle en especias os traballos que o protagonista fai para el, todo para que o pobre Geppetto tivese algo que comer. É un home cabal e intelixente, que da bos consellos

O personaxe central e carismático desta historia é Pinocchio, que por algo lle da título a historia, dende a miña forma de ver as cousas, está totalmente xustificado que sexa de madeira, xa que un neno de carne e óso non podería facer esas trasnadas, nin ser tan egoísta nin tan malo, sendo un monicreque de madeira, resulta máis “políticamente correcto”.

É bastante inxenuo (característica típica dos nenos) e vai evolucionando ó longo da historia, madura lentamente, pero con paso seguro, coa axuda de personaxes coma o grilo ou a fada que o encarrilan polo bo camiño.

Por outra banda, a idea de que sexa de madeira, pode ser unha metáfora, so sé converte nun neno de carne e óso canda ten a suficiente madurez para darse conta das maldades que fixo e do egoísta que foi. Unha recompensa, xa que neste conto todo son recompensas por axudar a alguén ou historias con contido moralista.

Supoño que haberá nenos ós que lles guste...

LEONISA VÁZQUEZ CHOUSAL

3ºC PRIMARIA.